Pontevedra acolle esta fin de semana o Campionato de España de Baile Standard 2023

709
  • Arredor de 800 deportistas de toda España de categorías Xuvenil, Júnior, Youth, Adulto e Sénior daranse cita no Pavillón Municipal dos Deportes para competir nas disciplinas de Standard, Latinos, Caribeños e Danza Coreográfica
  • O evento, que se desenvolverá durante os vindeiros tres días e que permitirá acceder aos campionatos de Europa e do Mundo, abrangue unha decena de competicións de estilos como vals lento, tango, vals vienés, slow fox, quick step, salsa, bachata, merengue, samba, chachachá, rumba, pasodobre, jive e danza coreográfica

A cidade do Lérez converterase durante toda esta fin de semana en sede nacional do baile, ao albergar un dos eventos anuais máis importantes desta disciplina: o Campionato de España de Baile Deportivo Standard 2023, organizado pola Concellería de Deportes, a Federación Española de Baile Deportivo en colaboración coa Federación Galega e a Escola PonteBaile. No evento, que se desenvolverá no Pavillón Municipal dos Deportes, participarán un total de 800 deportistas de tódalas partes de España de categorías Xuvenil, Júnior, Youth, Adulto e Sénior, nas seguintes competicións: Trofeo Nacional Standard, Trofeo Nacional Latinos, Trofeo Nacional Caribeño, Campionato de España Standard, Copa Promoción Single, Trofeo Nacional de Danza Coreográfica, Copa de Promoción Standard, Copa de Promoción Latinos, Trofeo Nacional Single e Copa de España Latinos.

O Campionato foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó; e a codirectora, xunto con Adrián Esperón, da Escola PonteBaile, Noemi Abal (ámbolos dous intermediaron entre o Concello e a Federación para facer posible a organización do evento). Tal e como subliñou Tino Fernández, “este Campionato de España é o único do ano que se celebrará na disciplina Standard, polo que a súa relevancia é máxima, tendo en conta que deste evento sairán as mellores parellas de España e que dará acceso aos campionatos europeo e mundial”.

“Teremos no Pavillón dos Deportes de Pontevedra a bailaríns procedentes de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Illas Baleares, Illas Canarias, Castela e León, País Vasco, Castela A Mancha, Andalucía, Estremadura, Navarra, A Rioxa, Murcia, Cantabria e diferentes puntos de Galicia. Entre eles haberá campións do Mundo, que ademais son españois. Este é un campionato moi especial, porque, ademais da propia actividade física, o baile ten unha compoñente emocional de alegría e de xerar sorrisos e bo ambiente”, apuntou o edil do PSOE.

Fernández fixo fincapé na importancia “que un evento como este ten a nivel económico”, reunindo en Pontevedra a “milleiros de persoas que competirán e que asistirán como acompañantes: a cidade vaise mover en tódolos sentidos e iso é bo para a nosa actividade económica, especialmente nuns meses que non se caracterizan pola súa alta taxa de turismo”. “Hai que poñer en valor o prestixio e recoñecemento que Pontevedra para albergar eventos deportivos de nivel… Hai que seguir afondando nesa liña de enfocar o deporte como elemento de tracción turística e de actividade económica”, afirmou o socialista.

Unhas 3.000 persoas visitarán a nosa cidade

Luis Vañó aproveitou a comparecencia para agradecerlles o seu traballo e esforzo a Adrián Esperón e Noemi Abal, xa que “realmente cargaron cunha parte moi importante da organización e o feito de telos en Pontevedra como interlocutores facilitoulle moito as cousas á Federación Española”. “A Federación tiña unha certa débeda con Adrián, porque é posiblemente quen posúe máis títulos de campión de España na modalidade Standard que temos. Parecía de obrigado cumprimento que nalgún momento poidesemos organizar aquí, en Pontevedra, esta competición. Arredor dunhas 3.000 persoas estarán pola cidade entre mañá e o luns e practicamente o 70% dos participantes son mulleres. Agardamos que isto se repita máis veces”, sinalou o presidente da Federación.

Pola súa banda, Noemi Abal amosouse “moi contenta de poder traer a Galicia, a Pontevedra, este evento, porque xa fai moitos anos que non se celebra aquí unha competición deste calibre”. “O baile é saúde -apuntou-, actividade física, aprender a expresarse e relacionarse. Convido a todo o mundo a que veña ver este evento tan marabilloso, no que participarán todo tipo de idades, desde os máis pequenos e os adolescentes ata os adultos e os sénior… Ogallá que para o ano vén poidamos estar aquí outra vez”.

A competición dará comezo mañá venres ás 15:00 horas (os quecementos iniciaranse ás 14:00 horas), desenvolvéndose ata as 20:00 horas o Trofeo Nacional Standard, o Trofeo Nacional Latinos e o Trofeo Nacional Caribeños. A xornada do sábado 11 de marzo iniciarase a partir das 12:20 horas, discorrendo ata as 21:30 horas e incluíndo no seu intenso programa o Campionato de España Standard (Xuvenil/Júnior/Youth/Adulto), a Copa de Promoción Single, o Trofeo Nacional de Danza Coreográfica e a Copa de España Latinos Sénior. Na última e derradeira xornada, a do domingo 12 de marzo, a música soará a partir das 11:30 horas para poñerlle ritmo á Copa de Promoción Standard, a Copa de Promoción Latinos e o Trofeo Nacional Single, nas súas diferentes categorías, finalizándose tódalas probas en torno ás 21:00 horas.

Entre os tipos de baile dos que poderemos desfrutar ao longo destes apaixonantes días inclúense Latinos como samba, chachachá, rumba, pasodobre e jive; Standard como vals lento, tango, vals vienés, slow fox e quick step; Caribeños como salsa, bachata e merengue, e danza coreográfica, que é unha mistura de diversos bailes nunha mesma coreografía. Os xuíces deberán valorar cuestións como o movemento coa música, a postura, a técnica e habilidades (o código básico da competición pode atoparse na páxina www.febd.es).