O alcalde visita o novo centro da Fundación Juan XXIII, que cualifica de «paso adiante» para toda a cidade de Pontevedra 

132
O Concello de Pontevedra cedeu no ano 2017 a parcela onde hoxe se erixe o novo edificio, destinado á formación e integración sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá o novo edificio da Fundación Juan XXIII na cidade, que estará destinado a labores de formación e integración sociolaboral para persoas con discapacidade intelectual. O rexedor puido manter unha xuntanza co padroado do colectivo, que lle explicou a súa situación actual e os prometedores plans de futuro cos que contan para seguir traballando a prol dunha sociedade mellor e con máis oportunidades para os seus usuarios.

«Este edificio foi construído nunha parcela de cesión municipal, que o Concello cedemos no ano 2017 e que, nun prazo razoábel de tempo, hoxe xa é un novo complexo formativo e de integración laboral», sinalou Lores. «Neste momento hai máis de 60 persoas traballando neste espazo, entre persoas da propia fundación e usuarios que adquiren coñecementos e dinámicas de traballo en xardíns e noutras actividades».

O rexedor ve a construción deste novo espazo como «un paso adiante importantísimo» para Pontevedra, xa que ofrece facilidades, «a través dun traballo encomiábel da Fundación Juan XXIII», á hora de que persoas con discapacidade poidan integrarse laboral e socialmente no mundo. 

«Este centro vén a complementar o centro que xa teñen na urbanización Fontesanta, que tamén conta con varias ducias de persoas que son atendidas decotío», explicou o alcalde. «É, de verdade, un chanzo máis na integración destas persoas e, sen dúbida, un paso adiante para Pontevedra e para toda a súa contorna. Hai que pensar que estamos rematando no Centro Sur, a escasos metros de aquí, unha residencia e centro de día para persoas con parálise cerebral con Amencer; no futuro tamén faremos unha residencia para persoas con discapacidade física da man de Cogami».

A apertura destes novos edificios, logo da súa creación, acontece ao tempo que a reurbanización de todos estes terreos, que durante anos gardaron relación coa ONCE. A día de hoxe xa está aberto o viario que conecta Luís Braille coa rúa Pintor Urbano Lugrís, e que permitiu achegar e permeabilizar este espazo, ofrecendo novas formas de movemento entre Campolongo e a Avenida de Vigo. No futuro, nas vindeiras fases e actuacións, a zona seguirá mudando para mellor, integrando estes novos espazos aínda máis no centro da cidade, «facendo cidade».

O alcalde quixo transmitir os seus parabéns a toda a Fundación Juan XXIII, logo do esforzo realizado para a creación deste novo espazo, con fondos propios, e poñelo a disposición da sociedade dun xeito altruísta. «É unha Fundación con ideas, con ideas positivas para todos. Mesmo soubemos que están facendo un moi interesante proxecto en Castiñeiras, onde contarán cun centro que lles permitirá facer viveiros de árbores autóctonas. É un xeito de coidar e reaproveitar o noso monte espléndido».