O piragüismo será protagonista este sábado coa celebración da 1ª Copa Galega de Sprint 

17
  • O Complexo Deportivo David Cal acollerá esta competición en categorías sénior e xuvenil de K-2, C-2, K-4, C-4 e paracanoe, coa participación duns 295 padexeiros pertencentes a 23 clubs galegos que medirán as súas forzas nas distancias de 200, 500 e 1000 metros

A Federación Galega de Piragüismo (FGP) e a Concellería de Deportes organizarán este sábado 1 de abril a 1ª Copa Galega de Sprint, un evento no que participarán uns 295 padexeiros e padexeiras de 23 clubs nas categorías xuvenil e sénior. O Complexo Deportivo David Cal albergará esta competición, na que se desputarán as probas de 200 e 1000 metros nas disciplinas de K-2, C-2, K-4, C-4 e a de 500 na de paracanoe, nunha xornada de piragüismo de máximo nivel que se desenvolverá entre as 9:30 e as 14:15 horas. 

O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea, que se amosou agradecido co Concello polo seu compromiso co piragüismo e pola iniciativa de postular anualmente Pontevedra como sede dunha gran cantidade de competicións deste deporte. Asemade, Bea, afirmou que “estamos a dar un paso importantísimo para o piragüismo galego”, xa que o evento que se celebrará esta fin de semana en Pontevedra  “é unha competición nova, un sistema de competición que dende a FGP se pon enriba da mesa ante o crecemento do noso deporte”. “Tiñamos unha Liga Galega onde aglutinabamos as modalidades de sprint, ríos e maratón, pero son modalidades diferentes que precisaban ter as súas propias ligas”, asegurou Bea.

Por outra banda, o presidente da Federación tamén expresou a súa satisfacción coa canteira piragüista galega, afirmando que Galicia é unha comunidade punteira neste deporte. “Acabamos de vir do Campionato de España, no que o piragüismo galego acadou o 46% dos ouros deste país entre tódalas categorías”, afirmou Alfredo Bea.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes agredeceulle á Federación a colaboración entre ámbalas entidades, “unha cooperación estratéxica pola que ao longo do ano se celebrarán en Pontevedra unha grande cantidade de eventos, que converten á cidade nun atractivo deportivo, turístico e económico”. Fernández tamén dedicou unhas palabras para os deportistas, sinalando que “ver o río cheo de rapaces e rapazas practicando piragüismo é o primeiro paso para que logo teñamos campións a tódolos niveis, medallistas olímpicas, e isto só se consegue tendo unha canteira detrás, sendo unha potencia estatal e internacional”.

No torneo tomarán parte os seguintes clubs: Club as Torres Romeira-Vikinga, Club Cabanas KDM, Club Cofradía Pescadores Portonovo, Club de Mar Ría de Aldán-Gandón S.A., Club de Piragüismo Cambados, Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, Club Escola de Piragüismo Poio-Conservas Pescamar, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak Vigo, Club Náutico de Cobres, Club Náutico Firrete, Club Náutico o Muíño de Ribadumia, Club Náutico Pontecesures, Club Naval de Pontevedra, Club Piragüismo Ciudad de Lugo, Club Piragüismo Illa de Arousa, Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro, Club Piragüismo Verducido-Pontillón, Club Piragüismo Vilaboa, Club Ría de Betanzos, Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, Real Club Náutico Rodeira de Cangas e Sociedad Deportiva As Xubias.

A proba dos 1000 metros do K-2 será a encargada de abrir os campionatos, coas dúas series a contrarreloxo da categoría xuvenil, que servirán de clasificatorio para a final da proba que se desputará ás 10:20 horas. A continuación, será a quenda das 3 series clasificatorias da mesma proba en categoría sénior. As finais femininas do K4 200, tanto xuvenil como sénior, servirán para pechar a competición.