Regresa Pontesán nunha cuarta edición na que participarán máis de 40 entidades sen ánimo de lucro e que estará dedicada á nutrición e a loita contra a obesidade

303
  • A Praza de España acollerá do 14 ao 16 de abril a IV Feira da Saúde e o Benestar Pontesán, na que tomarán parte asociacións socio-sanitarias; asociacións, federacións e clubs deportivos; colexios oficiais e institucións

 A Feira da Saúde e o Benestar Pontesán celebrará entre o 14 e o 16 de abril a súa cuarta edición, para a que xa confirmaron a súa participación máis de 40 entidades sen ánimo de lucro entre asociacións sociosanitarias, deportivas, clubs, federacións, colexios oficiais e institucións. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde en colaboración coa Deputación, pretende promover a necesidade de levar unha vida saudable, e nesta edición porá o acento na nutrición e a loita contra a obesidade. O evento celebrarase na Praza de España, onde se instalará unha carpa á que se poderá acceder gratuítamente, e na que se distinguirán dous espazos: unha zona expositiva e outra de actividades.

O proxecto foi presentado esta mañá, nunha rolda de prensa concedida polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, na que anunciou novidades na feira deste ano con respecto ás edicións anteriores. En primeiro lugar, destacou que “o ano pasado a feira estivo dedicada á saúde mental, a loitar contra a tristeza e a depresión que nos deixou a pandemia, e este ano o tema central consensuado coas asociacións é a nutrición e a loita contra a obesidade”, xa que actualmente “os cambios na alimentación e os estilos de vida son os causantes de que haxa un importante incremento na obesidade, sobre todo nos máis novos”. “As dietas tradicionais están a mudar por outras con máis azúcares, carbohidratos e graxas, ao tempo que se produce unha redución da actividade física”, sinalou o socialista.

Por outra banda, o concelleiro tamén fixo alusión ao éxito das edicións anteriores, afirmando que para a organización da deste ano “temos incluso problemas de espazo, porque comezamos con vinte e tantos e estamos xa con máis de 40 expositores, e aínda que temos unha evidente limitación de espazo, estamos atendendo a tódalas solicitudes”. “Pero o certo -apuntou Fernández-, é que o crecemento foi moi amplo, causado principalmente pola visibilidade que logrou a feira”.

Rolda de prensa Pontesan 1

O evento inaugurarase o venres 14 de abril ás 11:00 horas cun acto oficial ao que seguirá un mini taller de ciencia para nenos e nenas a cargo de Anedia (Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes). Ás 14:30 horas farase unha pequena pausa nas actividades, que se retomarán a partir das 17:00 horas, ata o peche do recinto, arredor das 20.30 horas, co Taller de Primeiros Auxilios de Cruz Vermella. A xornada do sábado 15 de abril seguirá os mesmos horarios que o primeiro día, comezando coa mesa redonda ‘¿Que queres ser de maior? Ti Decides. Pequenos pasos para vivir mellor coidando a túa dieta. Mellora a túa saúde’, a cargo de profesionais do Sergas, e finalizando coa charla de Alcohólicos Anónimos ‘Alcoholismo e as súas consecuencias’. Por último, o domingo 16 de abril, xornada que só se desenvolverá nun horario de 4 horas, iniciarase ás 10:00 horas cunha andaina solidaria e rematará ás 14:00 horas cando se clausurará definitivamente o evento cun taller-coloquio a cargo da Asociación Española Contra o Cancro.

Asemade, o evento deste ano presenta algunhas variacións fronte ás pasadas edicións: “Entre as novidades de Pontesán 2023 -sinalou Agustín Fernández- imos a outorgar un recoñecemento ao traballo que se entregará antes de rematar a unha persoa física, a unha asociación e a unha institución polo seu traballo a prol da saúde”.