La Road Clásica Evaristo Portela xuntará máis de 300 ciclistas ao longo dun percorrido «espectacular» e «para o desfrute» 

53
A cita cicloturística non ten un carácter competitivo e será celebrada o vindeiro 23 de abril, namentres que as inscricións para o evento pechan este domingo, 16 de abril 

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, compareceu esta mañá de venres, 14 de abril, en rolda de prensa para presentar a próxima celebración da cita cicloturística La Road Clásica Evaristo Portela.

Trátase dunha nova edición, cun circuíto renovado, do que antes se coñecía como 4Picos Road, xa bautizada co seu novo nome e cun novo enfoque. A data, tamén muda, e pasará a celebrarse o 23 de abril. Estará enfocada a todo tipo de ciclistas e participantes, unha proba non competitiva, que só pretende que cada un se atope cómodo á hora de completar o percorrido, que atenderá a dúas distancias: unha primeira, curta, de 95 quilómetros e 1.800 metros de acumulado positivo; outra, longa, con 125 quilómetros e 2.300 metros de acumulado positivo.

Trátase dun circuíto, en palabras dos organizadores, «moi fermoso, que pasa por distintas zonas de toda a comarca, pasando por Cotobade, Marín, Vilaboa, Campo Lameiro, Pontevedra…». As inscricións pechan este domingo, 16 de abril, mais xa hai 300 participantes anotados. Contarase cun operativo moi alto, de 36 motos, amais de diversos vehículos para posíbeis reparacións co fin de protexer o carácter de diversión e desfrute da proba, amais de favorecer a maior seguridade posíbel e que Pontevedra poida gozar sen problemas da cita.

«Quero darlle as grazas a todo o equipo que fai este evento posíbel», indicou Evaristo Portela, clásico nome no deporte pontevedrés. «Voume quedar sempre agradecido á hora de que se acordaran de min por facer unha marcha co meu nome, ás institucións que sempre están volcadas co que imos facendo e… a verdade é que estamos diante dun percorrido impresionante, moi recomendable. É espectacular, encantoume. Creo que pouca xente de Pontevedra coñece todos os recunchos fermosos que se poden ver ao longo do percorrido. Hai que desfrutalo, non ir a tope. É un día para desfrutar».

O edil de Deportes, Tino Fernánez, subliñou «o esforzo dos organizadores e da Federación Galega en probas deste tipo». «Cómpre sacar adiante probar así e probas con esta importancia. Algúns pensarán que 300 é un número escaso, mais nós sabemos que 300 persoas andando en bicicleta é falar de moita xente. A medida que se vaia consolidando estou seguro de que serán máis. De aquí o domingo xa mesmamente».

«A bicicleta chegou a Pontevedra para quedar. É unha referencia dentro da actividade física, que vai máis alá do deporte de competición. A bicicleta é un elemento que nos axuda a estar mellor», sinalou Fernánez. «A actividade física é fundamental. Todo evento que contribúa a mellorar a nosa saúde, tanto física como mental, é algo que referencia a Pontevedra como unha cidade única no mundo. Non é so ter beirarrúas espaciosas, é ter un concepto da vida distinto, que nos fai diferentes en Galicia e no Estado».