‘Faite voluntarix!’, a chamada do tríatlon ás persoas que queiran axudar na Gran Final das Series Mundiais

177

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá a campaña de colaboracións coa organización local

A campaña de voluntariado deportivo de cara á gran final das Series Mundiais de Tríatlon botou a andar co obxectivo de persuadir ao maior número de persoas posible atendendo así ás diferentes liñas de traballo que a organización necesita para facer fronte ás importantes misións loxísticas que esixen as carreiras.

«Serán as persoas de Pontevedra que máis preto estean dos deportistas, polo que para nós a importancia dos e das voluntarias é máxima», dixo Miguel Fernández Lores, alcalde da cidade que acollerá a proba máis importante do tríatlon mundial en setembro. Tamén lles recomendou que «vaian adestrando para estar listos para 2025, ano en que se celebrará un novo Multisport, semellante ao que xa tivo lugar en 2019 e que trouxo á cidade a máis de 4.000 atletas de todo o mundo».

O alcalde de Pontevedra presentou a campaña de comunicación, que tratará de chegar á cidadanía a través das canles habituais do concello, redes sociais e medios de comunicación baixo o eslogan ‘Préstalles as túas mans, faite voluntarix’.

A dirección técnica do evento solicitou un total de 544 postos de colaboración, postos que non teñen que coincidir co número de persoas voluntarias, pois cada unha delas pode atender a varios postos en distintas quendas.

Son múltiples as entidades colaboradoras coa Oficina de voluntariado: a Brilat, a Escola Naval ou a prisión da Lama entre outras moitas entidades incluso fóra do municipio pontevedrés que aportan persoas voluntarias como o Instituto Portugués do Desporto e a Juventude.

A organización da proba ten previstos que os algo máis de medio milleiro de postos ao longo dos tres días que durará o mundial se cubran por persoas ás que lles guste algún aspecto das distintas áreas de traballo previstas para o voluntariado: secretaría e acreditacións, apoio á dirección da carreira, protocolo e cerimonias, comunicación e prensa, amais do propiamente loxístico.

Pedirase a cada persoa que cubra un mínimo de dúas quendas e a Oficina de voluntariado asignará lugar, día e hora, ademais da persoa que coordine cada acción. As persoas implicadas teñen garantida a manutención, e equipa, e todas as necesidades materiais relacionadas coa súa misión, xunto cos seguros e certificados de participación.

As persoas interesadas, das que non importa a idade nin o nivel de estudos, poderán tamén participar en eventos e festas exclusivas para o grupo de voluntariado. En anteriores ocasións, as persoas que participaron, expresaron a súa alta satisfacción por ter tomado parte no evento e confíase en que moitas delas repitan este ano.