Medio milleiro de padexeiros de categorías cadete botaranse ás augas do encoro do Pontillón do Castro esta fin de semana na Copa de España de Promesas de Piragüismo

48
  • O Complexo Deportivo David Cal volverá ser escenario dun evento que reunirá este sábado 22 e domingo 23 de abril en Verducido a deportistas procedentes de Galicia, Andalucía, Asturias, Baleares, Madrid, Castela e León, País Vasco, Estremadura, Valencia, Cataluña, Murcia, Navarra, Castela A Mancha, Ceuta, Aragón e Cantabria
  • Os 25 clubs galegos que tomarán parte no evento, organizado pola Federación de Piragüismo en colaboración coa Concellería de Deportes, representan, con 172 padexeiros, máis dun 36% da participación

As augas do encoro do Pontillón do Castro (Verducido) volverán vibrar esta fin de semana coa potencia do mellor piragüismo nacional na Copa de España de Xoves Promesas en categoría cadete. O evento reunirá este sábado 22 e domingo 23 de abril no Complexo Deportivo David Cal a medio milleiro de padexeiros, dos que a meirande parte, ata 172 (máis dun 36% do total), pertencen a 25 clubs de diferentes puntos da nosa comunidade, entre eles a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, o Club Piragüismo Verducido, o Club Naval de Pontevedra e o Club Río Verdugo.

Na proba, organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, tamén participarán deportistas procedentes de equipos de Andalucía (84), Asturias (41), Baleares (39), Madrid (29), Castela e León (23), País Vasco (19), Estremadura (16), Valencia (11), Cataluña (10), Murcia (9), Navarra (8), Castela A Mancha (5), Ceuta (4), Aragón (3) e Cantabria (1). A competición desenvolverase en distancias de sprint (500 e 1.000 metros), nas disciplinas de K1, C1, K2, C2, K4, C4 e Paracanoe.

A Copa de España de Xoves Promesas dará comezo ás 9:00 horas do sábado coas probas clasificatorias, celebrándose as semifinais a partir das 11:20 horas. A xornada continuará pola tarde, entre as 16:00 e as 19:20 horas, con varias finais e clasificatorias, realizándose un acto de entrega de medallas ás 19:30 horas. O domingo haberá probas en horario de mañá, entre as 9:00 e as 13:15 horas (pechándose o día cunha nova entrega de metais).