Alberto Oubiña propón a ampliación do parque forestal da Fracha para protexer o “Bosque da esperanza” 

71

 Alberto Oubiña visitou esta mañá na Fracha o “Bosque da esperanza” promovido pola concesionaria de xestión dos residuos municipais, PreZero, a entidade Fuertes Razones en colaboración coa Comunidade de Montes de Tomeza e os alumnos e alumnas do CEIP Vilaverde.

Para que as novas plantacións estean protexidas dos ataques dos animais salvaxes, o concelleiro propondrá á comunidade de montes a cesión desta nova parcela, a incorporación ao parque forestal e o seu valado. 

O concelleiro de Montes e responsable dos parques forestais do Concello, Alberto Oubiña visitou esta mañá a un grupo duns 100 escolares do CEIP Vilaverde, da parroquia de Mourente, que participaron na primeira xornada do proxecto “O Bosque da esperanza“, unha proposta da entidade sen ánimo de lucro Fuertes Razones, financiada pola compañía concesionaria do servizo de xestión de residuos urbanos e limpeza viaria PreZero, a través do seu programa Súmate, e realizada nos terreos da Comunidade de montes de Tomeza, ao carón do parque forestal da Fracha.

O concelleiro, convidado pola Comunidade de Montes de Tomeza, parte implicada na plantación, propúxolle aos responsables da comunidade o inicio do expediente para ampliar o parque forestal neste punto, e poder protexer as plantacións que se veñan realizando nestes días co propósito de que as plantas novas e os gomos estean protexidos dos animais salvaxes.

O Concello da man da Comunidade de Tomeza propón ampliar o parque forestal da Fracha nese punto, dado que a actividade continuará mañá e o vindeiro 3 maio, até completar a plantación de 200 exemplares por parte dos  escolares nesta parcela lindeira co parque forestal.

O concelleiro Alberto Oubiña agradeceu o convite á comunidade que conta con él nas vindeiras plantacións.

Súmate e o Bosque da Esperanza

A empresa concesionaria do servizo de xestión de residuos e limpeza viaria do Concello, PreZero, é a promotora desta iniciativa a través do programa de acción social da compañía, Súmate. Neste programa tanto traballadores como a empresa tratan de mellorar as condicións de vida das persoas e contribuir a unha contorna máis sostible.

A través de Súmate os traballadores de PreZero poden donar unha contía da súa nómina, escollen os proxectos gañadores e, incluso, poden participar como voluntarios deles.

Un dos dez proxectos gañadores en todo o Estado é “O bosque da esperanza”, presentado pola fundación Fuertes razones, un proxecto de formación en cultivo ecolóxico e plantación de árbores en terreos forestais xunto aos nenos de primaria do CEIP Vilaverde.