O mítico Eduardo Dapena Lis ‘Cholo’ é a figura histórica do Pontevedra CF elixida polos pontevedreses para protagonizar a escultura que se instalará no parque de Pasarón trala súa remodelación

123
  • A lenda do ‘Hai que roelo’ recibiu 645 dos 1.878 votos emitidos nesta consulta cidadá, na que o segundo posto foi para o dianteiro Nemesio Martín Montejo ‘Neme’, que obtivo 531, e o terceiro para Rafa Ceresuela, autor do gol que supuxo o ascenso a Primeira División en 1963, que recibiu 239
  • Completan os primeiros postos desta clasificación o carismático masaxista José Castro Ruibal ‘O Rulo’ (168 votos); os emblemáticos xogadores do ‘Hai que roelo’ Eduardo Chicharro Calleja (120) e Ignacio Martín-Esperanza (45), e o lendario locutor que cantou o ascenso granate Balbino Fuentes Mora (30)

O mítico Eduardo Dapena Lis ‘Cholo’, símbolo daquel Pontevedra CF que disputou seis campañas en Primeira División e que gañou o apodo do ‘Hai que roelo’ con vitorias ante o Real Madrid e o Barcelona, foi a figura histórica elixida polos pontevedreses para protagonizar a escultura que se instalará no novo parque de Pasarón unha vez que a Concellería de Desenvolvemento Sostible execute o proxecto de remodelación integral deste espazo. O grande capitán do lendario equipo granate, que nos deixou hai algo máis dun ano, recibiu 645 dos 1.878 votos emitidos na enquisa online impulsada polo departamento que dirixe o socialista Iván Puentes para que a cidadanía decidise o nome da celebridade do club á que se lle debía dedicar a peza escultórica.

O segundo posto desta sondaxe, realizada a través da páxina web do Concello, foi para o dianteiro internacional Nemesio Martín Montejo ‘Neme’, que obtivo 531 votos, e o terceiro para Rafa Ceresuela, dianteiro centro do ‘Hai que roelo’ que marcou o coñecido como ‘gol do allo’ contra o Celta de Vigo, que supuxo o ascenso granate a Primeira División en 1963, que recibiu 239. Completan os primeiros postos desta clasificación o carismático masaxista José Castro Ruibal ‘O Rulo’ (168 votos); os emblemáticos xogadores do ‘Hai que roelo’ Eduardo Chicharro Calleja (120) e Ignacio Martín-Esperanza (45), e o lendario locutor que cantou o ascenso granate Balbino Fuentes Mora (30).

Entre os nomes emblemáticos do Pontevedra CF que aparecen no listado desta enquisa figuran os goleadores Charles Dias, Pablo Couto e Javi Rodríguez, o ex xogador e técnico Fernando Castro Santos ‘Nécora’, a Señora Lola, Amador Larriba, o adestrador da base Ángel Vidal ‘Gelillo’, o presidente Nino Mirón, o ‘Secre’ José Carlos Couto ou o seareiro Rafa Córdoba. “Xa no apartado máis anecdótico -sinala Iván Puentes-, a sondaxe deixou algunha proposta á que lle podemos presupoñer un certo ton humorístico ou cando menos sarcástico: a nosa mascota Roelio levou cinco votos; o dianteiro senegalés Libasse Guèye, un; Rafael Pintos (Wladimir Dragossán), un, e o concelleiro Demetrio Gómez, outro”.

Tal e como afirma o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “o proxecto de reforma da zona verde situada na rúa Luís Otero (na parte norte do estadio de Pasarón) foi deseñado ‘á carta’ a través dun procedemento de participación cidadá no que se tiveron moi en conta as propostas, ideas e demandas da veciñanza (recibíronse máis dun centenar de peticións e suxestións), e seguindo esa mesma filosofía, á marxe de que varios dos nomes que apareceron nesta enquisa ben merecen ser homenaxeados e inmortalizados nunha escultura, o importante desta consulta foi a gran participación que mobilizou, chegando case aos 2.000 votos”.

A instalación dunha pequena escultura, unha mellora contemplada no anexo de melloras do proxecto

A instalación dunha pequena escultura en material metálico, pedra ou sintético, relativa a algunha figura ou personalidade destacada na historia do Pontevedra CF, está contemplada no anexo de melloras do proxecto impulsado polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, para remodelar este parque do barrio do Burgo, duplicar a superficie destinada a xogos infantís, substituír o estanque actual por un xardín de choiva, construír unha pista multideporte e crear unha nova zona de paseo para cans. Seguindo coa aposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible por xerar parques singulares, con personalidade propia e certo carácter didáctico, esta intervención contempla unha tematización de diversos elementos arredor da historia do equipo granate.

O proxecto de remodelación redactado pola firma Acroa, que se acometerá nunha parcela duns 3.500 metros cadrados de superficie, formula a dotación dun espazo para cans, a instalación dun novo parque infantil especificamente deseñado para a rapazada de diferentes rangos de idade e mobilidade e dunha zona deportiva de ‘street fútbol’ de 13 x 8 metros (con piso rematado en céspede artificial) e a construción dunha zona deportiva tipo calistenia, así como a aplicación de criterios de sostibilidade e adaptación ao cambio climático, como a elección de determinadas especies vexetais, o emprego de materiais reciclados ou a incorporación de sistemas naturais de drenaxe e xestión da auga. A Concellería de Desenvolvemento Sostible investirá uns 400.000 euros nesta intervención, que ten un prazo de execución de seis meses desde o inicio das obras.

O parque está situado na zona norte do estadio de Pasarón, na rúa dedicada ao defensa Luís Otero Sánchez-Encinas, un dos primeiros xogadores da Selección Española, medalla de prata en Amberes 1920 e cunha vida ligada ao desenvolvemento do fútbol en Galicia, pois xogou nos equipos máis destacados da época de Pontevedra, Vigo e A Coruña. Logo duns 20 anos desde a construción desta zona de lecer, Iván Puentes considera prioritaria unha reforma integral, coa instalación de novos elementos de xogo e unha ampliación de superficie que dea resposta ao crecemento do barrio do Burgo.

Ademais de xerarse espazos de socialización comunitaria mediante a creación de lugares de encontro e realización de actividades lúdicas, coa instalación de áreas de estancia mediante a construción dun pequeno anfiteatro, tamén se crearán varios camiños e praciñas intermedias que conectarán os diversos espazos do parque, tendo a zona de xogos infantís e o anfiteatro como principais referencias visuais.

Unha zona de xogos infantís de 425 metros cadrados

A zona de xogos infantís ocupará unha área de 425 metros cadrados pechada en todo o seu perímetro, dotada de pavimento amortecedor e coa instalación dos seguintes elementos: columpios, balancíns de tipo resorte con capacidade para varios usuarios, un xogo de rotación, dous pórticos de columpios e dúas torres de xogo (tanto para maiores como para cativos). A distribución concreta por áreas será a seguinte (de obrigado cumprimento para a empresa que resulte adxudicataria):

  • Zona dedicada a maiores de 6 anos, na que se instalará un conxunto de columpios formado por un de tipo cesta múltiple e dous de tipo individual, así como un xogo de tipo torre que dispoña de, polo menos, dúas pistas de tobogán con alturas de desembarque entre 2 e 6 metros.
  • Zona destinada a menores de 6 anos, na que se instalarán dous columpios individuais, dous balancíns, un xogo xiratorio e unha estrutura tipo torre que dispoña de, polo menos, unha pista de tobogán, rede de escalada, plataforma e escada.

Será obrigatorio que polo menos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal, debendo ser este dinámico ou que xere movemento ao introducirse no seu interior.

Unha tirolina, un circuíto de ‘streetworkout’ e un parque canino duns 240 metros cadrados

En base ao prego de condicións técnicas do proxecto, o acabado do piso do parque será realizado en céspede artificial e, no exterior da zona de xogos infantís, preto da pista de ‘street fútbol’, instalarase tamén unha tirolina. Dada a crecente demanda deste tipo de instalacións, tamén se creará un circuíto de ‘streetworkout’, tipo calistenia, composto por ata dez estacións de adestramento, na zona leste do parque.

Consciente da crecente demanda de infraestruturas que dean cobertura ao paseo de mascotas (o Concello acaba de inaugurar unha zona para cans en Monte Porreiro), habilitarase un parque canino duns 240 metros cadrados no sueste deste espazo verde, delimitándoa mediante un peche de malla de simple torsión, e que contará con elementos de adestramento para agility de tipo salto. O proxecto tamén suporá unha tremenda mellora no que atinxe ás condicións de acollemento do parque de Pasarón, incrementando de xeito substancial o mobiliario urbano: colocaranse dez bancos e tres mesas de tipo picnic, así como un banco voadizo duns 18 metros de lonxitude no muro do parque infantil, e dotarase o espazo con tres papeleiras, tres fontes e seis aparcabicicletas.

No anexo de melloras do proxecto de remodelación integral do parque da rúa Luís Otero tamén se propón a instalación dunha papeleira, unha fonte e un banco, coa finalidade de mellorar aínda máis a capacidade de acollida deste espazo, así como a dotación de tres farois e dunha columna duns 8 metros para unha óptima iluminación do parque, e o subministro e instalación dun punto de recarga nas súas inmediacións.

A axeitada recollida e condución das augas pluviais, así como o correcto manexo e tratamento das augas de escorrentía, constitúen aspectos fundamentais deste proxecto, e neste sentido, optarase por derivar as pluviais cara a un xardín de auga, ao estilo dos existentes en cidades como Vitoria, que recollerá a maior parte das augas dos pavimentos duros e que permitirá conservar o ciclo natural da auga no parque.