A Cabeceira Sur da Ponte do Burgo será transformada nunha gran praza «de pedra e verde» mellorando a accesibilidade de toda a zona 

422
A nova praza funcionará como unha continuación da Ponte do Burgo, traendo consigo unha mellora da seguridade viaria e unha posta en valor dos restos arqueolóxicos deste espazo
Doutra banda, será potenciada a presencia do Camiño de Santiago, ao recuperar o seu trazado orixinal desde a rúa da Ponte, a través dunha pasarela transparente por riba dos achados 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánez Lores, presentou esta mañá o anteproxecto de reforma para a Cabeceira Sur da Ponte do Burgo. «Estamos traballando nun proxecto que mudará toda esta zona. A idea é aproximar o río á cidade, mellorar a calidade urbana de todo este espazo e mellorar a conexión da Ponte do Burgo con Pontevedra e potenciar os restos arqueolóxicos da zona. Todo isto tamén traerá consigo unha mellora na accesibilidade, na seguridade vial e a visibilización do Camiño Portugués».

Dentro dos diferentes elementos que conformarán a nova praza, de plataforma única e sen barreiras arquitectónicas, figura unha pasarela transparente que pasará por riba do patrimonio arqueolóxico situado nesta zona, potenciando o trazado orixinal do Camiño de Santiago pola rúa da Ponte. «Con este proxecto avanzamos na conservación do patrimonio material e arqueolóxico da cidade», indicou Lores.

«Vaise construír unha gran praza de pedra, funcionando como unha continuación da Ponte do Burgo, sen deixar de lado o verde, ao ser plantados novas árbores para que esta sexa unha zona de estancia e de sombra», indicou o rexedor. «Serán eliminadas as barreiras arquitectónicas existentes, polo que se mellorará a accesibilidade global, amais de incrementarse a seguridade viaria».

Nese sentido, no trazado desta nova praza os carrís de circulación serán reducidos a dous —un de ida e un de volta—, calmando así o tráfico rodado de cara ao enorme fluxo de peóns que hai nesta zona, ben peregrinos que percorren o trazado portugués, ben veciños e veciñas que decotío atravesan esta zona de conexión co Burgo e Lérez.

Outra curiosidade que traerá a reforma da praza é a creación dunha rampla cara os restos arqueolóxicos que funcionará como un pequeno auditorio onde a xente poderá sentar no caso de seguir posíbeis explicacións divulgativas a nivel sobre os arcos que aquí se sitúan. Da man desta reforma tamén se está elaborando un proxecto de consolidación e posta en valor de todos os achados arqueolóxicos da zona, da man da área de Patrimonio histórico, dirixida por Xaquín Moreda.

«Coido que é unha obra bonita desde o punto de vista estético e desde o punto de vista funcional», indicou o alcalde. A previsión orzamentaria para o proxecto é de 1.233.000 euros. «Seguimos avanzando nunha Pontevedra que aspira a ser tamén unha capital verde, introducindo novas zonas deste tipo nos espazos urbanos».