O II festival gastronómico Mestizaxes pulveriza os números da anterior edición cuns 20.000 visitantes e máis de 17.000 tapas vendidas

78
  • O evento organizado pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación para poñer en valor as cociñas ‘de fóra’ que se practican na nosa cidade, que en 2021 acadou as 15.000 persoas e máis de 10.000 tapas vendidas, consolídase así dentro do calendario culinario impulsado pola marca Pontevedra Capital Gastro
  • A concelleira socialista Yoya Blanco asegura que “o éxito deste festival sobrepasou tódalas expectativas” e garante a súa continuidade “cunha proposta que iremos mellorando e afinando e que se irá diversificando con máis sabores do mundo”

O II festival gastronómico Mestizaxes, organizado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Deputación Provincial, foi quen de pulverizar as magníficas cifras que xa deixara na súa primeira edición. Se en 2021 o evento culinario, co que se pretenden poñer en valor as cociñas ‘de fóra’ que se practican na nosa cidade, acadara a visita dunhas 15.000 persoas e máis de 10.000 tapas vendidas, o fervedoiro de actividade e degustación no que se converteu a Praza de España durante os pasados catro días deixou un balance de récord, con uns 20.000 visitantes e máis de 17.000 tapas vendidas.

Unha tremenda acollida que consolida ao Mestizaxes dentro do calendario gastronómico impulsado pola marca Pontevedra Capital Gastro e que foi posible grazas as deliciosas propostas de ata 11 países: os asistentes puideron percorrer culturas tan diversas como Hawai (Mahalo Poke), Colombia (Lulo Gastrogrill), Corea (La Culpa de la Gula), Venezuela (Arepas Gastrobar), Estados Unidos (Xhuao), China (El Cafetín), Xapón (Kenzo), México (La Catrina), Brasil (La Croquetería El Crack) e Perú (O Souto), así como cafés de Etiopía, Kenia ou México (El Club del Café). A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, admite que “o éxito deste festival sobrepasou tódalas expectativas” e garante a súa continuidade “cunha proposta que iremos mellorando e afinando e que se irá diversificando con máis sabores do mundo”. “A verdade é que cada vez que me achegaba ata a carpa -sinala Blanco- quedaba alucinada e os responsables dos establecementos tiveron que colgar o cartel de ‘esgotado’ en varios dos seus menús. Para que nos fagamos unha idea da demanda, o Arepa’s Gastro Bar despachou 11.000 tequeños”.