A Boa Vila será a primeira cidade laboratorio de innovación no deporte do Estado co Pontevedra LAB 

38
Trátase dunha iniciativa que porá en marcha espazos de investigación, experimentación, desenvolvemento de proxectos deportivos e deseño
Dentro das diferentes propostas que conterá, confirmouse a posta en marcha dun congreso a mediados de xuño sobre innovación deportiva con clubs, corporacións e startups que presentarán en Pontevedra os seus modelos de traballo 

Pontevedra sitúa no horizonte outra cita de vangarda a través da innovación. Será neste caso no eido do deporte, baixo a bandeira do que desde hoxe se coñece como Pontevedra LAB. Trátase dunha iniciativa promovida pola consultora Galicia Sportech e o Concello de Pontevedra, que fará da cidade do Lérez un espazo de investigación, experimentación, desenvolvemento de proxectos deportivos e deseño.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Deportes, Tino Fernández, o pentacampión do mundo, Javi Gómez Noya, o fundador de Galicia Sportech, David Suárez, e o vicepresidente da Agrupación Industrial do Deporte, Pedro Iglesias; presentou este proxecto, que terá como obxectivo impulsar o deporte e a todos os actores implicados na súa realización: clubs, escolas deportivas, seareiros, cidadanía, institucións… 

Suárez sinalou que o deseño de Pontevedra LAB leva xa varios anos en desenvolvemento, sendo a Boa Vila «a cidade que encaixa nesta idea grazas ao seu modelo», anticipando tamén a presencia de Universidade de Vigo na proposta. «Queremos impulsar o deporte en todas as súas vertentes». Así, xa está prevista a realización dun congreso sobre innovación no deporte que terá lugar os días 13 e 14 de xuño nun emprazamento por revelar, pero que resultará «sorprendente».

Ademais, o pentacampión do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya sinalou que o deporte «deu un cambio brutal» no referente a súa evolución. Os materiais, os métodos de adestramento ou o compoñente tecnolóxico para controlar os adestramentos son algúns dos aspectos que subliñou como chaves para definir este proceso de transformación ao tempo que fixo fincapé na importancia de contar con profesionais e expertos que «saiban utilizar esas ferramentas e interpretar os datos».

Doutra banda, Lores lembrou que desde o ano 1999 Pontevedra «é unha cidade que camiña», contando co CGTD, as facultades de Fisioterapia e Ciencias do Deporte, abrindo o camiño para que os seus estudantes poidan emprender e traballar na cidade, sendo o Pontevedra LAB un camiño interesante á hora de facilitar ese obxectivo.