A asociación Pontecorazón promove unha andaina para o vindeiro venres, 26 de maio, con saída desde o Hospital de Montecelo

55

O Concello de Pontevedra apoia a actividade, «animando a que sigan coidando da xente e promovendo hábitos saudábeis», en palabras do alcalde

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha xuntanza esta mañá co coordinador da Unidade de Rehabilitación Cardíaca a do CHOP, Diego Fernández Redondo, e Teodoro Vázquez Alfonsín, persoa operada de corazón e presidente da asociación Pontecorazón. Nesta conversa, coordinador e presidente transmitíronlle ao alcalde o obxectivo desta asociación, que vén a ser manter a actividade física e de previsión logo de rematar o tratamento dentro da unidade de Rehabilitación Cardíaca.

«Hoxe están aquí porque o día 26 de maio, venres, van facer unha andaina que partirá do Hospital de Montecelo e baixarán até a senda do Lérez, subirán até Bora e desde irán até a Illa do Covo. Calculan que serán uns 12 quilómetros e que participarán entre 50 e 100 persoas», sinalou o rexedor. «Non é a primeira que fan, e agardan que se vaia unindo xente que quere participar neste tipo de propostas que buscan concienciar sobre a saúde e sobre o benestar».

A andaina iniciará o seu percorrido ás 10 horas da nomeada data e prevé chegar a Illa do Covo sobre as 12.30 horas.