Iván Puentes exponlles os proxectos das estratexias Pontevedra Flúe e Redeverde a un grupo de alumnos da Universidade da Coruña que investiga o uso dos espazos verdes e urbanos por parte da veciñanza do municipio

49
  • A charla enmárcase dentro dunha visita de campo dos estudantes que cursan a materia de Socioloxía Urbana e Ordenación do Territorio do Grao de Socioloxía, impartida polo profesor Manolo Docampo, membro do equipo da UDC que colabora no proxecto Redeverde: un conxunto de actuacións que suman máis de 4,7 millóns de euros, financiadas nun 95% pola Fundación Biodiversidade e entre as que se inclúe o destape e renaturalización do treito urbano do río dos Gafos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, impartiron esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos unha charla sobre os proxectos de renaturalización que se están levando a cabo no marco das estratexias Pontevedra Flúe e Redeverde a unha vintena de alumn@s do Grao de Socioloxía da Universidade da Coruña que cursan a materia de Socioloxía Urbana e Ordenación do Territorio. O encontro formaba parte dunha visita de campo promovida dentro da docencia práctica desta asignatura, impartida polo profesor Manolo Docampo (membro do equipo da UDC que colabora no plan Redeverde), organizada para coñecer a estratexia urbana e medioambiental da cidade e investigar o uso do espazo público do municipio por parte da cidadanía, en especial das zonas verdes.

A charla de Puentes e Fontán serviu para que os estudantes coñecesen a estrutura urbana de Pontevedra, o modelo de peonalización e as obras de renaturalización que se están a desenvolver, antes de ‘patear’ a cidade deténdose nalgúns dos ámbitos de intervención de Redeverde, un paquete de proxectos impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible en colaboración coa UDC cun valor global de 4,7 millóns de euros, que a Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica) financiará nun 95% a través dos fondos europeos Next Generation. Tal e como lembrou o concelleiro socialista, “entre estas obras inclúese o noso plan para destapar o treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo e convertelo nun fermoso parque fluvial cun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón da cidade (unha intervención na que se investirán 2,3 millóns de euros)”.

“Entre as actuacións de Redeverde Pontevedra tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático -explicou Puentes-, é dicir, dunha especie de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. Trátase dun documento estratéxico que a UE vai esixir a tódolos países membros, que será clave para acceder a fondos europeos de compoñente medioambiental e no que temos unha experiencia pioneira, despertando un enorme interese entre os membros da alianza Greening Cities, da que formamos parte xunto con cidades como Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere ou Malmö e de entidades da importancia do Banco Europeo de Investimentos”.

Ademais, entre as accións subvencionadas pola Fundación Biodiversidade inclúense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible; a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica marcou como prazo para poder executar todos estes proxectos o mes de xullo de 2025.

O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se concedeu a axuda abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados, é dicir, máis da metade dos que se pretenden recuperar. Con esta actuación lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico en plena cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos, no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local), co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra (para o que tamén hai xa en marcha unha intervención de rexeneración ambiental cun investimento de 600.000 euros).

O traballo de campo do alumnado de Socioloxía da Universidade da Coruña incluíu unha visita á Ponte do Burgo para percorrer a exposición itinerante da estratexia Pontevedra Flúe, na que se condensa a ‘revolución verde e azul’ impulsada por Iván Puentes e que abrangue unha vintena de proxectos que marcarán a transformación da cidade e que xa están en marcha, como a recuperación da ponte do ferrocarril sobre o Lérez para convertela nun balcón sobre o Lérez; a restauración ambiental da Xunqueira de Alba; a creación do parque de xogos de auga en Rafael Areses; a reordenación do aparcadoiro diante do Pavillón dos Deportes e a renaturalización da ribeira neste contorno, e a integración das instalacións de Costas e doutras administracións no grande espazo verde da Xunqueira do Alba (un camiño que xa iniciou a Deputación co traslado da Imprenta e do Parque de Maquinaria). Outros dos proxectos que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible lles expuxo aos estudantes foron a conexión da senda do Lérez, que vén desde Bora, coas sendas que Poio está proxectando ata Combarro, e o control do Valdecorvos mediante balsas de inundación para acabar cos recorrentes asolagamentos na rúa Fernando Olmedo.