O Local de Música celebra os seus 15 anos cun evento especialen colaboración co Black Hole, que acada a a súa 40ª edición 

59
Na celebración, programada para este venres, 12 de maio, participarán bandas que pasaron polo espazo municipal ao longo destes anos, amais da xa tradicional noite de micro aberto para todo artista que teña o desexo de participar 

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, compareceu en rolda de prensa esta mañá para anunciar a celebración dos 15 anos do Local de Música cun evento de carácter especial, en colaboración coa cita aberta, de carácter mensual, que é o Black Hole.

«Foron quince anos nos que pasou de todo. Pasamos por concertos na rúa, nas Festas da Peregrina, polos 15Bolos, Xeración Sónica, streamings, podcasts, scape rooms, formacións musicais, certames de todo tipo… », lembrou o edil. «O que está claro é que o Local de Música, amais de ser un espazo onde facer música é ‘O Local’, un lugar onde conflúen ideas, que evoluciona e que está en constante cambio. Se ben hai cousas que semellan igual, a xente que pasou por el non o é. Foi sempre un proceso dinámico, que soubo adaptarse e reinventarse e continuar con todas as actividades imaxinables».

Oubiña indicou que o Local segue a ser hoxe en día punto de referencia para a mocidade, consolidado máis que como un espazo só musical,. Como un espazo socio-cultural, onde pasan moitas cousas alá das melodías. «Seguiremos traballando para que nos vindeiros anos poidamos mellorar aínda máis este espazo. Estamos preparando os pregos para o novo contrato do Local de Música, que remata a finais de ano. Incluirán novidades que xa iremos comentando no que resta de ano e tentaremos achegarnos a novos públicos», comentou o responsábel da área de Xuventude.

Así, o Black Hole, evento de carácter aberto e mensual que se vén celebrando desde o ano 2016 en diferentes locais da cidade, acadará a súa 40ª edición. O funcionamento desta cita é simple: calquera pode chegar, anotarse na lista e interpretar unha canción, realizar a lectura dun poema ou protagonizar un monólogo. Nese sentido, nada cambia respecto da cita preparada para o vindeiro 12 de maio, senón que se reservará un primeiro tramo do evento para que actúen bandas e formacións que pasaron polo Local de Música ao longo destes 15 anos. A Sala Karma segue a ser o espazo escollido para o seu desenvolvemento.

O Local de Música colabora desde hai xa catro edicións co Black Hole prestando parte do equipo musical utilizado polas artistas e así non depender de traer os seus instrumentos e amplificadores da casa.

«Este Black Hole pode verse como un gran ensaio masivo, un encontro xenial onde xuntarse, amosar o que foron algunhas das bandas que tivo Pontevedra, mais tamén as bandas que están por vir, que teñen un futuro prometedor por diante», finalizou Oubiña.

Pola súa banda, Queco Lago, promotor do Black Hole, sinalou que «estaba moi contento con esta colaboración co Concello e o Local de Música». «Será unha noite como as que foron acontecendo ao longo dos últimos anos, pero con ese extra inicial das bandas do Local».