As motos máis elegantes chegan por terceiro ano a Pontevedra coa Distinguished Gentleman’s Ride

623
  • O encontro, co que colaboran as concellerías de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, reunirá o domingo 21 de maio ás 12:00 horas na Praza de España a moteiros e moteiras de toda a provincia ataviados cunha indumentaria elegante e de inspiración clásica
  • O obxectivo é recadar fondos para a Fundación Movember, que busca ampliar a visibilidade e investigación de diversas enfermidades cunha alta taxa de incidencia entre os homes, especialmente o cancro de próstata

As motos máis elegantes chegarán por terceiro ano a Pontevedra nunha nova edición da Distinguished Gentleman’s Ride, un evento de carácter internacional con base solidaria que reunirá o 21 de maio na Praza de España a moteiros e moteiras de toda a provincia coas súas motocicletas de estilo clásico e vintage, ataviados cunha indumentaria elegante acorde co espírito da iniciativa. A concentración moteira, coa que colaboran as concellerías de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, ten a finalidade de recadar fondos (que os propios participantes achegan) para a Fundación Movember, que busca ampliar a visibilidade e investigación de diversas enfermidades cunha alta taxa de incidencia entre os homes, especialmente para loitar contra o cancro de próstata.

As motos estarán expostas na Praza de España, xunto coas súas elegantes tripulacións, entre as 12:00 e as 12:45 horas, e tras unha pasaxe-photocall, completarán unha ruta urbana circular con saída e chegada ao mesmo punto, conectando a toda a cidadanía cos motoristas e a súa causa e valores. “Convidamos a tódalas familias pontevedresas -afirma a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco- a desfrutar dun evento que reúne a motoristas solidarios e apaixonados do estilo clásico simultaneamente en todo o mundo”.

Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “resulta esencial concienciar á poboación acerca da alta incidencia dalgunhas enfermidades e recadar fondos para loitar contra o cancro de próstata”. “Trátase dun evento que recadou case 28 millóns de dólares desde 2012 e que reuniu a máis de 300.000 Ladies & Gentlemen”, apunta Puentes.

Na páxina web oficial do Distinguished Gentleman’s Ride (www.gentlemansride.com), con máis de 110 países e 1.000 urbes de todo o mundo, Pontevedra figura entre as 27 cidades de España nas que se organiza o evento, unha oportunidade para promocionar a nosa cidade cunha iniciativa solidaria.