A empresa Idades seguirá a prestar o Servizo de Axuda no Fogar en Pontevedra durante os vindeiros catro anos

191
  • O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que a prestación será prorrogada ata finais de mes e que o novo contrato entrará en vigor a partir de xuño, ofrecendo unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes do noso concello, “o que supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual”

Unha vez analizado o informe emitido pola asistencia técnica sobre as ofertas presentadas, a Mesa de Contratación do Concello adoptou a decisión de propoñer á adxudicación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Idades SL, firma que xa o está a prestar na actualidade e que presentou a oferta cunha mellor relación calidade-prezo. Entre os criterios que levaron a Idades a obter a maior puntuación de entre as catro propostas plantexadas (tamén aspiraban a facerse co contrato Aralia Servicios Sociosanitarios SA, Caser Residencial SAU e Osventos Innovación en Servicios SL), o órgano municipal valorou o prezo ofertado (19 € por hora), a dotación de dispositivos de teleasistencia (250) e as horas gratuítas (7.730), limpezas de choque (300), limpezas xerais anuais de cristais, alfombras e cortinas (300) e servizos anuais de lavandería fóra do domicilio (600), así como a disposición de medios técnicos (cadeiras de rodas, guindastres e camas articuladas) e a posesión do certificado UNE 158301:2015 (de Servizos para a promoción da autonomía persoal e a xestión do servizo de axuda a domicilio).

O novo contrato impulsado pola Concellería de Benestar Social permitirá ofrecer unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra, o que, como sinala o concelleiro socialista Marcos Rey, “supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual”. Terá unha vixencia de 4 anos e licitouse cun orzamento base de 12.270.045,80 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano, fronte aos 1,4 millóns do vixente. “O actual contrato vaise prorrogar até final de mes -sinala Rey- e a nosa intención é que a nova adxudicación entre en vigor a partir de xuño”.

A través do SAF, a Concellería de Benestar Social atende a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecta significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias, e mesmo a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal sobrevidas, como por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.

O SAF de Pontevedra presta servizo nestes momentos a unhas 200 persoas, a meirande parte das mesmas maiores dependentes.

O Concello asume o 80% do custe do SAF de Libre Concorrencia e a Xunta só o 12,4%

Ao facer o promedio dos últimos anos de prestación, compróbase que o Concello de Pontevedra estivo asumindo o 21,85% do custe do SAF de Dependencia (persoas que teñen un recoñecemento de dependencia) e a Xunta un 64,53%, cubrindo os usuarios un 13,62% do mesmo, mentres que ao efectuar o mesmo cálculo para o SAF Básico ou de Libre Concorrencia (persoas que non teñen a valoración de dependencia ou que aínda non teñan recoñecido o dereito efectivo a un servizo ou prestación do catálogo de Dependencia, así como unidades familiares cuxa problemática principal estea vencellada con aspectos convivenciais e socioeducativos), verifícase que o Concello está a asumir case un 80% do custe, a Xunta unicamente o 12,4% e os usuarios o 8,49% restante.

O novo contrato con Idades traducirase nunha exponencial mellora no orzamento e no número de horas, en consecuencia na prestación dun servizo social que para a Concellería de Benestar Social resulta esencial. Tal e como lembra o concelleiro Marcos Rey, “a nova adxudicación amosa o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co SAF, dado que as administracións autonómicas reciben do Estado os cartos para investir neste servizo e mentres que a Xunta reduciu a cifra global, o Executivo de Sánchez incrementou o seu compromiso económico cunha demanda social que se disparou trala pandemia”.

Non obstante, a Administración Xeral do Estado reforzou a consignación específica destinada ao Plan Concertado para o Desenvolvemento de Prestacións Básicas de Servizos Sociais en Corporacións Locais nos Orzamentos Xerais do Estado (artellado a través da fórmula de convenios administrativos entre as administracións do Estado e as comunidades autónomas).

Marcos Rey tamén subliña a súa intención de incrementar nun 15% o orzamento dedicado polo Concello á área de Benestar Social, así como o seu persoal, e de aumentar nun 20% extra o presuposto e o número de beneficiarios do SAF. O socialista tamén aposta pola creación dunha Oficina da Dependencia que permita axilizar e reducir a espera nos trámites previos á valoración da Lei de Dependencia.