Pontevedra dálle a benvida ao Conservatorio de Braga 

26
A edil de Cultura, Carme Fouces, recibiu nas dependencias do Concello á delegación chegada desde Portugal, que tamén gozou dunha visita guiada pola cidade 

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, recibiu esta mañá nas dependencias do Concello de Pontevedra a delegación do Conservatorio Calouste Gulbenkian de Braga formada por estudantado e profesorado. Hai xa máis dunha década que o nomeado centro portugués colabora co CMUS Manuel Quiroga e hai xa catro anos que o Concello de Pontevedra participa de xeito activo nesta irmandade entre conservatorios.

A colaboración entre Braga e Pontevedra no eido musical permite intercambios entre os alumnado dun xeito bilateral, compartir experiencias que cristalizan en concertos e, como non, un achegamento entre a cultura galega e portuguesa, dúas culturas irmás que sempre camiñan unha preto da outra.

Nesta ocasión, e froito deste intercambio entre o Conservatorio de Música Calouste Gulbenkian de Braga e o CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, o Teatro Principal acolleu un concerto para piano este martes, 16 de maio.