O Concello construirá un novo centro social en Acevedo e urbanizará toda a súa contorna xerando un moderno espazo de convivencia 

33
O proxecto que se realizará na parroquia de Ponte Sampaio xa foi aprobado en Xunta de Goberno Local e o arquitecto encargado do mesmo é Carlos Seoane 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da aprobación en Xunta de Goberno Local dun novo proxecto de execución material para a obra do centro social de Acevedo, en Ponte Sampaio. «Trátase dun proxecto que non ten só como ámbito de actuación non só o propio centro como tal, a día de hoxe máis semellante a un galpón que a un edificio adecuado, senón que incluiría a reforma do campo da festa e tamén a urbanización da capela situada nas proximidades, xunto co espazo onde se sitúa o cruceiro».

A concelleira sinalou que se trata dun proxecto con certas particularidades, sendo a primeira delas a forma de escoller o proxecto (que segue o modelo aplicado para a reforma da casa consistorial ou Churruchaos), convidando a cinco arquitectos neste caso, para logo facer un concurso e, desde aí, selecciónase a mellor oferta, partindo así dun anteproxecto e acelerando os procesos administrativos. Neste caso, o arquitecto escollido foi Carlos Seoane, arquitecto recoñecido na Galiza e mesmo colaborador de David Chipperfield.

«Seoane entendeu á perfección o que pretend o Concello con esta reforma: a creación dun novo núcleo de centralidade nos máis altos estándares de calidade. A creación dunha zona de estancia para a veciñanza do lugar, da parroquia e mesmo para as que poidamos visitalo nas festas ou nalgún evento».

Outra das cuestións polas que o Concello se decantou pola proposta de Seoane foi o seu «respecto» pola identidade propia do lugar, a través dos materiais escollidos para a actuación, especialmente escollidos e tradicionalmente galegos.

O proxecto orixinal será desenvolvido en dúas fases, sendo a primeira a que afecta ao edificio e a súa contorna máis próxima e do campo da festa; e unha segunda, a que ten ver coa urbanización do cruceiro e da zona para xantar, contando cun equipamento especial.

«Seguimos co obxectivo de mellorar o espazo público, de crear novos núcleos de centralidade e mellorar a vida das persoas, ao tempo que teñen máis espazos para socializar», finalizou a edil.

Captura de pantalla 2023 05 22 a las 10.19.46