Sete Falares volverá encher de historias e imaxinación a antiga igrexa de Santa Clara 

69
Esta nova edición do programa promovido polo Concello de Pontevedra traerá de balde até a Boa Vila a algúns dos mellores contadores e contadoras de historias da Galiza e do mundo 
A cita será desenvolvida entre o sábado 3 e o domingo 11 de xuño, incluíndo tamén un roteiro especial por algúns dos lugares máis emblemáticos da Boa Vila  

Co verán ao virar da esquina, o Concello de Pontevedra recupera unha das citas clásicas que anticipan a chegada do mesmo. Sete Falares acada a súa undécima edición como un dos eventos culturais e de ocio máis importantes da Boa Vila, coa palabra e a imaxinación como base para todo.

Entre o sábado 3 e o domingo 11 de xuño, Pontevedra fará mergullo na narración de historias, na escoita e na aventura. De novo, Sete Falares repetirá en Santa Clara como sede fundamental para o seu programa. A antiga igrexa do convento transformarase nun espazo único á hora de afinar a orella e atender aos mellores contadores e contadoras galegas e mesmo doutras partes do mundo. 

O programa deste encontro internacional de contadores de historias é o seguinte:

  • Sábado 3: Quico Cadaval. 21 horas
  • Domingo 4: Caxoto. 21 horas
  • Luns 5: Brais das Hortas. 21 horas
  • Martes 6: Ánxeles Goas. 21 horas
  • Mércores 7: Carmen Conde. 21 horas
  • Xoves 8: De dous en dous (Adriano Reis e Quico Cadaval). 21 horas
  • Venres 9: Adriano Reis. 18 horas :: Tres eran tres (Cristina Verbena, Pepito Mateo e Victoria Siedlecki). 20 horas
  • Sábado 10*: Pepito Mateo. 18 horas
  • Domingo 11: Vermú de Contos (Cristina Verbena). 13 horas :: Victoria Siedlecki. 18 horas :: Gala de Clausura (Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki). 21 horas

O segundo sábado, ademais do programa habitual ao longo da semana, haberá un ciclo baixo o nome ‘Rota de historias’ que partirá desde a igrexa e percorrerá lugares emblemáticos da cidade namentres se comparten historias da man de Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki.

Haberá catro quendas (para catro grupos de sesenta persoas) con saída ás 22.00, 22.20, 22.40 e 23.00 horas. As invitacións poderán ser recollidas na Igrexa de Santa Clara de Pontevedra desde as 21.30 horas para todas as funcións.

Cómpre lembrar que todas as actividades incluídas no programa terán unha entrada de balde até completar capacidade.