A oitava edición da Gladiator Race reunirá a 1.400 participantes na cidade de Pontevedra esta fin de semana 

170
A proba, organizada pola firma de xestión de eventos deportivos Noko 360 en colaboración co Concello de Pontevedra, desenvolverase na Illa do Covo os días 3 e 4 de xuño 

Tal e como como xa é tradición ao longo da última década, a primeira fin de semana de xuño terá como protagonista no eido deportivo unha nova edición da carreira de Obstáculos Gladiator Race Pontevedra.

Un total de 1.400 adultos e 300 nenos e nenas coincidirán ao longo do 3 e 4 de xuño na Illa do Covo para gozar de dúas xornadas de deporte e diversión de xeito paralelo.

Coas inscricións xa esgotadas hai algo máis de 1 mes, o sábado pola tarde será a quenda para as modalidades Gladiator Rocket —con máis de 5  quilómetros e 25 obstáculos— e Gladiator Warrior (máis de 8 quilómetros e 35 obstáculos), e o domingo pola mañá tocaralles entrar en acción aos máis pequenos da casa coa Gladiator Kids —para menores de 3 a 12 anos acompañados dun adulto—.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo sinalar durante a presentación oficial do evento que esta era unha proba «diferente», ao ter un marcado carácter lúdico e aberto, alén do competitivo, o que permite que se achegue unha enorme cantidade de xente. «Pontevedra á unha cidade de deporte, é a cidade do deporte, e por iso podemos facer e acoller competicións de todo tipo».

Destaca especialmente nesta edición a alta participación de fóra da Boa Vila, xa que se achegarán participantes desde máis de 20 provincias diferentes, así como un nutrido grupo de deportistas portugueses.

O compoñente solidario deste evento xa consolidado no panorama nacional de carreiras de obstáculos, tampouco quixo faltar á súa cita nesta edición na que grazas ao proxecto solidario Aproxima, impulsado por Banco Mediolanum, cuxo obxectivo é darlle visibilidade a oenegués locais menos coñecidas ou con menor capacidade para chegar á sociedade civil, un euro de cada inscrición irá destinado ao Banco de Alimentos de Pontevedra e a asociación Bata.