A Concellería de Igualdade convoca a III edición do Premio Literario Pinto e Maragota en colaboración con Edicións Xerais

79
  • A concelleira socialista Yoya Blanco explica que “o xénero literario das obras poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto” e que “o premio outorgarase tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática da diversidade de sexo e xénero dentro da mesma”
  • As bases do certame, que ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero e que conta cun único premio de 3.000 euros, xa poden descargarse na páxina web do Concello de Pontevedra a través do enlace https://pontevedra.gal/arquivos/2023/bases_PREMIO_PINTO_e_MARAGOTA_2023.pdf 

A Concellería de Igualdade, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, vén de convocar a III edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. As obras presentadas deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero (orientación sexual e/ou identidade de xénero), establecéndose un único premio de 3.000 euros que fará efectivo o Concello de Pontevedra (e que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas).

Tal e como explica a concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco, “o xénero literario das obras poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto”. “No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto -matiza Blanco-, o texto deberá ter unha extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre. As obras para o público infantil non terán extensión mínima requerida”.

As persoas que desexen participar deberán enviar os traballos en formato pdf por correo electrónico, co asunto ‘Para o III Premio Literario PINTO E MARAGOTA’, ao enderezo electrónico igualdade@pontevedra.eu. Deberanse incluír no email dous arquivos: un co orixinal, que terá que presentarse baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a; e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta. O prazo de presentación pecharase o xoves 29 de xuño ás 23:59 horas.

Segundo apunta a concelleira Yoya Blanco, “o premio outorgarase tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática da diversidade de sexo e xénero dentro da mesma”. “Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer, en envíos separados. Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM) a través do teléfono 986 864 825 ou do email igualdade@pontevedra.eu”, precisou Blanco.

As bases do certame pódense descargar no seguinte enlace: https://pontevedra.gal/arquivos/2023/bases_PREMIO_PINTO_e_MARAGOTA_2023.pdf

Nas anteriores edicións do Premio Literario Pinto e Maragota resultaron gañadoras as novelas Cobiza, da escritora María Reimóndez, e Estranxeiras, da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro.