Os datos de maio ratifican o acerto do cambio de localización da caseta de Turismo de Pontevedra: o número de visitantes rexistrados no punto de información situado diante das Ruínas de Santo Domingo pasa dos 1.343 de 2022 a 4.440

58
  • Tal e como sinala a concelleira Yoya Blanco, “en base ao informe deste primeiro mes de entrada en funcionamento da sede única, que avala o éxito da decisión de emprazala en Montero Ríos, houbo 1.343 visitantes internacionais e 3.097 nacionais, fronte aos 899 e aos 2.198 do mesmo período do ano pasado”
  • Blanco constata “unha grande afluencia de peregrinos estranxeiros, especialmente alemáns, ingleses, franceses e arxentinos, así como dalgúns grupos procedentes de cruceiros atracados no Porto de Vigo, e dentro do turismo nacional, de visitantes de Madrid, Castela León, Castela A Mancha e Andalucía, moitos deles en grupos e excursións organizadas”

O informe de visitantes rexistrados durante este mes de maio por Turismo de Pontevedra pon de manifesto o acerto que a concelleira Yoya Blanco tivo ao ubicar a nova caseta na avenida de Montero Ríos, diante das Ruínas de Santo Domingo. Así, o punto de información turística, que abriu as súas portas como sede única de Visit Pontevedra a principios de maio, máis que triplicou neste primeiro mes de funcionamento o número de turistas en relación ao mesmo período de 2022, pasando de 1.343 visitantes a 4.440, é dicir, 3.097 máis que o ano pasado. Deles, un 30,25% (1.343) foron visitantes internacionais e un 69,75% (3.097) nacionais, fronte aos 444 e 899 de 2022, respectivamente.

Tal e como constata Yoya Blanco, “en base ao informe deste primeiro mes de entrada en funcionamento da caseta, que sen dúbida avala o éxito da decisión de emprazala en Montero Ríos, rexistrouse unha grande afluencia de peregrinos estranxeiros, especialmente alemáns, ingleses, franceses e arxentinos, así como dalgúns grupos procedentes de cruceiros atracados no Porto de Vigo, e dentro do turismo nacional, de visitantes de Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Andalucía, moitos deles en grupos e excursións organizadas”.

En concreto, ao longo do pasado mes de maio pasaron pola nova caseta de Turismo de Pontevedra 209 visitantes de Alemaña, 170 de Arxentina, 164 do Reino Unido, 144 de Francia, 140 de Estados Unidos, 68 de Portugal, 63 de Italia, 42 de Brasil, 40 de Canadá, 39 de Países Baixos, 29 de México, 21 de Irlanda, 17 de Suíza, 12 de Venezuela, 3 de China e 2 de Xapón (os restantes 180 doutras partes do mundo). No que atinxe á orixe dos turistas de procedencia nacional, os máis numerosos procedían de Madrid (608), Castela e León (478), Castela A Mancha (362), Andalucía (340), País Vasco (283), Comunidade Valenciana (247), A Rioxa (134), Cataluña (123), Estremadura (119), Canarias (89) e outros puntos de Galicia (124).

O moderno punto de información turística foi instalado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo cun orzamento duns 40.000 euros, O obxectivo de Yoya Blanco foi dotar ao epicentro da Praza de España dunha oficina única de turismo nun lugar de paso obrigado dos peregrinos que fan o Camiño Portugués a Santiago e dos viaxeiros dos numerosos autobuses que estacionan en San Roque.