AMBIENTa chega a súa terceira edición cunha programación que medra e amplía a súa oferta audiovisual a través das series e os videoclips 

36
A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra contará con Bob Pop para presentar o primeiro capítulo da súa serie, Maricón Perdido; e coa actuación do cantareiro e bailador Mondra
O ciclo, promovido polo Concello de Pontevedra, será desenvolvido na Praza da Pedreira entre os días 12 e 16 de xuño 

A concelleira de Festas en funcións, Carme da Silva, presentou esta mañá o novo programa do ciclo AMBIENTa que ao longo da semana que vén poderá ser gozado na Praza de Pedreira, entre os días 12 e 16 de xuño. A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra medra nesta  nova edición e consolida a súa oferta dentro da programación do verán.

A terceira edición deste ciclo continúa o seu camiño repetindo espazo co fin de facer público o dereito á diversidade e, tamén, o dereito a esta diversidade no espazo público. Porén, si haberá novidades no referido ao contido, ao ampliar o seu radio de acción ao incluír unha nova sección baixo o título AMBIENTa Estrea, proxectando por vez primeira no país a obra Anhell69, de Theo Montoya, premio á mellor película latinoamericana no 37.º Festival de Mar de Plata. Trátase dunha sección froito da colaboración co Cineclube Pontevedra.

Captura de pantalla 2023 06 08 a las 9.23.55

Outra novidade, amais da nomeada sección, tamén aparece AMBIENTa Serie, na que se pon o foco no apartado audiovisual episódico que tanto éxito vén acadando nos últimos anos da man das diferentes plataformas dixitais. Así, o mércores 14 de xuño, Bob Pop, referente dentro da comunidade LGBTIQA+ presentará Maricón Perdido, serie creada por el mesmo, para logo ser proxectado o primeiro episodio.

Seguindo coas novidades, tamén se incluirá este ano a proxección dun videoclip da man do Cantareiro e bailador Mondra, actuando, baixo o nome Aghrúuu. Aproveitando a ocasión, tamén fará vibrar ao público cunha actuación en vivo coa súa proposta musical entre o tradicional e a electrónica.

Máis aló destas novidades, o programa oficial sería completado coa proxección de Blue Jean, o luns 12 de xuño; de Flee, o xoves 15 de xuño; para rematar o venres, 16 de Xuño, coa festa de clausura e unha selección de curtametraxes.

No caso de choiva as actividades previstas para o luns, mércores e venres serían trasladadas ao Pazo da Pedreira. No caso do martes e o xoves serían suspendidas ao non poder ofrecerse un espazo alternativo. 

Captura de pantalla 2023 06 08 a las 9.24.11