Pontevedra acolle por terceiro ano o Galicia Sportech Congress, unha cita pioneira centrada na aplicación das novas tecnoloxías ao deporte 

21
Entre os días 12, 13 e 14 de xuño se sucederán mesas redondas, obradoiros, mostras e presentacións na facultade de Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala que a Boa Vila quere e debe acoller «eventos que a fan referente e estar na vangarda» para poder seguir avanzando 

Pontevedra acollerá a terceira edición do Galicia Sportech Congress. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá na presentación desta cita que conta co apoio do Concello de Pontevedra e que se celebrará os días 12, 13 e 14 de xuño, na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Boa Vila. 

«Para Pontevedra é un honor poder recibir de novo a todos os participantes neste evento e estamos encantados de seguir configurándonos como a cidade do deporte de Galiza», indicou Lores. «É un congreso ao que asistirá moitísima xente relacionada coa innovación e as novas tecnoloxías aplicadas ao deporte: representantes de equipos, de empresas, deportistas…».

A cita vivirá unha primeira xornada en liña, sendo as outras dúas presenciais na nomeada facultade. Os asistentes, que poden reservar praza a través da web oficial do congreso, poderán asistir a mesas redondas, presentacións de proxectos, obradoiros e exposicións varias, tal e como indicou o coordinador da cita, David Suárez

«Este é un congreso necesario para seguir na vangarda, pois cada vez se aplica máis no deporte e hai máis empresas relacionadas coa actividade física que poñen o foco no uso dos datos e a súa recollida», sinalou o rexedor. «Somos unha cidade referente e estes eventos permiten que continuemos nesa liña. Debemos agradecerlles a súa aposta por Pontevedra, sen dúbida».

Suárez confesou que recibiron ofertas doutras cidades e vilas tales como Andorra para facer este ano o congreso, mais «o compromiso con Pontevedra estaba claro desde o minuto un».