Uns 220 xogadores de categorías base encherán Pontevedra de baloncesto esta fin de semana na Xuntanza Preminibasket

167
  • O evento deportivo da Federación Galega de Baloncesto, que este ano organiza o CAB Pontevedra en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Deportes e a Universidade de Vigo, reunirá este sábado 17 de xuño no Pavillón Multiusos da Xunqueira ás seleccións zonais do preminibasket galego (rapaces de entre 9 e 10 anos): A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Vigo e Galicia 2014
  • En paralelo, como parte do proxecto do CAB Social, voluntarios do club desenvolverán unha recollida de alimentos non perecedoiros destinados a abastecer ao Banco de Alimentos de Pontevedra e voluntarios da Fundación Juan XXIII levarán a cabo unha recollida de libros para a entidade

Uns 220 xogadores con idades comprendidas entre os 9 e os 10 anos encherán de baloncesto a nosa cidade esta fin de semana na celebración da Xuntanza Preminibasket, un grande encontro deportivo da Federación Galega de Baloncesto (Fegaba) que este ano organiza o Club de Amigos do Baloncesto (CAB) de Pontevedra en colaboración coas concellerías de Benestar Social e de Deportes e a Universidade de Vigo. O evento reunirá este sábado 17 de xuño no Pavillón Multiusos da Xunqueira ás seleccións zonais do preminibasket galego: A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago, Vigo e Galicia 2014.

En paralelo a este despregue de talento baloncestístico, como parte do proxecto do CAB Social impulsado desde o equipo pontevedrés, voluntarios do club desenvolverán unha recollida de alimentos non perecedoiros destinados a abastecer o Banco de Alimentos de Pontevedra e voluntarios da Fundación Juan XXIII levarán a cabo unha recollida de libros para súa entidade. A Universidade de Vigo abrirá o comedor da Facultade de Ciencias Sociais para que tódolos xogadores poidan comer tralos partidos que se celebrarán pola mañá, mentres que Supermercados Froiz facilitará merendas saudables para que os pequenos deportistas poidan repoñer enerxía pola tarde, nun evento que sen dúbida achegará a moitas familias a Pontevedra para desfrutar do baloncesto e da cidade.

A Xuntanza Preminibasket foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o director deportivo da Fegaba, Darío Méndez; e o coordinador deportivo do CAB Pontevedra, Ramón Santos. Tal e como sinalou o edil socialista, “o CAB é un club que desempeña unha gran labor social no noso concello, colaborando con entidades como Down Xuntos ou a Fundación Juan XXIII, e este é un evento que ten o seu lado solidario, con recollidas de alimentos e de libros”.

Darío Méndez asegurou que a Xuntanza “vén a ser un resumo de todo o ano, contando con dous equipos (masculino e feminino) por cada unha das delegacións zonais de Galicia (de nenos e nenas nados en 2013), ata un total de 14, e tamén dúas seleccións dun ano menos, de nados en 2014”. “Isto non é unha competición -subliñou o responsable da Fegada-, simplemente queremos ver xogar aos rapaces e ver como se desenvolven na competición. Haberá arbitraxes, pero non haberá ningún tipo de clasificación para semifinais e finais”.

Méndez aproveitou a ocasión para felicitar ao CAB polo seu labor na organización desta Xuntanza rotatoria, destacando o bo facer dun club que en dez anos foi quen de poñer en funcionamento 22 equipos.

Pola súa banda, Ramón Santos afirmou que esta Xuntanza “é moi boa xa non só para o CAB Pontevedra, senón de cara ao conxunto da cidadanía”. “Coas 7 seleccións, máis as de primeiro ano, xuntaremos aquí a uns 220 xogadores que virán acompañados das súas familias, o que supón a recepción de moita xente. Será un día lúdico e bonito que comezará ás 8:45 horas e finalizará arredor das 18:00 horas, con parada para xantar a mediodía. Non hai resultados nin se ten en conta quen é mellor ou peor. Do que se trata é de que se coñezan e de que xoguen con xente distinta á que están acostumados durante todo o ano”, apuntou Santos.