O III Campus Laranxa encherá de fútbol e diversión o complexo deportivo Manolo Barreiro durante todo o mes de xullo

103
  • O campus de verán organizado polo Integración Deportiva Pontevedra (Indepo) CF en colaboración coa Concellería de Benestar Social dividirase en dúas quincenas e desenvolverase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ofertando un total de 80 prazas, unhas 15 ou 20 delas gratuítas para rapaces e rapazas derivados polos Servizos Sociais do Concello
  • Os nenos e nenas que desexen inscribirse deberán ter entre os 4 e os 16 anos, conformándose grupos compostos por bloques de idade cun máximo de 15 integrantes

O Integración Deportiva Pontevedra (Indepo) CF organizará no período estival por terceiro ano consecutivo nas instalacións do Complexo Manolo Barreiro o seu Campus Laranxa, orientado a que nenos e nenas tanto pertencentes como alleos ao club poidan practicar deporte, especialmente fútbol, durante todo o mes de xullo. Seguindo a súa filosofía fundacional de tentar axudar a aqueles rapaces con maiores dificultades económicas, o campus de verán, impulsado en colaboración coa Concellería de Benestar Social, ofrecerá reduccións económicas a pais e nais desempregados e entre 15 e 20 das súas 80 prazas serán gratuítas para menores derivados polos Servizos Sociais do Concello.

Poderán inscribirse neste III Campus Laranxa aqueles nenos que teñan entre 4 e 16 anos (idades correspondentes en fútbol ás comprendidas entre as categorías biberón e cadete), conformándose grupos compostos por bloques de idade cun máximo de 15 integrantes e evintándose que dentro de cada grupo existan diferencias de idade maiores aos dous anos. Dentro do programa de actividades que se realizarán inclúense sesións técnico-tácticas de fútbol atendendo á idade dos rapaces e eventos lúdicos como xogos populares, xogos de auga, excursións…, así como sesións multideportivas para que se poidan coñecer e experimenten outras modalidades e disciplinas.

O campus de verán foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron o seu coordinador, Francisco Moreno; o presidente do Indepo CF, Fernando Moreno, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, quen explicou que “as actividades levaranse a cabo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, dividíndose o programa en dúas quincenas (do 3 ao 15 de xullo e do 17 ao 31 de xullo) e puidendo todo aquel que o desexe inscribirse en ámbalas quincenas para desfrutar de todo o mes”. “Os nenos e nenas inscritos -sinalou Rey- empregarán os campos de fútbol do Complexo Municipal Manolo Barreiro e unha pista do Pavillón Multiusos da Xunqueira en caso de que haxa un día de choiva. As instalacións están pois moi próximas ao centro da cidade e dispoñen doutras áreas recreativas ao seu arredor”.

O edil salientou a súa “satisfactoria” experiencia persoal con este campus, no que o seu fillo pequeno participou na súa primeira edición, “permitindo que os rapaces desfruten moito do fútbol e doutras experiencias como excursións”.

Os prezos das inscricións son os seguintes: 60 € (máis 5 € do seguro de accidentes); 50 € (máis 6 € de seguro) para os pais desempregados, e o segundo irmán ao 50%. A reserva anticipada de praza poderá realizarse mediante whatsapp a través dos teléfonos 655 80 96 01 e 641 69 72 04.

O presidente do Indepo CF asegurou que a vocación deste campus é a de adaptarse á situación das economías familiares “con prezos asequibles”, polo que “dado que aínda nos quedan bastantes prazas, o que nos gustaría transmitir é que calquera neno ou pai que queira anotar ao seu fillo ten até o 30 de xuño para facelo”. “Queremos que tódolos nenos e nenas poidan xogar ao fútbol e imos axudar a aqueles que teñan unha mala situación económica. O noso labor é integrar aos nenos na sociedade”, constatou Fernando Moreno, quen desvelou que o primeiro coordinador do campus, Damián Moreno, “está adestrando en Shangái (China)”, o que pon de manifesto o nivel dos técnicos implicados no proxecto.

O seu irmán Francisco salientou que no programa “non só hai fútbol, senón tamén outras actividades: un día irán á praia, outro de sendeirismo, outro á praia de Lourido…”, e incidiu en que “o fútbol está agora mesmo cuns prezos desorbitados, e este campus está pensado para eses rapaces que non poden, para que teñan un mes de xullo o máis agradable posible”. Moreno precisou que, un ano máis, haberá un servizo de agarda ás 8:30 horas para que os pais que comezan a traballar cedo poidan deixar aos fillos, e matizou que os prezos que se cobran “son sempre flexibles” e “van destinados esencialmente a material deportivo e a pagarlle aos monitores e adestradores, todos eles titulados con nivel 3 (carné de Primeira División)”.