O alcalde, Miguel Anxo Fernándes Lores, informou da recepción dun correo por parte do Fraunhofer-Institute for Systems and Innovation Research ISI co fin de realizar unha entrevista ao longo deste verán na que transmitir as claves da transformación realizada na Boa Vila
O Ministerio Federal Alemán de Vivenda, Urbanismo e Construción (BMWSB) e a súa Oficina Federal de Construción e Ordenación do Territorio (BBSR) encargaron un estudo a través do Fraunhofer-Institute for Systems and Innovation Research ISI (Karlsruhe) e os seus asociados co fin de aprender das «cidades máis avanzadas de Europa», «os seus factores de éxito e os escollos á hora de reducir a presencia de coches e reasignarlle o espazo urbano de novo ás persoas», seguindo as palabras do comunicado recibido no Concello de Pontevedra.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da recepción desta mensaxe, unha mensaxe que lle fai «especial ilusión» e que vén a confirmar «a preocupación que existe en todo o mundo pola cuestión do exceso de vehículos nas cidades». Así, na comunicación transmitida solicítase unha entrevista persoal sobre a formula de xestión ao redor da mobilidade e a transición urbana realizada até o de agora, amais dos plans de futuro.
Segundo o indicado no correo, a idea sería realizar estra entrevista a finais de xullo, agosto ou nas primeiras semanas de setembro. «Tentaremos pechar a data canto antes», indicou o rexedor, sinalando a importancia de Pontevedra e o seu modelo urbano á hora de situar á Boa Vila como un referente internacional que continúa a atraer olladas, reportaxes, peticións de información e interese a todos os niveis.