A praia fluvial do Lérez e a praia de Ponte Sampaio contarán con servizo de socorristas até o vindeiro 31 de agosto 

80
Os areais e a súa contorna contarán cun servizo especial de limpeza diario, que inclúe tamén o mantemento dos baños e o baleirado das papeleiras 

Como vén sendo habitual ao longo dos últimos anos, o Concello de Pontevedra contará con servizo de socorrismo nas praias do municipio. Así, tanto a praia fluvial do Lérez como a praia de Ponte Sampaio terán cadanseus socorristas entre as 13 e as 20.30 horas.

O servizo foi iniciado o pasado 1 de xullo e permanecerá activo, ao longo de todos os días, até o 31 de agosto, incluíndo fins de semana. 

Cómpre indicar que en ambos os dous areais foi realizado un proceso de mantemento e adecentamento, no que se inclúe a retirada de malas herbas, de algas, de limpeza xeral e de arado da propia area. Este mantemento terá continuidade ao longo dos meses de xullo e agosto, con limpezas diarias dos baños e baleirado das papeleiras.

Ademais, co fin de manter a seguridade en todo momento, o servizo de socorrismo contará cun reforzo extra nas xornadas e horas nas que se prevén máis usuarios, a saber: de luns a venres, polas tardes, na praia fluvial; e nas fins de semana e festivos na praia de Ponte Sampaio.

No caso do areal de Ponte Sampaio, contarase por segundo ano consecutivo cunha zona delimitada por balizas para a protección dos bañistas, mantendo afastados aos vehículos acuáticos. A praia do Lérez tamén contará cunha zona delimitada por boias.