O Concello aproba un proxecto de mellora para a recollida de augas pluviais e residuais do novo hospital de Montecelo 

19
Contará cun orzamento próximo aos 800.000 e evitará posíbeis inundacións na zona así como vertidos ao río Marco 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local dun proxecto de mellora para a recollida de pluviais e augas residuais de cara á construción do novo hospital de Montecelo, que ten prevista a súa finalización no comezo do vindeiro ano.

«Hai unha necesidade de investimento para a recollida de pluviais dunha banda e residuais doutra. A ninguén se lle escapa que ao aumentar a edificabilidade haberá un volume maior de augas», sinalou. «É preciso acometer esta mellora antes do inverno para evitar que haxa problemas con pequenas inundacións».

Así, a XGL aprobou unha actuación que contará cun orzamento próximo aos 800.000 euros. Os traballos inclúen un aumento da rede de fecais en 90 metros e unha ampliación das canalizacións de pluviais en 800 metros e evitar que o río Marco reciba vertidos. «Contrataremos esta obra o antes posíbel, finalizou o alcalde.»