O alcalde ordena a retirada de todas as cabinas de teléfonos da cidade

16

Telefónica e R son as compañías responsábeis destes equipamentos que na actualidade carecen dun uso para a veciñanza ou os visitantes da Boa Vila e amosan un estado moi deteriorado

No caso de Teléfonica, o desmantelamento das estruturas comezará de inmediato, mais as de R, ao ter unha función loxística como centros de acceso rápido a Internet, deberá buscarse unha solución que mellore a súa estética dentro do espazo público

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá de venres, 21 de xullo, da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos temas incluídos na orde do día, o rexedor quixo facer fincapé no obxectivo de darlle «unha maior responsabilidade á Xunta de Goberno».

Así, na procura dunha mellor dirección e unha coordinación máis eficaz, xunto coa idea de darlle un maior impulso á acción de Goberno, «priorizando os asuntos máis importantes», o rexedor tomou a decisión de que os directores xerais e, nalgúns casos, a coordinadora de alcaldía asistan ás Xuntas de Goberno e facer «un seguimento específico dos temas que consideremos de prioridade».

Máis aló desta cuestión, Lores informou da emisión da orde de retirada as cabinas de teléfono existentes na cidade, tendo como base e marco o impulso ao mantemento do espazo público, entendéndose este como un espazo de convivencia para todos e todas «que forma parte do ADN de Pontevedra».

«Dei a orde de retirar todas as cabinas que están en desuso e que están nun estado deficitario», sinalou. «Falamos das cabinas de Teléfonica e de R que aínda vemos polas rúas e que de xeito inmediato, no menor tempo posíbel, comezarase co seu desmantelamento».

Telefónica ten 23 equipamentos deste tipo en Pontevedra, distribuídos por diferentes puntos da cidade, incluíndo o centro histórico. A compañía xa tramitou a licencia de obra para eliminalos e repoñer o pavimento.

No caso de R, se ben as cabinas non teñen un uso a nivel usuario —chamar a outras persoas—, si albergan centros de acceso rápido é rede que a empresa utiliza. O alcalde confirmou que manterá conversas coa compañía para que, no caso de non poder mudar de lugar estes centros, busque unha alternativa no sentido estético menos avultada e máis acorde coa calidade urbana da cidade.

«Estou convencido de que resolveremos o tema, mais está claro que esa a imaxe desas cabinas abandonadas non se corresponde coa que queremos ter no espazo público nunha cidade que é referente».