Abre ao público a nova zona de estancia no lateral da Casa Consistorial 

120
A reforma realizada completa a Praza do Concello e crea un novo espazo de descanso e paseo para o desfrute da veciñanza e dos visitantes, mellorando a accesibilidade de toda a zona  

A veciñanza xa pode sentar nos novos bancos que se sitúan ao carón da Casa Consistorial. A reforma deste espazo chegou ao seu fin traendo consigo unha rehabilitación integral da zona e completando, no referido a estética e accesibilidade, a contorna da Praza do Concello.

«Abrimos un espazo no que cunha simple ollada xa vemos que gañou moitísimo toda esta praza», indicou o edil de Obras, César Mosquera, acompañado da alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, durante a apertura e retirada dos valados do lugar. «Durante moitos anos a praza maior de Pontevedra foi a Ferraría, mais chegou un momento en que quedou escasa: os concertos e as actividades atraían máis xente cada vez. A Praza do Concello pasou a ser esa praza maior que acolle eventos, festas, eventos deportivos… que agora queda completada con esta reforma».

Mosquera sinalou que o resultado da actuación é «moi afortunado», grazas ás solucións que foron escollidas para sacar adiante a reforma, tales como o aproveitamento dos antigos baños en desuso para albergar os novos sistemas de climatización da Casa Consistorial. A obra trouxo consigo tamén a renovación dos servizos soterrados, unha mellora da iluminación, a creación dunha plataforma única xerando unha praza e a posibilidade de conservar o fento xigante do antigo xardín.

Doutra banda, o edil destacou a instalación dos novos bancos, «de sol e sombra, dependendo das horas do día e da época do ano», e que cumprirán coa súa función a perfección nunha obra «que completa e que supón un agarimo para o espazo público». «Agardamos que a xente desfrute desta zona desde xa e de cara ás festas e aos concertos da Peregrina».

O custe total da reforma do lateral foi de 258.845,71 euros, sendo a empresa Construcciones Ramírez a encargada de facer realidade o proxecto.