As probas, que se realizarán en distancias de 500 e 200 metros na categoría sénior, serán celebradas ao longo de todo o sábado, 12 de agosto, e da mañá do domingo, 13 de agosto
En total, a cita contará coa participación de case 600 deportistas, onde a maioría serán mulleres, ocupando o 58 % das inscricións
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou esta mañá de mércores o Campionato de España de Barco Dragón 500 metros e 200 metros, acompañada do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea.
«A aposta deste Concelle é sabida e está clara: promocionar todos os eventos deportivos posíbeis», indicou a edil. «Nese sentido, tendemos a man para cooperar e traballar polo deporte, neste caso polo piragüismo, disciplina que ten unha posición privilexiada no noso municipio. Hoxe só podo agradecerlle a Federación a dinamización que supón para a cidade e para todas nós a organización deste tipo de citas que require un esforzo».
A cita presentada esta mañá desenvolverase na xornada do vindeiro sábado, 12 de agosto, e na mañá do domingo, 13 de agosto. «A modalidade dragón é unha modalidade nova, interesante e integradora, ademais de moi vistosa de ver», sinalou Gulías, ao tempo que lembraba que a coincidencia co comezo das Festas da Peregrina, engade unha chiscadela deportiva a programación que a cidade vivirá nos próximos días.
Bea explicou que a modalidade dragón está entrando «con moitísima forza en toda Europa e neste caso tamén na Península. A día de hoxe a comunidade galega conta con máis de vinte dragóns nos clubs de piragüismo».
Doutra banda, o presidente quixo sinalar unha singularidade realmente importante desta modalidade, como é contar cun número de mulleres maior que de homes na súa práctica. «Temos inscritas 345 mulleres nesta competición, representando ao 58 % dos participantes, sendo os homes 253».
Así, case 600 deportistas daranse cita en Pontevedra para competir no Pontillón do Castro, chegados de Castela e León, Estremadura, Madrid, País Vasco, Asturias, Murcia, Andalucía e, como non, Galiza.