O Concello aproba unha nova aportación económica para a construción do hospital de Montecelo e supera os 16 millóns de euros en investimentos 

62
Este novo aporte de 336.000 euros foi aprobado na XGL deste venres e ten como obxectivo mellorar a liña de media tensión que abastece ao complexo hospitalario
O investimento será incluído na vindeira modificación de crédito e atende a unha petición do Sergas comunicada o pasado mes de agosto 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos tratados na orde do día, o rexedor informou do acordo e aprobación para realizar un novo investimento en relación coa construción do novo hospital de Montecelo.

Lores explicou que este investimento será incluído na vindeira modificación de crédito que se realice e dará cumprimento a unha petición do Sergas, comunicada o pasado mes de agosto, na que se solicitaba un investimento de 336.000 euros para a mellora da liña de media tensión que abastece ao complexo hospitalario.

«Tomamos nota da demanda e aceptamos o investimento. Sumando este novo investimento, o Concello superará xa os 16 millóns de euros no conxunto de cartos aportados desde as arcas municipais para a construción do novo hospital», indicou o alcalde. Nesta suma figura as achegas do convenio inicial (4.000.000 euros), a condonación da licenza e o ICIO (5.110.000 euros), abastecemento (4.614.231 euros), creación do novo viario perimetral (1.169.479 euros) e rede de saneamento e pluviais (801.646 euros) e, inclúese agora, os nomeados 336.000 euros da mellora da rede de abastecemento eléctrico.

Aprobada unha porcentaxe mínima do 10 % para procesos de adxudicación a centros especiais e empresas de inserción laboral

O rexedor tamén deu conta da aprobación en XGL doutros asuntos como a fixación mínima do 10 % de reserva do dereito de participar nos procedementos de adxudicación de contratos de servizos relativos ao mantemento de xardíns e parques forestais, ou determinados lotes dos mesmos, a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción laboral.

«Trátase dunha decisión que dá cumprimento ao disposto na disposición adicional cuarta da lei 9/2017 de contratos do sector público», explicou Lores. «No caso do Concello de Pontevedra, desde hai moitos anos, xa viñamos facendo este tipo de contratos, alén da lexislación. Sexa como for, aprobamos esta porcentaxe mínima esta mañá».

Por último, o alcalde tamén destacou a ampliación do prazo de execución para o proxecto de reparación da cuberta do pavillón multiusos. A falta de subministracións producida pola folga do metal, entre outros elementos, derivou nesta petición da empresa adxudicataria. A obra deberá estar rematada antes do 6 de outubro.