O Concello destina máis de medio millón para o deporte locala través das Escolas municipais e das subvencións aos clubs 

186

A inscrición nas Escolas deportivas comeza o vindeiro luns, 18 de setembro, a través dos propios clubs. Son 22 modalidades deportivas ás que se suman natación, waterpolo e loita. O inicio da escola será o vindeiro 2 de outubro. O Concello destina 250.000 euros para os clubs e Anpas que as organicen.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as bases das subvencións aos clubs valoradas en 300.000 euros. 

O Concello de Pontevedra vén de aprobar un investimento de 525.000 euros para o fomento da actividade física e deportiva a través das Escolas deportivas municipais e das subvencións aos clubs deportivos en competicións federadas. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías reiterou esta mañá o compromiso do novo goberno co impulso da actividade deportiva na presentación das Escolas deportivas 2023/24 que supoñen un investimento de 250.000 euros, e informou da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local das bases das subvencións de 2022 para o fomento da actividade deportiva dos clubs por valor de 300.000 euros.

Escolas deportivas

Ao respecto das Escolas deportivas municipais, o programa vai dirxido á poboación en idade escolar, de entre 4 e 14 anos, e ten por obxecto a promoción e práctica da actividade física e deportiva ao tempo que favorece hábitos de vida saudables. 

As escolas deportivas de promoción municipal están organizadas fundamentalmente por entidades deportivas do municipio ou asociacións de nais e pais (ANPAS) dos colexios públicos do rural e contan coa colaboración do Concello de Pontevedra, que dispón dun orzamento de 250.000 euros para as actividades de iniciación deportiva. 

As actividades enmarcadas dentro das EDPM, están subvencionadas polo Concello cunha axuda máxima de 82 euros por nena/o, e a cota de inscrición por curso ronda os 50 euros. 

A inscrición comezará o 18 de setembro e serán as propias entidades as que realicen este proceso. O procedemento de inscrición será independente para cada actividade e segundo a forma establecida por cada club: enlace páxina web, correo electrónico, formularios online… 

A propia entidade confirmará ás persoas participantes a súa asistencia, e as escolas darán comezo a partir do 2 de outubro. 

Haberá unha oferta de máis de 2.000 prazas en 22 especialidades deportivas: atletismo, badminton, baloncesto, balonman, ciclismo, escalada, fútbol, fútbol sala, judo, loita, natación, pádel, rugby, taekondo, tenis, tenis de mesa, voleibol, xadrez, waterpolo, ximnasia rítmica, ximnasia acróbática, trampolín xestionadas a través de 35 clubs deportivos.

Nesta tempada incorpóranse as modalidades deportivas de natación, loita e waterpolo.

Subvencións a clubs deportivos

Por outro lado, a Xunta de goberno local probou esta mañá as bases das subvencións a asociacións deportivas para fomentar a práctica deportiva e a participación en competicións oficiais no ano 2022. Trátase dunha contía de 300.000 euros para apoiar e fomentar a actividade federada das entidades deportivas do municipio, verdadeiros motores locais do deporte federado.

Na pasada edición recibiron subvención 25 modalidades (natación, baloncesto, ximnasia, balonmán, fútbol, esgrima, taekwondo, bádminton, tenis de mesa, tenis, natación sincronizada, xadrez, piragüismo, tiro con arco, escalada, ciclismo, loita, actividades subacuaticas…), e recibiron axuda 55 entidades.

Entre os criterios avaliables da subvención están o número de licenzas e deportistas selecionados, desprazamentos da entidade, persoal laboral de carácter deportivo da entidade, antigüidade do club…

Importante traballo do servizo e dos clubs

A concelleira destacou o labor da área de deportes do Concello “polo esforzo dos últimos meses” xa que ademais de capitanear probas como a Gran final das series mundiais de tríatlon e outras competicións da fin de semana, tamén xestionan a parte administrativa do servizo.

Tamén quixo agradecer o esforzo dos clubs polo fomento da actividade deportiva  e pola contratación de monitores para ofrecer unha práctica de calidade.

Para máis información das Escolas deportivas: https://deportes.pontevedra.gal/escolas-dep-mun/