Pabalo Dapena: «Temos unha cidade chea de referentes que serán un espello para as novas xeracións de deportistas» 

62
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá xunto ao triatleta pontevedrés para anunciar a creación dunha nova escola municipal deportiva de tríatlon no futuro 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o triatleta pontevedrés, Pablo Dapena, compareceron xuntos en rolda de prensa este martes, 19 de setembro, ás portas do comezo da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que a cidade está por celebrar ao longo desta semana, configurándose como un fito histórico para a Boa Vila e a súa veciñanza.

«Sen dúbida, Pablo Dapena é unha das persoas tamén responsábel de que Pontevedra estea a celebrar esta competición deportiva», sinalou o alcalde. «Vén de competir en Bélxica e queriamos compartir con el este inicio. Pontevedra é a capital do mundo de tríatlon grazas a que temos referentes locais que fan que os cidadáns se volquen nas competicións que acollemos».

O rexedor lembrou que o modelo urbano de Pontevedra facilita o desenvolvemento destas probas internacionais, ao tempo que conta con espazos idóneos para a práctica do tríatlon. «A ninguén se lle escapa o retorno económico que trouxo o tríatlon a esta cidade ao longo dos últimos anos. Estamos sentando as bases para o futuro, sementamos choiva miúda que fai que Pontevedra sexa coñecida en todo o mundo. Pontevedra vai seguir celebrando probas, e aí temos xa o Multisport no 2025».

Afondando nesa idea de futuro e tríatlon na cidade, Lores adiantou que o excampión mundial de tríatlon de longa distancia, Pablo Dapena, ten a intención de crear unha escola municipal de tríatlon co fin de crear unha nova base de deportistas pontevedreses neste eido. 

Dapena conta con iniciar un campus de verán o ano que vén e en setembro do 2024 poñer en marcha a nomeada escola. «Falamos hai algúns meses e ía algo xusto para este 2023, pero queremos crear un calendario, promocionar e poñer en valor o tríatlon a partir do ano que vén», sinalou. «É unha cousa imprescindíbel. Levamos tantos campionatos feitos que creo que é necesario. É unha cidade chea de referentes que serán un gran espello para as novas xeracións».

Ao respecto da competición internacional, o triatleta explicou que «isto é o máximo que unha persoa pode ver no tríatlon». «E incríbel. Non se ve todos os días algo así. Eu, como triatleta profesional, é algo tremendo», indicou.