Lores anuncia a conxelación efectiva das taxas e impostos municipais por décimo ano consecutivo

27

O Concello de Pontevedra conxela por décimo ano consecutivo as taxas e impostos municipais sen actualizar o IPC o que supón, na práctica, rebaixar a carga impositiva efectiva dos veciños e veciñas para o ano 2024. Así o confirmou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ao respecto dos cinco impostos e das vinte taxas municipais.

Cabe lembrar que o Concello de Pontevedra leva dende 2015 (incluído) conxelando todos os seus gravames, pero a traxectoria de conxelación ou actualización tan só ao IPC vai moito máis atrás. Tamén se conxelaron todos os impostos e taxas en 2007, 2009, 2010 e 2011, e no resto de anos non incluídos nesta listaxe e a partir do 2007, os incrementos foron por debaixo do IPC e sobre unhas poucas taxas.

O alcalde confirmou que “a idea é manter a conxelación que fixemos e é un esforzo enorme. Hai incremento de gasto visible en todas as cousas pero non temos tomada a decisión ningunha de aumentar as taxas”.

Tamén dixo que lle gustaría que “a xente fose máis seria porque á oposición non se lle ocurre pensar que os gastos do Concello suben e  os ingresos non suben, senon que hai que baixar a presión impositiva. É estar fóra da realidade e paréceme unha gamberrada. Cando todo o mundo e os seus partidos noutros concellos onde están gobernando están subindo taxas, a proposta de baixalas non é serio. E fala da pouca seriedade dalgunhas forzas políticas ou dalgúns persoeiros dalgunhas forzas políticas”.