Inaugurada a exposición fotográfica do programa Xuntas,  primeira actividade da programación do 25N

56

Atópase no primeiro andar do Teatro Principal e é o colofón dun programa dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade.

Os actos continúan o vindeiro luns coa lectura do manifesto e o despregue da lona coa imaxe gráfica da campaña no balcón da Casa Consistorial. 

O Concello de Pontevedra inaugurou esta mañá a exposición fotográfica do programa Xuntas, situada no primeiro andar do Teatro principal. Esta inauguración á que asistiu a alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías forma parte da programación do 25N, o Día internacional de Loita contra a violencia machista, organizada polo Concello de Pontevedra.

O Programa Xuntas de empoderamento feminino, dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade, tivo lugar no 1º andar do CIM todos os martes entre marzo e setembro. Durante estes seis meses as participantes traballaron na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da autoestima mediante actividades de expresión corporal, teatro, risoterapia, baile, fotografía, técnicas vocais, etc. ao tempo que se favoreceu a creación de redes de apoio entre iguais. 

Esta exposición fotográfica aberta ao público supón o colofón da actividade e na súa inauguración contaremos coas participantes que o desexen que nos achegarán parte da súa experiencia.

A programación do 25N continuará a vindeira semana. O mesmo luns, 20 de novembro está previsto a lectura do manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal cuxa redacción este ano está a cargo de ASOCIM (Asociación de profesionais dos CIM).

Previamente está previsto o despregue dunha lona no balcón da Casa Consistorial coa imaxe da campaña gráfica, que fronte aos discursos reaccionarios negacionistas da violencia machista apela a chamar as cousas polo seu nome desmontando argumentarios falaces desde a pedagoxía mais básica.

A campaña xa se atopa na rúa dende hoxe mesmo a través de cartelería en escaparates e tamén nos mupis da cidade. Tamén está previsto o reparto de camisetas nas actividades programadas.