O alcalde recibe a 19 veces campioa de España, Lydia Pérez 

27

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Deportes, Anabel Gulías, recibiu esta mañá nas dependencias do Concello de Pontevedra á deportista internacional Lydia Pérez Touriño.

A pontevedresa chega como actual campioa de España e cun espectacular currículo que a acredita como unha das deportistas máis relevantes da Boa Vila, sendo 19 veces campioa de España na súa categoría (62 quilogramos), amais de ser nomeada como deportista nacional de alto nivel pola Xunta de Galiza neste 2024. 

Pérez atópase neste intre nun camiño duro e difícil que leva até as Olimpíadas, ben as de París ben as de Los Ángeles. A loitadora está a buscar unha das dúas prazas que quedan dispoñíbeis para a cita francesa, tarefa na que o alcalde tentou animala, lembrándolle que é «un referente para todas as rapazas pontevedresas».

O rexedor quixo destacar as cualidades de Lydia, sinalando que é unha deportista «espectacular», que demostrou ao longo dos anos que «é quen de competir ao máximo nivel con calquera contricante de calquera país do mundo, mesmo cos que teñen unha tradición e unha historia ben coñecida con esta disciplina deportiva como Rusia, Bielorrusia ou Ucraína».