O Concello planta 192 árbores autóctonas para ‘compensar’a pegada de CO2 da Gran Final das Series Mundiais  

52
Esta actividade forma parte da estratexia de sustentabilidade ideada para o evento deportivo e pola que a World Triathlon lle concedeu o certificado de prata

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu e subliñou a sinerxía de todos os servizos municipais á hora de facer posíbel esta acción, ademais de agradecerlle a comunidade de montes de Tomeza por permitir usar un dos seus espazos 

A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon segue tendo os seus ecos na cidade de Pontevedra. O maior evento deportivo na historia da Boa Vila deixou lembranzas espectaculares e unha sensación de éxito absoluto por mor das súas características únicas, entre as que figura a idea de ser un evento sostíbel e sustentábel.

Como é sabido, calquera actividade humana e produtiva produce un efecto negativo sobre o medio que debe ser avaliado, minimizado e compensando. Neste contexto naceu a estratexia de sostibilidade, que dacordo coa guía sobre sustentabilidade para organizadores de eventos, busca integrar criterios sociais (accesibilidade universal, igualdade, inclusión…), económicos (eficiencia, consumo de produtos, recursos, emisións…) e ambientais (afección sobre clima, o medio natural, as especies animais e vexetais..) para evitar impactos negativos, avanzar cara á sustentabilidade e ao mesmo tempo aliñarse cos obxectivos para o desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

Entre as medidas implantadas destacan as relativas a mobilidade sustentable, a accesibilidade universal, a reutilización de elementos de todo tipo, as accións de uso responsable da auga ou o fomento da igualdade e da non discriminación. O seguimento destas accións implicou a recompilación dos datos relativos a consumos, emisións, persoas, espazos e comunicación, o que permitiu tamén cuantificar as emisión de CO2 asociadas á organización e realización do evento deportivo.

O transporte, os consumos das edificacións fixas e temporais ou a xeración e tratamento de residuos foron debidamente avaliados dando como resultado o dato de 38 toneladas de CO2 equivalentes (unidade de medida do cómputo global ponderado das emisións de gases de efecto invernadoiro) emitidas como consecuencia da celebración da Final das Series Mundiais de Triatlón celebradas en Pontevedra. Para compensar o impacto ocasionado polas estas emisións está a ser realizada unha plantación de 192 árbores de de especies autóctonas a través do Concello de Pontevedra e en colaboración con PreZero e así poder lograr un evento neutro en emisións de carbono.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse este xoves a comprobar os traballos que se están levando a cabo na parroquia de Tomeza, concretamente na contorna de San Cibrán, en terreos da comunidade de montes. Neste lugar medrarán castiñeiros e bidueiros nos anos vindeiros. «Compensamos ese exceso de CO2 que se produxo durante a Gran Final co obxectivo de buscar un evento o máis ecolóxico e sustentábel posíbel. Falamos dun aproveitamento e unha sinerxía entre todos os servizos municipais á hora de realizar esta plantación», explicou. 

Este plan de accións queda encadrado dentro do movemento Good Loop, o movemento que reflicte o compromiso coa sustenbilidade da Federación Española de Triatlón. Con Good Loop, FETRI busca a redución máxima das emisións contaminantes que se xeran durante as competicións de triatlón ata lograr as máis altas cotas de sustensibilidade. Como consecuencia desta estratexia World triatlón concedeulle ao evento o certificado de prata de sustentabilidade.