O Mareantes Rugby Club abre este mércores as portas da súa particular celebración de San Patricio entre cervexa e música 

136
O espazo de ocio do colectivo deportivo permanecerá aberto até o 17 de marzo, lembrando que os cartos recadados serán investidos de xeito íntegro no financiamento da súa escola de rugby, onde máis de 100 anos do municipio e comarca participan 

Un ano máis, o Mareantes Rugby Club de Pontevedra festexa o San Patricio como unha unión galaico-irlandesa moi particular, entre cervexa e música, co obxectivo de obter o máximo financiamento posíbel para manter activa a súa escola de rugby na que máis de cen nenos e nenas da comarca de Pontevedra acoden de xeito regular. 

Trátase da XII edición deste festival, que no imaxinario popular é albiscado como a clásica carpa branca situada fronte á Casa Consistorial, e onde música, gastronomía e cervexa combinan á perfección durante varios días, neste caso desde hoxe, 13 de marzo, até o domingo, 17 de marzo. Desde a organización do club, lembran que esta cita lle brinda a cidade e arredores unha «oportunidade de ocio cun transfondo noble e arraigado, colaborando no tecido cultural da cidade promovendo a música en directo de bandais locais, amais de contar con proveedores e negocios do eido local, amais de promover o rugby nas súas categorías inferiores».

A concelleira de Deportes e Promoción Económica, Anabel Gulías, sinalou que esta cita se sitúa como un evento «que forma parte da decoración da propia praza do Concello, case tanto como o balcón da propia Casa Consistorial». «É un evento imprescindíbel que está enfocado dun xeito exemplar, tanto no seu deseño como na escolla da súa data. É un punto de encontro entre todas as persoas que queremos un bo momento e para que eles e elas visibilicen a súa actividade deportiva».

A edil sinalou a importancia e a forza desta disciplina deportiva na cidade, con dous clubs funcionando a tempo completo. 

Pola súa banda, o presidente do Mareantes, Roberto Juncal, lembrou que haberá cervexa Guinnes, Murphy’s, NASA e distintos tipos de variedades 0,0 % de alcol. No eido gastronómico, haberá hamburguesas, cachorros, Irish bun, xamón asado e variedades vexetarianas e veganas para o público. O horario de apertura da carpa será de 13.00h a 00.00h, con servizo de barra e cociña. Juncal lembrou que agardan servir preto de 3.000 litros de cervexa e uns 2.500 bocadillos

A música en directo terá como protagonistas ao Colectivo Tabú, Tabernarios, B&N, Mad Martin, D’Crooners, Movilla y los irrepetibles e Gin Tonis.