PonteAndadas, oito andainas para coñecer as parroquias pontevedresas e manter o corpo en forma 

77
A nova edición deste programa municipal, organizado por Naturgaliza en colaboración co Concello de Pontevedra, propón un xeito ameno de camiñar en compañía e coñecer novos recunchos ao longo de todo o municipio
As rutas a pé, que requiren de inscrición previa, contan cunha distancia de entre 10 e 14 quilómetros e teñen un carácter aberto e de dificultade comedida 

PonteAndadas acada este 2024 a súa sétima edición. Andar é unha das ferramentas máis utilizadas á hora de exercitar o corpo, e os roteiros de PonteAndadas son xa unha serie de citas imprescindíbeis e máis que coñecidas entre todos os que gostan deste tipo de andainas. 

A realidade é que máis de 1.400 persoas participaron o ano pasado nesta actividade, e a organización agarda con manter ou superar as cifras nesta edición. Organizadas por Naturgaliza en colaboración co Concello de Pontevedra, este 2024 haberá até oito saídas distintas, deseñadas con agarimo e co pensamento posto na súa accesibilidade case total.

Máis aló de calquera idea competitiva, as andainas de PonteAndadas buscan ser un actividade «asequíbel» tal e como destacaron Juan Romero e Javi Piñeiro, responsábeis de Naturgaliza, durante a súa presentación. Así, cada quen poderá ir ao seu ritmo, achando lugares que quizá non coñeza e atopando novos sendeiros que percorrer.

As andainas inclúen un quecemento con zumba para todo aquel que o desexe, e como novidade este ano a organización facilitará aos participantes bolsas e luvas para recoller o lixo que atopen durante o percorrido —en caso de querer facelo—. 

A primeira das rutas está programada para o domingo 21 de abril e ten como protagonista a parroquia de Santo André de Xeve. Trátase dun percorrido de dificultade media-baixa e unha duración aproximada de tres horas.

Tal e como lembran desde a organización, todos os roteiros móvense entre os 10 e os 14 quilómetros, e é preciso realizar unha inscrición previa a través do enderezo electrónico ponteandadas@gmail.com ou no teléfono 625 482 636, ademais de xeito presencial nas Galerías Peregrina, número 3. Este proceso ten un custo de 2 euros para pagar o seguro da actividade.