Nove empresas presentan oferta para crear o novo gran pulmón da cidade: o parque da Parda 

139

Cunha licitación de 5,5 millóns de euros, a concelleira de Promoción da cidade e Deportes, Anabel Gulías explicou esta mañá que se informou á Xunta de Goberno do número de ofertas presentadas e destacou a importancia deste espazo de lecer tanto para o barrio como para toda a cidade.

Tamén confirmou a grata sorpresa de que houbese tantas ofertas interesadas en realizar o novo parque. 

O Concello de Pontevedra vén de pechar o prazo de presentación de ofertas para a creación do novo parque urbano no barrio da Parda, un auténtico pulmón verde para a cidade que sae a licitación cun importe de 5.533.406,02 euros. Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, informou esta mañá que a Xunta de Goberno foi coñecedora que que nove empresas optan a executar unha das obras de maior contía que ten xestionado o Concello.

Anabel Gulías explicou que se trata dunha gran mellora para o barrio de maior crecemento da cidade, pero tamén un novo espazo de lecer, encontro e esparexemento para todos os pontevedreses e pontevedresas, xa que disporá dunha gran zona verde, áreas infantís, miradoiros e até 200 prazas de estacionamento entre outras instalacións. « Ademais, é o primeiro gran paso para a construción do novo pavillón municipal », resumía a concelleira que tamén ten a competencia de Deportes.

Unha das grandes sorpresas desta licitación é o número de ofertas que se presentaron. « Quedámonos gratamente sorprendidos », indicaba Anabel Gulías xa que ultimamente a obra pública non tiña tanto eco entre as empresas, tal vez pola difícil situación económica que atravesou o sector meses atrás.

O Concello traballa coa idea de cumprir os prazos fixados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de poder iniciar as obras a finais de 2024.