Abre ao público a nova área de actividade física e deportiva do Lérez

126
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse até o novo espazo deportivo acompañado de distintos deportistas da cidade, entre os que se atopaban Javi Gómez Noya e Pablo Dapena 

Pontevedra conta desde este mércores, 12 de xuño, cunha nova área de actividade física deportiva do Lérez. Trátase dun espazo novidoso no que calquera persoa poderá exercitarse e traballar cos diferentes aparellos que compoñen o parque deportivo.

A área da Ponte dos Tirantes, nome oficial, é das máis avanzadas do mercado, tanto polo seu deseño como pola operatividade que ofrece a quen a utilizará. O Concello optou por un provedor da máxima calidade, con pezas de alta duración e contrastada solidez, antivandálicas e ben pensadas para ofrecer ás persoas usuarias unha experiencia moi satisfactoria. A instalación situouse nun dos puntos neurálxicos do deporte pontevedrés, ao carón da ponte dos Tirantes, un lugar de uso masivo polas persoas que practican deporte na capital —desde o primeiro minuto da inauguración, distintas persoas decidiron probar as pezas deportivas—.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou moi positivamente a creación e instalación desta nova área, lembrando que era unha petición reiterada pola comunidade deportiva e que agarda que poida ser gozada por todo o mundo. Ademais, non descartou a posibilidade, segundo o uso e resposta que teña esta primeira instalación, a proxectar outras na Boa Vila.

«Era unha necesidade tal e como nos transmitiron distintos deportistas da cidade. Tardamos e sentimos os atrasos derivados das distintas localizacións que se barallaron nun principio para estes elementos, pero finalmente aquí a temos», indicou o rexedor. «É un parque realmente bo, xa non só para deportistas individuais, senón tamén para equipos deportivos que queiran achegarse e aproveitar as distintas máquinas. Está ao carón da Illa do Covo, zona na que é coñecida pola cantidade de corredores e corredoras que se achegan… agora poderán completar o seu adestramento ou os seus estiramentos aquí».

Doutra banda, Fernández Lores destacou que son elementos de alta durabilidade, moi difíciles de estragar, e que agarda satisfagan as necesidades de toda a veciñanza. 

Os distintos elementos contan con varios códigos QR que engaden funcións extras, como seguimento e exemplo de actividades, polo que permiten exercitarse de xeito correcto e con coñecemento de base. «Estamos realmente contentos de poder facer esta inauguración e agardamos que cumpra as expectativas da xente», finalizou.