Inicio Calendario 2021

Calendario 2021

00 cuberta calendario 2021
Calendario 2021 - titular

As imaxes que ilustran este calendario son fotografías e ilustracións de diferentes vistas da cidade, carteis e postais da época e algúns planos custodiados no Fondo Municipal do Concello de Pontevedra.

A) Cartel publicitario das augas mineromedicinais “Lérez”, 1909. Fondo fotográfico AMPo. FF-P146

Cartel publicitario das augas mineromedicinais “Lérez”, 1909

Descrición

Reprodución dun cartel publicitario das augas embotelladas no balneario de Casimiro Gómez. Augas con calidades extraordinarias para o tratamento dos trastornos e enfermidades do aparato dixestivo, hepático, renal e urinario.

En 1900 Casimiro Gómez, despois da súa volta da Arxentina onde emigrara e fixera fortuna compra unha leira de oitenta hectáreas cun gran bosque en Monte Porreiro. Chamouna Villa Buenos Aires. Ao principio empregouna como casa de verán e explotación agropecuaria. A creación do balneario e a explotación das augas mineromedicinais dos dous mananciais, o de Monte Porreiro e o das Aceas, que achegaban as augas ao balneario, foi posterior. En 1904 concédeselle a declaración de utilidade pública dos mananciais e o 22 de agosto de 1906 inaugúrase o balneario. A compañía realizou con éxito campañas de prensa que lle abriron mercado en parte de Europa e América. En Inglaterra crea The Lerez Natural Mineral Water Company para distribuír alí a marca. Recibe diversos galardóns e obtén o título de provedor da Casa Real Española. O balneario convértese nun dinámico centro da política española, onde se recibe a membros da realeza, visitantes ilustres e a influentes persoeiros da cultura e da política que desembarcaban no embarcadoiro propio sucando o curso do río. Un esplendor que dura ata comezos da Primeira Guerra Mundial en 1914 e que acabaría desembocando no peche das instalacións uns anos despois.

B) Pontevedra, 1928. Fondo fotográfico AMPo. FF-J357

Pontevedra, 1928

Descrición

Fondo fotográfico AMPo. FF-J357

Vista aérea do centro histórico da cidade coas pontes do Burgo, do Ferrocarril e da Barca sobre o río Lérez, e a desembocadura deste na ría de Pontevedra. Ao fondo, a rúa da Alameda arborizada, o cuartel de San Fernando e a praza de touros.

A Pontevedra que vemos na fotografía é o resultado da nova política urbanística posta en práctica polo arquitecto municipal de finais de século XIX, Alejandro Sesmero (1876-1887). Nun principio o seu campo de actuación foi o interior do recinto amurallado para despois incidir sobre os terreos situados fóra da muralla cunha nova planificación de ensanche da cidade coa apertura de novas rúas como García Camba, Fernández Villaverde, Andrés Muruais, Cobián Roffignac, Andrés Mellado, Cobián Areal e Sagasta entre outras.

En primeiro plano, saíndo da Ponte do Burgo á esquerda atopámonos co mercado, proxecto de nova construción de Sesmero de 1886. Mantívose alí ata 1948, ano en que se inaugurou o actual mercado na rúa da Serra. Ao lado do esquerdo do mercado podemos observar o emprazamento onde estivo a fábrica de curtidos de Echevarría.

Á dereita vese o edificio da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, club de atletismo fundado o 2 de setembro 1927 por Leonardo Enríquez Rodas, precursora do atletismo en Galicia.

Destaca entre todos os edificios polo seu tamaño o cuartel de San Fernando, antiga mestranza, construído na segunda metade do século XVII e reconstruído en 1903 polo seu estado ruinoso.

Tanto o edifico das Escolas Froebel, situadas na praza de Concepción Arenal como o actual instituto Valle Inclán acababan de ser inaugurados.

Pontevedra, 1965. Paisajes Españoles, S.A.

Pontevedra, 1965

Descrición

Paisajes Españoles, S.A. Fondo fotográfico AMPo. PE-001/020

Vista aérea da ponte da Barca sobre o río Lérez dando acceso ao barrio da Moureira e ao centro histórico.

Na marxe dereita, á beira do Lérez estaba instalada Galaica de Materiales de Construcción Sociedad Anónima coñecida como Gamasa. Esta empresa fundada en 1963 dedicábase principalmente á produción de prefabricados de formigón e cemento reforzado con fibra de vidro. Péchase en 1993.

Na parcela contigua a Gamasa podemos observar xa en estado de abandono a fábrica de cerámica A Caeira fundada en 1895 polo marqués de Riestra á beira do Lérez. Foi unha industria punteira na produción de ladrillos e tellas. A que fora a antiga vivenda de encargados, é actualmente a sede dos servizos sociais do Concello de Poio (Casa Rosada).

A rúa máis ancha que vemos ao fondo na parte superior é Benito Corbal, que recibe este nome desde o 26 de abril de 1926, xa que Benito Corbal construíu máis do 80 por cento dos edificios desta rúa.

Detrás da Igrexa da Peregrina vemos edificios recentemente construídos e en construción. Trátase da rúa de Daniel de la Sota, inaugurada en 1958, que naceu como prolongación de Cobián Roffignac. Outra zona de expansión e de construcións recentes é a rúa de San Antoniño onde destacan os edificios brancos de nova construción.

Á súa esquerda a zona arborizada é a praza de Barcelos. As árbores foron desaparecendo co tempo e o seu uso foi variando, desde aparcadoiro en superficie a feira semanal para, posteriormente, ter a gran remodelación en 1997 coa construción dun aparcadoiro subterráneo.

Igrexa da Peregrina, ca. 1910 1915.

Igrexa da Peregrina, ca. 1910-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-013

Vista da Igrexa da Peregrina en primeiro termo, cunha grande escalinata sen a fonte actual.

Así permanece desde 1880 ata 1953, cando o arquitecto-restaurador Pons-Sorolla crea a imaxe que hoxe coñecemos; xa que se acurta un pouco a superficie do atrio, recupérase a fonte e instálanse os monfortinos.

A grande escalinata é de 1880. O reloxo que vemos na torre norte desde 1896 pertenceu ao hospital de San Xoán de Deus. O autor da obra é Antonio Souto. Aínda que construída en período neoclásico a obra responde o estilo barroco, que perdurou en Galicia durante moitos anos. En 1981 os arquitectos César Portela e José Bar Boo acometen a primeira restauración, xa que o santuario tiña importantes danos estruturais. O santuario da Virxe Peregrina foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1982 e en 2011 Ben de Interese Cultural.

Esta fotografía foi feita pola empresa Fototipia Thomas fundada por Joseph Thomas i Bigas en Barcelona en 1880, Fototipia Thomas foi unha empresa dedicada á realización de reproducións artísticas. Desde 1901 empezou coa edición de tarxetas postais ilustradas e a partir de 1905 publica coleccións de tarxetas de distintos puntos da xeografía española. A Fototipia Thomas seguiu funcionando tras a morte do seu creador, co nome de Hijos de J. Thomas. Tras a Guerra Civil, a actividade empresarial mingua considerablemente, ata o peche do establecemento nos anos sesenta.

Santa María, 1963

Santa María, 1963

Descrición

Paisajes Españoles, S. A. Fondo fotográfico AMPo. PE-001/014

Vista aérea do centro histórico de Pontevedra coa Igrexa de Santa María en primeiro termo.

Santa María foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931. Comezouse a construír a finais do século XV ou principios do XVI, no lugar onde anteriormente se atopaba unha igrexa románica do século XII, en estilo gótico tardío, sufragado polo gremio de mareantes. A fachada, á que se accede pola ampla escalinata realizouse en estilo plateresco por Cornelis de Holanda e João Nobre en 1541. Ten estrutura de retablo e está dividida en tres corpos. Na decoración destaca o relevo do adormecemento da Virxe e o rosetón. Todo rematado por un calvario e a cristaría típica do estilo manuelino portugués.

En 1877 cando xorde a remodelación da zona derrúbase a vella torre dos Montenegro e en 1880 repárase o muro de contención e colócase a varanda. Tivo unha remodelación nos anos 80 do século XX que cambiou bastante o seu aspecto xa que se colocaron chanzos, as árbores eran máis frondosas e mesmo se colocou un parque infantil. Pero coa remodelación de 2007, que durou 4 anos, preténdese recuperar este espazo verde e miradoiro e aumentar outra vez a superficie de terra e céspede, plántanse especies de árbores menos sombrías e sobre todo priman os criterios de accesibilidade. Agora aprécianse ademais os restos da muralla (un tramo de 66 metros dos séculos XIV-XV) e o lugar onde estaba situada casa-torre dos Montenegro no extremo suroeste.

Hotel Engracia, 1943

Hotel Engracia, 1943

Descrición

AMPo. C 6792

Vista parcial da fachada do Hotel Engracia.

O hotel estaba situado na rúa de Andrés Muruais núm. 4, onde máis tarde se construíu o Casino Mercantil e Industrial e actualmente se atopa o edificio administrativo do Catastro. Era un dos hoteis pontevedreses de mediados do século XX que recibía e hospedaba os viaxeiros que chegaban á antiga estación de ferrocarril, situada na actual praza de Galicia, ata a segunda metade do século XX.

Ocupaba unha superficie de novecentos metros cadrados cun pequeno xardín a ambos os dous lados. Constaba en principio de dezasete habitacións por planta, que tras a reforma de 1943 quedarán reducidas a trece.

Estivo desde 1935 ata 1946 xestionado polos irmáns Manuel e Joaquín Lourido Lorenzo. O seu último concesionario foi o señor José Ruiz Argüeso.

En 1943 véndese ao Concello por parte de dona Engracia Harguindey Refojo e os seus irmáns. O inmoble e os terreos contiguos que eran de propiedade municipal póñense á venda en 1958 cambiando o seu uso.

Campolongo, ca. 1914-1915

Campolongo, ca. 1914-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-053

Vista parcial do barrio de Campolongo desde a Finca Leis. Antiga estación de ferrocarril en plano medio. Ao fondo á esquerda aprécianse as torres da Igrexa da Peregrina.

O primeiro que chama a nosa atención na fotografía é a antiga estación de ferrocarril, situada na actual praza de Galicia. Aínda que a primeira locomotora chegou á cidade o 16 de maio de 1884 nunha viaxe de proba, a estación inauguraríase o 30 de xuño de 1884. O tren facía un pequeno tramo de 19 Km entre Redondela e Pontevedra, unindo a capital da provincia con Vigo e Ourense. En 1889 amplíase co tramo Carril-Pontevedra, enlazando así a capital do Lérez con Santiago de Compostela. A expansión urbanística nesta esta zona da cidade motivou o traslado da estación do ferrocarril. A vella estación cesou a súa actividade no ano 1966 cando entra en servizo a nova estación.

No predio dos marqueses de Leis, situado entre Xeneral Rubín, Fernández Ladreda e a antiga estación, levantábase o pazo, parte del está hoxe en Madrid. As súas orixes remóntanse ao século XVI, aínda que tivo engadidos de períodos posteriores. O edificio estivo vinculado ás liñaxes de la Vega, Cruu, Salazar, Figueroa, Montenegro e Mendoza antes de pertencer na súa última etapa aos marqueses de Leis. En 1943 pasou a ser a sede provincial da Frente de Juventudes, e nos terreos lindeiros construíuse un complexo deportivo onde se realizaban competicións incluso a escala nacional.

Nos anos 60 do século XX cando se realiza a urbanización da zona de Campolongo, o pazo trasladouse pedra a pedra, como pavillón de Pontevedra á antiga Feria del Campo de Madrid, que se celebraría na capital de España ata inicios dos setenta.

Unha parte do predio dos marqueses de Leis e outros predios lindeiros foron adquiridos polo Concello de Pontevedra que logo llos cedería ao Ministerio de Guerra para a instalación no soar do 14º Rexemento Montado de Artillería. Despois de dous anos en que se levaron a cabo as devanditas adquisicións a corenta e catro propietarios e completando a unión de 40.000 metros cadrados cédense para a instalación do cuartel en 1920. A partir de aí comezaría a súa construción que tardaría anos en materializarse.

Vista da Ribeira dos Peiraos, ca. 1914-1915

Vista da Ribeira dos Peiraos, ca. 1914-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-024

Vista da Ribeira dos Peiraos na desembocadura do río dos Gafos tomada desde a marxe esquerda, obsérvanse varias vivendas e antigas fábricas, no lateral dereito ao fondo, detalle parcial da praza de touros.

Este barrio hoxe en día presenta un aspecto totalmente diferente xa que as pequenas casas de mariñeiros substituíronse por edificios de maior envergadura.

O nome do río dos Gafos provén de cando había leprosos en Pontevedra e se illaban no hospital construído na ribeira do río, para previr o contaxio. A presenza deste hospital de lacerados confirma a existencia da peste en Pontevedra nos anos 1348 e 1598. Dese hospital aínda se conserva parte nunha edificación que aparece no centro da foto, da que sobresae un patín pechado sobre altas pilastras de sección cadrada.

As Corbaceiras. Aprox. 1914-1915

As Corvaceiras. Aprox. 1914-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-027

Detalle de tres edificacións na zona da ribeira. En primeiro plano o río Lérez coas barcas tradicionais de mariñeiros.

As rúas da súa contorna quedaban baixo a denominación xenérica do barrio das Corvaceiras que comprende as rúas da Fonte do Corvo, Almirante Matos, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Campo da Torre, Said Armesto e Irmáns Nodales. A necesidade dos mariñeiros, de asentarse nas inmediacións do mar, fonte de traballo e riqueza, xunto con outros factores determinou a súa configuración. Na Moureira vivían os mariñeiros e mareantes e tamén se localizaban todas as actividades relacionadas coa conservación do peixe, incluídos os alfolíns, almacéns onde se despachaba o sal.

As Corvaceiras, coñecida tamén como A Moureira de Abaixo, ten hoxe un aspecto totalmente diferente ao que presentaba a comezos do século XX. Esta zona ocupa terreos ganados ao mar para mellorar o peirao neste barrio tradicionalmente mariñeiro de Pontevedra. Na foto podemos apreciar unhas edificacións que a día de hoxe aínda se conservan pero nada ten que ver coas casiñas brancas e os peiraos que caracterizaban este barrio mariñeiro.

A Praza da Ferrería. Aprox. 1920

Praza da Ferrería, ca. 1920

Descrición

Fototipia Thomas. C002-063

En primeiro plano vese o quiosco modernista de Enrique Paredes e o de Manuela García. Tras este, un dos edificios que pechan a praza e ao fondo á dereita o edificio Carabela antes da reforma en que se lle amplía unha planta máis.

No século XX constrúense os dous grandes edificios que pechan a praza polo lado norte, arránxanse os soportais, apróbase a construción dun evacuador soterrado, instálase un xardín no parterre, arboraron a praza e a praza da Estrela fica case que independente da Ferraría. Por outra banda, o Concello tenta quedar co espazo denominado O Galiñeiro, pero non o consegue e foi pechado quedando para goce dos franciscanos, aínda que se arranxou a súa parte baixa para regularizar a rúa de Benito Corbal.

En 1951 prodúcese a declaración do vello recinto como conxunto histórico artístico, e dous anos despois apróbase o Plan de Ordenación, instrumentos que terán grande influencia na súa conservación; ao que se engadirá no 2007, o Peprica que veu a mellorar a protección da praza no seu conxunto.

Hai prazas que conservan o mesmo aspecto ao longo dos anos, non é este o caso, xa que dende que comezou a configurarse no século XIV, evolucionou co tempo e os acontecementos económicos, sociais, urbanísticos e políticos.

Constitúe a praza por antonomasia de Pontevedra ao longo do tempo, polo que non é de estrañar que sobre a súa denominación tradicional se sobrepoñan outras que aluden ao momento político: Real, Constitución, Generalísimo Franco; aínda que ningún destes nomes foi capaz de substituír ao de Ferraría, que lle vén polos artesáns do ferro alí instalados.

A praza foi o lugar de traballo dos ferreiros, mercado, entrada e saída de camiños, lugar de festas, comercio, vida cotiá, acontecementos políticos e sociais. E con todo isto configurou a súa estrutura, os seus edificios singulares e as súas construcións; claro exemplo é a fonte que se converteu nun dos símbolos da vila.

Ao longo do tempo a praza acollerá a venda de roupa, louza, paraugas etc. o que provocará a apertura de distintos locais comerciais de todo tipo, sendo nos anos finais do XIX e comezos do XX cando máis se acrecenta esta actividade, coa apertura dunha infinidade de negocios. Así a ruta que une a praza coa Ponte do Burgo, podemos dicir que foi a rúa comercial por excelencia da cidade nesta época.

Por outra banda, a principios do século XX vanse instalar unha serie de quioscos para a venda de variados produtos, aos que se unirán un pouco máis adiante os diferentes postos de venda ambulante, como os castañeiros, barquilleiros, xeadeiros etc.

Rúa da Alameda, ca. 1910-1915

Rúa da Alameda, ca. 1910-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-045

Plano curto dun tramo da rúa da Alameda. No primeiro plano á dereita dous nenos e un home ao lado dun coche. Á esquerda da foto vista parcial da alameda do arquitecto Sesmero.

A rúa da Alameda neste momento denominábase rúa de Echegaray. Trazada a finais do século XIX cando se realiza a expansión cara a esta zona despois do derrubamento da muralla. O seu nome actual asígnaselle en 1940. Este paseo arborizado resúltanos hoxe irrecoñecible pero sérvenos de referencia as escalinatas e o muro e que limita a alameda á esquerda.

A alameda era a mediados do século XIX unha especie de chaira elevada con algunhas fileiras de árbores e sen límites definidos. En 1880 procedeuse a ampliar a alameda, encargándose a Sesmero un proxecto sobre o conxunto que incluía a ampliación e urbanización da praza de España. Constrúese a escalinata de acceso diante da cal se construíu un estanque circular, realízase unha nova plantación de árbores que manteñan a uniformidade. En 1881 trazouse a rúa da Alameda. En 1890 construíuse o primeiro quiosco e en 1904 o palco da música. En 1909 sobre o lugar en que estivera o estanque circular, levantouse o monumento aos heroes de Ponte Sampaio. A rotonda e a escalinata que miran cara á ría decoradas con azulexos debuxados por Sobrino foi construída en 1927.

Casa do concello, ca. 1914-1915

Casa do concello, ca. 1914-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-042

Plano enteiro da casa consistorial de Pontevedra tomado desde a praza de España.

A porta principal está aberta e conecta coa posterior do edificio, aberta tamén, deixando ver as vivendas da rúa da Alfóndega. O que nos indica que a escaleira central aínda non existía, accedendo á planta superior polos dous laterais.

O edificio realizouse segundo proxecto de Alejandro Rodríguez Sesmero quen dirixiu as obras municipais de Pontevedra coincidindo cunha das fases máis notables do seu desenvolvemento urbano. Así aproveitáronse estas boas expectativas de desenvolvemento económico e demográfico para acometer un proceso de renovación tanto urbana como en infraestruturas. Neste proceso de modernización urbana esta englobado dotar a cidade dunha sede consistorial digna, para así substituír a construída en 1595 aproveitando as ruínas dunha das torres, a da Bastida, que formaba parte da primitiva muralla xa practicamente demolida. O proxecto preséntase no mes de decembro de 1876 e construiríase no mesmo lugar engadíndolle uns terreos anexos que se lle compraron a Francisco Antonio Riestra. O proxecto deseña a súa fachada principal dando as costas á cidade e orientada ao novo espazo que se abría cara á alameda. As obras comezaron o 10 de outubro de 1877 e acabaron coa obra de cantería en xuño de 1879. Da construción chama a atención o influxo francés. Mestura a mellor tradición clasicista francesa con elementos decorativos tomados do barroco. Ante a opción dunha obra enteiramente de cantería, Sesmero inclínase por unha solución máis económica: alternar os elementos pétreos cos paramentos lucidos. Os elementos decorativos cínguense á parte superior dos vans. Destaca na fachada o balcón, peza clave para as saídas das autoridades nos seus discursos e na parte superior destaca o reloxo e o escudo da cidade. Remátase cunha balaustrada. As terminación das obras interiores atrasáronse ata xuño de 1880. No interior unha escaleira de fundición con dous tiros que se unifican nun relanzo central. Tanto a varanda de ferro fundido das escaleiras como os enreixados, columnas e remates foron realizados na fundición viguesa de Sanjurjo Badía: A Industriosa. O custo final do edificio elevouse desde as 100.000 pesetas estimadas inicialmente ás definitivas 240.000.

A) Postal da praza de San Xosé, 1912

Postal da praza de San Xosé, 1912

Descrición

Fondo fotográfico AMPo. FF-P162

Plano curto da praza de San Xosé a principios do século XX cos restos do antigo pazo dos Montenegro e vista parcial do Café Moderno.

Está situada no campo de San Xosé, cuxo nome provén dunha ermida de tal advocación, que xunto coa de San Domingos constituían as zonas inmediatas á muralla pola parte sur. A capela de San Xosé atopábase fronte ao Café Moderno, no espazo que hoxe ocupa o edificio da antiga Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, hoxe sede de Afundación.

A configuración triangular da praza xorde dun encontro de camiños a finais do século XIX que podemos apreciar na postal na confluencia das rúas da Oliva, Riestra e Augusto González Besada.

O edificio de ameas é un corpo do pazo dos Montenegro. Como se pode ver a edificación sufriu modificacións que alteraron a súa altura e composición. A finais do século XIX, esta edificación ameada aínda constaba dunha torre central de tres plantas, flanqueada por dous corpos de dúas plantas cada un. Do pazo orixinal mantívose en pé tan só a á esquerda que fai esquina coa actual rúa da Oliva. Na década dos anos oitenta do século pasado súbese outra planta trasladando á parte superior as ameas orixinais.

O edificio contiguo construíuno Bernardo Martínez Bautista, pontevedrés que fixera fortuna en Cuba. Constaba de baixo e dúas plantas con dúas vivendas cada unha. No primeiro andar que tiña comunicación directa co xardín interior viviu Bernardo coa súa familia. No segundo andar dereita viviron a familia de Andrés Corbal Hernández e a esquerda a familia de Daniel de la Sota y Valdecilla. Nos baixos do edificio instalouse o Café Moderno inaugurado o 30 de maio do ano 1903. Nos seus faladoiros de café participaron ilustres literatos, políticos e artistas como representa o grupo escultórico que arestora podemos contemplar no medio da praza. O Moderno converteuse nun dos locais máis luxosos de Galicia e marcou a vida desta praza.

Á esquerda da praza, na rúa da Oliva está o Hotel Méndez Núñez inaugurado en 1888, contaba con restaurante e sala de reunións. Este hotel, xunto ao Hotel Engracia, o Palace e o Progreso conformaban os de maior renome da cidade.

Plano Pontevedra, 1932

Plano Pontevedra, 1932

Descrición

AMPo. PL1-003/001

Plano de 38 x 45 cm. do núcleo urbano en cor, revisado polo Concello.

Este plano comprende o centro urbano da cidade. A planimetría comprende as rúas e prazas, tamén as proxectadas, destacando os edificios de interese sombreados en verde, outros elementos de comunicación como liñas de ferrocarril, representación de parques e xardíns. A toponimia é abundante e refírese fundamentalmente a nomes de rúas e prazas con tipografías itálicas. Este plano mostra o estado de desenvolvemento urbano en Pontevedra de comezos do século XX. A cidade cunha poboación de preto de 40.000 habitantes comeza a desenvolverse cara ás vías de saída: A Coruña, Ourense, Vigo e Marín.

Na saída cara á Coruña nacen a rúa de Domingo Fontán e a avenida de Bos Aires.

Na saída cara a Ourense o emprazamento da nova feira do gando e o hospital darán lugar ao crecemento desta zona, ábrese a rúa de Sagasta.

O desenvolvemento cara a Vigo apréciase na edificación na actuais rúa da Peregrina e avenida de Vigo.

En canto á saída a Marín, prodúcese un crecemento da edificación na rúa da Oliva seguindo a liña polas actuais Rosalía de Castro, Mollavao e Estribela.

Grazas á construción da casa de correos asístese á urbanización e edificación da rúa de García Camba, a ampliación do ferrocarril e da ponte da Barca. Sufrirá unha profunda remodelación o barrio da Moureira coa apertura de novas rúas como Raíña Vitoria, Echegaray e Xeneral Martitegui e a edificación nas zonas circundantes.

Plano de Pontevedra, 1901

Plano de Pontevedra, 1901

Descrición

AMPo. PL2-002/001

Plano da cidade de Pontevedra e os seu arredores. Fonte descoñecida.

O crecemento da poboación aínda que moderado é constante. En 1900 a cidade contaba con 22.330 habitantes. O crecemento demográfico e a especulación urbanística obrigaron ao Concello pontevedrés a rehabilitar o centro histórico, planificar o ensanche e actuar sobre unha serie de conxuntos, como o da alameda-palmeiras, praza de Santa María e Ferraría e as avenidas de beiramar. E a apertura de novas rúas: Andrés Muruais, García Camba, Fernández Villaverde, Cobián Areal.

No plano podemos ver que o curso do Lérez na cidade era moi distinto antes da ocupación das xunqueiras, así como o do Gafos cos diferentes recheos e soterramentos e a desembocadura do regato de Valdecorvos na zona da Seca.

Xa aparece trazada a actual avenida de Domingo Fontán paralela ao río entre a ponte da Barca e do Burgo.

Podemos destacar como edificios de referencia de esquerda a dereita: a praza de touros, recentemente inaugurada xa que o primeiro festexo taurino tivo lugar o 12 de agosto de 1900; o cuartel de San Fernando co seu gran patio interior pensado para a cabalería; a casa do Concello; os tres edificios da avenida de Montero Ríos; Teatro-Circo nas palmeiras e a casa escola (hoxe Subdelegación de Defensa) cun proxecto de Alejandro Rodríguez Sesmero de 1886.

Na parte inferior do plano localizamos o antigo cárcere hoxe sede da Audiencia, proxecto de 1850 do arquitecto municipal José García Limeses, e as vías do ferrocarril que remataban na estación de Campolongo situada na actual praza de Galicia.

Os edificios relixiosos da Peregrina, San Francisco, San Bartolomeu e Convento de Santa Clara aparecen marcados cunha cruz e á dereita do plano sitúase o hospital provincial.

Ponte do Burgo, 1955

Ponte do Burgo, 1955

Descrición

AMPo. FF-D016

Vista en primeiro plano da Ponte do Burgo un ano despois da gran reforma. Ao fondo o comenzo da estrada coñecida como Camiño de Santiago ou do Burgo e denominada avenida da Coruña dende o ano 1949.

A Ponte do Burgo é a estrutura que simboliza a orixe da cidade, o seu símbolo e emblema heráldico. A localización da primeira ponte romana pódese estimar que estaría situada augas arriba. A mediados do século XII constrúese a ponte medieval. A finais do século XIX, a cabeceira meridional da ponte sufriu grandes alteracións urbanísticas. Debido á súa estreiteza en 1881 iniciouse o expediente para a súa ampliación e cambiáronse os peitorís de pedra por unha varanda de ferro.

A gran reforma da ponte que foi executada entre 1953 e 1954 tivo un custo dun millón e medio de pesetas e comezou tras construír unha pasarela de madeira para a circulación das persoas. Desmontaron toda a superestrutura da ponte, reforzaron as antigas bóvedas e construíron outras de formigón armado recuberto de cantaría. Estes arcos exteriores que voan sobre a antiga estrutura, teñen entre 9 e 13 metros de luz, conseguindo un aspecto uniforme e de peculiar singularidade. Daquela incorporárase un alumeamento de doce farois de esvelto fuste de formigón, con cadansúas dúas lámpadas. Nos tímpanos das bóvedas instaláronse uns elementos decorativos moi significativos: uns relevos representando cunchas de vieira; posto que a ponte forma parte do camiño de peregrinación a Santiago.

O paseo de Domingo Fontán nace como un camiño, seguindo co curso do río, que conectaba as estradas da Coruña e a do Grove. Nos anos sesenta non deixada de ser só iso, un camiño. Era una zona de xunqueira que se anegaba coas enchentes do río.

No terreo da Xunqueira de Lérez, anegado cando subía a marea, hai na actualidade colexios, a universidade, a Illa das Esculturas (na Illa do Covo), o Pazo, o recinto feiral e o pavillón de deportes. Á esquerda, a gasolineira aínda non estaba instalada.

Ponte da Barca, ca. 1910-1915

Ponte da Barca, ca. 1910-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-022

Vista parcial da ponte da Barca, coa ponte vella do ferrocarril en primeiro termo tomada desde Pontevedra. No lateral dereito, a fábrica de tellas de Riestra, destacando as chemineas de ladrillo. Ao fondo parte da casa do marqués de Riestra.

O paso entre Pontevedra e Poio facíase mediante unha barca, coñecida como a da Mercé, que transportaba persoas e mercadorías, propiedade do Mosteiro de Poio. A mediados do século XIX comenzou a verse a necesidade de construír unha ponte permanente, pero non se conseguiu levar a cabo ata o ano 1870, cando se ergue unha ponte de madeira que remataría a súa vida útil no ano 1905. A partir de 1887, e por mor da realización da estrada entre Pontevedra e O Grove, fíxose necesaria a construción dunha ponte para cruzar o río Lérez. En 1893 aprobouse o proxecto redactado por Luis Acosta e Eduardo Fungairiño e ao ano seguinte foi poxada a obra. O seu director foi o enxeñeiro Juan Trapote, e foi construída pola empresa Chávarri y Cia. A ponte contaba cun elegante arco de estrutura metálica, proxectos de 1896 e 1902, sustentando en dous apoios de moi boa cantería, á que se achega decoración neogótica. Foi inaugurada en 1905. O arco central metálico, substituíse por un de formigón no ano 1946, debido a o seu pésimo estado, con proxecto do enxeñeiro Eduardo Torroja Miret. Na década dos oitenta deste século, por mor da construción da autoestrada AP-9 e a ampliación da avenida do Uruguai-Corvaceiras, as tres arcadas laterais son substituídas polo actual arco. Xa nos noventa a Xunta fixo obras de reforma na ponte, para protexela do tráfico a motor.

A ponte do ferrocarril construíuse para o tramo de liña Carril-Pontevedra inaugurada en 1899. A ponte compúñase de tres tramos máis grandes e un máis pequeno para o paso superior da rúa da Barca sobre dous estribos de cachotaría nas marxes e dous grandes piares metálicos cilíndricos en plena canle do río para dar maior estabilidade. Esta ponte quedou sen uso desde o verán de 1966 unha vez se inaugura a nova estación. A ponte foi desmontada, pero os piares metálicos nunca foron retirados quedando como vestixios desa construción.

“Álvarez Limeses” na Praza da Verdura. 1951

“Álvarez Limeses” na praza da Verdura. 1951

Descrición

Plano de situación do proxecto de construción de edificio na praza de Indalecio Armesto para o grupo escolar Álvarez Limeses, hoxe praza da Verdura, 1951. C 4576/1

Proxecto de construción dun edificio para o grupo escolar Álvarez Limeses do arquitecto Emilio Quiroga Losada, na actual Casa da Luz.

Estas escolas, despois de estar instaladas no actual Parador, teñen que buscar unha nova localización en locais municipais. Realízase un proxecto en 1951 coa finalidade de remodelar o edificio e adaptalo para unha escola de seis graos e catro vivendas para mestres. O edificio constaba dunha soa planta e en mal estado. Proponse a súa demolición e realizar dúas plantas. Non se chegou a levar a cabo polo alto prezo que supoñía. Este edificio tivo diversos usos: foi a antiga carnicería municipal, e a finais do século XIX a primeira fábrica da luz, a primeira en Galicia e segunda en España, promovida por José Riestra, servizo municipal de augas e outros usos. A praza foi lugar de celebración de mercados durante séculos. Destacan as zonas asoportaladas dos edificios. A fonte, aínda que non figura nos planos foi colocada en 1887 diante do edificio da Casa da Luz. A praza recibiu diversos nomes desde 1330 que aparece citada como praza da Feira, despois Praza Vella, Peixaría e praza de Indalecio Armesto (avogado e político pontevedrés deputado en Cortes en 1873).

Proxecto de prolongación da rúa de García Camba, 1944

Proxecto de prolongación da rúa de García Camba, 1944

Descrición

C 5163/1

Proxecto realizado polo arquitecto municipal Juan Argenti Navajas en 1944.

Este proxecto que non chegou a realizarse, naceu coa idea de regularizar un dos problemas máis urxentes de urbanización da cidade, xa que permitiría o tráfico desde a estrada de Vigo e Ponte Caldelas ás da Coruña e A Toxa, que se facía por rúas estreitas. Como sería unha rúa con gran circulación de peóns, proponse unha calzada de oito metros, beirarrúas de dous metros a cada lado e dúas liñas de soportais de tres metros e medio de fondo e catro metros de altura, con arcos de pedra. Os edificios serían de baixo e tres pisos.

Praza de Valentín García Escudero, ca. 1940

Praza de Valentín García Escudero, ca. 1940

Descrición

Joaquín Pintos. C004-016

A pesar da súa localización na zona antiga, a súa orixe e denominación son relativamente modernas. No 1886 acórdase a derruba de dúas casas para proceder á apertura dunha rúa que unise a Rúa Real co antigo mercado, dándolle o nome de Valentín García Escudero o 6 de setembro de 1891 en recordo deste concelleiro e notario pontevedrés.

Esta zona, como vemos agora despois das escavacións, ten moita historia no seu subsolo. Por aquí estaba trazada a muralla e tamén a torre que servía como cárcere, situada no tramo final da ponte, nun dos seus estribos, e que se mantivo nese lugar desde o século XVI ata o século XIX. A finais deste século e co proxecto encargado a Sesmero realízase o edificio do mercado cuberto, que se mantivo aberto desde 1889 ata 1948. Este mercado estaría situado na parte dereita da fotografía. Era unha praza moi buliciosa ao estar ao carón do mercado e situarse nela os postos de venda ambulante. Ademais na súa parte central estivo colocada unha das emblemáticas fontes pontevedresas.

Postal da ponte da Tablada, ca. 1907-1908

Postal da ponte da Tablada, ca. 1907-1908

Descrición

Fondo fotográfico AMPo. FF-P074

Mulleres lavando no río dos Gafos a carón da ponte da Tablada. Hoxe correspóndese coa rúa do Xeneral Rubín e dá saída ao río dos Gafos, canalizado en 1971 no seu percorrido polo barrio de Campolongo.

A unión entre a cidade e a freguesía de Salcedo facíase mediante unha serie de estreitos camiños e pasos para salvar o río dos Gafos; o 22 de xullo de 1902, a Comisión de Policía Urbana presenta un informe ao Pleno municipal no que se propón a aprobación dun proxecto para a construción dunha ponte de pedra sobre o río da Tablada, en substitución da de madeira, e que a obra se fixese mediante poxa. A Corporación acorda aprobar o proxecto, executalo cando haxa orzamento e formar o prego de condicións.

Cara ao ano 1903 o Concello, á vista de que se está en conversas para a vinda á cidade dun batallón do exército, e que un dos emprazamentos dun novo cuartel podería ser nesta zona, decide ampliar o antigo camiño cara a Campolongo. Para iso solicita unha subvención á Deputación, coa finalidade de construír a devandita ponte. En febreiro de 1905 o director de obras municipais, Teodosio Domínguez, presenta un proxecto das obras que faltan por executar para o seu remate, presupostándoas en 2.525 pesetas. A ponte tería cinco arcos, cunha luz de dous metros cada un, e mais catro bueiros, dun metro de luz, para deixar pasar auga á acea existente. No ano 1907, o Concello decide facer un proxecto de ensanche e reparación do camiño de Salcedo na Tablada no cal se aproveita para facer unha cativa reforma na ponte, coa construción de peitorís. No ano 1909, e debido ao avance das obras de ensanche do camiño (en 1918 será denominado como rúa do Xeneral Antero Rubín), diferentes veciños de Campolongo amosaron a súa oposición á liña que seguía o camiño, aseguraban que prexudicaba as súas propiedades.

Nos anos setenta do século pasado, produciuse a cubrición do río dos Gafos no tramo de Campolongo, isto propiciou pequenas reformas na ponte, ao que se engadiron, xa nos anos noventa, diferentes obras de conservación e mantemento, dotándoa de beirarrúas que fixeron que na actualidade case non apreciemos que se trata dunha ponte.

Ponte do Couto, ca. 1914-1915

Ponte do Couto, ca. 1914-1915

Descrición

Fototipia Thomas. C002-051

Muller atravesando a ponte sobre o río dos Gafos. Detrás dela un rapaz subindo polo muro.

Esta fotografía correspóndese a día de hoxe coa rúa de Otero Pedrayo. Esta ponte é de notable interese histórico e arquitectónico. Con fachada de cantería, está formada por dous arcos de medio punto cos seus esporóns ou tallamares que dan paso ás augas do río dos Gafos por cadanseu van de baixa luz. A día de hoxe consérvase en mal estado. No seu enclave apareceu a finais do século XIX una columna dedicada a Máximo e Maximino, dous emperadores tardorromanos que promoveron melloras e reformas do trazado da vía XIX, o que pode ser indicador de que esta ponte sexa romana.

Edificio da Caixa Rural de Lérez. 1930

Edificio da Caixa Rural de Lérez. 1930

Descrición

AMPo. C 28/13

Proxecto realizado polo arquitecto municipal Emilio Salgado Urtiaga en 1929.

A Caixa Rural de Lérez era unha institución cooperativa agraria de crédito constituída no ano 1925 que agrupaba os labregos da zona. O impulsor desta entidade financeira foi o líder agrario Manuel Gama Casalderrey, que sería o seu xerente ata 1934. O seu propósito era axudar a mellorar as condicións laborais no sector agrario a través de axudas ao cooperativismo e á industrialización. A institución organizaba conferencias de temática agrícola e mitins.

En 1931 a caixa pasa a ser comarcal, prestando os seus servizos ás parroquias veciñas: Alba, Campañó, Cerponzóns, Santo André e Santa María de Xeve e Verducido.

Tras o alzamento nacional, membros da Garda Cívica e falanxistas apoderáronse dos bens da sociedade. En decembro de 1937 o párroco Leandro del Río Carnota promoveu a creación no edificio dun pequeno hospital, pero a proposta non saíu adiante, malia contar co apoio da Deputación de Pontevedra. O 21 de abril de 1938, por mandato xudicial, a administración da caixa pasou de modo interino á Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

A comezos de 1926 a institución compra uns terreos entre a rúa de Juan Bautista Andrade e a estrada a Campo Lameiro para construír un local social, xa que precisan maior amplitude da que dispuñan para acoller as distintas seccións: crédito agrícola, compra, venda etc.

O edificio, coñecido posteriormente como A Farmacia de Lérez, foi obra do arquitecto Emilio Salgado Urtiaga e inaugurouse en marzo de 1933. Nunha das plantas do novo edificio estaba instalada unha cooperativa de consumo para atender os ramos de vestido, calzado e alimentación.

O proxecto do edificio era de planta triangular distribuído nun soto que funcionaba como almacén; unha planta baixa con despacho e atención ao público; planta primeira onde se instala a sala de reunións e a última con distintas seccións.

Cara ao exterior vemos unha composición de carácter ecléctico moi distante do tipo de edificacións que se realizaban en Galicia neste momento, destacando a torre como marcado elemento referencial do conxunto.

O proxecto presentado contén tres planos onde se pode ver a fachada, a planta e unha sección na que se aprecian as grandes ventás en arco e as escaleiras que percorren o edificio.

Praza da Pedreira, ca. 1929

Praza da Pedreira, ca. 1929

Descrición

Otto Wunderlich. Fototeca do Patrimonio Histórico. WUN-08087

Tamén coñecida como praza de Mugartegui.

Fotografía realizada polo fotógrafo alemán Otto Wunderlich por encargo da Xunta Provincial do Padroado de Turismo, en 1929. Tense constancia da existencia desta praza desde principios do século XV, aínda que máis que praza sería unha chaira, despois viría a reordenación da zona sobre o armazón medieval. O seu nome ten a súa orixe nas actividades da talla de pedra que aquí desenvolvían os canteiros de Pontevedra. O edificio que sobresae na praza é o pazo de Mugartegui, que se construíu sobre as ruínas dunha casa do século XVII. A súa construción finalizouse en 1771. É un claro exemplo de palacete de estilo barroco galego rematado na parte central superior por un frontón cun escudo nobiliario coroado cun helmo e un reloxo de sol, con balcóns e soportais xunto a casas tradicionais sobre columnas. Entre as liñaxes que aparecen representadas no escudo atopamos a dos Figueroa, con cinco follas de figueira; a dos Arango, con seis corvos; a dos Quirós, dúas chaves con tres lises e seis rosas; e a dos Omaña, unha barra engolada con dragantes. Unindo as catro liñaxes sobresae un “escusón” cuartelado en cruz no que atopamos primeiro un castelo, segundo e terceiro axadrezado de tres e catro ordes, e cuarto un castelo en chamas

Pecha a praza o pazo dos Mariño de Lobeira, que contén un arco que dá saída á rúa de César Boente.

00 cuberta calendario 2021

A acuarela de Pontevedra (Baldi 1669)

Descrición

A imaxe que temos da Pontevedra de mediados do século XVII realizouna Pier María Baldi, arquitecto e pintor barroco italiano que formaba parte da comitiva de Cosme III de Medicis futuro gran duque da Toscana, nunha viaxe na que visitou varios lugares, vilas e cidades de España e Portugal no ano 1669. Cosme III e o seu séquito fan a entrada a Galicia por Tui o primeiro de marzo de 1669, visitan Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Santiago e A Coruña onde embarcan cara a Inglaterra.

Pier María Baldi cos seus debuxos acompañaba o relato da viaxe redactado polo cronista oficial, o conde Lorenzo Magalotti. Na comitiva ían tamén o médico persoal do que será o sexto gran duque da Toscana, Giovan Battista Gornia e o marqués Filippo Corsini. Ambos os dous tamén escribían un diario de viaxe onde plasmaban a sua visión de cada lugar. Era un diario máis persoal, feito pola súa propia iniciativa e alleo a intereses políticos e libre de compromisos. Corsini no seu diario descríbenos Pontevedra, rodeada dunha gran muralla e con quiñentas casas. Fala dos seus habitantes como máis cultos que no resto de Galiza, por ser un lugar habitual de soldados e pola presenza da corte. Comparado co esplendor florentino, parece que as cidades peninsulares parecéronlle bastante pobres. Con todo, Galiza leva os maiores eloxios, especialmente dirixidos aos nosos viños e xantares.

Baldi realizou un traballo case fotográfico sobre a xeografía urbana da Península. Plasma a realidade que ve cunha prodixiosa minuciosidade pese a ter poucas horas para realizar os seus debuxos. É un interesante estudo, ás veces testemuño de maior valor que o propio texto. Son vistas panorámicas apaisadas, manieristas e sempre tomadas dende un alto. Todas as acuarelas son dunha soa cor: sepia con matices graduados, se ben aquí presentámola tamén como un mural coloreado.

A acuarela que fai Baldi de Pontevedra está tomada dende un outeiro próximo ao arrabalde do Burgo, que se presenta en primeiro plano. O pintor cuns detalles case analíticos pormenoriza os distintos tramos do trazado viario cara á urbe.

Despois do Camiño de Santiago, destaca o casteliño a modo de arco triunfal, que formaba parte da Ponte do Burgo. Son dúas torres cilíndricas, lisas e cun remate de media laranxa, unidas por unha bóveda de medio canón.

A fugacidade buscada non lle impide recrearse en pormenores tales como o pésimo estado en que se atopa o abovedamento da entrada fortificada: no chan e procedente do remate da bóveda podemos ver un escudo de España coas armas de Galiza e Portugal.

A ponte aparece só con doce arcos xa que tres deles foran cegados en distintas obras anteriores a esta data.

O percorrido que fai pola cerca singulariza a robustez das dúas torres, o aspecto xeral mostra unha muralla en boa medida desmantelada, sen ameas, o que pon de manifesto abundantes carencias defensivas. Destacan ao outro lado da ponte, o cárcere e, no núcleo urbano, un sector oriental cunha zona máis despexada no tocante á densidade de poboación e rexido polas monumentais proporcións do Convento de San Francisco. Na parte occidental, unha bulideira concentración de vivendas e algunha residencia nobiliaria destacando sobre todas elas, a Basílica de Santa María a Maior, aínda que dende esa perspectiva deixa oculta a súa maxestosa fachada, igual que ocorre co barrio mariñeiro da Moureira, apenas visible.

De regreso ao seu estudio en Florencia, Baldi rematou e compuxo os debuxos realizados, que son os que podemos atopar nos dous magníficos volumes de 0,93 de alto por 0,59 de ancho como unha das xoias da Biblioteca Laurenciana de Florencia.