Inicio Pontevédrate Historias da cidade Olladas de Pontevedra

Olladas de Pontevedra

Este capítulo recolle o contido dunha publicación realizada polo Concello en colaboración co Diario de Pontevedra sobre espazos urbanos que á cidadanía puidesen resultarlles máis ou menos enigmáticos ou de visita pouco doada. 
Foi un traballo distribuído en fascículos polo xornal, e realizado polo historiador pontevedrés Ramón Rozas, con óptica xornalística e rigor documental. Decidimos poñelo á túa disposición debido ao alto interés do seu contido para o conxunto da cidadanía.

[sections collapse=”always”]
[section title=”Presume de Pontevedra”]
Hai moitos xeitos de vivir en Pontevedra. Máis de 80.000, tantos coma persoas. Pero sexa cal sexa a maneira de estar, de sentir a cidade, sempre haberá motivos para nos identificar con ela, co espazo que nos é común, con este marabilloso conxunto de rúas, prazas, pedras, monumentos, edificios, escudos e pazos que chamamos Pontevedra.

Este libro recolle unha manchea de impresións que se poden coleccionar camiñando por calquera lugar do termo municipal. É moi agradábel deixarse levar polas pescudas e a capacidade divulgativa de Ramón Rozas, para descobrir un anaco do espíritu pasado e actual que conforman a nosa cidade e o seu entorno.

As páxinas destas Olladas conteñen un caleidoscopio erudito e diverso da que é a mellor e máis acaída esencia de Pontevedra, esa cidade que neste momento potencia a súa autoestima grazas á recuperación da memoria histórica, a restauración e ampliación dos seus espazos públicos e a revitalización da súa vida colectiva.

Estou seguro que esta publicación nos axudará a incrementar o coñecemento que temos da nosa cidade, e sobre todo o orgullo de vivir aquí.

Miguel Anxo Fernández Lores
ALCALDE DE PONTEVEDRA

[/section]
[section title=”Introdución”]
Pontevedra é un tesouro. Un tesouro agochado nas súas rúas, prazas, monumentos, xentes e parroquias. Dende os séculos da historia ata o home do noso tempo, a cidade foi medrando, incrementando o seu valor como privilexiado espazo para desenvolver a nosa vida.

Facer do noso camiño diario por estes lugares algo máis que un simple tránsito é un sano exercicio de admiración á obra que a propia cidade foi quen de facer día a día, labrando as súas pedras, erguendo pontes, construíndo edificios, honrando ós seu homes, etc, grazas ó quefacer de moitas xeracións de pontevedreses que confiaron na cidade como exaltación das súas virtudes. Dende ese camiñar que todos facemos case a diario pola nosa cidade, é dende o que xorden estas ‘Olladas de Pontevedra’, na pretensión de desacelerar ese camiño tantas veces realizado como un automatismo, feito sen gozar do auténtico valor do que nos rodea.

Estas pequenas miradiñas buscan artellar en nós a sensación de que a partir dunha nova mirada pódese acadar unha forma diferente de achegarse á realidade, ás cousas que antes nos pasaban desapercibidas e que agora poden adoptar un novo senso. Son concienciadoras, polo tanto, desa riqueza histórica, cultural, social e vivencial que tivo e ten a comarca de Pontevedra durante toda a súa historia.

As ‘Olladas de Pontevedra’ son un xeito repousado de plantexarnos que a nosa cidade é un ser vivo, que nós mesmos facilitamos coas nosas accións de cara ó seu crecemento, para, nun proceso posterior, ela mesma devolvernos, aumentada en fantásticas visións, esa achega feita polos cidadáns. Esa é a gran clave de toda cidade, o papel dos seus cidadáns na súa integración coa cidade.

Todos nós como inquilinos permanentes, coas nosas pegadas irémola moldeando, configurando o territorio polo que movernos. A faciana dunha vila irá evolucionando, novas xentes con novas ideas, apostando por transformacións urbanísticas, crearán a cidade de cada momento, a que se corresponde cos diferentes períodos históricos, tamén se apostará por novas arquitecturas, que responderán ós novos plantexamentos desta disciplina; así, acción tras acción, algunhas máis e outras menos afortunadas, pero sempre coa cidade como fondo será como esta irá aumentando o seu valor, enriquecéndose vivencialmente, xa que irá creando o seu ‘pouso’ físico a través desa historia.

Rescatar estas olladas, unhas máis e outras menos coñecidas, supón para min un grande orgullo, o que se orixina de poder amosar á cidadanía gran parte do valor da cidade na que vivimos, na que os nosos lazos afectivos entre as persoas serían moi diferentes sen a proximidade á pel desta cidade.

Moitas veces, ó transitar por ela, un decátase da súa riqueza e fermosura, algo que sobrepasa xa o seu valorado casco histórico para estenderse polas zonas novas da cidade e ata as súas parroquias, as cales, pouco a pouco, van aumentado o seu valor separándose xa do que anteriormente era o seu reclamo, a Igrexa e as súas propiedades, para desenvolver novas actuacións baseadas na recuperación de arquitecturas, de espazos naturais ou de elementos etnográficos pouco valorados ó longo da historia, pero reivindicados agora como parte senlleira do seu patrimonio.

Da cidade é de onde parten o maior número destas olladas, nos diferentes tránsitos que por ela facemos, case dun xeito repetitivo, polas mesmas rúas, nas mesmas direccións e ás mesmas horas é cando obviamos, por ese uso diario, o valor dos elementos polos que pasamos habitualmente.

Un simple xesto, mover a cabeza, dirixir a nosa mirada a un lugar diferente, modificaría completamente esa visión, e permitiríanos recuperar eses fragmentos que singularizan a nosa cidade, convertindo uns traxectos, tantas veces apurados e irreflexivos polo noso xeito de vida, en viaxes á riqueza da propia cidade.

Ese é o fin deste libro, rescatar da rutina o que precisamente se escapa dela, o que nos permite soñar con esta cidade chea de encanto e de vida, unha cidade feita a escala do home, para o home e que ten no home o seu epicentro creativo, e na que calquera detalle nos achega á súa historia. Do mesmo xeito é tamén unha homenaxe ás xentes que traballaron por ela, creando a súa faciana ó longo dos séculos, ós que a estudaron dende diferentes perspectivas e que nutren este libro nos textos feitos con moitas das súas investigacións.

Todos eles, uns e outros, son o sustento destas ‘Olladas de Pontevedra’, feitas para que a xente atope nesta pequena vila ‘varada’ ós pes do Atlántico, na desembocadura do río Lérez, a fermosura dun lugar envexado por moitos e gozado polos cidadáns de Pontevedra, á fin e o cabo os verdadeiros protagonistas da cidade, os seus actores principais.

Debo agradecer finalmente o apoio do Concello de Pontevedra para a elaboración deste libro, así como a confianza depositada polo Diario de Pontevedra en min para o seu desenvolvemento. Un libro sustentado nas miradas do noso fotógrafo Rafa Fariña. Grazas a el tamén polo seu inxenio e agudeza na plasmación de detalles que a min mesmo se me escapan, a súa valiosa colaboración quedará xa para sempre no imaxinario pontevedrés.

Ramón Rozas Domínguez
[/section]
[section title=”Guerreiro celta na rúa Juan Novás”]
Nun recuncho da rúa Sarmiento na traseira do Edificio García Flórez, créase un dos espazos máis fermosos do noso casco histórico, formado polo lateral dese edificio e as escaleiras da rúa Juan Novás. Alí, xunto a un antigo canón, está ubicada unha escultura que forma parte do propio museo. É un Guerreiro Celta, unha mostra da nova escultura do século XX e unha das pezas máis importantes no lento proceso renovador do clasicismo escultórico que se viviu en Galicia nas primeiras décadas do século pasado.

20111020081029_01g

ESCULTURA DE NARCISO PEREZ EN LA TRASERA DEL MUSEO DE PONTEVEDRA

A peza, obra de Narciso Pérez Rey, representa un dos momentos máis interesantes da nosa estatuaria, lonxe do exitoso camiño iniciado polo seu conveciño Francisco Asorey, baseado no realismo e na explotación dos tipos rexionais. O noso protagonista, pese a súa prematura morte, deixou exemplos dun novo xeito de afrontar a escultura.

Obtivo unha bolsa da Deputación Provincial e marchou a Madrid onde se matriculou na Academia de Bellas Artes. Alí coñeceu a escultores como Emiliano Barral ou Pérez Mateos; ambos plantexaban o abandono do academicismo en virtude da renovación impulsada polo cubismo e a súa liberdade de formas, prestando especial atención a esas formas primitivas. O arcaísmo escultórico ve nestes momentos un rexurdir e cada artista buscará a inspiración no seu legado cultural.

1928 é o ano no que labra o Guerreiro Celta. Dende a imaxe real dun amigo seu o artista configura o seu gran legado, que de non ser pola súa morte chegaría a ser unha gran carreira escultórica. Esta interpretación da tradición, do elemento primitivo, evoca a recuperación da nosa cultura. Este aprecio polo arcaico xenera unha peza solemne, pechada en si mesma, capaz de transmitir un momento íntimo de reflexión do guerreiro quizais tras afrontar a supervivencia dun combate, ou realizando unha pregaria nun momento previo á loita.

O tratamento da pedra, capaz de producir luces e sombras que completan o modelado clásico, no que non se descoida ningún dos puntos de vista, engrandece a peza, que destaca tanto pola súa calidade no tratamento do espido como polo escudo ou a espada que a complementan.
[/section]
[section title=”Cúpula da Igrexa de San Bartolomeo”]
É un dos grandes templos da cidade, expresión do poder dos Xesuítas na España do momento. Na rúa Sarmiento eríxese todo un complexo relixioso para o Colexio dos Xesuítas, no que merecen especial atención o claustro do colexio, a fachada da igrexa e o seu interior. O novo reitor da congregación en Pontevedra, o pai Pedro de Aragón, será quen inicie as obras da igrexa no ano 1691, avanzando considerablemente os traballos entre 1696 e 1700. Inaugurándose en 1714.

O arquitecto foi Pedro de Monteagudo. O seu traballo en Pontevedra viuse limitado polas esixencias da congregación, na que rexían uns patróns de conduta moi claros nas súas obras, e así veremos como a Igrexa é debedora dos modelos italianos impostos pola casa matriz dos Xesuítas. Xunto con ese factor, a súa morte prematura no transcurso das obras fixo que se vise moi alterado o seu plantexamento.

CUPULA DE SAN BARTOLOME

CUPULA DE SAN BARTOLOME

A fachada remite á do Gesú de Roma, modelo xenérico para estes templos, e que en Galicia practicamente non foi empregado, de aí o valor que ten este exemplo como adopción de solucións foráneas, que ó arquitecto lle vai permitir experimentar con elementos do Barroco galego, como os escudos e fiestras entre as columnas ou na forma de destacar a rúa central.

No interior atopamos a maior valoración da nave central, por riba das dúas laterais, algo imposto pola nova liturxia e o novo valor da misa como congregación. A igrexa ten un coro alto sobre o primeiro dos tres tramos no que se dividen as súas naves e na súa fábrica si que aparecen elementos atribuibles ó arquitecto.

O emprego de casetóns no intradorso dos arcos que separan as naves laterais da central lembra á fachada do Mosteiro de Oseira; os óculos que iluminan a nave central ou o uso dunha especie de axedrezado decorativo na parte superior da nave central tamén nos lembran motivos empregados en Sobrado dos Monxes.

Moi fermosa é a cúpula, que aquí é máis sinxela en decoración do que é habitual no arquitecto de Cerdedo, pero se nos detemos a mirala, algo que pola nosa colocación no templo ou a falta de costume de admirar certos espazos non adoitamos facer, ollamos unha atmósfera nova.
[/section]
[section title=”Rehabilitación do Mercado de Abastos “]
Dignificar a arquitectura. Esta pode ser unha das máximas do arquitecto pontevedrés César Portela, algo que se rastrexa en toda a súa arquitectura, unha obra comprometida co seu sentido orixinal, aquel xa tantas veces esquecido de servir para acoller ó home e facilitarlle a súa vida, de non caer en vaidosas construcións de forte presenza visual pero inhabitables por dentro.

César Portela ten a súa pegada en diferentes puntos da cidade, algúns deles máis visibles, como o propio Mercado de Abastos. Pero tamén ten outras intervencións quizais máis vencelladas coa súa memoria e a dos seus antepasados. Éstas ás que me refiro son as intervencións en parte do noso patrimonio, como o Santuario da Virxe Peregrina ou a Basílica de Santa María.

MERCADO DE ABASTOS REHABILITADO

MERCADO DE ABASTOS REHABILITADO

O Mercado de Abastos é, sen lugar a dúbidas, un deses modelos do que representa a dignificación do arquitectónico, xa que ante unha tipoloxía que nos podía levar a pensar nun certo descoido das súas calidades, porque se podería considerar que o seu fin utilitario non o requiría, o que se fai é todo o contrario, amosando unha forte consideración polos seus usuarios. Tamén pola construción orixinal, respetada na súa estrutura do ano 1948, obra do arquitecto municipal Emilio Quiroga.

César Portela mantén a traza ecléctica, de canteiría de granito, actualizándoa dunha maneira exemplar coa integración de novos materiais e a apertura de vistas ó río Lérez, ademais de facilitar o traballo dos seus usuarios, tanto vendedores coma mercadores dos produtos que nel se ofertan, coa creación dun aparcadoiro soterrado, a instalación das diferentes bancadas, que se integran nunha construción que serve ademais para a dinamización dunha zona monumental necesitada destes motores económicos.

Cando se inaugurou, en 2003, César Portela deixounos o mellor Mercado de Galicia, a través dun escrupuloso xeito de entender a arquitectura no seu senso final, o de acoller ó home e abrirlle as súas posibilidades. Dende sempre así o fixo, o que lle valeu o Premio Nacional de Arquitectura no ano 1990. Dende ese ano a súa arquitectura é aínda mellor, fíxose máis sobria e sinxela.
[/section]
[section title=”Carballo de Santa Margarida en Mourente “]
É este monumento natural un dos elementos máis queridos do noso patrimonio. A súa conservación e defensa ante o seu estado é un constante desvelo para as autoridades e os veciños da parroquia, que pasaron baixo a súa sombra moitos momentos da súa vida, e abofé que realizaron, como conta a tradición, moitas promesas que nunca se romperán.

Na poesía popular de Galicia Domingo Blanco recolle estas verbas: “Santa Margarida ten/o máis grande do carballos/a onde van polas tardes/a falar os namorados”. Sobre a súa idade non hai un dato certo, dáse por seguro que son máis de trescentos anos os que ten pero, como Filgueira Valverde, hai quen achega ó milenio a súa lonxevidade.

CARBALLO DE SANTA MARGARITA

O realmente certo é que estamos ante un dos exemplares de Carballo (Quercus robur L.) máis senlleiros de Galicia. Durante a súa longa historia asistiu ós xogos do Padre Sarmiento, quen tiña o pazo familiar (ó que chegou de ben pequeno procedente do Bierzo) a poucos metros do Carballo, pero tamén asistiu ás romarías que baixo él se realizaban na capela que se atopa o seu carón, e foi testigo de como os obreiros, nas celebracións do primeiro de maio, se reunían debaixo del no día das súas reivindicacións, sendo tamén en 1846 Berce do galeguismo.

No fermosísimo libro ‘Árboles monumentales en el Patrimonio Cultural de Galicia’, afírmase con moita certeza da existencia nalgún tempo dunha carballeria nese lugar, da que só quedaría en pé este extraordinario exemplo, chamada carballeira dos Gafos, segundo a documentación recollida na familia Moreira, que ten a súa residencia próxima.

CARBALLO DE SANTA MARGARITA

A estampa que conforma coa súa copa achatada, e as súas grosas codias inmortaliza unha das facianas máis fermosas de Pontevedra, xunto á capela de Santa Margarida -construída segundo a lenda por unha dama portuguesa por ter curado a Santa a súa pel- e o atrio que a rodea cun peche de pedra.

O asento en pedra que ten debaixo convida ó que a el se achega a gozar da súa sombra. É unha mágoa a súa situación rodeado por asfalto, que non é a mellor das opcións para o seu coidado. Pero o único certo é que este carballo resiste como ninguén o paso do tempo.
[/section]
[section title=”Placa da rúa Gregorio Fernández”]
Nun dos laterais do Edificio García Flórez atópase a placa dunha rúa. Algo que non deixaría de ser un feito normal, nesta ocasión non o é, xa que non estamos ante unha placa calquera, se nón que é unha peza con vida, que parece querer saír da parede grazas o traballo dun dos máis importantes escultores pontevedreses, Fernando Campo Sobrino. A placa de Gregorio Fernández ten tras de si toda unha historia que recolle de maneira exemplar Mª de los Ángeles Tilve Jar no catálogo da exposición que no ano 2002 lle adicou o Museo Provincial de Pontevedra.

gregorio hernandez

É así como, co gallo do acordo do Concello de Valladolid de homenaxear a este importantísimo escultor español, presentouse á corporación municipal de Pontevedra a posibilidade de adicarlle unha rúa a quen por aquel entón algunhas teorías consideraban natural de Pontevedra -na Igrexa de San Bartolomeo consérvase unha ‘Magdalena’ que se atribúe á súa man-, aínda que agora xa se afirma que era natural de Sarria, en Lugo.

É así como, en 1912, a moción do escritor Francisco Portela Pérez e a Sociedade de Artesanos, con sede na rúa Pasantería, ten éxito e é aceptada. En Agosto inaugúrase esa placa, feita nun fráxil material pola escaseza dos fondos a ela asignados, estragándose cos primeiros temporais do inverno. Ó ano seguinte créase unha nova comisión, que buscou de novo a reivindicación do escultor. Esta vez buscaron presuposto para que fose feita en bronce.

PLACA ESCULTORICA DE GREGORIO HERNADEZ

É así foi como se realizou no Teatro Principal un festival artístico para acadar eses fondos, logrando 796,75 pesetas. O encargo chegoulle a Francisco Campo na súa estadía en Roma, o que se aprecia de maneira destacada no traballo na placa, onde as figuras responden a un modelo claramente clasicista.

A placa sitúa na parte superior un retrato do homenaxeado feito a partir dun óleo atribuído a Diego Valentín; a ambos lados dúas figuras alegóricas, unha co escudo da cidade e unha flor, posiblemente unha camelia, representa a cidade, a outra a escultura, co mazo e o cicel en representación do facer do artista. Abaixo, represéntase o traballo cunha figura masculina. A peza foi finalmente instalada en agosto de 1914.
[/section]
[section title=”Castelao de Francisco Leiro no Café Moderno”]
No xardín do Café Moderno, nun fermoso recuncho, atópase, dende setembro do ano 2003, unha figura de Castelao realizada polo escultor Francisco Leiro. A peza, un gran bloque de granito, funciona como un menhir, unha especie de tótem fincado na terra, moi próximo a unhas mesas e a un café onde a bo seguro moito debatiu Castelao sobre política, arte, cultura, e tantos e tantos temas que tiña para a conversa o de Rianxo.

ESCULTURA DE CASTELAO DEL ESCULTOR FRANCISCO LEIRO EN EL CAFE MODERNO

ESCULTURA DE CASTELAO DEL ESCULTOR FRANCISCO LEIRO EN EL CAFE MODERNO

Francisco Leiro optou por unha representación sen moitos trazos, algo característico do seu estilo que lle serve para reivindicar os oficios artesanais, optando por cubrir a figura cunha coroza de palla. A idea xurdiulle ó autor cando se achegou a visitar o patio e, ó ver as altas palmeiras, veulle a mente ese autorretrato que o mesmo Castelao fixera coa indumentaria tradicional. Así o representa, e así tamén se unen dous homes representantes de dous tempos moi distintos para Galicia.

Castelao, licenciado en Medicina, parece que lle importaban as súas actitudes artísticas máis que o seu desenvolvemento. Tras opositar ó corpo técnico do Instituto Xeográfico e Estadístico, acada a praza en 1916 en Pontevedra, onde residirá ata 1936. Foi colaborador de publicacións como A nosa terra ou Nós.

En 1931, coa proclamación da República é elixido deputado pola provincia de Pontevedra. Nese mesmo ano funda en Pontevedra o Partido Galeguista. No 1934 publica Retrincos, Os dous de sempre e a edición definitiva de Cousas. Cando se atopaba en Madrid para entregar o texto do Estatuto de Autonomía de Galicia, acabado de plebiscitar sorpréndeo o inicio da Guerra Civil, marchará a Bos Aires, onde residiu dende 1940 a 1950.

Francisco Leiro naceu en Cambados. A súa arte rexeneradora da escultura galega dende os anos oitenta elevouno á escena internacional, pero nunca deixou de lado as súas raíces. As súas obras xogan entre o primitivismo e a plasmación do home, e nelas moitas veces mestúrase un humor entre o pop e o surrealista, quizais referente dese humor que ten o galego. Algo que relaciona o seu discurso e a estes homes galegos, unidos xa para sempre a partir desta peza.
[/section]
[section title=”Hórreo no Pazo de Gandarón en Salcedo”]
En Salcedo, no espazo onde se atopa a coñecida como Misión Biolóxica, atopamos tres importantes construcións. Máis recente no tempo é a edificación de Alejando de la Sota de 1928, onde se atopan as instalacións do dito centro científico e onde iniciaba a súa traxectoria como arquitecto. Preto dela atopamos o espectacular Pazo de Gandarón, mandado construir a finais do século XVIII polo que foi arcebispo compostelán nado nesta parroquia, Frei Sebastián Malvar e Pinto.

Hórreo no Pazo de Gandarón en Salcedo

A carón do Pazo detemos a nosa ollada nun enorme hórreo de case 22 metros, un fermoso exemplo desta arquitectura autóctona moi preto de todos nós. Este elemento etnográfico é de grande importancia no devir histórico da poboación galega no relacionado coa conservación e protección de diferentes produtos do campo.
Esta construción, complementaria da casa labrega, pode presentar diferentes formas, redonda, cadrada ou rectangular, aparecendo illada do chan mediante pés; polos seus laterais presenta diferentes aberturas para permitir a circulación do aire, e así propiciar a conservación ou secado do que nela se garde, a maior parte das veces cereais, que tamén son protexidos dos ratos pola propia estrutura, coa intelixente solución do tornarratos.

Hórreo no Pazo de Gandarón en Salcedo

Recibe diferentes nomes segundo a zona na que nos atopemos, dende cabazo a espigueira, pasando por piorno ou canizo. Pero o realmente certo é que a súa fisionomía forma parte indiscutible da paisaxe galega, e a súa aparición é unha das maiores achegas do noso pobo a esa configuración do noso marco xeográfico. Este hórreo presenta características propias, distinguíndose pola súa esvelteza e ben rematada construción.
A súa proximidade ó gran pazo obrigou ó seu autor a coidar a harmonía das partes para non distorsionar o conxunto. Bastante ancho e moi longo, conta con once pares de postes, onde radica unha das súas curiosidades, ó engadirlle baixo o pé propiamente dito unha peza prismática, frecuente en terras asturianas pero non tanto por esta zona. Curioso tamén é o feito de non estar dividido en tramos, senón que as aberturas laterais son corridas, uniformizando o conxunto.
[/section]
[section title=”Fonte nos Xardíns de Casto Sampedro”]
“Pontevedra é boa vila/dá de beber a quen pasa/na fonte da Ferrería/San Bartolomé na praza…”. O dito popular atópase inscrito nunha placa colocada no ano 1941, anos despois de que a fonte se ubicase no seu actual emprazamento nos Xardíns de Casto Sampedro en 1928. Pontevedra é vila de ríos, e polo tanto de fontes. Ás diferentes fontes espalladas pola comarca únense tamén as que no núcleo urbano abasteceron á cidade, a dos Tornos, a da Moureira, ou as diferentes fontes de Sesmeros.

FUENTE EN LOS JARDINES DE CASTRO SAMPEDRO

Todas son parte dunha cultura na que a auga pasa de ser un elemento de subsistencia a formar parte da imaxinería popular dentro do ámbito artístico. O século XVI, o do esplendor pontevedrés, levou consigo, entre diferentes obras civís, a traída de augas dende os mananciais de Moldes, como nos conta Xosé Fortes Bouzán na súa ‘Pontevedra en el espejo del tiempo’. Con esa traída pretendeuse aplacar as necesidades de auga que xa dende o medievo tiña unha poboación en constante crecemento.

Encargóuselle o proxecto artístico de creación dunha fonte a Joao Lopes, mestre da localidade portuguesa de Porto, para que, segundo a documentación do momento, a fonte fose “de la manera, tamaño, altor y con las perfecciones y hechura que tiene el chafariz principal que está en la villa de Camyna”. A fonte foille encargada a Domíngo Fernández, e foi instalada nunha esquina da Praza da Ferrería, a carón do camiño que entrando pola porta de Trabancas baixaba polos soportais para saír pola ponte do Burgo.

FUENTE EN LOS JARDINES DE CASTRO SAMPEDRO

Dada a súa importancia de cara o subministro, o Concello foi sempre moi escrupuloso co seu coidado e segundo as investigacións nos arquivos documentais feitas por Xosé Fortes, creáronse numerosos bandos municipais para que se respectase, prohibindo a limpeza de roupas, ou que as cabalgaduras bebesen nela. Chegouse incluso á instalación duns obstáculos en pedra que a rodeaban para impedir o paso das bestas. Así nos chega en diferentes debuxos feitos polos membros da Sociedad Arqueológica. O século XIX, e o seu erróneo urbanismo devorou moitos restos do pasado, como a esta fonte. ‘A fonte que da de beber a quen pasa’.
[/section]
[section title=”Luminarias na Zona Monumental “]
Pontevedra sempre tivo na luz unha das súas preocupacións máis intensas. Por isto, a finais do século XIX, concretamente en 1888, convertiuse na primeira vila de Galicia e unha das primeiras de España, en instalar o seu alumeado eléctrico. Xosé Fortes Bouzán, na súa ‘Historia de Pontevedra’ recorda aquel primeiro tendido que tiña nunha central a carbón no edificio que actualmente se coñece como Casa da Luz, na praza da Verdura, o seu centro enerxético, e que tras unha serie de probas feitas os días 12 e 26 de abril daquel ano comezou a funcionar para, nos meses seguintes, realizarse a súa instalación en diferentes rúas da cidade ata o seu remate en xullo coa instalación dunha lámpada incandescente de 400 buxías no centro da Ferrería, tal e como conta o historiador.

ILUMINACION DE LA ZONA MONUMENTAL FAROLAS

Os tempos mudaron moito dende aquel entón, e a compatibilización do uso da enerxía eléctrica coa sensibilidade ante a súa instalación en diferentes zonas tan queridas para o noso patrimonio histórico como pode ser a zona monumental, son elementos que complican a creación dun deseño moderno, pero que ten máis que ver cos tempos pasados do que a simple vista semella.

20111026081024_09p

A forma destes novos puntos de luz, que dende o ano 2003 enchen as nosas rúas, evoca a forma dos antigos candís de gas que alumeaban ós nosos devanceiros, e nos que agora se incorporan os últimos adiantos, para o seu funcionamiento, como pode ser á súa baixa contaminación lumínica e o seu sistema de ventilación; e tecnológicas, no referido a súa construción, realizándose esta en forxa de aceiro inoxidable e en metacrilato, dous compoñentes moi resistentes e esteticamente moi atractivos.

Tanto o seu creador, o arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, coma o aparellador municipal Luis Costa Ferrer, co apoio da empresa Setga, foron quen de crear un novo xeito de entender a iluminación nesta cidade, sendo motivo de recoñecemento polas chamadas dende outros concellos de España para interesarse por este adianto dunha grande eficacia enerxética e sobre todo dunha estética que volve a poñer a Pontevedra na cima da iluminación das cidades.
[/section]
[section title=”Imaxe de San Martiño na Igrexa de Salcedo”]
Na parroquia de Salcedo atopamos entre o seu rico patrimonio unha fermosa mostra de arquitectura neoclásica, a igrexa de San Martiño. A potencia da súa construción, lonxe de artificios estéticos, destaca pola contundencia das súas torres e a forza dos seus muros de pedra. Nela atópase unha sobranceira reliquia, a dun dos fillos de Salcedo máis egrexios, o arcebispo Malvar y Pinto, que viviu entre 1730 e 1795. O seu corazón, agochado nun mausoleo de chumbo, repousa no templo da súa parroquia.

ESCULTURA EN LA IGLESIA DE SALCEDO

É unha igrexa austera pero na que, se nos fixamos, entre os seus campanarios atopamos unha figura, aínda que a nosa vista a rentes do chan ó mellor non pode distinguir de quen se trata. É un home a cabalo, máis concretamente un militar que amosa unha tea a un home mancado que parece implorarlle. A escena representada é unha das pasaxes da vida de San Martín de Tours, un dos homes máis destacados da cristiandade e cun gran número de advocacións en diferentes lugares do mundo. O seu templo orixinal en Tours, onde repousan os seus restos, é un gran centro de peregrinaxe, e dende alí fomentouse o seu culto.

20111026081044_10g

Esa escena recreada no templo de Salcedo remite a un dos episodios importantes na vida do santo, cando un día de inverno Martín, que pertencía á garda imperial de Roma, entraba na cidade de Amiens, onde un home espido lle pediu esmola. Martín, ó decatarse de que non tiña moedas, desenfundou a súa espada e cortou a capa que portaba para darlle a metade a aquel pobre home.

Obxecto de burlas polos seus compañeiros, conta a lenda que aquela mesma noite foi recompensado, xa que durmindo viu a Xesús vestido co anaco de tea que lle dera a aquel home. En Galicia, lugar dun culto moi estendido, a súa celebración o día 11 de novembro une ó aspecto relixioso ó etnográfico, xa que vai marcar a chegada dunha das épocas ancestralmente máis sobranceiras no calendario galego, o inicio do período da matanza. Unha mistura de tempo festivo e de acumulación de alimentos para os duros tempos do inverno.
[/section]
[section title=”Escudo dos Montenegro na Praza do Teucro”]
A zona monumental de Pontevedra é rica en mostras de escudos de armas e liñaxes nos que se deixa constancia do pasado de moitas das familias da cidade. Rara é a vivenda desta zona na que non queda esa pegada en forma de labra heráldica. A Praza do Teucro conserva algúns dos máis fermosos e en todos os seus laterais podemos contemplar escudos. Especial mención merece o que se atopa no número dous de dita Praza, nunha gran casa señorial que fai esquina coa rúa Princesa.

escudo en la plaza del teucro

Sobre o muro que asoma á Praza atopamos o escudo dos Gago-Montenegro, nome co que se coñece esta construción do século XVI, aínda que en séculos posteriores sufriu modificacións. A calidade da labra é evidente, o detalle e a súa monumentalidade, sitúano como un grande exemplo dos tempos do Barroco en Galicia.

Nel represéntanse as diferentes liñaxes que conflúen nesa familia. Dende os Gago, co seu escudo central e unha ponte nel, unha man empuñando dúas chaves e cinco lúas crecentes, entre outros elementos; ata os Montenegro, coa súa M na parte superior; pasando polos Ozores, cun león atravesado por un sabre; os Tavares, coas súas cinco estrelas de seis puntas; os Mendoza, co seu cuarteado en aspa; os Sotomayor, cos seus escaques; os de Oca, cunha árbore e un can; os Castro, con seis roeles; e os Sarmiento, con trece bezantes.

ESCUDO EN LA PLAZA DEL TEUCRO

Abaixo figura un óvalo no que se le a seguinte inscripción: “Mandaron reedificar esta casa D. Antonio Félix Tavares Ozores y Sotomayor y Dª María Gago de Oca Sarmiento y Montenegro”. Pero a súa completa colección de escudos, ata un total de once labras entre os seus dous laterais e o patio interior, presenta outras lecturas que chaman a atención, sobre todo en relación coa historia da nosa cidade.

Así é como en varios deles se representa unha man suxeitando dúas chaves sobre unha ponte amurallada, elemento que comentamos, é representativo dos Gago. Sen ningún dato documental, si que podemos arriscarnos a comentar que, dada a importancia desta familia, durante moitos anos tivo o privilexio de abrir e pechar as portas da ponte, incluíndo tal motivo no seu escudo.
[/section]
[section title=”Balconada na Casa das Caras”]
Quen atravesa pola Praza da Estrela ten a impresión de sentirse sempre observado. Sen decatarnos, na fachada dunha das casas con máis historia da cidade, un conxunto de caras está a ollar cara nós constantemente. Esta casa coñecida como ‘das Caras ou Pazo dos Barbeito’, pola liñaxe de antigas familias que alí moraban, foi parte activa na vida da cidade e así, antigamente, foi parada de carruaxes.

20111026081036_12g

Nos seus muros aínda podemos atopar algunha ferradura na que se ataban as cabalgaduras, pero tamén se abríu á modernidade ó ter nela o seu estudio o mítico fotógrafo Zagala, pasando logo a ocupala outro fotógrafo de nome Novoa. Despois deste, tivo alí o seu estudo Ramón Barreiro, pai do propietario actual e nome imprescindible á hora de achegarnos ó incipiente cine.

Asomarse a esta casa supón achegarse tamén á figura do seu propietario, Enrique Barreiro, un dos nosos arquitectos máis prestixiosos, autor na cidade de traballos como o ‘Príncipe Felipe’, a complexa restauración da Igrexa de San Bartolomé ou a rehabilitación da sede do Liceo Casino. Defensor do patrimonio en grao máximo, a súa casa é expoñente visual desta actitude non só como profesional senón tamén como persoa.

CASA DE LAS CARAS EN LA PLAZA DE LA ESTRELLA

Un documento de 1725 sobre a construción dun balcón nesta casa ponnos sobre a pista desta nova ollada, tan curiosa como espectacular na súa resolución, xa que esta balconada de gran lonxitude e que abraza a casa por un dos seus costados vai crecendo en tamaño segundo permite a complexa rúa na que se ubica.

Esta é unha das curiosidades desta casa, e que permanecen agochadas, como as fermosas lareiras, que posúe en diferentes pisos pero a un mesmo nivel e con dous tiros diferentes para cada unha delas, ou a recuperación que o propio arquitecto fixo da fachada traseira tapiada e na que ahora se rescatan unhas enormes ménsulas, así como as canalizacións da zona das cabaleirías recuperadas pola forza dunhas pedras furadas.

Polo tanto, Enrique Barreiro tivo na súa propia casa, o xeito de demostrar a función do arquitecto, no só como creador de novos espazos, senón tamén como profesional capaz de perpetuar o pasado desta vila.
[/section]
[section title=”Ponte dos Tirantes sobre o río Lérez”]
Cidade de pontes, de orelas opostas onde se desenvolve a vida da xente. Pontevedra ten nas pontes a orixe do seu nome, aquel ‘Ponte Veteri’ con que é nomeada no Fuero concedido polo rei Fernando II. A desaparecida estrutura romana que permitiría o paso á mansión que baixo o nome de Turoqua, afirma Antonio de la Peña Santos, atopábase neste punto da vía XIX, deixou no medievo paso á Ponte do Burgo, que moitos séculos despois, ata o 1905, non se viu acompañada por outra ponte, a da Barca.

PUENTE DE LOS TIRANTES

A ponte do ferrocarril en Monte Porreiro e tras ela a Ponte Nova xa nos oitenta, ou a da autopista, para xa en maio de 1995 construirse a coñecida como Ponte dos tirantes. No ano 2004 esta ponte foi incluída nunha relación das 33 pontes máis singulares de España. Tendo en conta que once delas eran pontes históricas, diremos que a nosa ponte, dentro das obras do século XX, estaría entre as 22 máis sobranceiras.

Esa presenza é máis que merecida, xa que a súa estética, xunto á súa audacia construtiva, define un dos elementos visuais da estética pontevedresa. A ponte é obra dos arquitectos Leonardo Fernández Troyano e Javier Manterola, e nela ambos amosan a súa mestría neste tipo de proxectos, dos que teñen exemplos na Península, coma a Ponte Euskalduna en Bilbao, ou a Ponte da Barqueta en Sevilla.

20111026081058_13g-bis

A ponte é de tipo atirantado cun van único e contrapesos. A torre, ubicada nun dos seus extremos, presenta dúas inclinacións, o tramo superior, sobre o taboleiro, está inclinado cara a terra, e o tramo inferior, baixo o taboleiro, cara a auga. Esa dobre inclinación segue a traxectoria da resultante de forzas na torre, debidas ós tirantes, á que se suma a compoñente horizontal do taboleiro.

Pero o certo é que, lonxe das apreciacións técnicas, contemplada dende calquera punto de vista, o seu entramado é un espectáculo amoldado polas condicións meteorolóxicas. As variacións de luz, ou a intensidade do vento, modifican a nosa percepción dunha ponte que chega a falar cando o vento cimbrea os seus tirantes. O seu zumbido engaiola a nosa mente e funciona como un axóuxere para os que a cruzan.
[/section]
[section title=”Capela de San Cibrán en Tomeza”]
Situada nun dos miradoiros de Pontevedra, nas derradeiras estribacións da serra da Fracha, érguese a ermida de San Cibrán en Tomeza. Atópase nun lugar elevado, aspecto común en moitos santuarios galegos, quizais pola vinculación destes espazos sagrados con antigos cultos pagáns.

SAN CIBRAN EN TOMEZA

A ermida, situada nun amplo espazo que se enche o día da súa festa, coincidente co luns de Pascua, amósase como un pequeno recinto cunha planta rectangular de máis ou menos 5 metros de ancho por 15 de lonxitude. Unha teitume a dúas augas, un sinxelo arco de entrada e uns poucos vans nas súas paredes son os motivos construtivos deste santuario do que a comarca pontevedresa é tan devota.

Máis que do aspecto arquitectónico, falar de San Cibrán e falar da súa romaría, do seu rito e dos seus milagres. Cando o luns de Pascua moitos romeiros se achegan a este lugar van a honrar a San Cipriano, santo que na súa mocidade tivo contactos coa bruxería, e de aí viría o seu culto para sacar o meigallo.

SAN CIBRAN EN TOMEZA

En relación ó santuario pontevedrés, unha antiga lenda conta que a imaxe que alí se venera foi atopada de xeito casual por un labrador fincada na terra. Cando os veciños a quixeron levar á igrexa de San Pedro, tamén en Tomeza, os bois que tiraban do carro negáronse a seguir, e tiraron cara o lugar onde se atopa agora a ermida. Ata ese lugar comezaron a chegar moitos fieis para curar as súas doenzas especialmente o meigallo, ese mal que a nosa tradición asociou co mal de ollo ou feitizo provocado por unha meiga. A nosa provincia é rica neste tipo de crenzas, e así, son moitos os santuarios ‘especializados’ nesta actividade.

O ritual pontevedrés fálanos de como unha vez feita a ofrenda á imaxe do santo o fiel ten que dar nove voltas á ermida, mentres no transcurso de cada volta debe lanzar unha pedriña ó outro lado da capela, mentres se van orando unha serie de rezos. Os numerosos fieis que ata o santuario se achegan nese luns de Pascua viven unha xornada a camiño entre a relixiosidade e o aspecto lúdico, xa que é tradicional subir co roscón de Pascua e algún alimento máis para así gozar dunha xornada ó aire libre.
[/section]
[section title=”Sepulcro de Paio Gómez Charino en San Francisco”]
“Ganó Sevilla siendo de moros”. Así reza o epitafio que na súa tumba, ante o altar do Convento de San Francisco, se atopa inscrito. O seu biógrafo, Armando Cotarelo, data o seu nacemento en torno ó 1225 e a súa morte no 1295. Foi, ademáis dun gran militar que participou na toma de Sevilla, gran poeta e trobador medieval. Letras e armas xuntas na mesma persoa, o ideal do cabaleiro.

SEPULCRO DE PAIO GOMEZ CHARINO EN SAN FRANCISCO

Non se sabe ben o seu lugar de nacemento, debaténdose entre Rianxo, vila da que foi señor, chegando a posuír pazo e castelo, ou Pontevedra, onde residiu e se atopa enterrado. Participou na famosa campaña da toma de Sevilla baixo o reinado de Fernando III. Con cargo de Almirante do mar, o poeta debeu ser recompensado por Sancho IV por participar na súa sublevación contra o seu propio pai, Alfonso X. Sancho IV nomearao adiantado maior de Galicia.

Trala súa morte, acoitelado por Ruí Pérez Tenorio, a súa viúva ordena a construción do sepulcro, en virtude das probables doazóns que en vida faría para a construción do templo. Estas son só algunhas das andanzas da súa vida militar, pero máis destacada é a súa faceta de trobador.

SEPULCRO DE PAIO GOMEZ CHARINO EN SAN FRANCISCO

Conservamos un total de 28 cantigas, xénero poético medieval, das cales 19 son cantigas de amor e 6 son cantigas de amigo. Tamén temos un sirventés, unha tenzón e un cantar de escarnio. Segundo os expertos, as súas cantigas proveñen dun espírito delicado e aristocrático, xa que por exemplo non se conserva ningunha cantiga de maldicir, e ademais nas de amor amósase respectuoso cos convencionalismos cortesáns, polo que se alonxa do popular.

“As frores do meu amigo/briosas van no navío/¡E vanse as frores/ d’aquí ben con meus amores!/Idas son as frores/d’aquí ben con meus amores…”. Este exemplo dunha das súas mellores composicións, que son as referidas ó mar, amosa esa sensibilidade cantando ó amor da namorada -nestas composicións ‘namorado’ substitúese pola verba ‘amigo’-, que lle dá nome ó tipo de cantiga. Mediante as súas verbas a súa obra literaria transcendeu a súa propia vida como militar, pasando á historia como alguén que soubo facer da palabra a súa grande arma.
[/section]
[section title=”Edificio de viviendas de Alejandro de la Sota”]
Salpicada Pontevedra de antigos monumentos, de edificios seculares, de espazos de memoria e pedra, tamén durante o século XX grandes arquitectos deixaron a súa pegada. Arquitectos que afrontaron o complexo papel modernizador da arquitectura, coa asimilación de novas linguaxes e novas propostas, coma o pontevedrés Alejandro de la Sota.

EDIFICIO DE VIVIENDAS EN LA CALLE RIESTRA DE ALEJANDRO DE LA SOTA

Naceu no seo dunha familia culta. Seu pai, enxeñeiro e presidente da Deputación de Pontevedra naquel momento no que se deron bolsas a grandes artistas como Laxeiro, Colmeiro, Souto, Maside ou Torres, propiciou a súa vinculación cun ambiente cultural importante. Comezou a súa traxectoria profesional coa mirada cara os tipos rexionais, dentro dun ambiente xeral non moi afeito á implantación de solucións modernas. Pero o seu espírito foi pouco a pouco xerando un novo compromiso coa arquitectura e o progreso. Os seus postulados fóronse dirixindo cara o racionalismo.

As férreas directrices oficiais trala Guerra van perdendo consistencia e así, trala celebración en Madrid do Congreso Iberoamericano de Arquitectura en 1948, comezará a existir un pulo aperturista. A partir de aquí comézase a crear unha gran xeración de arquitectos españois como Bohigas, Molezún, Oiza ou de la Sota. A sua mirada ó exterior e a aplicación de conceptos do movemento moderno así o van confirmar. A utilización de novos materiais, a redución de todo aquel elemento sobrante e a integración coa natureza van facer da súa arquitectura unha das máis sobranceiras.

En 1972 constrúe o edificio de vivendas na anterior rúa de Gondomar, agora rebautizada co nome do arquitecto. Alí plasmará varias das súas ideas coa vivenda como ‘campo de experimentación espacial’, segundo as palabras doutro arquitecto que o estudou ben, Pedro del Llano.

DETALLE DE EDIFICIO DE ALEJANDRO DE LA SOTA EN LA CALLE RIESTRA

Cara o exterior destaca a sobriedade de liñas, a exclusión de todo aquilo que parecese sobrante nunha arquitectura feita para vivir dentro dela, e onde se aprecia un marcado xogo xeométrico, case como unha partitura musical chea de ritmos acompasados. O remate superior destaca pola súa terraza, onde se xoga con esa integración do exterior no interior do edificio.
[/section]
[section title=”Mansardas no edificio do Casino Mercantil “]
Na Praza de Curros Enríquez érguese, solitario e maxestuoso, un enorme edificio, a cabalo entre o século XIX e o XX no que se resumen moitas das situacións urbanísticas daquela Pontevedra finisecular que creaba novas edificacións para unha cidade tamén nova. Co seu estilo ecléctico, acolle actualmente a unha das entidades sociais con máis tradición na cidade, o Casino Mercantil.

mansardas ventanas afrancesadas

A finais do XIX Pontevedra derrubará moitos vestixios do pasado, entre eles as súas murallas, pero tamén edificios que formaron parte da súa historia. Foi o caso do que se atopaba no lugar onde agora está a sede do Mercantil, o Hospital de San Juan de Dios, chamado así por ser os irmáns desa orde os que o xestionaban. O Hospital xa fora fundado no século XV como ‘Hospital do Corpo de Deus’ e atopábase a carón do camiño portugués de peregrinación a Compostela. Os debuxantes da Sociedad Arqueológica deixaron fiel testemuña da súa presenza física e da súa fisionomía.

A necesidade de expansión da cidade, a construción do novo centro, ou a perda do hospital por parte da Igrexa debido ó proceso desamortizador fixeron que se procedese ó seu derrubamento en 1896. A nova burguesía, o funcionariado en definitiva as novas clases sociais que xurdiron na Pontevedra do século XIX, coa importante presenza da capitalidade provincial na vila do Lérez, fixeron que hoteis, cafeterías, comercios, locais recreativos, etc, foran configurando a estampa dunha vila moderna. Así é como consta no Concello, na licencia outorgada a Don Saturno Varela en 1897 para que en parte daquel terreo se edifique unha nova construción adicada ó comercio.

VENTANAS AFRANCESADAS EN EL EDIFICIO DEL MERCANTIL

Nela unha histórica ferretería simbolizou aquel lugar como o da ferretería Varela, nome que segue vixente nun negocio trasladado a un baixo no inicio da rúa Don Gonzalo. O edificio de tres alturas remata dunha graciosa forma, co emprego dunhas fiestras de tipo mansarda, moi do gusto da arquitectura francesa e que alixeiran a fisionomía xeral do edificio, que se asemella a un gran hotel, referíndome a como chaman na arquitectura francesa a un pazo urbano no que a arquitectura do eclecticismo tiña posto o seu punto de mira.
[/section]
[section title=”Cruceiro con escolta en Mourente”]
Na parroquia de Mourente, xusto diante do cruce dende o que se vai ó parque de verán do Casino Mercantil, atopámonos cun fermoso cruceiro que, curiosamente, aparece escoltado por unha figuriña que se atopa vixiante e protectora. As terras de Mourente son ricas neste tipo de elementos artísticos e etnográficos. Os cruceiros son dende sempre moi representativos no seu patrimonio, algo que non pasou desapercibido para o propio Castelao, que no seu álbum ‘As cruces de pedra na Galiza’ incluiu numerosos cruceiros desta parroquia.

20111026081050_18g

Nesta ollada chama a atención ese escolta que atentamente non lle saca ollo ó Cristo. É unha situación moitas veces vista nas nosas procesións relixiosas, nas que as forzas da lei amosan a súa disciplina ante a imaxe relixiosa, sendo protectores físicos dela e transmitindo ó fiel a sensación de fidelidade.

No pedestal que sustenta o cruceiro podemos ler a inscripción “Se hizo por Manuel Moreira a devoción de su difunto padre, año 1863”, pouco tempo despois de que se crease o corpo da Garda Civil, que baixo a dependencia do Ministerio da Gobernación naceu tal e como hoxe o entendemos, trala Guerra Carlista en 1844.

CRUCEIRO Y SOLDADITO EN MOURENTE

Durante a creación do cruceiro este corpo estaba nacendo, polo que se emprega para aumentar o sentimento de respecto e protección da peza, decidíndose a súa inclusión nel co traxe da época de construción do referido cruceiro.

A partir dese gran pedestal, xorde unha columna cilíndrica, na que atopamos unha gran serpe arredor dunha caveira con dúas tibias pintadas en branco. O seu final é un fermoso capitel (cunha meritoria labra) no que se instala unha cruz recta que leva por un lado o Cristo ó que un San Francisco de xeonllos se lle achega. No outro lado aparece a Virxe, que leva o neno no regazo, e dous anxos que a coroan.

A súa policromía nos remite a outros tempos nos que a pedra adoitaba aparecer pintada, caleaban as fachadas das vivendas, e en tempos pretéritos se chegaba a pintar as igrexas, polo que este cruceiro de factura aínda recente serve para ver como as cores se incluían dentro de moitas das pezas do noso patrimonio.
[/section]
[section title=”Debuxos de Monteserín no Café Moderno”]
É o Café Moderno, rehabilitado de xeito prodixioso por Caixa Galicia, un recinto cheo de segredos, de pintores que a través dos máis variados estilos presentan parte da produción artística en Galicia. Dende as obras de Carlos Sobrino, Pintos Fonseca ou Laxeiro repartidas por diferentes estancias, ata a máis antiga delas, un conxunto de escenas de cabaret feitas polo pintor Demetrio Monteserín. Tres escenas nas que, cun ton burlesco, se presenta unha situación chea de picardía entre unha muller e diferentes homes.

DIBUJO DE MONTESERIN EN EL CAFE MODERNO

Este estilo, plenamente modernista, nós evoca unha época ilustrada, de salóns, cabarets e teatros. Foi feita no ano 1903, o mesmo ano da apertura ó publico do Café Moderno, lugar para tomar café aproveitado como sala de audicións musicais, cine e tertulia, en definitiva, o espazo máis cosmopolita da Pontevedra de principios do século pasado. Así era como encaixaban perfectamente esas tres escenas modernistas tanto no seu espírito como na súa plasmación formal.

A primeira amosa unha parella, ela do brazo dun mozo engalanado para o seu paseo e ataviado cun ‘canotier’. As dúas seguintes situacións van ofender ó mozo da primeira escena. Agora, esa mesma muller coquetea con outros homes. Nun caso está sentada ante sete homes elegantemente ataviados de noite, esperando a elección dunha muller que polas súas roupas ben pode adicarse ó cabaret.

Todos eles parecen semellantes. Todos observan a través dos seus monóculos o corpo da muller desexosos da súa compaña, pero só un será o escollido. Cun sutil xesto un deses homes saca do seu peto unha carteira. A muller xa decidiu cal sería o elixido. Así, vémolo na última escena do brazo da muller e, cuns andares alegres a parella camiña mirándose entre sí.

DIBUJO DE MONTESERIN EN EL CAFE MODERNO

Formalmente, a caricatura remítenos á profesión de ilustrador do seu autor, que chegou a participar en grandes publicacións dese terreo, coma foi a madrileña ‘Blanco y negro’. A liña é a que marca todas as figuras que, aparecen perfectamente recortadas no espazo, enchéndose o seu interior de cor sen matiz algún, pero todas elas conservan o carácter elegante dese estilo, un preciosismo decorativo de influxo modernista.
[/section]
[section title=”Busto de Manuel Quiroga”]
O noso violinista máis sobranceiro está constantemente mirándonos, coa súa mirada ensimesmada, chea de forza, de pulo por facer co seu violín a música que o levou por todo o mundo. Francisco Asorey, un dos grandes escultores galegos, fixo un busto del que dende 1949 está instalado nos Xardíns do Doutor Marescot, fronte ó ambulatorio. Alí repousa a efixie de Manuel Quiroga.

BUSTO DE MANUEL QUIROGA

O monumento, sinxelo, un busto sobre unha pilastra e un fondo de granito, e na parte inferior a súa data de execución. Sobre ela, o seu rostro. Vemos como Francisco Asorey tiña ben estudada a fisionomía de Manuel Quiroga, a quen seguramente coñeceu, xa que son da mesma xeración e curiosamente coincidiron na data da súa morte.

O traballo nesta peza corresponde á etapa final da súa vida, na que se plantexa un neohumanismo -en palabras de Ramón Otero Túñez- en que se lle devolve a presenza ó ser humano, sen adornos, nen distraccións. O realismo é evidente, acrecentado polos efectos do granito labrado sen concesións, destacando o momento interior do homenaxeado. A musculatura do pescozo, as concavidades dos ollos, os pómulos marcados son quen de xerar no espectador esa sensación de vida, de captación dun instante dun creador, dun xenio.

Manuel Quiroga foi o grande músico desta cidade, nacido na rúa que agora leva o seu nome. En xullo do ano 1903 terá lugar a súa primeira aparición pública no Café Moderno, amosando á prensa local a necesidade de que que o rapaz continúe os seus estudos dada a súa precoz mestría. Ingresa no Conservatorio de París, onde permanece os dous anos seguintes.

BUSTO DE MANUEL QUIROGA

En 1911 logra o primeiro premio de violín do Conservatorio, sendo o segundo español en acadalo tras Pablo Sarasate. Este triunfo será o pulo definitivo á súa carreira, a prensa española empeza a falar del e o recibimento en Pontevedra foi inesquecible, con comercios pechados, arcos na súa rúa e conducido a ombros.

Pero a súa sorte mudou en 1937, un accidente de tráfico apartouno da súa paixón. Dende esa data ata a súa morte o seu declive físico e mental só tivo refuxio na composición musical e nas súas dotes para a pintura.
[/section]
[section title=”Sexto edificio do Museo de Pontevedra”]
O peso da historia do conxunto de edificacións que compoñen o Museo Provincial de Pontevedra convérteo nun espazo moi complexo para actuar nel, o que fixo que Celestino García Brañas, tivese que amosar o mellor del para non defraudar a ninguén, pero sobre todo a si mesmo. O sexto edificio do Museo Provincial levántase no remate dun conxunto de casas, respectando a fisionomía da Pontevedra medieval.

AMPLIACION DEL MUSEO EN LA CALLE PASANTERIA

Un gran muro medianeiro vai ser o punto do que parta o arquitecto para vencellar a nova arquitectura coa lembranza da anterior. O respecto a ese muro, reflexo da antiga estrutura de vivendas da cidade, é toda unha declaración de intencións para harmonizar presente e pasado.

Nel intégrase una visión moderna e actual do feito arquitectónico mediante o emprego de materiais que nunca se usaron ata o de agora desa maneira. Así as cubertas péchanse con cobre, mentres que o chan incorpora a lousa no seu interior, o que outorga unha enorme elegancia ó remate final. Camiñar por este lugar supón revalorizar un material que só se empregaba en cubertas de vivendas.

AMPLIACION DEL MUSEO EN LA CALLE PASANTERIA

A súa cor negra complétase coa estudada cor verde das madeiras, proporcionando un espazo moi axeitado de cara ó fin que se pretende neste edificio, que non é outro que o de servir de lugar de traballo diario para os investigadores, que terán no segundo andar un espazo privilexiado, mentres na primeira planta se integran os diferentes despachos do persoal do Museo, así como a sala do Padroado, onde se mantén vivo máis que en ningunha parte o recordo da anterior arquitectura mantendo descubertos os grandes muros pétreos.

No edificio gárdase o material documental do Museo, fondos dos seus benfeitores, libros, fotografías, planos, gravados. Gran parte deste libro, destas olladas, foron escritas neste edificio, nunha sala chea de comodidades para o investigador, polo que deben servir estas liñas para deixar constancia da súa bondade arquitectónica, que fixo máis doado o traballo, así como o agradecemento a todo o persoal que nel traballa, dende o seu director ata quen dá os bos días pola mañá no Rexistro de entrada. Todas as amabilidades e axudas son parte deste libro.

[/section]
[section title=”Fachada da Igrexa de San Miguel de Marcón”]
A parroquia de San Miguel de Marcón, moi preto de Pontevedra, pasou a formar parte do Concello pontevedrés no ano 1869, cando a administración local levaba dous anos realizando unha política de anexión de diferentes parroquias do rural. Ata chegar a ese punto, Marcón pertencía xa xudicialmente a Pontevedra, como constaba xa en documentos do ano 1575.

IGLESIA DE SAN MIGUEL EN MARCON

O Catastro do Marqués de Ensenada, realizado en 1752, incluía a parroquia de Marcón dentro do señorío do Arcebispado de Santiago. En 1833, coa reforma administrativa de Javier de Burgos, a parroquia pasa a formar parte do Concello de Pontevedra, pero en 1841, xunto ás de Mourente e Tomeza, constitúe o Concello de Mourente, pasando xa definitivamente en 1869 ó Concello de Pontevedra.

A igrexa parroquial de San Miguel de Marcón é o referente artístico da parroquia. Trátase dunha pequena construción do século XVI da que aínda se conservan moitos elementos. Recollida polo arquitecto Rafael Fontoira Surís na súa recompilación de edificios relixiosos da provincia de Pontevedra, o autor destaca mediante debuxos a bóveda estrelada do presbiterio, así como as das capelas laterais, tamén estreladas.

A igrexa ten unha soa nave rectangular na que se modificou a súa cubrición, pasando de ser de madeira a ser de formigón. Elementos do coro de Santa María a Maior de Pontevedra foron trasladados ata esta igrexa durante o século XX. A súa fachada, moi sinxela, presenta sobre o arco de entrada unha curiosa imaxe dun anxo tocando un corno, que posiblemente sexa o Anxo do xuízo final, que se ve acompañado por dúas figuriñas, de menor calidade que a primeira, que representan a San Pedro e San Paulo.

IGLESIA DE SAN MIGUEL EN MARCON

Ós pés do monte da Fracha, o seu amplo adro permite gozar dunha fermosa vista de Pontevedra, ademais doutros elementos que nel se atopan, como por exemplo un cruceiro colocado alí no ano 1994 tras ser sufragado polos veciños a partir dun modelo de Sintra, Portugal, aínda que máis interesante e o que se atopa no propio adro da igrexa que con data de 1742 considérase o máis antigo da parroquia de Marcón.
[/section]
[section title=”Mural de Manuel Moldes na sede da Uned”]
Moitas veces as paisaxes non se atopan só no exterior. A maxia da arte, a capacidade do artista de xerar ilusións é capaz de sorprendernos. Isto acontece na sede que ten a UNED en Pontevedra. Alí, no seu ‘hall’ de entrada atopamos un gran mural do artista pontevedrés Manuel Moldes, no que a paisaxe se adentra nun edificio moi determinado e cun fin claro, o de ofrecer educación á xente.

CUADRO DE MOLDES EN LA UNED

Manuel Moldes é un dos principais nomes da nosa pintura. Dende os anos setenta empeza a crearse a súa linguaxe pictórica. A súa enerxía relampante, sinónimo da efervescencia creativa do home, da pulsión da pintura, vai ir lentamente esvaecéndose dentro dun discurso máis narrativo, con elementos da historia persoal do artista e unha figuración que devolvía ó home o seu espazo no cadro. Este xeito de pintar volcouse en ‘Atlántica’.

A partir desta cita, que se materializou en diferentes exposicións colectivas, a pintura galega xa non volveu a ser a mesma e o nome de Moldes tampouco. No ano 1987, no final deste movemento, o artista recibe o encargo de facer un gran mural na entrada da sede da UNED, un encargo nada sinxelo xa que estamos a falar dunha peza que finalmente tería 13 metros de longo e 2,80 metros de ancho.

20111026061028_23p

O autor asúmeo como unha nova loita, máis aínda se temos en conta que, a diferenza do que podería ser un cadro agochado nalgunha residencia privada ou museo, agora esta enorme peza permanecerá á vista. O mural leva por título ‘O río da vida’, e precisamente ese é o fío condutor, a transitoriedade da vida co nacemento, crecemento e desembocadura dun río que atravesa a nosa terra, chea de símbolos telúricos da nosa cultura, mergullados con símbolos do saber científico.

Con ese río Manuel Moldes integra a natureza na arquitectura, o río Lérez que flúe a uns metros agora penetra no edificio, e nas súas beiras, temos ó home, a muller, a cultura popular, a natureza, a ciencia, a construción, os totems do pintor como o carballo, ou o cáliz, todo un conxunto de elementos que aparecen sutilmente relacionados, interconectados coma eses ‘links’ que posteriormente na súa obra serán esenciais, como o foron ó principio.
[/section]
[section title=”San Xerome na Basílica de Santa María”]
No inmenso retablo en pedra co que nos recibe na súa portada a basílica de Santa María chama a atención ver un santo con anteollos. Non é outro que San Xerome, un dos doutores da Igrexa, que aquí aparece acompañado por outros tres, San Agustín, San Gregorio Magno e San Ambrosio. Cada un ocupa un lugar simétrico na cara exterior do primeiro corpo da fachada, nas súas cátedras e baixo un dosel en forma de cuncha de vieira.

ESCULTURA DE SAN JERONIMO CON GAFAS EN LA BASILICA DE SANTA MARIA

San Xerome é un dos santos máis representados ó longo da historia, e sempre é facilmente recoñecible polos seus atributos, que o identifican coas diferentes pasaxes da súa vida. Na portada pontevedresa está representado co capelo cardenalicio, unha caveira ós seus pés, un león acariciando o seu xeonllo, ademais de aparecer ollando un folio e cos anteollos postos.

É unha mestura das dúas posibilidades máis habituais para a súa representación, a do intelectual e a do ermitán. O león, unha das bestas que el mesmo describiu, era a súa compañía cando marchou ó deserto a facer penitencia. Como símbolo desta acción tamén se dispón ó seu carón a caveira, polos seus pecados, entre os que figuraban o orgullo e o mal xenio. As súas longas tempadas no deserto fixeron a súa fisionomía enxoita e coa pel pegada ós osos.

Cando volveu á cidade foi chamado para substituir a San Ambrosio como secretario ante un Concilio papal co que se descubriu a súa sabedoría. Perfecto coñecedor do latín, o grego e moitas linguas máis, recibiu entón o encargo do que sería a súa grande obra, a tradución da Biblia, que se deu en chamar ‘Vulgata’, porque era unha tradución accesible para o pobo, tamén chamado vulgo. Esa foi a Biblia oficial durante quince séculos dentro da Igrexa, co que a importancia do personaxe está fora de dúbida para a súa inclusión nunha gran portada adicada á Igrexa.

BASILICA DE SANTA MARIA

Cos seus anteollos o santo alude a toda a súa vida adicada á lectura e ó traballo con textos antigos. Pola súa condición de intelectual da Igrexa represéntase sentado ante numerosos pergamiños. Aínda que os anteollos non eran un elemento moi frecuente na representación dos santos, o que singulariza a nosa peza fronte a outras do momento.
[/section]
[section title=”Galería modernista na rúa César Boente”]
Se hai un estilo arquitectónico que mudou a fisionomía das vilas de Galicia, ese foi o Modernismo, respondendo coa modernidade das súas formas ós impulsos eclécticos de finais do XIX. En Galicia o Modernismo aséntase entre os anos 1900 e 1920, con evidentes antecedentes e a posterior desvalorización dos seus postulados, aínda que permanecesen dentro dos ‘libros de receitas’.

Rara é a vila que non ten exemplos dun estilo, ó que acudiron as clases burguesas para amosar cara o exterior a súa economía e a súa sensibilidade para presentar ante a sociedade unha vivenda acorde cos tempos. Pontevedra non é unha excepción, e así, paseando polo casco histórico, non son poucos os detalles ou construcións completas que se basean no Modernismo.

FACHADA MODERNISTA EN LA CALLE CESAR BOENTE 17

É complexo escoller un modelo no cal se poidan exemplificar as súas características pero esta vivenda na rúa César Boente, pouco antes de chegar ó Mercado de Abastos, e que ó mellor a moita xente lle pode pasar desapercibida, é un fermoso exemplo. Unha construción de tres plantas nun solar que a fai rematar en esquina, onde se dispón unha galería circular.

Sobre ela aparece unha rica decoración con motivos vexetais, cerámicas e a data da construción, 1916. Chama a atención a creación da gran galería que, aínda sen moito fondo, presenta cara o exterior uns grandes vans, algo non habitual no Modernismo do sur de Galicia, máis habituado ó traballo en canteiría, máis denso e pesado, que non permite esas alegrías. Esa feliz solución dende a lixeireza vai permitir á arquitectura abrir a vivenda á rúa, integrándose no espazo máis amplo da mesma e exercendo de miradoiro.

DETALLE DE UNA FACHADA MODERNISTA EN CESAR BOENTE 17

O gusto pola decoración é inherente a esta arquitectura, e se en Galicia adoitan mesturarse formas vernáculas co que chega do exterior a través de revistas ou libros, é evidente que se xera un estilo moi particular. Nesta vivenda abunda ese xogo de placas, unha xeometría austera, que se rompe coa mobilidade da galería, e as formas ornamentais como flores, follas ou talos. Empréganse novos materiais como azulexos con deseños propios do ‘art nouveau’, do mesmo xeito se procede a decorar os cristais das fiestras.
[/section]
[section title=”Monumento ao Canteiro en Verducido”]
Este monumento, erixido no ano 2000 no Pontillón do Castro, é unha ofrenda formal, un recoñecemento na propia pedra a un dos oficios que máis tradición ten na bisbarra de Pontevedra. Verducido e Tomeza son auténticas factorías de canteiros que, ó longo da historia, recubriron a pel da nosa terra co seu traballo en vivendas, concellos, monumentos, pontes ou cruceiros. A fisionomía dos nosos pobos non sería a mesma sen o labor destes homes, que dende antigo compuxeron un xeito especial de traballar e de sentir a pedra. De feito, chegaron a ter unha lingua propia, o verbo dos arxinas.

MONUMENTO AL CANTEIRO EN VERDUCIDO

O desenvolvemento da arte da canteiría tivo a súa orixe na vinculación de moitas das terras do contorno pontevedrés á antiga provincia de Compostela, estando unidas xuridicamente a mitra compostelana. A obra da Catedral e todo o conxunto artístico da cidade do Apóstolo foron unha escola permanente para que a calidade dos canteiros destas terras fose medrando cos séculos.
Curioso resulta todo o vencellado a esa linguaxe case secreta, coñecida como verbo dos arxinas.

Unha lingua propia que os gremios e sociedades de canteiros se negaban a ensinar a persoas alleas ó oficio. Moitos estudosos amosaron o seu interese por ela, e así, un traballo datado en 1810, realizado por José Arias Teijeiro y Correa, recolleu en parroquias da bisbarra de Lérez e Xeve un vocabulario de 63 voces. Houbo estudos posteriores, como o de Alfredo García Alén que, chegou a reunir preto de mil desas voces.

MONUMENTO AL CANTEIRO EN VERDUCIDO

Verducido decidiu dende o ano 2000 honrar anualmente a esta figura, para o que inaugurou un monumento no Pontillón do Castro, nun miradoiro natural sobre o val do que xurdiron moitos deses canteiros. A figura amosa a un home en pleno esforzo, labrando a pedra. Unha composición engrandecida pola fermosura da paisaxe, dende a que se ven moitas desas obras en pedra. Sobre unha base de catro metros, o conxunto acada unha altura de case oito. A partir dese ano, as xentes da bisbarra reúnense nesa paraxe natural para gozar dun día de festa e homenaxear a un deses homes que adicaron a súa vida ó traballo da pedra.
[/section]
[section title=”Placa do almirante Méndez Núñez”]
‘Más vale honra sin barcos que barcos sin honra’. Esta célebre frase atribuída a Casto Méndez Núñez simboliza a súa vida. O seu recordo, mercede ás súas numerosas fazañas en vida, levao a permanecer representado en numerosas rúas, prazas ou monumentos nas máis diversas cidades de España. Nesta ollada ímonos deter na placa que se instala no ano 1929 por decisión do Concello en recordo da súa persoa na que foi a súa casa, a gran Casa do Arco, na rúa don Gonzalo e na praza que leva o seu nome.

PLACA DE MENDEZ NUÑEZ EN DICHA PLAZA

Nos anos 1860, 1862 e 1869, José Antonio Durán recolle na súa biografía a súa estadía na vila, sendo a última data a da súa morte. A placa recorda as súas heroicidades como a súa presenza na cidade, da que se gabou por todos os mares dende a súa fragata acoirazada Numancia. O seu vínculo con Pontevedra estivo sempre presente nas súas andanzas xa que ó parecer gran parte da súa tripulación procedía da Moureira, co que, según se conta, a comida e as festas nos triunfos militares tiñan o sabor e o son de Galicia.

Ó mando da Numancia, comezaba a crearse a etapa do heroe, e así se considerou durante a súa vida. Vencedor fronte ós piratas en Mindanao, cruzou o estreito de Magallanes nunha daquelas misións científicas no Pacífico, e alí viuse inmerso nun complexo conflicto internacional, no que tras bombardear a indefensa Valparaíso, obrigado polos seus superiores, enfrontouse posteriormente no Callao a unha cidade xa ben armada e coa defensa da mariña peruana como aliada de Chile naquel momento. O que parecía máis un sacrificio pola dignidade dun país tornouse nunha comentada vitoria que asentou o respecto da nación por este home de mar.

PLACA DE MENDEZ NUÑEZ EN DICHA PLAZA

Esas vitorias fixeron repicar as campás en Pontevedra, onde se lle adicaron tres días de luces e festexos ata que a súa nai decidiu que xa era dabondo, polo que colocou unha gran pancarta na que rezaba un ‘Gracias Pontevedra’ co que deu por finalizadas as loanzas. O mariño, canso destes últimos tempos, pediulle a raíña Isabel que o destinara a Galicia, algo que non se cumpliu ata dous anos despois. Por desgraza, morreu o pouco de chegar, en 1869.
[/section]
[section title=”Tondo no Santuario da Virxe Peregrina”]
Tesouro da cidade coa súa planta en forma de cuncha de vieira. É o santuario da Peregrina, patrona relixiosa da provincia e icona da imaxe urbana da cidade, agocha no seu interior outros tesouros. Un deles é o tondo que se atopa na parte superior do retablo, unha representación dunha das pasaxes que aparecen na novena á Virxe.

TONDO EN EL INTERIOR DE LA IGLESIA DE LA PEREGRINA

O retablo foi realizado entre 1807 e 1814 polo arquitecto Manuel del Prado y Mariño, aínda que moitas das súas trazas xa as plantexara o seu irmán Melchor del Prado en 1789. Tamén contou coa decoración realizada polo escultor Juan Gambino. De clara fisionomía neoclásica, o retablo, como nos explica Mª de los Ángeles Tilve Jar no excelente catálogo que co gallo da exposición sobre a Virxe Peregrina tivo lugar no Museo de Pontevedra no ano 2004, “aparece desenvolvido en altura nun único corpo flanqueado por dous pares de altas columnas, de capitel corintio, e fuste liso”.

TONDO EN EL INTERIOR DE LA IGLESIA DE LA PEREGRINAEvidentemente, o espazo condiciona moito a súa creación, abríndose un camarín onde se instala a figura da Virxe. Entre as columnas laterais instálanse uns anxos que portan bordóns coa cabaza. Sobre a Virxe, outro anxo soporta unha cartela. O retablo remátase cun grande entablamento de liñas mixtas, sobre o que se dispón un frontón triangular coroado por un tondo en relevo.

Nese tondo é onde nos atopamos a escena dunha das peregrinacións da Virxe, a fuxida a Exipto. Esta representación mariana na súa condición de peregrina non é moi frecuente, sendo máis habitual a da Virxe con esclavina e sombreiro, moitas veces decorada coa cuncha de vieira, bordón e o neno en brazos suxeitando unha bóla. É un complemento que se plantexa no centro do retablo coa imaxe da Virxe, fundamentando historicamente a súa orixe. A escena mostra a un anxo guiando ó cortexo con San Xosé tirando da burra, na que vai a Virxe co neno, entre unha paisaxe desértica cunha palmeira.

Complétase coa presenza de Deus con forma de triángulo do que parten unha serie de raios. A escena transmite a idea do camiño, da fuxida como unha primeira forma de peregrinaxe, e a protección divina que sempre acompañará ó que inicie o camiño pola fe.
[/section]
[section title=”Fiestra gótica na Praza da Verdura”]
Da Praza da Verdura, que ó longo da historia se coñeceu de diferentes formas (‘da Feira’, ‘da Feira Vella’, ‘da Verdura’, ‘de Indalecio Armesto’) e agora de novo Praza da Verdura, se poderían falar de moitas cousas, dende a casa onde viviron os Muruais, ata a fonte do arquitecto Sesmeros, ademais da farmacia de Feijoo ou a que foi Casa da Luz. Pero nós ímonos deter nun dos seus currunchos máis fermosos, felizmente recuperado no ano 1975, tras eliminar o cemento que ocultaba parte desta construción, que agora ocupa no seu baixo o coñecido bar ‘Os Maristas’ e onde se atopa unha vivenda do século XV.

Unha fermosa fiestra amainelada, é dicir, dividida en dous vans cun parteluz e coroada por un pequeño rosetón, é a protagonista da nosa ollada. Agochada durante moito tempo, grazas á retirada dunha gran placa de cemento que tapiaba, non só a fiestra, senón os laterais desta vivenda, permitiu descubrir neses laterais os arcos góticos que flanqueaban o soportal e a fiestra da que sen dúbida foi una espléndida casa gótica.

José Filgueira Valverde, nun artigo publicado no ano 1975 no ‘Diario de Pontevedra’, celebra o descubrimento, e recupera unha inscrición que nesa casa xa lera Frai Martín Sarmiento na súa viaxe de 1745. A inscripción dicía: “Estas casas mandou fazer Johanes Fernández de Sotomayor Arcediagoo de Salnés”. A primeira data na que se nome a este personaxe é 1437, cando se mencionan no Libro do Concello as propiedades dun tal Iohán Fernández de Sotomayor. No século XVI a casa modificouse derrubando a súa fachada gótica, e posteriormente tamén desapareceron dous escudos dos Sotomayor. No século XVIII foi propiedade de Jacobo Llorente, quen obtería o Marquesado de Astariz.

Precisamente co nome de Astariz foi co que se coñeceu a esta vivenda, incluíndo esta liñaxe un escudo que aínda se conserva. O mal estado no que se atopaba a fiestra foi corrixido cunha restauración baseada, na labor dos debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que nos estudos da ‘Pontevedra antigua’ baixo a dirección de Casto Sampedro xa a tiñan debuxado na súa composición orixinal.

20111026061032_29g-bisVISTA DE UNA VENTANA MEDIEVAL EN LA PLAZA DE LA VERDURA
[/section]
[section title=”Interior rehabilitado da Casa das Campás”]
A Casa das Campás, coñecida tamén como edificio Pitillo polo bar que durante moitos anos se instalou no seu baixo, onde se facía o racionamento dos cigarros na época da posguerra, sufriu a súa renovación máis intensa no ano 2003. O proxecto, baixo a dirección do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, rematou coa recuperación dun patrimonio desprezado durante moito tempo e perdido para a cidadanía.

CASA DE LAS CAMPANAS DE FOLE OSORIO

A actuación propuxo unha triple resolución, de tres bloques estruturais, o edificio principal de tres plantas, o segundo edificio con fachada á rúa Don Filiberto e un terceiro edificio para o que se recuperou un alpendre do século XX. Os tres ábrense a un patio central que outorga unidade ó conxunto de pezas inmóbiles.

O arquitecto municipal Jesús Aser Fole Osorio desenvolveu os seus últimos traballos na recuperación de edificios e espazos da zona monumental de Pontevedra. Así, a súa man apréciase na Casa do Arco ou no Pazo de Mugartegui, dentro desa mellora xeral de edificios no casco histórico. A Casa das Campás afrontouse, polo tanto, como un elemento máis a recuperar nun casco vello castigado polo tempo.

Considerada como a construción civil máis antiga da cidade, o seu escudo cunha garza, os arcos conopiales e a conservación dun sillar do século XV cun frade orando aparecido nas excavacións arqueolóxicas falan do seu pasado. En tempos estaba unida mediante un grande arco que cruzaba a rúa Don Filiberto co templo de San Bartolomeo o Vello, que se atopaba no actual emprazamento do Teatro Principal. A casa das Campás tamén é coñecida como a ‘Casa do Pirata’, xa que se di que nela viviu o famoso pirata Benito Soto e sobre ela se conta a lenda da existencia dun tesouro agochado nos seus cimentos.

CASA DE LAS CAMPANAS DE FOLE OSORIO

O edificio vai manter o seu carácter ‘tectónico’ mercede á forza da pedra e a escaseza de fiestras, pero aliviarase cara o interior coa feliz resolución dos diferentes espazos que o compoñen e que o arquitecto soubo resolver, logrando unha multiplicidade de estancias nas que se integran novos materiais como o cristal ou o aceiro, xunto a luz que xera novas sensacións, permitindo conxugar o elemento tradicional coa modernidade.
[/section]
[section title=”Igrexa de Santa María dos Praceres en Lourizán”]
Foi o 30 de novembro, día de San Andrés, do ano 1888, cando na parroquia de San Andrés de Praceres se abriu ó culto a igrexa de Nosa Señora dos Praceres, rematando así coa necesidade da poboación dun novo lugar de culto, posto que era insuficiente a antiga capela de San Andrés. Non foi doado atopar o seu emprazamento, e ó final decidiuse por situala no lugar máis céntrico entre os dous extremos da parroquia.

IGLESIA DEL ARQUITECTO SESMEROS EN PRACERES LOURIZAN

Contrariamente ó que moitos pensan, ó atribuir esta construción ó arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros, foi o seu irmán Domingo, co que xa tiña asinado algún proxecto en común, como por exemplo o pazo da Deputación Provincial, o que presentou os planos e ó que se lle encomendou a súa execución, debido á súa condición de arquitecto diocesano de Compostela.

Os datos dos que dispón o cura párroco de Lourizán, D. Jesús Acuña Garrido, falannos de que a pedra procedía dun monte comunal da parroquia, o monte Valiñas, e de que a obra custou 76.000 pesetas, sendo a súa realización moi rápida, xa que se tardou pouco máis dun ano en construíla. A intercesión en Madrid de Eugenio Montero Ríos adiantou os procesos administrativos naquel momento.

Debemos lembrar a proximidade á igrexa do pazo do político e a súa forte vinculación con este templo no futuro, xa que en 1945 foron trasladados alí os seus restos mortais xunto cos da súa muller, onde repousan nun sinxelo monumento funerario. O templo, de pequenas dimensións, recupera modelos góticos na súa estrutura, froito dos postulados historicistas do momento, con contrafortes, arcos apuntados e un gran número de pináculos que lle outorgan á construción un sentido ascensional.

IGLESIA DEL ARQUITECTO SESMEROS EN PRACERES LOURIZAN

No seu interior é venerada a Virxe dos Praceres. Celebrada o luns de Pentecostés, foi en tempos día de romaría no que se acercaban ata o lugar moitas persoas tanto de Marín como de Pontevedra, onde incluso se chegaba a pechar o comercio. Tamén nela se conserva unha imaxe de San Xosé procedente da antiga capela que existía en Pontevedra, e que foi levada a ombros dende aquel templo ata o de Nosa Señora dos Praceres.
[/section]
[section title=”Balneario do Lérez”]
Reflexo doutra época, resto dun gran pasado. Esta pequena construción nun dos fermosísimos salóns do Lérez é o único que nos queda do gran complexo termal que a orelas dun Lérez limpo, a principios do século XX supuxo un gran reclamo para os visitantes e os propios pontevedreses. O 22 de agosto de 1906 inaugurouse o rutilante Balneario de Pontevedra, no que o fillo de Viascón (Cotobade) Casimiro Gómez investiu parte da súa fortuna feita na emigración en Bos Aires.

En Pontevedra mercou moitos terreos que logo cedeu á cidade, como o do actual Colexio de Barcelos ou onde se atopa o cuartel da Garda Civil. Tamén creou un lavadoiro público en A Seca, o primeiro con luz eléctrica, ademais de participar en numerosas actividades benéficas no Hospicio ou no Hospital Provincial, como recolle Mª Cristina Echave Durán no catálogo dunha exposición feita sobre o Balneario polo Museo Provincial. En 1900 o industrial acomodouse en Monte Porreiro coa compra dos terreos onde sitúa a súa residencia, ‘Villa Buenos Aires’, onde conservou o nome da cidade que o fixo medrar economicamente.

Unha enorme propiedade chea de paisaxes idílicas, camiños e explotacións agrícolas. Algo que tivo especial repercusión para a vida social local foi a construción dun balneario, así como a explotación de dúas fontes que manaban unha auga sulfurosa, especialmente recomendada para afeccións artríticas e do aparato dixestivo. Hoxe en día son pequenos restos o único que queda daquel envexado espazo, que chegou a rivalizar con outros complexos deste tipo na provincia como o de Mondariz ou o de A Toxa.

O motivo que chama a nosa atención é un pequeño quiosco ou terraza, baixo a cal se atopaba unha das dúas fontes do complexo. Ésta chamábase Monte Porreiro, e a outra, situada máis arriba, recibía o nome de Aceñas. Ó seu carón erguíase o edificio central do Balneario, unha edificación moi vertical con dúas plantas e profusión de ventanais cara o río e un dos seus salóns. Xunto coa función termal o empresario decidiu apostar pola venda de auga embotellada, declarada de utilidade pública en 1904.

20111026061007_32g

RESTOS DEL BALNEARIO DE LEREZ
[/section]
[section title=”Escultura de Ravachol “]
Esta peza, feita en ferro polo escultor pontevedrés José Luis Penado, representa dun xeito realista ó Ravachol ante o lugar onde se atopaba a botica de don Perfecto Feijoo. Afamada máis que polos seus produtos médicos por ser centro de reunión e tertulia da Pontevedra de principios do século XX, ademais de porque nela se atopaba un paxaro moi faladoiro e algo desvergonzado coa xente.

O querido Ravachol, foi adoptado e recuperado dende o ano 1985 como símbolo diferenciador do Entroido pontevedrés, do que marca o seu fin coa súa queima pública. Ravachol chegou ás mans do boticario, pénsase que na década dos oitenta do século XIX, cando as señoritas de Montero Ríos o recibiron como agasallo. Era un papagaio gris africano, especie recoñecida polas súas capacidades para a repetición de sons.

ESCULTURA DEL LORO RAVACHOL EN LA PLAZA DE LA PEREGRINA

ESCULTURA DEL LORO RAVACHOL EN LA PLAZA DE LA PEREGRINA

Debido a súa marcha a Madrid e a que non volverían ó Pazo de Lourizán ata o verán, decidiron deixalo a cargo do boticario, o cal, ante a dificultade da empresa, optou por deixalo nun antigo posto de carruaxes onde hoxe se atopa o ‘Gran Garaje’. Os arrieiros, as cabalerías e as xentes dos arredores manexaban un vocabulario groseiro, o paxaro aprendeuno e, á volta das súas propietarias, tivo que regresar co boticario, a quen lle facía graza a súa linguaxe, e non lle quedou máis remedio que acollelo no seu negocio.

Así comezou a sona de Ravachol, que toma o seu nome dun coñecido anarquista francés de finais do XIX. As súas conversas cos clientes fixeron que a poboación quixese moito ó animal, coñecido por expresións como ¡Si collo a vara!, os ¡Arres! ou ¡Sos! con que manexaba as cabalerías, ou por como chegaba a diferenciar ós clientes da botica ¡Perfecto cliente!, ¡Perfecto paisana! ou ¡Perfecto puta!, dependendo de se o cliente era un señor, unha persoa da aldea ou unha muller moi pintada.

A súa morte, nun martes de Entroido de 1913, sorprendeu ó boticario, pero máis o sorprenderon as masivas mostras de condolencia que chegaban á farmacia, polo que se plantexou facer un grande enterro que congregou a toda a cidade no velatorio, o cortexo pola cidade e nun grande espectáculo de despedida no desaparecido Circo-Teatro.
[/section]
[section title=”Capitel do Concello de Pontevedra”]
O Concello de Pontevedra, edificado onde se atopaban as coñecidas como ‘Casas del Concejo’, amósase como un fermoso palacete de gusto ecléctico. Fixo o seu deseño o arquitecto Alejandro Rodríquez Sesmeros que, como conta Xosé Fortes Bouzán na súa ‘Historia de Pontevedra’, colocou a primeira pedra o 10 de outubro de 1877 e a última o 25 de xullo de 1879, finalizando totalmente as obras o 4 de agosto do ano seguinte, cando se procedeu á súa inauguración.

CAPITEL Y DETALLES DEL EDIFICIO DEL CONCELLO DE PONTEVEDRA

Así, as súas dúas plantas aparecerán ornamentadas fortemente nas sobreventás, con escudos da cidade no piso superior e as columnas que potencian a parte central do edificio, colocándose un almofadado nas esquinas. O edificio coróase cunha balaustrada, un reloxo nunha especie de peite e catro xerras nas súas esquinas.

De entre os motivos que se poderían destacar deste harmonioso conxunto, cheo de equilibrio, deterémonos nun dos seus capiteis; un dos catro que coroan as columnas que sobre un gran pedestal nos reciben na entrada. Se os das columnas do piso superior son capiteis corintios, estes, máis próximos ós visitantes, están moito máis adornados e pola súa composición semellan capiteis corintios romanos compostos, que foron ideados polos romanos para enriquecer a ornamentación dos seus arcos e edificios, e habitualmente colocábanse ante un muro e sobre un pedestal elevado, como neste caso.

capitel concello de pontevedra

Resulta curioso ver como o arquitecto substitúe algúns aspectos dese elemento clásico por outros máis propios ou máis achegados a esta terra, como pode ser a aparición da vexetación que, en lugar de rodear a columna, descólgase pola súa superficie (da que sobresaen unhas landras) e substitúe ó acanto.

Alejandro Rodríguez Sesmeros propugnou nos seus edificios a recuperación de modelos clásicos, de elementos doutras épocas, que neses momentos se agregaban ás diferentes tipoloxías, dándolles unha certa magnificencia e dignidade. Tanto o Pazo Provincial como o Concello son exemplo desta arquitectura, na que o seu arquitecto, tan inxustamente esquecido nas cátedras de estudo, realiza a súa aposta pola historia como inspiración.
[/section]
[section title=”Debuxos de Conde Corbal no Café Carabela”]
Hai espazos na cidade que trascenden ó tempo. O paso da xente, o ser lugar de reunión, de relación entre membros de diferentes xeracións, agocha tras de si unha certa conxelación do tempo. Moitos destes espazos foron desaparecendo, esvaecéndose entre novos negocios ou entre especulacións inmobiliarias, pero algúns resisten, e con poucas modificacións dende a súa orixe, o que permite conservar ese sabor a pasado. Un exemplo desta supervivencia témolo no Carabela.

DIBUJOS DE PONTEVEDRA DE CONDE CORBAL EN LA CAFERERIA CARABELA

O café e maila súa terraza, que foi gañada polo establecemento ó propio entramado urbanístico, tanto que é capaz de borrar o seu nome de Praza da Estrela para ser a praza do Carabela. Alí, dende a súa creación, a mediados da década de 1950, as tertulias mistúranse co cheiro do café. No seu interior podemos descubrir un fragmento pouco apreciado da nosa arte, dunha arte feita dende a amizade entre un cliente e o propietario do local. Por enriba da barra desenvólvese toda unha serie de imaxes do exterior da cafetería, unha panorámica de edificios, rúas ou perspectivas.

O seu autor, o pontevedrés Xosé Conde Corbal, interiorizou hai corenta anos no café, que tantas veces frecuentaba, o exterior que dende as súas fiestras se pode apreciar. Asomados a elas, e coa sombra do santuario da Virxe Peregrina, podemos ver a Delegación de Facenda, o convento de San Francisco, os Xardíns de Casto Sampedro, o perfil do santuario da Peregrina, os soportais da Ferrería, ou o rastro do camiño portugués a Compotela, e como non, a gran Praza, chamada a principios do século XX da Constitución, e agora da Ferrería.

DIBUJOS DE CONDE CORBAL EN LA CAFETERIA CARABELA

Unha nostálxica mirada feita por alguén moi vencellado á cidade, colaborador habitual de ‘Diario de Pontevedra’. Este pintor, gran debuxante, homenaxeaba á cidade da que tantos fragmentos levou ás páxinas do xornal. Na súa pintura e debuxos, as liñas teñen gran forza expresiva, son debedoras das técnicas do gravado, moi marcadas e con pouca continuidade entre elas, parecen ter unha independencia que ó ver o resultado final se uniformiza, creando a forma que parece querer negar cada unha desas liñas.
[/section]
[section title=”Arcadas do Mosteiro de San Salvador de Lérez”]
Enmarcado nun contorno idílico, con vistas sobre o Lérez e a cidade, o Mosteiro de San Salvador de Lérez érguese con forza dende o seu privilexiado lugar elevado para presentarse ante nós como un espazo de culto relixioso pero tamén de grande importancia artística e cultural. A súa visión dende as marxes do Lérez o dende un dos extremos da Illa das Esculturas amosa un templo dunha enorme fermosura e crea unha das estampas máis idílicas do noso contorno urbano.

Fundado polo abade Guntado, este mosteiro benedictino foi dotado ricamente no ano 916 polo rei Ordoño II e a súa dona, Elvira. En 1113, Diego Gelmírez, primeiro arcebispo de Compostela, consagrou como bispos neste mosteiro a Munio Alfonso e a Hugo, autores da ‘Historia Compostelana’. En 1129 o rei Afonso VII concédelle un privilexio que o libra de pagos fiscais e en 1540 uniuse a San Benito el Real de Valladolid, establecéndose nel un colexio de Humanidades e Filosofía, no que cursaron estudos nomes tan sobranceiros como os dos pais Sarmiento e Feijoo.

Entre 1702 e 1707, o Padre Feijoo impartiu clases ós futuros monxes, entre eles un rapaz de dez anos que ó parecer destacaba nos estudos de Gramática. Ese rapaz sería ordeado en 1710 co nome de frei Martín Sarmiento. Artisticamente a maior parte da construción que ata nós chega é de fábrica barroca. Só algún elementos aillados responden ás épocas anteriores do mosteiro, como inscricións ou sillares con trazos medievais. Do claustro do século XVI consérvase unha ala, a máis próxima a igrexa, así como unha porta cun arco conopial.

De fonda veneración na cidade son as dúas celebracións que no santuario teñen lugar na honra de San Bieito. Unha a finais do inverno e outra a comezos do verán, son un incensante ir e vir de romeiros que se achegan ó santo a pedir os seus favores, moi activos, ó parecer, na cura de verrugas ou lunares, para os cales é preciso aplicar o aceite que se queima en varias da súas lámparas. Durante a celebración do San Bieito de verán, festivo local na cidade, a xente acostuma a desprazarse provista de empanadas e as máis suculentas viandas ata os espazos próximos.

MONASTERIO DE LEREZ

20111026061028_36p-bis2

MONASTERIO DE LEREZ
[/section]
[section title=”Monumento aos heroes de Ponte Sampaio”]
Cada día pasamos ante el, sen a penas deternos a observalo. A fonte e o estanque que desafortunadamente se lle colocaron arredor impiden mirar máis de cerca os rostros desas figuras. ¿Quen son eses personaxes? ¿Por que eses xestos de terror? É o monumento os Heroes de Ponte Sampaio. Foi realizado en 1911 por Julio González Pola e inaugurado en agosto dese mesmo ano. Nel créase toda unha iconografía alusiva ós acontecementos que tiveron lugar en Ponte Sampaio, cando un grupo de guerrilleiros, co tenente Pablo Morillo á súa fronte, fixo recuar ó exército francés nos acontecementos que tiveron lugar os días 7 e 8 de xuño de 1809.

20111026061000_38p

O monumento céntrase nos derradeiros instantes da batalla. Na parte baixa, o escultor coloca os catro escudos das provincias galegas. En primeiro lugar atopamos unha muller que nos reclama ante a loita, apoiándose nun escudo de España, é a figuración de Galicia e a patria. Tras ela, e sobre un dos piares que simboliza parte da ponte, onde se desenvolveu a batalla final que desembocou na voadura da mesma, a escena principal recolle ó tenente Morillo, que, sabre en alto, alenta ós loitadores, tras eles está a bandeira en pé.

O símbolo da resistencia é o grupo central. Non son soldados, son a mostra dun exército que xorde do propio pobo para defenderse do invasor. Un campesiño, un estudante e un soldado sitúanse tras un canón. Os seus rostros reflicten o horror da situación. Ante eles está un compañeiro ferido. Falta unha figura máis que se realizara para o conxunto, pero ante a sorpresa do escultor, segundo nos relata Mª de las Mercedes Gallego Esperanza no seu libro ‘La Escultura Pública en Pontevedra’, cando chegou a instalar o monumento atopouse con que o pedestal era demasiado pequeno.

O monumento e dunha gran calidade, tanto na plasmación dos feitos como na súa orixinal composición, recollendo os elementos que fixeron deste acto militar un acto heroico. Deste xeito Pontevedra lembra o episodio clave da contenda, non só na provincia senón en toda Galicia. Os feitos acontecidos en Ponte Sampaio propiciaron a marcha das tropas francesas que se atopaban en Pontevedra co xeneral Ney ó seu mando.

MONUMENTO EN LA FUENTE DE LOS HEROES DE PONTE SAMPAIO
[/section]
[section title=”Peto de ánimas en Campañó”]
Campañó é unha parroquia rica en vestixios prehistóricos, aínda que nos atopamos con que estes se encontran en moi mal estado, nun abandono que, como ocorre con este tipo de manifestacións artísticas do home en moitas partes de Galicia, impide que nos deteñamos nalgún deses exemplos, polo que falaremos dun fermoso peto de ánimas que nos vai permitir amosar un dos elementos etnográficos máis habituais na nosa xeografía, baseado no culto ás ánimas do purgatorio.

peto de animas en campaño

Este peto de ánimas atópase no lugar de Ribeiro, en Casalderrei, nun cruce de camiños, e nel vemos unha dobre división en dous fornos. No superior atópase un Cristo crucificado co INRI sobre el, e no inferior un espazo para as ofrendas e a imaxe das ánimas entre as lapas, que probablemente chegaron a estar coloreadas, entre as que podemos distinguir seis cabezas. Rodríguez Fráiz, no seu traballo sobre ‘Cruces e cruceiros de Campañó’, xa recolle a súa existencia, así como a pervivencia do culto por parte dos veciños, xa que comenta que “nel nunca faltan frores e froitos da terra”, algo que puidemos comprobar ó achegarnos a el para o seu estudo e ver unhas flores.

20111026061039_37g-bis

Este tipo de petos de ánimas é moito máis rico nas súas pretensións que os petos normais ou esmoleiros. A súa finalidade, ademais de buscar a esmola, é propiciar a oración pola alma do defunto que se atopa no purgatorio, e concienciarnos da nosa boa actitude neste mundo para non caer nese purgatorio, polo que en ocasións se inscriben frases alusivas a ese tema.

Estes petos tamén son máis ‘agradecidos’ para recoller esmola, xa que permiten non só a recollida de cartos, que normalmente se adicarán a pagar misas, rosarios, novenas ou oficios para a salvación desas ánimas, senón que tamén ofrecen un espazo no que deixar diferentes froitos saídos da terra para aqueles que non tiñan tanta dispoñibilidade economica (normalmente o millo e a pataca eran as ofrendas máis habituais). Este tipo de esmolas que non eran tan ben vistas dende a Igrexa, pero eran de bo proveito para os coidadores do peto ou o propio cura da parroquia.
[/section]
[section title=”Escudo do Pazo de Mugartegui”]

mugartegui

Domina toda a praza da Pedreira. A súa espectacular fisionomía móstrao como un perfecto exemplo de pazo barroco dentro dun tecido urbano. Trala súa exemplar restauración, a cargo do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, pasou a ser a sede da Denominación de Orixe Rías Baixas, xa plenamente recuperado para o seu uso social. Cunha longa historia ás súas costas, trala súa edificación a principios do século XVIII, este pazo tivo moita importancia no devir da vida social da cidade xa que, despois de anos de servir de residencia ós seus propietarios, nos anos cincuenta do século XX instalouse nel a popular academia de estudos Jovellanos.

No exterior asombra o seu fermoso escudo, que divide en dúas partes o edificio, colocado nun frontis partido que chega a superar a propia cornixa. Amósase como un delicado exercicio de canteiría polo preciosismo estilístico, moi do gusto francés. Unha sorte de exercicio rococó no que os motivos vexetais e as rocallas rodean ás diferentes liñaxes que conforman o escudo. Entre esas liñaxes atopamos a dos Figueroa, con cinco follas de figueira; a dos Arango, con seis corvos; a dos Quirós, duas chaves con tres lises e seis rosas; e a dos Omaña, unha barra engolada con dragantes. Unindo as catro liñaxes sobresae un cuartelado en cruz no que atopamos dous ‘jaquelados’ e dous castelos, un deles en chamas.

mugartegui

Pola súa parte superior o escudo coróase cun helmo, mentres por abaixo péchase cunha cabeza dun fauno ou un sátiro. Na elevación do escudo colócase un reloxo de sol, coroado por unha figura alegórica do astro luminoso. No interior consérvanse partes moi destacadas que nos falan dos tempos pretéritos, como a parte baixa adicada ó servizo e as cabalerías, ou unha gran balconada que mira cara o Lérez exercendo de mirador. Os dous grandes salóns no piso principal concédenlle ó pazo múltiples posibilidades para o seu uso. O emprego da cor, tanto nos salóns como na balconada que dá cara atrás, falannos do seu valor como un novo elemento a aplicar na rehabilitación de edificios, como tamén sucedeu na Casa do Arco, embelecendo o edificio e máis a súa praza.
[/section]
[section title=”A terturlia na Praza de San Xosé”]
Pontevedra ten na tertulia un dos seus sinais de identidade. Famosas foron as tertulias dos Muruais, as de Manuel del Palacio, Concepción Arenal, de Perfecto Feijoo ou do propio Café Moderno. A cidade quixo renderlle homenaxe cun monumento sobre ela, realizado polo escultor César Lombera, baseado no verismo da representación e na participación do espectador dentro da peza.

20111026061028_40p

A escultura encargada pola Fundación Caixa Galicia está ubicada diante do Café Moderno. A música de Manuel Quiroga encheu os mellores escenarios do mundo e é a mellor para que os demais se fundan na arte da conversa. Ramón Cabanillas recita os seus versos reivindicando a necesaria concienciación do labrego e achegándose a unha creación fabularia reinterpretando as lendas máis vernáculas. Valentín Paz Andrade está atento.

Asiduo ás tertulias do Café Moderno, a súa condición de periodista obrígao a tomar notas para a súa biografía de Castelao, ó que substituirá dentro do Partido Galeguista, partido que fundaron en Pontevedra en 1931 Alexandre Bóveda e o mesmo Castelao, ambos parecen discutir sobre a exención de impostos dos pequenos propietarios de terras, ou de cómo o Estatuto de Galicia debería acadar máis autonomía para o ben do país.

DETALLE DE LA ESCULTURA DE LA TERTULIA EN LA PLAZA DE SAN JOSE

Castelao non logra seguir o apaixonado discurso fiscal de Bóveda, convencido da necesidade dun imposto único a favor da Facenda Galega, polo que decide cambiar de conversa e coméntalle o encargo que lle fixo o gran Valle-Inclán para elaborar os decorados de Divinas Palabras. Bóveda asinte, e recorda uns panos anteriores que Castelao fixera para a Coral Polifónica de Pontevedra, da que el tamén foi integrante.

Entre músicas, debuxos, poemas e políticas a tarde vai caendo e Carlos Casares non deixa de refregar uns ollos chispeantes ante o que están vendo, el que busca o momento de presentarlles os seus textos, o seu Vento ferido, pero aínda máis que iso quérelles falar de cámaras de fotos, de trenciños eléctricos, de gatos e de mazás. A fin e ó cabo nas tertulias comezas a falar de cousas moi serias e acabas falando do sinxelo que ten a vida. Que é o realmente importante.
[/section]
[section title=”Figura de Teucro na Praza da Peregrina “]
‘Fundote Teucro valiente de aqueste río en la orilla para que en España fueses de villas la maravilla…’. Esta é parte da inscrición que se atopa á entrada do Concello de Pontevedra, recuperada doutra anterior que no século XVI xa se colocara nas ‘Casas del Concejo’. Con ela rendíase devoción á figura de Teucro, heroe grego, ó que se atribúe dende antigo a fundación da cidade. Toda vila importante ten a súa lenda fundacional, que logo pouco ou nada ten que ver coa realidade histórica.

IMAGEN DE TEUCRO EN LA IGLESIA DE LA PEREGRINA

As correntes humanistas do século XVI buscaron en moitos casos no mundo clásico a fonte de inspiración para encher de orgullo ós cidadáns. En Pontevedra sucede isto cando se atopa en Teucro ó heroe perfecto para avalar a orixe dunha vila coma a nosa, polo que é probable que se producise unha interpretación interesada de antigos mitos e a desviación de vellos cultos cara ese Teucro.

Teucro é o mellor dos arqueiros gregos, fillo de Telamón e Hesíone, irmán de Ajax. Cheo de fazañas na súa vida, a súa sona interrómpese ó non vingar a morte do seu irmán. O seu pai destérrao, adícandose a viaxar por Occidente, fundando diferentes colonias pola costa. Os historiadores reivindicaron o seu papel como fundador de vilas como Cartagena ou Hellenes -que significa población de griegos- . Igualmente, pénsase que bautizou con este último nome a Pontevedra.

En Pontevedra as primeiras representacións que se teñen son as que figuran na Basílica de Santa María, onde se interpreta unha figura de Hércules como o propio Teucro. Esta imaxe será moi habitual e así, na crestería da propia Basílica aparecerá outro Hércules coa pel do león, un dos seus atribuitos habituais, aludindo a un dos ‘traballos’ para amosar a súa forza e valor. Tamén nun dos tres cetros da Cofradía de Mareantes aparece esta figura co león.

Esta representación é a que se instala no adro do santuario da Peregrina no ano 1956, cando se decide intervir neste espazo e repoñer a fonte que alí había. Cando se realizaron os trámites para a declaración do santuario como Monumento Nacional, a Dirección Nacional de Bellas Artes acordou que se restituíse o trazado orixinal, colocándose a imaxe do heroe pontevedrés.

IMAGEN DE TEUCRO EN LA IGLESIA DE LA PEREGRINA
[/section]
[section title=”Piares da ponte de Ponte Sampaio”]

PUENTE MEDIEVAL EN PONTE SAMPAIO

No fondo da ría de Vigo esta ponte une cos seus extremos os concellos de Pontevedra, pola súa parroquia de Ponte Sampaio, e Soutomaior. As súas arcadas son testemuñas do paso das xentes, de peregrinaxes, de loitas, de intercambios entre pobos. As súas pedras, mudas, deixan constancia da importancia destas construcións para o home tantas veces menosprezadas fronte a outros elementos arquitectónicos. Sempre estará no seu recordo a batalla que en xuño de 1809 se disputou contra as tropas de Napoleón, baixo o mando do xeneral Ney, que tras a súa derrota viron truncado o seu paso cara o Sur da provincia, feito que resultou determinante de cara á marcha dos invasores de Galicia.

Os datos da súa orixe non son moi precisos, aínda que pola súa estrutura semella ser medieval. As bóvedas son de dous centros e lixeiramente apuntadas, amosando uns piares dunha enorme potencia física que incluso chegan a parecer esaxerados. Os ollos da ponte son dez, os mesmos que tiña no século XIX, polo que dende entón non sufriu variacións. Chegáronnos ata hoxe documentos sobre a súa vida, e así, a mediados do XIII sabemos que a ponte recibía mandas nos testamentos por atoparse sobre un camiño de peregrinación, estando defendida por un castelo no que se cobraba tributo.

20111028061042_42p

Diferentes reconstruccións nos séculos XVI (segundo un acordo coa cidade de Ourense, supoñemos que para facilitar os intercambios económicos coa puxante e mercantil Pontevedra) e XVIII (pola construción da estrada entre Santiago e Tui, custeada polo arcebispo natural de Salcedo, Santiago Sebastián Malvar y Pinto, que tamén afectou a outras pontes do percorrido) configuraron máis ou menos o estado actual da ponte, que si viu un importante arranxo tras o enfrontamento cos franceses, como se recolle nunha inscrición dunha das lápidas colocadas en 1818.

Dúas inscricións perdidas facían referencia a ese arranxo, así como outra delas deixaba constancia da intercesión da Igrexa Compostela para a reparación anterior. A desviación de gran parte do tráfico que soportaba pola estrada cara a Vigo permitiu que a ponte se conserve nun estado aceptable.
[/section]
[section title=”Escola rehabilitada na Canicouva”]
Abundan nos nosos pobos moitas pequenas construcións que nos falan doutros tempos, tempos non moi remotos pero que xa son parte da nosa historia. Así sucede con aquelas escolas que durante o réxime franquista se construíron para facer chegar a educación á xente de lugares que se atopaban lonxe das grandes vilas. Modestas construcións nas que o seu valor é, máis que a súa arquitectura, a súa presenza, a pervivencia da memoria das xentes, nenos daquel momento, que por elas pasaron.

ESCUELA REHABILITADA EN A CANICOUVAESCUELA REHABILITADA EN A CANICOUVA

Así sucede na parroquia da Canicouva, onde se acometeu a rehabilitación dunha destas construcións para un novo uso, como é o de funcionar como centro socio-cultural para todos os veciños desa parroquia. Esta escola creouse en 1959 dentro dun proceso iniciado en toda España en 1953 co que se promulgaba o primeiro Plan de Construcciones Escolares xunto cunha lei que establecía un convenio entre o Estado, os concellos e as deputacións para a construcción deste tipo de centros educativos. O traballo realizado pola empresa Sercoysa baixo a dirección do arquitecto Jesús Aser Fole Osorio devolveulle a esta antiga escola a dignidade que todo edificio posúe, por pequeno que poida semellar.

A súa sinxeleza arquitectónica permitiu recuperar un patrimonio practicamente perdido para esta parroquia mediante o respecto a aquela modesta edificación, na cal destaca agora o seu salón de actos de 130 metros cadrados e o seu exterior, no que se buscou o emprego de materiais nobres como a madeira ou a pedra xunto a algún chisco colorístico en portas ou fiestras. Todo isto concédelle singularidade a esta pequena escola que se achega así ó noso tempo engrandecendo a súa historia.

Esta rehabilitación integral, feita co mesmo agarimo co que se puido ter feito algunha das rehabilitacións doutros edificios históricos dentro da propia cidade, ven recuperar xunto coa propia pedra a memoria duns veciños que por ela pasaron como nenos, e da que agora gozan como un elemento máis do seu patrimonio, hoxe embelecido e respectado, recuperado do esquecemento.
[/section]
[section title=”Escultura de Acuña no albergue de peregrinos”]
En 1999, cando se inaugurou o albergue de peregrinos na rúa Otero Pedrayo, instalouse no seu exterior una obra escultórica do artista pontevedrés José María Acuña, unha fermosa composición na que un home coa indumentaria de peregrino pide esmola a unha muller ataviada co traxe rexional galego. Esta escultura de Acuña non é nada novo.

20111028061024_44p

O tema xacobeo xa fora tratado por el con anterioridade, como cando deseñou a medalla conmemorativa do Ano Santo compostelán en 1982 ou coa inauguración en Santiago do Monumento ó peregrino, ademais de ter feito varias pezas destacando aspectos singulares da peregrinación, como o descanso, a chegada ou a axuda que o camiñante recibe no seu percorrido. O tratamento que fai desta figura está cheo dunha fonda dignidade e neses peregrinos apréciase a fatiga do camiño, xunto á fortaleza do espírito que os leva a percorrer ese camiño de esperanza.

Na escultura que centra esta ollada, Acuña combina dous dos seus motivos preferidos, o xa referido do peregrino e o da muller galega. Esta será recurrente na súa obra, e xa dende a década dos vinte nos atopamos esa representación tan do gusto da Galicia artística, aquela vangarda renovadora que facía da muller a representación totémica da terra galega. Indo ó mercado, cos seus fillos, namorada ou como unha avoa, a muller permítelle representar nunha figura a súa inquedanza por Galicia, perfectamente ataviada coas indumentarias tradicionais. A súa muller porta con dignidade e valentía todo ese peso espiritual e físico que na nosa cultura ten como elemento indispensable na familia.

A obra de José María Acuña, moi ligada á Compostela de Asorey, Bonome e Eiroa, na que exerceu como mestre no Colexio de Sordomudos, mostra este compromiso seu coa sociedade. Preferiu ese compromiso ás novas expectativas que o agardaban en Madrid, a onde a Deputación de Pontevedra, ante as súas capacidades, pretendía envialo para que ingresase na Escola de Bellas Artes. O mozo Acuña, preferiu centrarse nos que, como el, tiñan algunha deficiencia física, para poder amosarlles que a capacidade do home ía máis alá de poder falar ou oír.

20111028061017_44g
[/section]
[section title=”Retratos reais na Basílica de Santa María”]
“La iglesia de Santa María la grande, así por lo magnífico de su fachada como por lo delicado de sus columnas y sutileza de sus molduras y remates, es de una estructura especialísima, y tal que no se conoce igual en toda Galicia, y aún se duda que en toda España haya iglesia puramente parroquial más capaz y ostentosa, ni de fábrica tan exquisita”. Así describiu frei Martín Sarmiento en 1761 a Basílica de Santa María.

BASILICA DE SANTA MARIA

Son moitos os motivos que se poderían escoller da Basílica de Santa María, hermosísimo exemplo de transición do mundo medieval á idade moderna. Nesta ollada deterémonos en dous retratos que vixían permanentemente o templo. Referímonos a Carlos V e ó seu fillo, Felipe II, ambos representados nas xambas da entrada pola fachada principal. Son o sustento rexio de todo ese retablo feito en pedra, cheo de esculturas marabillosas e lecturas testamentarias. Ambos foron os monarcas reinantes en España durante a época en que se levantou a agora basílica, aproximadamente entre 1520 a 1559, data en que se pechan as súas bóvedas.

Toda esa fachada recae en dous nomes, o de Cornelis de Holanda, que a contratou en 1541, e o de Juan Noble que traballou na súa execución, creando un dos grupos escultóricos máis sobranceiros da nosa arte. A fachada está datada entre 1541 e 1547. Neses anos o monarca Carlos V estaba na parte final do seu reinado, que remataría en 1558, sucedéndoo o seu fillo Felipe II, que reinaría ata 1598.

RETRATOS REALES EN LA BASILICA DE SANTA MARIA

O emperador represéntase con barba e sen melena, máis ou menos cando tiña cuarenta anos como se representa habitualmente nesa época e como o pintou Tiziano en varios retratos da época. Felipe II, represéntase aínda adolescente, con 14 anos, e a súa imaxe vén a substituir a outra da falecida naquel momento emperatriz Isabel e que figuraba nas trazas orixinais. Ambos portan bonetes e ademais levan o ‘toisón’. Foi no reinado de Felipe II, na segunda metade do século XVI, cando a vila de Pontevedra viviu o seu esplendor. O motor económico que supuxo o comercio da sardiña permitiu que acollese un incremento de poboación que a situou no primeiro lugar de Galicia.
[/section]
[section title=”Lápida no lampán dos xudeos”]
En outubro de 1998 o Concello de Pontevedra decidiu colocar unha lápida nun lugar que dende sempre foi considerado como próximo á cultura xudía. Diferentes topónimos así o amosaban, e así, este Lampán dos Xudeos ou Campa dos Xudeos xa aparece referenciado nunha escritura de venda do ano 1537 co topónimo Campa, que en galego e portugués ten entre as súas acepcións o sentido de pedra ou lousa que cubre unha sepultura. Tamén Casto Sampedro falaba da ‘Picota dos xudeos’ nun lugar próximo á Basílica de Santa María.

LAMPAN DOS XUDEOS NO PASEO DE SANTA MARIA

Non son moitos os vestixios desa cultura en Pontevedra, aínda que si se sabe pola aparición de nomes hebreos que existía unha comunidade xudía, coñecida como ‘aljama’, na nosa cidade. Polos traballos de historiadores como Xosé Fortes Bouzán, Juan Juega Puig ou José Manuel Pereira sabemos desa relación de nomes. Que houbese, nunha vila próspera como a Pontevedra do século XVI, unha gran mobilidade mercantil, asentada unha comunidade xudía, non era nada estrano.

O gran descobremento tivo lugar no 2002, cando o facer unhas obras de rehabilitación nunha vivenda da rúa Dona Tareixa, con fachada cara o paseo de Santa María, o arqueólogo Juan Carlos Castro e o seu equipo atoparon dúas lápidas con inscricións hebreas. Quizais nos atopábamos ante o achádego arqueolóxico máis sobranceiro en Pontevedra tras a aparición no ano 1988 do miliario romano a carón da Ponte do Burgo, xa que viña a confirmar a presenza dunha comunidade hebrea na zona, e ademais, dada a localización das lápidas, achegaríanos á localización física onde se pensaba que podería atoparse o cemiterio.

LAMPAN DOS XUDEOS NO PASEO DE SANTA MARIA

Poder asegurar que existe un cemiterio falaríanos dunha comunidade de certa entidade, xa que para eles este espazo é dunha grande importancia dadas as súas concepcións relixiosas. Ademais, e por outros cemiterios atopados noutros lugares de España, todos eles responden a unha serie de características que definen como ten que ser ese lugar. Debe atoparse nunha elevación de terreo, formar unha ladeira, e debe existir preto del unha corrente de auga.
[/section]
[section title=”Decoración do edificio García Flórez”]

DETALLE DE DECORACION BARROCA COMPOSTELANA EN EL EDIFICIO DEL MUSEO

20111028061034_47p

Dentro do noso casco histórico, o papel que xoga o Museo Provincial de Pontevedra non só se limíta o seu fecundísimo labor no campo da investigación e exposición, senón que tamén contribúe coa súa cara exterior a definir o perfil do entramado urbano local. O seu conxunto de edificios, compón un equilibrado conxunto arquitectónico de diferentes estilos e tempos. Dende os pazos barrocos ‘Castro Monteagudo’ e ‘García Flórez’, ata a última construción do arquitecto Alfredo García Brañas, pasando polo edificio ‘Fernández López’, sen esquecer o edificio Sarmiento e as ruínas de San Domingos. O conxunto monumental do Museo é xa parte indisoluble da cidade.

Deterémonos no edificio ‘García Flórez’ sen máis razón que o atractivo que supón a recuperación dunha serie de detalles decorativos moi típicos dun dos nosos estilos arquitectónicos máis sobranceiros, como foi o Barroco, e especialmente o que no século XVIII se desenvolveu cheo de contrastes entre as luces e as sombras e co emprego dunha abondosa decoración ateigada de motivos vexetais, froitos ou placas que parecían saír do traballo dos carpinteiros, e que tivo en figuras como as do arquitecto Simón Rodríguez brillantes representantes.

O edificio ‘García Flórez’, ubicado na rúa Sarmiento, foi levantado a finais do século XVIII por Antonio García Estévez Fariña e a súa muller, Tomasa Suárez Flórez, a partir dun pazo anterior. Conformouse así un gran pazo urbano de tipo señorial, con soportais na súa fachada principal. No primeiro andar posúe tres grandes fiestras rodeadas de decoración, e na segunda planta complétase con dúas ventás que acompañan a un grande escudo central.

No tellado sitúanse dúas enormes gárgolas nos seus esquinais e posteriormente, con motivo da súa inclusión no patrimonio do Museo-feito que o secretario do Museo Xosé Fuentes, seguindo a Filgueira Valverde sitúa no ano 1942- colócanse sendas figuras procedentes do antigo Pazo de San Román, recuperadas pola Sociedad Arqueológica: a Fortaleza e a Esperanza. Admiramos neste edificio a súa decoración, o movemento que ese Barroco de placas é capaz de ofrecer ó espectador.

[/section]
[section title=”Capela de San Roque en San Andrés de Xeve”]

20111028061000_48g

O que fora concello de Xeve, formado por San Andrés, Santa María e Verducido, é un rico escenario de arquitecturas relixiosas e populares. Dende as súas igrexas ata os seus cruceiros ou petos de ánimas, os elementos do pasado foron compoñendo unha fermosa estampa de elementos artísticos dos que os seus veciños están orgullosos e proclaman a súa conservación e coñecemento, coa edición dunha meritoria revista por parte da Asociación Recreativa de Xeve, chamada ‘A Xanela’ da cal extraemos os datos aquí amosados.

Igrexas como as de San Andrés de Xeve, a de Santa María de Xeve, San Martiño de Verdecido e a capela de San Roque en San Andrés de Xeve deixan constancia da importancia do territorio para a Igrexa. A primeira agocha nela elementos importantes, como unha pía bautismal, ornamentos arquitectónicos e as cruces na traseira da igrexa.

Pénsase que estes elementos poderían proceder dun antigo mosteiro, hoxe desaparecido. A segunda delas é a máis recente no tempo, xa que xorde como unha nova parroquia a mediados do século XVIII, debido ó incremento da población na comarca, mentres que na igrexa de Verducido destaca o seu monumental campanario, cun exagerado tamaño con respecto á construción relixiosa, onde unha torre tipicamente barroca imponse sobre o conxunto.

CAPILLA DE SAN ROQUE EN SAN ANDRES DE XEVE

Especialmente fermosa resulta a capela de San Roque, en San Andrés de Xeve. Nun hermoso contorno con árbores, esta pequena capela acolle no seu interior un dos elementos artísticos máis senlleiros do lugar, xa que nela se atopa un importante baldaquino, que se cre que procede do antigo mosteiro de Seoane. A entrada da capela presídea un dos santos con maior veneración en Galicia, San Roque, perfectamente recoñecible nesa labra na que amosa a súa ferida na perna e a presenza do can que sempre está ós seus pés, xa que foi quen, segundo conta a tradición, o sanou das feridas que a peste lle produxo, e da que se contaxiou polo seu trato cunha comunidade de afectados. A comarca de Xeve integra estes elementos nunhas fermosas paraxes naturais.
[/section]
[section title=”Peto de ánimas en Bora”]
Castelao xa reparara nel, e así, na súa obra ‘Cruces de Pedra na Galiza’, incluíuno como un fermoso exemplo de Peto de ánimas, no cal aparece un Cristo crucificado. Atópase ó pé da estrada xeral cara Ourense, e xusto antes do cruce que leva a Marcón. O estudoso destas tipoloxías Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez tamén falou del no seu libro de ‘Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra’.

20111028061015_49g

20111028061023_49p

É a parroquia de Bora un fermoso espazo para o paseo. A súa riqueza natural, regada polos leitos do Almofrei e o Lérez, é quen de xerar un conxunto de lugares moi propicios para o contacto co mundo da natureza. As súas fragas, os seus bosques, nos amosan que na propia natureza está moita da súa riqueza. Xunto a ela, a súa igrexa de Santa Mariña, ou as súas pontes, como as duas do século XIX que se conservan en bo estado, ou unha anterior máis descoidada, son apropiados escenarios para asomarse a toda esa fermosura natural.

O peto de ánimas no que nos centramos preséntase encaixado nunha vivenda particular, e dividido en dúas partes. A primera, a súa parte superior, amosa a dous gardas civís protexendo a custodia e armados con baionetas. Nesta parte consta o ano da súa creación, 1851, e o seu devoto creador: “Fue debocion D. Diego Cervino”. Na súa parte inferior aparece un Cristo crucificado sobre o cal voa a pomba do espírito santo, mentres aparece flanqueado por dúas virxes. Baixo esta escena están as almas do purgatorio, das que nos parece curiosa a súa representación, xa que dos tres personaxes, dous levan indumentarias eclesiásticas. Así, o do centro porta unha mitra de bispo, o outro leva un bonete propio dos curas.

Arredor do peto de ánimas atópase unha inscrición na que podemos ler: ” Hermanos debotos de las benditas ánimas del Purgatorio”. Na mesa de ofrendas que pecha o que é o peto, onde o fiel debe deixar a súa esmola, ben sexa física ou monetaria, atópase un buratito por onde introducir os cartos, que van parar a un peto dentro da casa. O seu estado actual é bo, e debe agradecerse, posiblemente ós donos da casa onde se atopa.
[/section]
[section title=”Rosetón do Convento de San Francisco”]

ROSETON DE SAN FRANCISCO

E das tebras xurdiu a luz. Durante moitos anos a portada da igrexa do Convento de San Francisco estivo pobremente pechada por unha fiestra. As incipientes fotografías da cidade amosan ese triste baleiro enreixado que nalgún momento veu substituír o rosetón que posiblemente se instalaría no seu proceso constructivo o longo dos séculos XIII ou XIV, sendo o primeiro documento alusivo ó convento unha manda testamentaria que data de 1274. A longa historia da comunidade franciscana na cidade ten moitos capítulos merecedores de estudo, interesanos o seu rosetón, que, de recente factura, agocha nas súas vidreiras as luces non só do convento onde se atopa, senón tamén doutra gran institución da cidade, a Coral Polifónica.

As indagacións sobre o rosetón, levan a pensar que a súa construción se debeu facer na década de 1920. A volta dos franciscanos a Pontevedra, trala desamortización de 1835, produciuse en 1909, e a partir de aí fóronse acometendo unha serie de obras para facer fronte ós anos de abandono. Na realización de melloras nalgún momento despois de 1919 -unha fotografía do convento desa data aínda mantén a fiestra- decidiuse a colocación do rosetón.

VENTANA Y ROSETON EN SAN FRANCISCO

Ollando unha fotografía na que xa se atopaba instalada a fonte dos xardíns de Casto Sampedro, trasladada alí en 1928, aínda atopamos a fiestra cadrada. Polo que coido que a peza se instalou entre o ano 1928 e 1930, nun periodo no que da man de nomes como Castelao ou Casto Sampedro se procedeu a reformar elementos do patrimonio local como a propia fonte, o rosetón ou unha gran balconada no edificio Castro Monteagudo.

Xosé Sesto coñeceu a Castelao no coro de San Francisco, debuxando un rosetón, de cara a súa restauración ou ben para a execución dun dos fermosos telóns, o chamado ‘Exultate Deo’ que Castelao creou en 1926 para a Coral Polifónica, no que conserva a tracería en pedra do rosetón franciscano, que ben puido partir dos restos do que se atopa en San Domingos. Castelao substitúe os motivos vexetais por un apostolado nos ocos do centro, cunchas e filacterias coas inscricións dun salmo de Palestrina, que foi o interpretado pola Polifónica o 26 de marzo de 1926.
[/section]
[section title=”Os 36 xustos. A Illa das Esculturas”]
Nas ribeiras do Lérez, nunha illa artificial, creouse en 1999 un conxunto escultórico á imaxe dos grandes recintos artísticos ó aire libre. A integración da escultura na natureza ten en Pontevedra un espazo privilexiado na Illa das Esculturas, un lugar situado a uns dez minutos do centro onde doce dos máis importantes escultores contemporáneos estableceron un diálogo entre as súas pezas e o entorno. Un museo permanentemente aberto a que o paseante se achegue a el.

É unha arte participativa na que as pezas reclaman esa presenza, mediante palabras, paseos, sensacións, reflexos, xestos e memorias, conformando un dos máis atractivos recunchos ás beiras dun Lérez en permanente diálogo histórico coa pedra e a súa significación cultural.

Nomes de tanta sona no panorama internacional como Ian Hamilton Finlay, Richard Long, Robert Morris, Jenny Holzer, Giovanni Anselmo, Dan Graham, Ulrich Ruckriem, Anne e Patrick Poirer, José Pedro Croft e os artistas galegos Fernando Casás, Francisco Leiro e Enrique Velasco atópanse na illa. Moitos foron iniciadores dos movementos artísticos que marcaron os camiños da escultura na segunda metade do século XX. Cada un deles ocupan un espazo onde as pezas se integran no seu lugar axeitado, no ‘site’ que demanda a escultura contemporánea, a cal, lonxe do pedestal, se funde na terra para, nunha especie de rito milenario, adoptar ó seu redor o seu propio espazo.

A nosa ollada recae na obra de Fernando Casás. Os seus 36 xustos son 36 bloques de granito negro de Campo Lameiro de diferentes medidas ó fondo da illa, entre un bosque de eucaliptos. A súa situación non é casual, a denuncia do eucalipto como unha especie foránea, depredadora dos nosos montes, en favor do rendemento económico, sérvelle ó artista para restituirlle a súa dignidade á natureza. A súa actuación arrinca do mito xudeu, no cal a xustiza, a harmonía e o equilibrio do planeta recae no quefacer dos chamados 36 xustos, que coa súa sabedoría aconsellaban á comunidade para manter esa espiritualidade. Agora, torturados, son a expresión de cómo unha especie pode aniquilar a outra.

PIEZA DE FERNANDO CASAS EN ILLA ESCULTURA

PIEZA DE FERNANDO CASAS EN ILLA ESCULTURA

[/section]
[section title=”Cruceiro da ascensión ante a Ponte da Barca”]
Pontevedra presenta unha gran colección de cruceiros, elemento etnográfico e artístico inherente á cultura galega. O seu estudo e valoración comezou no segundo tercio do século pasado, cando se procedeu a revisar a arte primitiva e popular, como sinónimo de erudición e de recuperación de formas. ‘As cruces de pedra na Galiza’, de Castelao, publicada en 1950 en Bos Aires, é a obra paradigmática neste terreo, e partir dela orixínanse os diferentes estudos sobre esta tipoloxía artística.

CRUCEIRO EN LA CALLE ALFONSO XIII CERCA DE LAS DOROTEAS

O cruceiro que nos ocupa atópase hoxe en día na saída de Pontevedra a carón da ponte da Barca, xunto o Colexio das Doroteas. Alí foi trasladado procedente da Moureira, onde se atopaba na actual rúa do Cruceiro, como ben describe Xosé Fuentes Alende, na revista Nodales no ano 2001, onde recupera as fotografías e imaxes que del ten o Museo de Pontevedra pertencentes ó fondo José Casal.

Foi encargado por unha tal María d’Ascensión, segundo un documento datado en 1592 que estaba en posesión de Casto Sampedro. Castelao destacouno como exemplo transicional do Renacemento ó Barroco. O cruceiro ten base con catro chanzos e un pedestal de seis lados onde se encaixa o fuste, que presenta unha sección octogonal.

Sobre ela amplíase o tamaño para a correcta suxeición da cruz. A cruz é a parte máis sobranceira; nela destaca o remate das súas puntas coma un áncora. No centro, o Cristo en maior tamaño que os seus acompañantes, que son San Xoán e a Virxe. Esta representación con pezas de diferentes tamaños é un rescaldo doutros tempos, nos anos seguintes as figuras igualaránse. A escena remite ó Calvario.

O reverso mantense para María, representada como Piedade co fillo morto. É unha figura quizais máis lograda que a do cristo, saíndo máis do material, cun maior volume. Lógrase ademais un gran traballo nas faccións da Piedade, mostrando unha serenidade e viveza que no século anterior amosaba unha maior rixidez. Xosé Fuentes deixa constancia da costume que había de enterrar xunto os cruceiros, fetos ou nenos nados mortos, que o estar sen sacramentar, non podían depositarse no cemiterio.

CRUCEIRO EN LA CALLE ALFONSO XIII CERCA DE LAS DOROTEAS
[/section]
[section title=”Escultura de Penado na Praza de Barcelos”]
Quen non recorda a Praza de Barcelos cos seus grandes plátanos? Un enorme recinto cheo de sombra que foi readaptado para os novos usos da cidadanía tras ir estragándose de maneira progresiva pola presenza dos automóbiles. Convertida en praza pública, cun aparcadoiro soterrado, quédanos o recordo daquel conxunto de árbores inmortalizado na grande escultura metálica que fixo o artista José Luis Penado en 1998. Con ela pretendíase render culto á memoria daquel lugar, onde a árbore tiña un dos seus últimos redutos urbanos.

penado en barcelos

José Luis Penado afrontou a obra como un gran reto, a superación da complexidade técnica dunha peza tan grande, colocada nun lugar que tiña un aparcadoiro debaixo. O traballo sobre ferro, característica no quefacer artístico deste escultor, creador da estatua do loro Ravachol, e que na Igrexa da Virxe do Camiño realizou o gran Cristo que a preside, permítelle construír esta grande árbore esquematizada ata o límite, un xogo de abstraccións que chegan a confundir a figura dunha árbore coa do propio home. É un home-árbore, mostra da íntima ligazón que debe existir entre os dous. O artista acada un paso máis na súa traxectoria; o incremento no tamaño permítelle experimentar novas funcións, novos encontros entre espazos e a integración da peza nun lugar público.

A peza acada os seis metros de alto por dez de envergadura e está preparada para lograr a súa oxidación de xeito progresivo. O tempo tamén vai xogar o seu papel na configuración da peza, un espazo para a memoria e a construción da nova árbore. Esta remátase no que parecerían uns pequenos brotes da propia natureza, pero que en realidade son cristas deses típicos galos de Barcelos, vila portuguesa coa que Pontevedra se atopa irmandada dende o ano 1970, e que é a que lle dá o nome á praza chamada con anterioridade Campo da Feira por celebrarse alí un mercado. O artista soubo capturar varios dos elementos que conforman esta praza facendo uso deles para aumentar as posibilidades representativas dunha árbore que xoga a ser home, ou dun home que xoga a ser árbore.

ESCULTURA DE PENADO EN LA PLAZA DE BARCELOS
[/section]
[section title=”Pontevedra na contraportada de Santa María”]
Trala restauración á que se viu sometida no ano 2002, un dos conxuntos escultóricos máis fermosos de Pontevedra foi recuperado para o noso gozo. É a contraportada da basílica de Santa María un enorme conxunto de relevos onde se crea unha lectura inxeniosa que advirte ó home a través de setenta e oito escenas dos males que o agardan fóra do templo relixioso. De aí a súa estudada colocación no lugar dende o que o fiel sae a rúa, como un recordo último das palabras e promesas que se realizaron no interior da igrexa.

CONTRAPORTADA DE LA BASISICA DE SANTA MARIA

Xunto a esas escenas figuran dúas esculturas, un San Pedro, que procede da antiga igrexa, e un Santiago Peregrino, que substitúe a un San Sebastián que se conserva no Museo. Juan Juega Puig, historiador que documentou o proceso da restauración e que o estudou a fondo, sitúa este retablo pétreo en dúas datas, unha primeira parte que establece en 1541, máis do gusto renacentista, e outra máis avanzada no que se aprecia un maior minimalismo, que sería do ano 1570.

O mesmo autor comenta que o conxunto está dividido en dúas partes nas que unha fai de contrapunto da outra. Así, unha delas reflicte as andainas do home polo mundo e os perigos que o asexa e, dependendo do camiño que elixa, segundo este sexa correcto ou non, así lle irá na vida. No caso de non facer o correcto, orixínase todo un imaxinario demoníaco que amosa o fin do home pecador.

Atopamos un novidoso conxunto de imaxes que xorden tanto de pasaxes bíblicas, entre as que distinguimos a Creación, Adán e Eva, a árbore do ben e o mal, Caín e Abel, a arca de Noé, entre outros, xunto con fábulas como a da raposa e as uvas. Entre elas inclúense representacións realistas de paisaxes naturais e urbanas.

CONTRAPORTADA DE LA BASISICA DE SANTA MARIA

De gran interese é a que se considera a primeira representación física da cidade de Pontevedra. Nela vemos unha cidade na que se atopa unha ponte amurallada, como era a do Burgo. Esta idea do artista remite a moitos dos trípticos de El Bosco, quen plantexou, décadas antes, moitas veces ese esquema, baseado nunha zona na que se amosa a creación do señor, e o mundo do castigo a quen polos seus actos non soubo valorar a súa obra.
[/section]
[section title=”Camiño de peregrinación portugués a Compostela”]
A presenza da tumba do apóstolo Santiago en Compostela exerceu en toda Galicia un forte influxo. Se hai algún elemento que vertebra todo ese pensamento é o camiño de Santiago e as súas diferentes variantes, que penetran por todos os recunchos de Galicia. O Camiño francés, o Camiño inglés, a ruta da Plata e o Camiño portugués artellan toda esa rede de lugares polos que o fiel transita xa non só en busca de amosar a súa fe, senón para ter a experiencia que supón percorrer unha desas vías.

PUNTOS DE LUZ DEL CAMINO PORTUGUES EN LA ZONA MONUMENTAL

Pontevedra atópase de cheo no percorrido do Camiño portugués a Compostela, sendo final e principio dunha das etapas que propón a ‘Asociación de amigos del Camino portugués a Santiago’, agrupación fundada en 1993 para reivindicar a importancia desta vía de peregrinaxe e que en 1999 inaugurou na cidade un albergue de Peregrinos.

A súa proposta parte de Coimbra, onde se atopa enterrada a raíña Isabel, coñecida como a raíña Santa, que peregrinou a Compostela. As etapas a cubrir serían as seguintes: Porto- Vilarinho (27 km.), Vilarinho-Barcelos (28 km), Barcelos-Ponte de Lima (32 km.), Ponte de Lima-Rubiaes (17 km.), Rubiaes-Tui (23 km.), Tui-Redondela (30 km), Redondela-Pontevedra (21 km.), Pontevedra-Caldas de Reis (22 km.), Caldas de Reis-Padrón (21 km.) e Padrón-Santiago de Compostela (22 km.).

PUNTOS DE LUZ DEL CAMINO PORTUGUES EN LA ZONA MONUMENTAL

Este percorrido fermosísimo polas súas paisaxes entra na nosa cidade por Ponte Sampaio, A Canicouva, Tomeza e o lugar de O Marco, onde a poucos metros se atopa o albergue. O percorrido urbano iníciase polo Gorgullón, a rúa Virxe do Camiño e a rúa Peregrina ata a praza ante o santuario da propia Virxe Peregrina para logo saír pola antiga porta de Trabancas cara os soportais da Ferrería, a praza de Curros Enríquez, a rúa Real, a praza de Valentín García Escudero, cruzar a ponte do Burgo e, xa en Lérez, coller a rúa da Santiña e saír por Alba. Dende o Ano Santo de 1999 uns puntiños de luz azul marcan no propio chan o percorrido que atravesa o casco histórico de Pontevedra, no que aínda se conservan uns azulexos azuis coa cuncha do peregrino en amarelo que van sinalando todo o percorrido en todo o camiño.
[/section]
[section title=”Ponte do Couto en O Marco, Tomeza”]
As orixes de Pontevedra antes do seu crecemento medieval son motivo de moitas discusións, e foron froito de grandes erros baseados por exemplo na incorrecta identificación das vías romanas, auténticas vertebradoras da antiga realidade xeográfica, e que acollían en diferentes puntos do seu trazado mansións romanas arredor das cales, debido á súa importancia, se iría asentando a poboación.

O erro de colocar Pontevedra a orelas da vía XX, a coñecida como Per Loca Marítima, na que se inscribía a mansión Ad duos Pontes, desbotouse completamente coa aparición en Pontevedra, nas excavacións nas inmediacións da Ponte do Burgo, dun miliario do emperador Adriano datado no ano 134 da nosa era, e que o arqueólogo Antonio de la Peña Santos foi quen de vencellar ó itinerario da vía XIX, ubicando na nosa cidade a mansión coñecida como Turoqua.

Esta vía tiña moitos paralelismos co trazado do camiño de peregrinaxe portugués a Compostela, e que, seguindo a lóxica tantas veces desprezada, transcorrería polos lugares máis favorables, eludindo os accidentes xeográficos, para o camiñante. É así como entraría en Pontevedra bordeando o río Gafos e internándose pola ponte do Couto, onde foi descuberto un ‘cipo’ conmemorativo da reparación da vía en tempos de Maximino e Máximo, cara o ano 238 d.c. Hoxe en día trabállase na recuperación desta Vía XIX como xeito de achegamento a unha realidade esquecida ó longo do tempo e que podería ofrecer a recuperación de moitos espazos que o seu redor se xestaron e que se empregarían como foco de atención para o cidadán.

Queda aínda por demostrar que a actual estrutura que se mantén en pé pertence a época romana. Os últimos estudos que sobre ela se fixeron achegan datos a falta de máis consideracións sobre a alta probabilidade de que así sexa, o que a convertiría na primeira ponte romana de toda a provincia de Pontevedra, e a terceira en Galicia. O arqueólogo da Deputación Provincial, Rafael Rodríguez, aprecia similitudes na súa estrutura, dous arcos de medio punto e cinco metros de ancho, con outras pontes desta época.

PONTE DO COUTO EN MARCON

20111028061030_56g
[/section]
[section title=”Selo de pedra no antigo Concello de Xeve”]
Especialmente atractivos resultan os avatares que a historia deparou a estas terras para a súa conformación como concello. Foino durante 108 anos, entre 1836 e 1944, cando se aprobou definitivamente a súa incorporación ó concello de Pontevedra. A presenza do importante Pazo de Gondar marcou en moitos aspectos a historia deste lugar, desenvolvendo o seu papel como centro de poder, exercendo como xulgado, cárcere e antiga fortaleza.

Vencellado ás destacadas liñaxes galegas dos Arias e Aldao, dende esa casa gobernábase o que era un antigo couto, cun goberno de seu, nomeándose dende ese señorío a un xuíz, un escribán e un procurador. Así consta en documentos do ano 1752. Xa en 1835 os veciños de Xeve demandan a creación dun concello propio, que se lles concede ó ano seguinte abarcando as parroquias de San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve, San Martín de Verducido -que exercería de capital do concello-e San Vicente de Cerponzóns. Os veciños deste último lugar buscarán anos máis tarde desligarse dese concello, integrándose no formado por Alba, Lérez e Campañó. En 1847 a capitalidade trasládase a Santa María de Xeve dende Verducido, e alí se atopará ata que en 1944 pase a formar parte do Concello pontevedrés.

Na que fora antiga casa do Concello en Santa María de Xeve, agora empregada como local social, figura un fermoso escudo ou selo en pedra que deixa constancia da independencia xurídica deste territorio. Nel vemos o símbolo dos tres piñeiros, que xa consta nun selo oficial do Concello de Xeve no ano 1848.

Existen dúas versións sobre a súa orixe, a primeira alusiva a que cada un deles fixese referencia a cada unha das tres parroquias, a de San Andrés, Santa María e Verducido, e unha segunda historia que o poñería en relación coa existencia dun gran piñeiro no interior do Pazo de Gondar. Fálanos ademais esa labra da importancia da profesión dos canteiros nesas terras. O seu traballo é fondamente recoñecido ó longo da historia, constando en moitos documentos que exaltan as capacidades dos canteiros das terras de Xeve.

ESCUDO OS TRES PINOS EN LA ANTIGUA CASA CONSISTORIAL DE SANTA MARIA DE XEVE

ESCUDO OS TRES PINOS EN LA ANTIGUA CASA CONSISTORIAL DE SANTA MARIA DE XEVE
[/section]
[section title=”Lápida no interior do bar Parvadas”]
O costume de reaproveitar materiais de épocas pasadas para novas construcións provoca curiosas visións, sorpresas que asaltan ó cidadán. Este é o caso da ollada que nos ocupa. Sitúase no interior do Bar Parvadas, na rúa González de Zúñiga, tras o santuario da Virxe Peregrina, un deses centros de parte da vida social pontevedresa onde se reúne a xente para charlar e pasar un tempo cos amigos. Se nos fixamos nunha das súas paredes atoparemos un pedra cunha inscrición. A pedra de gran tamaño non é fácil que pase desapercibida.

No libro da Historia de Pontevedra, escrito na súa parte adicada a Pontevedra medieval, por Juan Juega Puig, aparece esta pedra identificada como unha lauda sepulcral na que a súa decoración nos amosa unha cuncha de peregrino e un cordón da orde franciscana. Dada a proximidade do Convento de San Francisco, que sabemos por un documento que xa existía no 1274, aínda que e posible que xa antes estivese establecido, podemos pensar que esta lauda pertenceu a un frade franciscano que quería pasar á historia pola súa condición de peregrino. Recordamos que no ano 1325 realizouse a famosa peregrinación da raíña Isabel de Portugal a Compostela, e que na súa tumba do mosteiro de Santa Clara de Coimbra figura cos mesmos atributos, mellor realizados e con máis profusión de detalles que neste exemplo.

Eran os tempos nos que esta vila comezaba a plantexar a súa orixe como cidade medieval tras a concesión do Fuero de Fernando II en 1169. Empezaba a chegar xente, as ordes mendicantes establecíanse arredor e a vila comezaba a ser lugar de paso para a peregrinación a Compostela dende Portugal, como nos demostra a existencia desta lápida, que procedería polo tanto do Convento de San Francisco e que se reaproveitou como un elemento construtivo.

Moitas veces nos sorprendemos de ver elementos integrados en edificacións coas que pouco ou nada teñen que ver. Pero o certo é que os sucesivos reaproveitamentos de materiais foron sempre abundantes ó longo da historia, ofrecéndonos curiosidades como na que repousa esta ollada.

LAPIDA DE UN SEPULCRO MEDIEVAL EN EL INTERIOR DEL BAR PARVADAS

LAPIDA DE UN SEPULCRO MEDIEVAL EN EL INTERIOR DEL BAR PARVADAS
[/section]
[section title=”Vidrieira co escudo de Pontevedra en Correos”]
Na esquina que forman as rúas Oliva e García Camba atópase un fermoso edificio, onde ten a súa sede o organismo de Correos. Un edificio cunha longa historia construtiva xa que, dende 1913 en que resulta vencedor o proxecto de Carlos Gato Soldevila, non entrará en funcionamento ata os últimos anos da década dos vinte.

O motivo da nosa ollada céntrase no seu interior, na cuberta do gran salón onde se desenvolve a vida pública do edificio. Se erguemos a cabeza cando estamos a enviar unha carta nos atoparemos unha fermosa vidreira que recolle mediante a técnica da ‘grisalla’ o escudo da cidade. Son 2.452 pezas de cristal que chegan a formar unha superficie de 98 metros cadrados.

O escudo heráldico da cidade mide 4 metros de alto por 2,52 metros de ancho e vese rodeado por un reberete con 20 rosetóns. Rehabilitado no ano 2003, recuperou grazas á meritoria labor da firma coruñesa Azpilcueta, especialista neste tipo de intervencións, todo o seu esplendor. A técnica empregada para debuxar o escudo sobre o vidro é a ‘grisalla’, na cal se actúa por extirpación do pigmento, xa que a cor achégaa o propio vidro. Ademáis esta técnica busca deter a luz que atravesa o vidro creando novas sensacións no espazo.

O motivo elixido foi o escudo da cidade, do cal houbo diferentes variantes ó longo do tempo, pero sempre mantendo unha traza común. Así, o principal motivo será a ponte, precisamente en virtude da súa importancia na época medieval para conformar o crecemento da cidade. A ponte aparecerá representada ó longo da historia con varios ollos, e flanqueado nos seus laterais por unha porta con dúas grandes torres, e outra porta, que sería a ‘Porta da ponte’, aberta na propia muralla; tal e como a pintou na súa viaxe Pier María Baldi en 1669 nunha representación da cidade que se conserva na Biblioteca Laurentina de Florencia.

En ocasións intégrase na metade da ponte unha cruz, que aludiría a unha cruz de Santiago e que foi incluída no escudo a principios do século XVI. Remitiría á ubicación da cidade no camiño de peregrinación, ademáis de á súa pertenza ó arcebispado de Compostela.

DETALLE VIDRIERA DEL EDIFICIO DE CORREOS

DETALLE VIDRIERA DEL EDIFICIO DE CORREOS
[/section]
[section title=”Mausoleo de Andrés Muruais en San Mauro”]
Os cemiterios son, moitas veces, lugares repudiados, espazos arredados dos nosos lugares de lecer, desprezados polo papel que ten a morte nas nosas vidas. Se nos fixaramos un pouco e desbotaramos os nosos prexuízos, atoparíamos neles asombrosas olladas nas que deter a vista. Lugares para a reflexión, para atrapar un silencio tan prezado como difícil de obter nos nosos tempos. No cemiterio de San Mauro en Pontevedra, son moitos os monumentos funerarios que o permitirían.

A nosa ollada detense no mausoleo dos Irmás Muruais, onde figura un busto de Andrés Muruais realizado polo escultor compostelán Isidoro Brocos. O mausoleo foi sufragado polo propio pobo pontevedrés en recoñecemento polo seu amor a Pontevedra. Os irmáns Muruais alentaron coa súa actividade gran parte da vida cultural e social da Pontevedra do último cuarto do século XIX.

Andrés Muruais e Jesús Muruais naceron en Pontevedra, o primeiro licenciouse en Medicina e o segundo en Dereito e Filosofía e Letras na Universidade Compostelana. Ambos se adicaron á creación literaria, a labor xornalística e sobre todo a converter Pontevedra nun lugar cunha vida somerxida e que de vez en cando saía á superficie. As numerosas publicacións da época na cidade acolleron os seus escritos reivindicativos dunha Galicia culta e intelixente, consciente da súa percepción rexional e cunha fonda esixencia social.

Eles, xurdidos dos tempos postromanticistas, acuñaron historias e lendas na Pontevedra da época como a do Urco que recolle no interesante estudo que sobre as súas figuras realizou José Antonio Durán. Jesús Muruais era o contrapunto do seu irmán; máis apoucado, foi mestre de Instituto en Pontevedra, séndoo do mesmo Vallé-Inclán.

A súa relación co escritor de Vilanova de Arousa foi permanente e intensa, e varios libros deste foron adicados a quen tantas portas lle abriu. Non só como mestre, nin sequera as da súa propia casa, senón as portas da modernidade. Na súa biblioteca coñeceu as publicacións que chegaban directamente de París. Berce do erotismo, da sensualidade, e dos novos tempos literarios que deixaron pegada no mozo Valle-Inclán.

SEPULCRO DE ANDRES MURUAIS EN EL CEMENTERIO DE SAN MAUROSEPULCRO DE ANDRES MURUAIS EN EL CEMENTERIO DE SAN MAURO
[/section]
[section title=”Azulexos de Carlos Sobrino na Alameda”]
A arte rexionalista triunfa en toda a Península. Os postulados do Rexurdimento alentaron en moitos artistas para que dende cadansúa disciplina artística ofrecesen unha visión dunha realidade da que se sentían orgullosos. Así é como tamén dende a pintura se buscará a través da representación da paisaxe ou a plasmación de tipos rexionais un berro autóctono como maneira de enxalzar a terra.

Carlos Sobrino foi un dos que máis eloxiou a Galicia dende a súa pintura. A revisión de paisaxes da natureza, a recuperación de recunchos típicos, paisaxes urbanas onde os monumentos se gababan do seu pasado, ou a mostra de estampas de xentes ataviadas co traxe rexional realizando as súas tarefas cotiás, serán os motivos temáticos centrais. A súa pintura non deixará de ser academicista e conservadora, e nel non influiron as novas correntes pictóricas do momento que renovaron a arte, e así, a principios do século XX a súa obra exposta en diferentes salas de Galicia e Madrid non se move destes postulados.

Desta época son unha serie de debuxos que posteriormente foron o motivo que levou á empresa sevillana ‘Mensaque Rodríguez y la compañía de Triana’ a producir un amplo conxunto de azulexos que foron instalados no remate da Alameda de Pontevedra. Alí atopamos dous grupos de azulexos que se dividen pola escaleira de acceso á Alameda. Cara o lado dereito temos nove estampas e cara o esquerdo catorce. En todas elas a firma do pintor Sobrino e da compañía autora dos azulexos completan unha serie de escenas que se moven neses parámetros.

Un costumbrismo transmitido polas vistas da ría, un folclorismo dado polos grupos de xentes cos seus traxes típicos realizando diferentes labores, un enxalzamento da arquitectura popular coas vistas dos hórreos de Combarro, ou as capelas como a de Nosa Señora de A Lanzada, ou da vida urbana como na Praza da Leña de Pontevedra, e tamén das construcións históricas de Galicia como a Catedral de Tui.Un conxunto de visións onde a forma e a cor irán definindo os diferentes espazos, un pintoresquismo que permitía facer unha pintura moi cercana á xente.

AZULEJOS EN LA ALAMEDA DE CARLOS SOBRINOAZULEJOS EN LA ALAMEDA DE CARLOS SOBRINO
[/section]
[section title=”Pazo de Montero Ríos en Lourizán”]
Ten a parroquia de Lourizán, o que quizais é o máis fermoso pazo da súa época. O proxecto de construción asinouse o 25 de febreiro de 1909. Referímonos ó Pazo de Montero Ríos, a residencia de verán dunha das personalidades máis importantes de principios do século XX e finais do XIX. O coñecido como ‘Cuco de Lourizán’ polas súas mañas políticas, estableceuse nun vello Pazo existente en Lourizán, chamado da Sierra e Castelar.

Nacido en Compostela, cando triunfou a súa candidatura ás Cortes constituíntes de 1869 e viu que en Pontevedra a súa vitoria foi contundente, empezou a relacionarse con xente como os Riestra, convertindo a esta pequena vila no seu centro de operacións, que compaxinaba coa súa vida profesional en Madrid. A súa actividade política foi tremendamente activa e durante o Sexenio defendeu a liberdade de culto, coa separación igrexa-estado, e cos seus actos propiciou unha maior dependencia do poder xudicial fronte ó poder político.

Decano do Colexio de Abogados de Madrid, o seu bufete foi un dos máis exitosos. Cos seus ingresos, como nos conta Ramón Villares na Enciclopedia Galega, sufragou a compra da Granxa da Serra en Lourizán. Este lugar convertiuse nun epicentro político, e por alí pasaron grandes figuras da política que quedaban abraiadas pola magnificencia da súa arquitectura.

O seu influxo político foi enorme, xerando toda un rede de amizades, contactos e postos de confianza que satisfacían os seus intereses. Presidente do Consejo de Ministros en 1905 e do Senado en 1910 a súa figura política non deixou de medrar. O Pazo de Lourizán foi deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente y Domínguez, creador de numerosas edificacións en Vigo, do Gran Hotel de Mondariz ou do Hotel Acuña en Caldas de Reis. A súa obra gustaba da suntuosidade nas súas composicións, moitos ornamentos, esculturas que plantexaban unha arquitectura eclecticista con novos postulados do Modernismo. Nesta ocasión incluíronse fontes e sendeiros entre as numerosas especies vexetais, máis de trescentas. Alí se atopa o Centro de Investigación ambiental de Galicia, que está a poñer en valor o espazo.

PAZO DE MONTERO RIOS

PAZO DE MONTERO RIOS
[/section]
[section title=”Escola rehabilitada en O Salgueiral, Bora”]
Era demandada dende hai tempo polos veciños da parroquia de Bora, que buscaban un lugar onde poder reunirse e realizar actividades socioculturais. A recuperación desta construción, serviu para a educación en décadas pasadas, enmarcouse na rehabilitación de parte dun patrimonio co que o tempo e nós mesmos non fomos moi xustos. Ó igual que ocorreu na Canicouva, esta sinxela edificación era o recordo perenne doutro tempo, de xogos, de estudos e de trasnadas, das que foron protagonistas os nenos desta parroquia, ós que agora só lles queda o recordo a través da súa memoria, reflectido nas fiestras desa escola na que tantas horas pasaron.

Por esto decidiuse afrontar unha recuperación integral de todo o inmoble, tanto exterior como interior, que foi asumida polo arquitecto Jesús Aser Fole Osorio, quen plantexou a súa transformación cara a realidade do noso tempo. Acometeu a súa actualización funcional para os seus novos usos, así como a aplicación de novas tecnoloxías, pero sempre a partir da súa estrutura orixinal, dotada, aínda que coa súa modestia, da dignidade que ten toda edificación. A cuberta totalmente nova, a fachada de pedra picada, unha nova carpintería e unhas vigas de formigón que suxeitan algunhas lousas pertencentes á estrutura orixinal son parte da rehabilitación que afrontou a empresa GPD.

Acadouse así recuperar un espazo útil de 180 metros cadrados que se distribúen en tres estancias. Tamén, e como elementos pertencentes ó valor da memoria da propia construción, recuperouse un pequeno escudo franquista, ademais de aplicar unha iluminación artística a un corticeiro situado tras o local, buscando conxugar o contorno no conxunto total da escola.

Son estas escolas pequenas obras, pero teñen tras de si un fondo moi intenso, xa que nos falan do paso por elas das xentes, pero tamén e dende esta rehabilitación, da obrigatoriedade que todos temos de recuperar, protexer e difundir o noso patrimonio, que dependendo da nosa conduta poderá chegar a futuras xeracións, ás que lles corresponderá seguir mantendo o seu valor.

ESCUELA REHABILITADA EN SALGUEIRAL BORA

ESCUELA REHABILITADA EN SALGUEIRAL BORA
[/section]
[section title=”Detalle do Pazo da Deputación Provincial”]
Trala concesión da capitalidade provincial a Pontevedra en 1833, a Deputación Provincial, ante os altos custes de mantemento da súa primeira sede na actual Delegación de Facenda, decidiu en 1882 a construción dun novo edificio. Dúas foron as propostas que se manexaron para o seu novo emprazamento, por un lado uns terreos anexos á sede primixenia e por outro a súa situación no contorno da Alameda, pretendendo edificalo no lugar das ruínas de San Domingos co fin de facer un aproveitamento das súas pedras. Finalmente respectáronse as ruínas e a Deputación comproulle ó Concello en 1884 un soar onde se ubica o actual Pazo Provincial.

O arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros firma co seu irmán Domingo o proxecto que envía á Deputación sen custo ningún, co fin de facerse cos dereitos da obra. Seleccionado este proxecto, a decisión de deixalos fóra da dirección fainos cambiar de opinión, esixindo o pago de 7.500 pesetas. En 1883 adxudícanse as obras, coa dirección de Daniel Rodríguez Vaamonde, ó cal substituiría en 1884 Antonio Crespo e, en 1891, Siro Borrajo, ata o seu remate en 1893.

O edificio hai que valoralo en función da personalidade do arquitecto Sesmeros, que plantexou un estilo eclecticista, no que se optaba pola conxugación de elementos procedentes doutras épocas, dende a arquitectura clásica, ata a súa reinterpretación renacentista ou barroca. Alejandro Rodríguez Sesmeros plantexa en Pontevedra un gran pazo, un edificio cun uso administrativo de grandes proporcións. A súa fachada, dividida en diferentes volumes, combina moitos destes estilos, cunha entrada a xeito de arco triunfal.

Enriba dela catro columnas enmarcan as fiestras do salón noble, espazo destacado cara o exterior. Sobre este último corpo tres claraboias conectan o corpo inferior co frontón que remata a construción na que se atopa o escudo provincial. As fiestras decóranse de xeito especial con frontóns semicirculares, triangulares ou alintelados con cunchas de vieira. Paga a pena destacar o emprego de novos materiais que comezaban a empregarse na arquitectura, como por exemplo o ferro nas claraboias e nos bufardos.

diputacion

diputacion
[/section]
[section title=”Muralla de Pontevedra na rúa Arcebispo Malvar”]
O mundo medieval tiña entre os seus elementos configuradores a muralla que fortificaba e defendía á poboación, amén de servir como medio de control á entrada de productos e o conseguinte gravame de impostos. A muralla de Pontevedra, seguindo os estudos que Juan Juega Puig, Antonio de la Peña Santos e Enrique Sotelo Resurrección plantexaron no seu libro ‘Pontevedra, Villa amurallada’, viviu catro momentos diferentes.

O primeiro recinto amurallado acollería os arredores da parroquia de Santa María. O segundo plantexamento da muralla daríase coa súa primeira ampliación, que podería ter que ver cunha xeralizada fase de crecemento dos núcleos urbanos vencellados co mundo pesqueiro, xa que, por exemplo, a Pontevedra condéuselle en 1229 o privilexio de “secar merluzas y venderlas por mar y tierra en todo el reino y fuera de él” e tamén en 1238 se lle outorgou á cidade a exclusividade da fabricación de saín, aceite de peixe. Xurdirá unha nova parroquia, a de San Bartolomeo, acollendo máis poboación e incrementando o territorio amurallado, transformándose o trazado inicial en forma de améndoa nunha planta case circular.

A segunda ampliación darase entre os anos 1300 e 1325. A vila medraba, e esa puxanza levaba consigo, entre outras situacións, o asentamento de ordes relixiosas que fundaron os conventos de San Domingos, San Francisco e Santa Clara, e que, aínda que situadas extramuros, respondían ó aumento de almas ás que propagar a fe.

A terceira ampliación darase a mediados do século XV, crecemento que xa englobaría o Convento de San Francisco e que respondería, seguindo a estes autores, a tres causas, a belicosidade do momento, que plantexaba maiores reforzos defensivos; o crecemento económico e de poboación, e a necesidade de novos espazos ante a concesión da Feira Franca por Enrique IV. Anacos da muralla que permanecen visibles, son os de Arcebispo Malvar e na rúa Sierra. Eliximos o primeiro pola curiosidade de atopar un motivo ameado que posiblemente fose reimplantado procedente da antiga Torre dos Churruchaos, que coñecemos remataba con ameas.

MURALLA DE PONTEVEDRA VISTA DESDE ARZOBISPO MALVAR

MURALLA DE PONTEVEDRA VISTA DESDE ARZOBISPO MALVAR
[/section]
[section title=”Recordo ós fusilados na rúa 12 de novembro”]
Dez nomes. Dez ‘girasoles ciegos’ froito da loucura do ser humano. Os seus nomes son miradas á frustración dunha guerra entre irmáns. Os seus nomes son o único que figura nunha placa descuberta o 12 de novembro de 2000 na rúa que recibe o nome desa data como recordo dun dos episodios máis tráxicos da historia de Pontevedra. Tras o alzamento militar a cidade de Pontevedra cae rapidamente nas mans do exército. Unidades procedentes do cuartel de San Fernando, algunha granada que estoupou no contorno da Alameda, a ocupación militar da prensa e a radio e hidroavións procedentes da Base Naval, segundo relata o historiador Xosé Fortes Bouzán, foron accións suficientes para impoñer o dominio dos rebeldes.

O peor estaba por chegar, e así foi como a represión se realizou dun xeito terrible mediante, os consellos de guerra e os ‘paseos’ sen xuízo previo. O 30 de outubro levouse a cabo o consello contra os dez nomes deste relato días máis tarde foron fusilados na Caeira. Eran seis republicanos, dous galeguistas e dous socialistas, pero sobre todo eran dez persoas que crían na liberdade e na posibilidade de defender as súas ideas dende a palabra.

Amancio Caamaño foi militante de Izquierda Republicana, como médico, foi director do Hospital Provincial. Luis Poza era médico, militante republicano e galeguista. En 1936 ocupaba o posto de secretario do Partido Galeguista. Telmo Bernárdez era militante de Izquierda Republicana médico de Redondela. Paulo Novás era mestre, militante de Izquierda Republicana e dirixente do Gobierno da República. Germán Adrio, mestre en Pontevedra, era activo militante do Partido Socialista.

Benigno Rey foi mestre, militante republicano e dirixente da Sociedad Gimnástica. Ramiro Paz foi editor de publicacións republicanas, galeguistas e socialistas, e concelleiro de Pontevedra. José Adrio, avogado, militante de Unión republicana, foi gobernador civil de Ourense e presidente da Deputación de Ourense. Víctor Casas foi xornalista, Presidente do Partido Galeguista de Pontevedra director do semanario A Nosa Terra. Juan Rico foi capitán da Guardia Republicana.

20111102061154_66g

MONUMENTO A LOS FUSILADOS 12 DE NOVIEMBRE
[/section]
[section title=”Modillón no Convento de Santa Clara”]
Das tres ordes mendicantes que a finais do século XIII se instalan na cidade, é o Convento das clarisas o único dunha congregación feminina. A pé do camiño que se dirixía a Castela, sobre a súa orixe ésta sitúase nas ultimas décadas dese século, sendo o documento más antigo conservado unha doazón realizada ó convento no 1293. Moi sinxelo arquitectónicamente, posúe unha soa nave, carece de cruceiro e a súa cuberta é de madeira.

A súa fachada cara a rúa Santa Clara presenta dúas portas, unha de medio punto e outra apuntada, unha dobre fiestra e numerosos modillóns na súa cornixa. Eses modillóns remátanse de xeito figurativo con aspectos zoomórficos, é dicir, diferentes representacións de animais que nos permiten compoñer un escenario a base dun dos habituais vestiarios que o mundo medieval amosou como xeito de educación cara o fiel. Procedente do mundo grecorromano, bizantino ou persa, o vestiario fantástico é aproveitado polo cristianismo para realizar as súas lecturas didácticas cara o home, mediante as diferentes significacións que os animais posuían.

Daquela dispoñíanse animais relacionados co ben e co mal, entre os primeiros as aves, pombas, aguias cegoñas, e entre os negativos o mono, a serpe ou o coello. A nosa ollada pousa nesta ocasión nun modillón da portada setentrional, no que unha figuriña parece querer representar un mono. Símbolos negativo, e ó parecer este viña a significar o grotesco do home, pola súa semellanza con el. Na tradición cristiá tamén vai encarnar todo o que se conserva no home de infrahumano, a lascivia, a gula, o egoísmo ou a avaricia.

Varios tratados foron cualificando estas imaxes como elementos útiles para a educación do home, ese ‘exemplum’ moral que proporcionaba o vestiario ofrecía os modelos que adoptar na vida ou dos que fuxir. O Convento, coa súa longa historia de novicias, de abadesas que o dirixían e de intermediacións cara a bonanza climatolóxica, posúe esa chamada á educación do home, por medio duns animaliños que nos falan de virtudes e vilezas, pero sobre todo nos amosan un tempo no que a educación tiña nos muros das igrexas un espazo privilexiado.

gargola santa clara

GARGOLA EN EL CONVENTO DE SANTA CLARA
[/section]
[section title=”Fachada do Instituto Valle-Inclán”]
Coa súa construción pechouse a grande avenida que propiciou a reordenación da Alameda a finais do século XIX. Os edificios da antiga Escola Normal, agora sede da Delegación de Educación, ou o da Deputación Provincial e do Instituto, deron forma a esa nova arquitectura oficial. Non foron os das primeiras décadas do século pasado anos fáciles para a construción na cidade, crises económicas e folgas fixeron que moitos edificios tivesen un lento crecemento.

Así ocurreu co Instituto, que abandonaría definitivamente o lugar que viña ocupando dende a súa inauguración o 19 de novembro de 1845, que non era outro que o antigo Colexio dos Xesuítas, no edificio xunto á igrexa de San Bartolomeo. En 1903 decidiuse a construción dun novo edificio que puxese fin ós numerosos gastos que provocaban os arranxos na sede anterior, e así consíguense os terreos anexos as ruínas de San Domingos, que en parte estaban ocupados polo Hospicio. A subasta do proxecto do arquitecto Roig prodúcese en xullo de 1904, como recollen as actas do claustro do Instituto, estudadas para a confección do libro ‘O Instituto de Pontevedra’, no que moitos ex alumnos recollen século e medio da súa historia.

As obras non comezarían ata 1911, finalizando no ano 1924, sendo inaugurado en setembro de 1927, na procura de que Afonso XIII participase no acto inaugural durante a súa visita a Pontevedra. Jesús Muruais, Emilio Álvarez Jiménez, Víctor Said Armesto, Castelao, Antón Losada Diéguez, Xosé Filgueira Valverde ou Bibiano Fernández-Osorio Tafall son algúns dos mestres do centro ó que lle deron a fama suficiente para ser un dos máis valorados no eido da educación. A nómina de pontevedreses que pasaron polas súas aulas sería interminable.

Xeración tras xeración, nomes de mozos estudantes foron facendo que nas súas vidas permanecese para sempre o recordo daquelas aulas. Ofrecemos algunha das verbas de Jacobo M. Llano no seu discurso de inauguración: “Estamos persuadidos que la base segura de la felicidad de un pueblo, es la sólida instrucción de sus individuos, por que la instrucción es la civilización misma…”

20111102061147_68pVENTANAS Y FACHADA DEL INSTITUTO VALLE INCLAN
[/section]
[section title=”Peto da capela de San Caetano en Alba “]
Os petos son habituais entre os diferentes elementos de culto da nosa tradición etnográfica. Estes poden ser adicados ás animas do purgatorio, ou ben ós santos, como o do caso que nos ocupa, atopándonos ante un peto esmoleiro cunha adicación particular. Na parroquia de Alba, na súa capela de San Caetano, achegada á porta pola que entran os fieis na igrexa, atopamos unha pequena imaxe dun santo. É o propio San Caetano cos brazos levantados e as mans estendidas. Enriba del atópase unha cuncha, símbolo da peregrinación, xa que o camiño portugués a Compostela pasa preto da capela, e ó seu carón un pequeno caixón para as esmolas.

San Caetano foi un sacerdote do século XVI beatificado no século seguinte pola súa gran labor de cara á piedade cos demais, chegando a fundar un hospital para enfermos, sendo o primeiro superior da orde que el mesmo creou, os Teatinos, inspirados nesa procura da práctica das obras de piedade. É polo tanto un santo que principalmente vai implorar para conseguir esmolas para as súas obras. Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez, que estudou con gran profusión este tipo de representacións de petos na provincia de Pontevedra, recolle a condición de ‘Pai da providencia’ deste santo, do que di vai asegurar o benestar da familia e os seus alimentos.

Nos seus ‘Gozos’, recóllese a seguinte expresión: “Cando me sento a mesa rézolle a San Caetano Padre da Providencia”. Daí que resultase unha boa figura de cara a este tipo de representacións en petos. Ten a parroquia de Alba nesta capela un fermoso exemplo da súa arquitectura, co seu brasón na fronte dunha capela a que se lle deben engadir outras construcións importantes como a Casa Reitoral ou a igrexa de Santa María, de estilo barroco pero que conserva unha inscrición do arcebispo Xelmírez.

De grande importancia foi o achádego dun miliario romano adicado a Caracalla, do que xa tiveron constancia os membros da Sociedad Arqueológica a principios de século XX. Outro dos seus atractivos é que se inclúe no camiño portugués de peregrinación a Compostela, no que se pode gozar de fermosas paraxes naturais polos seus sendeiros.

PETO DAS ANIMAS EN SAN CAETANO ALBA20111102061143_69g
[/section]
[section title=”Esfinxe na Casa Fonseca no Paseo de Colón”]
De pequeno, un sempre fai recolleita de recordos que, ó medrar e botar unha ollada ó pasado, parecen transformarse. Os que xa superamos a trintena e nos gusta ler lembramos un lugar moi serio, onde a xente falaba moi baixiño. Os señores que alí traballaban levaban os seus lentes descolgados sobre o nariz, e uns rostros esculpidos en xeso non nos sacaban ollo. Era a Biblioteca Pública de Pontevedra, que se atopaba nun edificio do Paseo de Colón.

Por aqueles anos un non reparaba en moitas cousas. Ó mellor algunha vez podías rirte daqueles dous leóns con cara de persoa, pero daí non pasaba. Co tempo, os estudos, as lecturas, as viaxes, en fin, todo o proceso de madurez, eses recordos asaltan aquela fráxil memoria e un comeza a facerse preguntas sobre o que había tras aquel enreixado de ferro. E sempre que un pasa por diante desta casa non atina a comprender qué fai esa construción na cidade, pero logo un decátase de que isto é Pontevedra, onde se enterran papagaios e un demo asusta ós nenos, e di ¡que raios!, aceptando o asunto como outra ‘boutade’ máis desta vila.

Eulogio Fonseca foi un dos ricos empresarios da Pontevedra de principios do século XX. A serrería ou a casa de baños visible nalgunhas fotografías antigas da Moureira déronlle prestixio e sobre todo cartos. Parte deles investiunos nunha curiosa construción que ergueu en 1910, onde se aprecia unha estraña conxunción de formas, estilos e elementos. Polas datas o estilo imperante era o modernista, aínda que os ecos do eclecticismo e do historicismo aínda eran aplicables á arquitectura, o que permitía a adopción de diferentes linguaxes e elementos doutras épocas.

Un frontón clásico con oito columnas dóricas funcionando como un gran pórtico semellando un templo grego podería ser entendible; unhas esfinxes acompañadas de palmeiras, de influxo exipcio, xa nos fai pensar en algo raro, e logo, ó levantar a cabeza e ver dous grandes ‘grifos’ aumenta o noso asombro. ¿Un desvarío?, ¿unha ilóxica conxunción de elementos arquitectónicos?, ¿unha forma máis de destacar ante a sociedade local?, ¿a sede dunha loxia masónica? Preguntas que aínda bulen pola miña cabeza.

ESFINGE EN EL MUSEO PROVINCIAL EN EL PASEO DE COLON CASA DE FONSECA

ESFINGE EN EL MUSEO PROVINCIAL EN EL PASEO DE COLON CASA DE FONSECA
[/section]
[section title=”Ruinas do Convento de San Domingos”]
Clarisas, franciscanos. Polo seu crecemento, no século XIII a cidade presentaba moitas almas que gañar para a fe, e así, os Dominicos tampouco quixeron quedar fóra. Na súa ‘Historia de Pontevedra’, Xosé Fortes Bouzán amosa a importancia que tivo este templo, que puido ser rapidamente construído grazas ás doazóns da fidalguía local que pedía ser soterrada nel, co que sempre estivo ben subministrado de colaboracións que permitiron a súa rápida construción. Este autor atopou documentos nos que se fala da presenza de frades dominicos na zona da Moureira no ano 1283. En 1305 a congregación xa tiña os terreos e construira parte do complexo relixioso que se iría aumentando en datas sucesivas.

Así, en 1330 comenzaríase a capela maior, en 1360 unha das menores e durante o século XV aínda se estaría executando a obra. Na actualidade conservamos, grazas á intervención dos homes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que a finais do século XIX impediron que fose derrubada, a cabeceira, o testeiro sur e o conxunto de arcos da entrada á sala capitular. Agora é propiedade do Museo Provincial, que mantén vivo así un dos máis fermosos edificios medievais da cidade, no que dispón dunha gran colección de labras heráldicas e restos arqueolóxicos de diferentes edificios da cidade.

No seu tempo debeu ser espectacular, xa que non existe en Galicia ningún outro convento dunha orde mendicante con cinco ábsidas na cabeceira. Unha cabeceira que cara o exterior conserva a típica imaxe do Gótico mendicante galego, con esveltas fiestras apuntadas entre contrafortes con chanzos. Esta cuestión, xunto co importante número de monumentos funerarios que nel atopamos, deixa constancia da súa importancia económica. Aquí figuran benefactores como Tristán de Montenegro ou Pedro Álvarez de Sotomayor, que dispoñen do seu enterramento.

O terremoto de Lisboa de 1755 deixouse notar con gran forza na cidade de Pontevedra, afectando moi gravemente a esta construción. Cando se iniciou a súa reconstrucción atopouse co proceso desamortizador, caendo no abandono ata que a Sociedad Arqueológica a salvou do derrubamento.

ruinas de santo domingo

ruinas de santo domingo
[/section]
[section title=”Iniciais na entrada do Palacete das Mendoza”]
No Paseo de Santa María atópase un modelo de palacete urbano diseñado polo moi activo arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros. Foi a residencia das irmás Mendoza, descendentes do Almirante Casto Méndez Núñez. A familia trasladouse trala súa morte da Casa do Arco a este palacete, concretamente no ano 1878. Cun pequeno terreo ó redor, é o principio da arquitectura ecléctica e historicista que practicou o seu arquitecto. Rapidamente convertiuse nun dos lugares de encontro de parte da burguesía pontevedresa, que se reunía alí para participar de recitais e tertulias.

Pero a historia deste palacete foi a historia das súas moradoras, as irmás Mendoza, María e Concha, que ocuparon esta construcción ata o ano 1971, cando ambas morreron. Durante o tempo que aquí permaneceron foron quen de imprimir na cidade o seu carácter, e así, o día da súa morte estivo cheo de tristura pola súa perda. José Filgueira Valverde deixou escritas varias das súas características e como fixeron dos seus gustos un modo de vida particular polo que foron ben coñecidas.

Así, falamos dese lugar como dun “pequeño enclave inglés no barrio vello de Santa María”. Almorzo cedo, rápida comida, té a media tarde e despois tertulia. Cara a noite vestíanse elegantemente para a cea. Amantes do deporte, gustaban do tenis e a equitación. A cultura foi a outra grande actividade da súa vida. Grazas á súa fonda cultura, o gusto polos idiomas, alectura, a música e a arte, especialmente a pintura, que practicaban e con boa man, participaron da vida cultural pontevedresa, como por exemplo na Sociedad Filarmónica.

Estas mulleres conservaron o Palacete mantendo todo o seu esplendor, ata que, impulsadas por problemas económicos, accederon á súa venda mediante unha renda anual ata a súa morte. Unha entidade financeira fíxose posteriormente con el. Recentemente, foi adquirido pola Deputación de Pontevedra para instalar nel o Padroado de Turismo Rías Baixas, adicado á promoción turística da provincia. As iniciais da nosa ollada, sobre a porta principal de entrada, non son máis que as iniciais dunha estirpe que configurou o perfil da vila.

palacete de las mendoza

CHALET DE LAS MENDOZA DETALLE DE DECORACION EXTERIOR
[/section]
[section title=”Escudo na Igrexa de San Vicente de Cerponzóns”]
Ten a parroquia de Cerponzóns unha longa historia ás súas costas. Historias de serpes, como da que se di procede o seu nome, do latín ‘serpo’, aparecendo a súa primeira mención nun documento do rei Afonso V, que a chamaba Serpentiones; pero tamén de antigas lendas, como a que dicía que polas súas terras andaba unha muller vestida de branco que preguntaba ás mozas do lugar se querían que as peitease, e logo de facerlles cocer un bolo de pan e meterllo na boca a unha serpe, esta dáballes un paquetiño que ó chegar á casa debían meter nunha arca, e ó día seguinte esa arca aparecía chea de ouro.

Pero tamén ten restos históricos, como o romano Miliario de Magencio agochado en forma de columna nunha finca da familia Osorio Galos, e que agora se atopa no Museo de Pontevedra. Esta familia é fundamental no devir da historia da parroquia. Os escudos que se atopan no interior e exterior da igrexa de San Vicente deixan constancia da súa importancia. Así, a liñaxe Osorio, descendente do Conde Gutiérrez Osorio, chegou a enlazar coa primeira nobreza española. As súas armas son dous lobos esfolados postos nun pau, e os Galos, procedentes de Betanzos, presentan na súa armadura tres galos con catro espadas de ‘gules’.

Xa nos arquivos parroquiais figuran apelidos de sacerdotes dende 1514, entre os que se atopan Osorio, Galos, Montenegro, Sotomayor, Rega e Saavedra, que amosan a ligazón con diferentes ramas da fidalguía. Nesa igrexa de San Vicente, referente histórico artístico da parroquia, atópanse restos que van dende o século XIII ata a parte principal do século XVIII, século do que tamén procede a imaxe de San Vicente que se venera no altar maior.

No seu amplo adro un fermoso cruceiro ou a casa reitoral construída na segunda metade do século XVIII son boa mostra do amplo patrimonio que nos ofrece Cerponzóns, na que a Comunidade de Montes leva realizando unha gran labor na recuperación de espazos naturais e acondicionamento de parques de recreo, e dende os que, pola súa situación, se poden ter fermosas vistas panorámicas do percorrido que fai o río Lérez pola comarca pontevedresa.

ESCUDO OSORIO GALOS CRUCEIRO E IGLESIA DE CERPONZONES

ESCUDO OSORIO GALOS CRUCEIRO E IGLESIA DE CERPONZONES
[/section]
[section title=”Monumento aos navegantes ilustres “]
Se algunha terra ten que honrar ós homes que saíron ó mar, esa é Pontevedra. Dende toda a xente anónima que, adicada ás labores diarias da pesca, fixo grande a vila pontevedresa, ata os ilustres navegantes que levaron a cidade por todos os océanos do mundo. Pontevedra vai ter unha débeda permanente con todos eles. Dende o barrio da Moureira, residencia de xente do mar, cun porto do que partiron grandes buques e estaleiros onde se fixeron grandes naves, aquí se fixo a nao Santa María chamada ‘La gallega’ que un Cristóbal Colón, hai quen di pontevedrés, ou mellor dito, de Porto Santo en Poio, levou cara o descobremento de América.

No ano 1959 descúbrese un monumento a todos estes nomes ós que, como reza nunha frase que nel se atopa, son “Los hombres de estas rías que hallaron gloria por los caminos del mar”. O monumento está dedicado a eles, ós mariños e navegantes ilustres. Ideado como un gran muro pétreo que mira cara a ría, ou polo menos iso facía no ano da súa creación, lonxe dos posteriores desmandos urbanísticos que cegaron un fermoso mirador cara o horizonte, nel atópase, na súa parte superior, a representación en pedra dunha carabela, motivo que se volve repetir no gran van que se abre na súa parte inferior, onde nunha especie de mapa de coordenadas xeográficas se atisba outra embarcarción e unha rosa dos ventos.

A carón do monumento unha grande áncora completa este conxunto que, na súa traseira, leva inscritos os nomes de ilustres do mar. Paio Gómez Chariño, Alvar Paz de Soutomaior, Alfonso Jofre de Tenorio, Juan de Nova, Pedro Sarmiento de Gamboa, Gonzalo de Vigo, Bartolomé e Gonzalo de Nodal, Juan de Matos, Enrique Mcdonell de Conde, José Gago de Mendoza e Casto Méndez Núñez.

Cada un deles deixou unha longa historia tras o rastro dos seus barcos. Uns foron militares, outros descubridores de terras ou rutas martímas, outros científicos… en definitiva xente que se botou ó mar para facer medrar as súas vidas e a da vila da que partiron na procura da inmortalidade, esa que acadaron non só para eles mesmos senón para esta vila aberta ó mar, aberta á historia.

ESCULTURA A LOS NAVEGANTES EN LOS JARDINES

monumento a los navegantes
[/section]
[section title=”Escudo de Alonso III de Fonseca en Santa María “]
A basílica de Santa María sérvenos de inspiración para unha das nosas derradeiras olladas, mostrario dunha fermosa Pontevedra que, nas paredes das súas casas e dos seus templos, nos fala permanentemente das súas xentes. Na cabeceira da basílica de Santa María, cara o exterior, atopámonos cun escudo de simples trazas. Nel aparecen cinco estrelas e seis borlas a cada lado, coroado cun sombreiro eclesiástico. A súa sinxeleza é a mostra da súa personalidade, a dun dos persoeiros máis sobranceiros non só da Galicia renacentista, senón tamén de España.

Estamos a falar do arcebispo Alonso III de Fonseca, o fundador da Universidade de Santiago de Compostela e un dos introductores do Humanismo en España. Tivo relación coa igrexa de Santa María de Pontevedra, da que de mozo foi cura, e que sempre o acompañou no seu recordo. A súa importancia na cidade maniféstase na praza que leva o seu nome ante a basílica de Santa María, así como nunha gran placa colocada na casa rectoral onde reza a seguinte inscrición: “Alonso de Fonseca, 1473-1534. Cura de esta feligresía. Arzobispo de Santiago y Toledo. Patrono magnífico de las artes y las letras. La ciudad de Pontevedra de la que fue señor”. Foi colocada en 1959.

Alonso III de Fonseca foi arcebispo de Santiago de Compostela e de Toledo nos séculos XV e XVI. Tras o seu nacemento na compostelana rúa do Franco, trasladouse a Salamanca para realizar os seus estudos. Dende moi novo comezou a recibir diferentes asignacións eclesiásticas, como por exemplo ós quince anos, cando obtivo unha coenxía na Catedral de Santiago, e os curatos de San Pedro de Santa Comba e de Santa María a Grande de Pontevedra, postos dos que se ocupaba a través dun vigairo. En 1507 foi designado arcebispo de Santiago de Compostela.

En 1524 abandonará a diocesé para ocuparse da de Toledo, trala morte do destacado Cardeal Cisneros. Coa confianza do emperador Carlos V asenta a súa residencia en Alcalá de Henares ata o seu falecemento, en 1534, rodeándose de músicos, humanistas e artistas, creando deste xeito unha pequena corte renacentista.

ESCUDO DE LOS FONSECA EN LA TRASERA DE LA BASILICA DE SANTA MARIA

ESCUDO DE LOS FONSECA EN LA TRASERA DE LA BASILICA DE SANTA MARIA
[/section]
[section title=”Fonte na Praza da Verdura”]
As catro fontes feitas en metal que salpican diferentes puntos da nosa cidade vólvennos deixar nas mans de Alejandro Rodríguez Sesmeros, o arquitecto municipal no momento da súa creación. Todas elas formaron parte do primeiro proxecto de traída de augas dende o xa máis que centenario depósito de augas en San Mauro, que aínda existe e que tamén proxectou o arquitecto. Os seus emprazamentos orixinais, segundo diferentes documentos da época, tiña como escenarios a praza de Curros Enríquez, a praza da Verdura e un lateral do santuario da Virxe Peregrina. A última delas quizais sexa á máis complexa de localizar, aínda que podería situarse na rúa Celso García de la Riega.

Estes modelos de chafariz foron mercados en París, mediante a inversión económica doutro dos grandes personaxes da época, Casimiro Gómez. As fontes elixidas amosábanse nunha exposición que se estaba levando a cabo por aqueles anos en París. A compra realizouse en 1880. Sobre o número exacto deles que viaxaron dende Francia existen moitas dúbidas, xa que nos papeis de compra constan tres, mentres que no inventario aparecen unicamente dúas. Faríanse entón, dúas réplicas deste modelo nunha factoría da rúa Sanjurjo Badía en Vigo.

A que se instalou na praza de Curros Enríquez é a que procede da glorieta de Compostela, como se recoñeceu nunha inscrición nela se atopaba. O certo, a pesares dos seus continuos cambios de lugar, é que son testemuñas duns tempos nos que a cidade se abría o mundo e miraba ás grandes urbes europeas para mellorar nas súas condicións de vida, como sucedeu coa iluminación.

O paso do tempo deixou pegada nelas e fóronse desgastando ata chegar a un mal estado que aínda se manten en dúas delas, a que se atopa tras o santuario da Virxe Peregrina e a da avenida de Santa María. Por contra, a magnífica recuperación de dúas delas, as das prazas de Curros Enríquez e da Verdura, son mostra do importante do mobiliario cara a recuperación de novos espazos para a cidadanía, que valora e lexitima coa súa presenza estes novos lugares para o divertimento dos habitantes de Pontevedra.
[/section]
[section title=”Cruz na rúa Santiña”]
O barrio do Burgo, é un dos máis antigos e con máis historia da cidade. Situado extramuros, a súa historia está vencellada dende sempre á idea de camiño, de paso de xentes que entraban ou saían da vila pola ponte do Burgo, da cal xorde o nome de Pontevedra. O paso de multitude de xente de aquí e de alá está tamén moi ligado ó paso do camiño portugués de peregrinación a Compostela, que ten por estas terras un dos máis fermosos lugares de percorrido, así como de creación de lendas.

A rúa da Santiña, que agora co seu asfalto esnaquiza o recordo das fermosas fotografías que aínda lembran o seu trazado orixinal de fábrica romana, é a saída natural dese camiño de peregrinación, e arredor del diferentes pasaxes fálannos de peregrinos famosos, de cruces, de capelas e de lendas de uvas e millo. En definitiva, o tempo foi moi agradecido con este querido barrio pontevedrés, que engrandeceu a súa historia no século pasado cando nel se construíu o campo de fútbol onde o Pontevedra C.F. realizou grandes xestas na Primeira División, dando lugar a aquel inesquecible ‘Hai que roelo’.

A nosa ollada detense precisamente nun deses motivos da rúa da Santiña, nome que lle vén da existencia dunha imaxe en pedra dunha santa, propiedade de Xacinto ‘o zapateiro’, que estaba colocada nun punto da actual avenida da Coruña. Alí, nas casas ó pé do camiño que vai por riba daquela Vía XIX dos romanos diferentes elementos nos recordan outros tempos. Nunha casa cun escudo, a cruz e as cunchas de peregrino fálannos da raíña Isabel, que peregrinou a Compostela dende Coímbra en 1325, fortalecendo a consolidación desa vía de peregrinación.

Noutra vivenda atopamos un elemento votivo realizado en 1822, como se le na inscrición que ten, onde un Cristo crucificado ve como un anxo lle achega un cáliz. Unha fermosísima labra cun gran traballo de cantería. O 24 de xullo realízase a procesión das uvas e o millo, vencellando a parroquia ó paso do Apóstolo polas súas terras como peregrino que, ante a súa necesidade, viu como os veciños lle ofreceron pan e viño. Millo e uvas que dende entón maduran prematuramente.
[/section]
[section title=”Capela das ánimas”]
A desaparición do antigo hospital de San Juan de Dios modificou a estrutura dunha parte da nosa cidade. A actual praza de Curros Enríquez viu como o gran complexo sanitario deixaba un enorme espazo que o tempo rapidamente se ocupou de encher. Por un lado coa creación do grande edificio que erixiu o empresario Saturno Varela, pero o redor xurdiron outras construcións, como a que nos ocupa nesta ollada.

A Capela das ánimas agóchase tras ese edificio, onde hoxe se atopa o Casino Mercantil, na Travesa das Ánimas, e a súa construción veu recuperar para ós veciños, que non entenderon o seu derrubamento, a igrexa que se atopaba dentro do hospital. A reacción do pobo foi inmediata, e así, un ano despois do derrubo do hospital, unha sesión municipal do 25 de xullo de 1897 recibe unha instancia deses veciños solicitando a construción pola súa conta da Capela das ánimas. A solicitude, como ben relata o doutor Antonio Días Lema no seu libro ‘Historia del Hospital de Pontevedra, 1890-1955’, foi aprobada o 15 de marzo de 1898.

A construción desta modesta capela recupera elementos procedentes do estilo Gótico, e así, os seu arcos apuntados e un pequeño rosetón orixinan unha edificación moi modesta, que responde plenamente a este estilo recuperado en moitos exemplos historicistas. Recrea pola súa estrutura un pequeno relicario, moi do gusto do mundo Gótico, xa non só na ourivería, senón tamén nalgunhas edificacións senlleiras dese período artístico.

O concello fíxose cargo da obra e acordou instalar no seu interior unha placa cos nomes das persoas que coa súa colaboración económica sufragaron a capela. O seus nomes foron: Marqués de Riestra, Luis Sobrino, Fernando Campo, Aquilino García, Celestino Reguera e Pedro Martínez. Xunto á construción da capela, o derrubamento do hospital deixou outros recordos da súa presenza na cidade,, como o seu reloxo, instalado nunha das torres do santuario da Peregrina, e a imaxe da Misericordia, presente no hospital e que se trasladou ó convento de San Francisco onde a súa confradía, unha das máis importantes da cidade tiña a súa sede.
[/section]
[/sections]