A Santiña cambia o sentido de circulación a partir do martes

44

Será no treito comprendido entre a rúa Luís Otero e a Gándara en dirección saída da cidade.

Tamén varían as rúas Valentín Paz Andrade e Luís Otero, no treito entre avenida da Coruña e Santiña.

O Concello de Pontevedra continúa a traballar no barrio do Burgo para trasladarlle os mesmos estándares de calidade urbana que o resto da cidade reducindo os tráficos de paso e mellorando as condicións de vida dos seus veciños e veciñas. 

Tal e como se acordara en asemblea veciñal, a Concellaría de Mobilidade que dirixe Demetrio Gómez porá en marcha o vindeiro martes, 22 de decembro, o cambio de sentido da rúa Santiña, no tramo comprendido entre as rúas Luís Otero e a Gándara.

Na actualidade este tramo da Santiña é de entrada na cidade, e dende o martes será de saída. Este cambio tamén obriga a modificar o sentido de circulación na rúa Luís Otero, no treito comprendido entre a avenida da Coruña e a Santiña que será en dirección a Santiña; e na rúa Valentín Paz Andrade que será en dirección Juan Bautista Andrade.

Estes cambios faranse a media mañá.

A modificación na circulación da rúa Santiña forma parte da reordenación do tráfico no Burgo anunciada polo concelleiro Demetrio Gómez. Os cambios comezaron na avenida da Coruña, invertindo o seu sentido de circulación ao igual que na rúa Luís Otero, no treito que arrodea o estadio de Pasarón, pasando a ser de saída cara a avenida de Compostela. Fixéronse unha vez que rematou a adaptación da avenida da Coruña.

O concelleiro asegurou que unha vez completados estes cambios “estas rúas quedarán practicamente so para tráfico veciñal e para que poidan funcionar todos os negocios do barrio”.

O Burgo é un claro reflexo da aposta do Goberno local polos barrios da cidade neste mandato, cun investimento que supera os 2,8 millóns de euros dende finais de 2019. Os proxectos feitos e previstos no barrio do Burgo até o de agora son:

  • Local Social: inaugurado a finais de 2019 tivo un custe de 529.254 euros.
  • A adaptación da avenida da Coruña aos novos tráficos ascendeu a 191.869 euros.
  • A creación do parque infantil de Médico Ballina costou en 157.000 euros.
  • Creación de zonas de estancia en Médico Ballina, pendente de completar co mobiliario urbano.
  • Rehabilitación da capa de rodadura das rúas Cordón e Santiña.
  • Adaptación dunha parcela na traseira do Pavillón Municipal para espazo de recreo e xogos valorada en 41.000 euros, en fase de execución.
  • A reforma da Santiña, pendente de executar, está valorada nuns 1,5 millóns de euros.
  • A pavimentación da rúa da Torre, en pleno proceso de licitación, ten un custe de 91.4999,99 euros.
  • Proxecto de reforma do paque de Pasarón cun orzamento inicial aproximado de 200.000 euros.
  • Rehabilitación da beirarrúa de Domingo Fontán, fronte a Pavillón Municipal.

Tamén se incluiría nesta reforma a reforma da Ponte do Burgo cun custe de 2,5 millóns de euros.

Obras en execución e proxectadas no barrio do Burgo.