O Concello alega contra o Plan especial de ordenación do Porto de Marín e Ría de Pontevedra

69

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana as alegacións e suxestións no trámite de consultas ao públco en xeral do documento de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan especial de ordenación do Porto de Marín e ría de Pontevedra, promovido pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

Os informes están emtidos polo arquitecto xefe da Ofincia de Planeamento e Xestión Urbanística, enxeñeiro da Ofincia Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería, e a técnico de Medio Ambiente.

Destácase a "infracción no procedemento de tramitación ambiental ao non constar o traslado a este Concello como Administración Pública territorial directamente afectada, por parte do órgano ambiental competente, o documento de inicio do proceso de avaliación ambiental estratéxica para dar cumprimento a fase de consultas, como sería preceptivo consonte á lexislación aplicable".

Tamén relata que "só se fai referencia ás Normas Subsidiarias de Planeamento que rexen no Concello de Marín, cando é patente que parte do espazo portuario sitúase no termo municipal de Pontevedra e o propio PXOU establece os parámetros do Plan Especial do Porto, sen que tivera en conta tal incidencia neste termo municipal nin nas competencias deste Concello".

"Non se prevé nin analiza o axuste do documento de inicio ás determinacións do vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra para o sistema portuario".

"Non se fai referencia ás sentenzas que atinxen aos plans especiais de ordenación do Porto, que anulan a resolución do Conselleiro de Política Territorial de outubro de 2000 de aprobación definitiva do devandito Plan especial por proxectar a ampliación do espazo portuario mediante recheos, aumentando o eido territorial gañado ao mar e prevendo novos peiraos, sen se someter a avaliación de impacto ambiental".

"Falta de previsión da repercusión das ampliacións previstas nas infraestruturas portuarias no banco marisqueiro dos Praceres". Tampouco se ten en consideración "a análise das necesidades de ampliación ou reforzo dos servizos de subministro de auga potable nin de evacuación de augas residuais".

Tamén se inclúen entre as alegacións do Concello "a conveniencia de conservar a actuación prevista sobre a praia de Praceres e a súa desafectación, verbo da xeneralización inxustificada dos usos industriais e comerciais para converter o porto nun polígono industrial e comercial sen limitación nin vinculación ao que debe ser propiamente portuario e de servizo ao porto consonte ao Plan Xeral, e tamén as relativas á actual previsión de edificabilidades desproporcionadas".