Diversos itinerarios predefinidos axúdannos a coñecer Pontevedra con maior profundidade. Son propostas tanto temáticas como xeográficas que podes consultar nos epígrafes da parte inferior.
Rutas
Este paseo é unha suxestión para gozar paso a paso do encanto e beleza da Pontevedra antiga.
A rota comeza na Alameda, unha ampla zona verde onde se emprazan organismos oficiais como o Pazo da Deputación e monumentos como as ruínas de San Domingos. No contacto da Alameda co Centro Histórico edifícase a Casa do Concello sobre os restos das antigas Casas do Concello de Pontevedra (séculos XV-XVI). A partir de aquí entramos no antigo recinto amurallado da cidade.
Continuando pola Avenida de Santa María, ao fondo atopamos a Basílica de Santa María A Maior, símbolo do apoxeo pontevedrés do século XVI. Baixando pola rúa Isabel II, no primeiro cruce á esquerda, encóntrase a Capela das Aparicións, antigo colexio das Nais Doroteas e onde viviu Sor Lucía, despois da aparición da Virxe de Fátima. Pola rúa da Ponte imos dar á que foi a antiga residencia dos Condes de Maceda e que hoxe abeira o actual Parador de Turismo. Continuando pola rúa Barón chegamos ata a praza das Cinco Rúas onde, diante da casa que habitou Valle Inclán, podemos ver un precioso cruceiro.
Pola rúa Princesa chegamos á praza do Teucro, enmarcada por casas señoriais dos séculos XVII e XVIII e nas que atopamos bos exemplos da riqueza heráldica de Pontevedra. Nas proximidades desta praza, bautizada co nome do mítico fundador da cidade, emprázase a Capela do Nazareno, o Teatro Principal, o Liceo Casino e a recentemente restaurada Casa das Campás, cuxa fachada constitúe a máis antiga da vila.
Seguindo pola rúa Manuel Quiroga chegamos á praza de Curros Enríquez co monumento ao insigne galeguista Alexandre Bóveda. Outra das prazas históricas da cidade, a praza de Méndez Núñez, encóntrase a escasos metros, presidida pola escultura de Valle Inclán.
Baixando cara ao mercado, no primeiro desvío á dereita, atopamos a praza da Pedreira, onde se levanta o Pazo de Mugartegui. E subindo pola rúa dos Arcos, a igrexa de San Bartolomeu, unha das creacións máis destacadas do barroco galego.
Se continuamos pola rúa Sarmiento cara ao leste, damos con outros dous lugares de grande tradición histórica: a praza da Leña e a praza da Verdura; os seus nomes fan referencia aos produtos que se vendían nestas prazas.
Antes de continuar o percorrido, debemos facer unha parada obrigada no Museo de Pontevedra, un dos mellores de Galicia pola súa gran riqueza e diversidade. No seu interior podemos atopar pezas e documentos que van desde a prehistoria ata a actualidade.
Continuamos o noso camiño pola rúa San Román ata chegar á praza da Ferrería que recibe o nome das forxas existentes nos seus soportais. É digna de visitar a igrexa de San Francisco, unha edificación do século XIV que destaca polas súas bóvedas de crucería e polas súas vidradas cristaleiras.
Finalmente, subindo pola praza de Ourense, chegamos ata a Capela da Virxe Peregrina, levantada ao borde do Camiño Portugués a Santiago sobre unha planta inspirada nunha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos.
O Concello de Pontevedra dedica institucionalmente o ano 2011 a Xoán Manuel Pintos, coincidido coa celebración dos 200 anos do seu nacemento no barrio do Burgo. Xoán Manuel Pintos foi unha das figuras máis importantes da literatura galega por ser pioneiro na reclamación da dignidade de Galiza e da súa lingua.
O itinerario deste roteiro propón un paseo pola Pontevedra de Xoán Manuel Pintos, visitando dez puntos significativos da vida e da obra deste persoeiro na Boa Vila, como son: o barrio do Burgo, Santa María, San Bartolomeu ou a Ferraría, entre outros.
Coñecer a figura de Xoán Manuel Pintos axudará aos participantes neste roteiro a entender os acontecementos políticos, sociais e culturais do século XIX, época de cambios significativos para a cidade de Pontevedra.
INTRODUCCIÓN
O paseo que propoñemos pola Pontevedra de Xoán Manuel Pintos comprende dez puntos significativos co obxectivo de:
– recoller os lugares da vida e da obra de Xoán Manuel Pintos na “boa vila”,
– atender aos traballos e aos días de figuras das letras universais que recuperou Xoán Manuel Pintos (Hermenegildo Amoedo Carballo e Sarmiento), lembrar aqueles autores que, directa ou indirectamente, tiveron relación co noso autor (Manuel Murguía, Rosalía de Castro…) e, finalmente, recuperar personaxes lendarios e históricos de Pontevedra por el citados (Teucro, Méndez Núñez…),
– presentar, sen escurecer a figura de Xoán Manuel Pintos, os acontecementos políticos, sociais e culturais do século XIX, época de cambios significativos para a cidade de Pontevedra,
– sumarnos, tal e como reivindicou o propio Xoán Manuel Pintos, á “reclamación da dignidade” da boa vila e do noso idioma.
1 – O BURGO (Lérez e arredores)
Nesta zona, punto de saída do paseo (confluencia da actual rúa Xoán Manuel Pintos coa estrada da Coruña, é dicir, na parte norte da ponte do Burgo), é onde se di que naceu4 e, posteriormente, residiu5 Xoán Manuel Pintos. O Burgo pertencía daquela á freguesía de Santa María, onde consta que foi bautizado.
Son habituais nas composicións de Xoán Manuel Pintos as mencións a este espazo (o eido no que vive, o cruceiro do barrio, a invocación ao santo…) onde asina boa parte da súa obra:
O que toca a gaita/co tamborileiro,
camiñando juntos/para o novo eido
que ten aquel mestre/no Burgo pequeno,
e chegando ó patio/que está unda o cruceiro
lle dixo a seu amo/o tamborileiro. (AGG, p. 103)
A capela do Burgo, da que existen noticias xa na época medieval, atopábase bastante desfeita6 no século XIX, mesmo se conta que o santo andaba de casa en casa. Acabouse erguendo outro edificio, trasladado xunto co cruceiro a outro lugar en 1858.
Dende antigo, a zona do Burgo era fundamental en canto ás comunicacións. Non se debe esquecer que por aí pasaba o camiño a Compostela, asentado sobre a vía XIX da época romana e da que quedaba aínda algunha pegada na época de Pintos.
O río Lérez é unha referencia literaria moi importante que xa aparece en autores como Sarmiento, Luís de La Riega… En Xoán Manuel Pintos o Lérez é tratado como locus amoenus:
E de entre as aguas azules/brincan peixes prateados,
e dourados,/por verte, pomba, a dormir
entre mil frutos e frores,/cal de amores
a reina do mar saír. (AGG, pp. 267-8)
A ponte do Burgo sobre o río ten, igualmente, unha dimensión evidente como centro de acontecementos históricos: sobre o que foi a vella ponte medieval, precedente da que hoxe se contempla, asinouse a Paz do Lérez (1165) entre galegos e portugueses; e, en relación con ela, explícase o propio topónimo da cidade. Ademais do acontecer histórico, a ponte do Burgo era coñecida por nela celebrárense os bautismos prenatais ante o cruceiro que se alzaba no centro (hoxe, segundo algúns autores, é o que se alza na praza da Leña).
Por outra parte, a ponte pode ser tomada como punto-observatorio da clara apoloxía que Xoán Manuel Pintos fai de Pontevedra, unha visión encomiástica que recolle a mención dos arredores nunha estampa bastante integral de toda a paisaxe. Desde a ponte poden ser lembrados distintos textos referidos á próxima fervenza da Fillagosa tan ligada á vida literaria da cidade (Xoán Bautista Andrade, Xoán Vidal ou Luís Amado Carballo), ao Chan da Parafita (onde Sarmiento situaría o seu Coloquio dos vintecatro galegos rústicos, 1746), a Mourente, á boca da ría coas Moureiras, etc.
Aquí da Fillagosa/na mimosiña freixa
de cote a miña queixa/a desfogar virei.
(“Xacinto e Catrina”, OPD, p. 205)
Mais, xunto a esta perspectiva enxalzadora, a obra de Xoán Manuel Pintos tamén é a incisiva testemuña do abandono dos monumentos (Mosteiro do Lérez) ou a certificación case documental da febre demoledora do seu tempo con boa parte do patrimonio da cidade.
2 – CÁRCERE VELLO
Se cruzamos a ponte do Burgo e facemos unha parada na cabeceira sur, poderemos evocar o chamado “Cárcere da Ponte”. Ruinosa dende había tempo, a prisión foi derrubada no 1865 ao construírse a nova (na metade de século) sobre o que é a Audiencia hoxe. Nos restos da antiga levantarase a primeira praza de abastos cuberta.
En relación a este cárcere e á súa lamentable situación, ademais das inhumanas condicións dos presos, aflora claramente a conciencia solidaria de Pintos (téñase en conta a súa formación xurídica). Os seus versos expresan e evidencian a súa sensibilidade social:
Mira, Pedro, agora que falas de eso dígoche que seique val máis estar dez anos nun bo presidio que dez días nesa cadea de Pontevedra. Nese edificio triste, feo, cheirento, apestado, oscuro, inmundo que máis ben pode chamarse cortello ou tobo para feras que non casa para ter os homes. (…)
Fondo burato donde nunca é día,/tumba de vivos por súa mala sorte,negra coroa de instrucción impía/digna da morte. (AGG, pp. 416 ss.)
3 – ISABEL II
Despois de deixar a actual praza de García Escudero (antes Planchuela, polo peirao de madeira do lugar), a de Celso García de la Riega (antigamente Correos), e parte da rúa Real (noutrora rúa do Rego), chegamos á rúa de Isabel II, así denominada dende 1854 (no pasado chamada de Mendiños e, desde as Cinco Rúas cara arriba, Costiña de Santa María).
No número 4 desta rúa de Isabel II situábase a imprenta dos irmáns Vilas (José e Primitivo), onde se editou en 1853 A gaita gallega. Neste punto7 debe ser comentada a importancia dos impresores pontevedreses do século XIX: Anciles, Pinto, Madrigal, Antúnez, José María Santos (personaxe fundamental pola súa ideoloxía progresista e partícipe activo da Xunta Superior de Galicia no levantamento do ano 1846).
A medida que subimos cara a Santa María, o seguinte punto do roteiro, podemos aludir á rúa da Princesa (na época medieval chamada Sobre o Azougue e, en 1854, Pichelería polos produtos de estaño), á rúa Chariño8 (en homenaxe do poeta medieval, e antigamente chamada Caas ou Cans, en relación –ao parecer– ao enlousado e traza), á rúa San Nicolás (anteriormente rúa Nova dos Veedores, Caleixón dos Mendoza ou rúa dos Bispos) e á rúa Alta (antes das Ovellas).
4 – SANTA MARÍA
Ante a basílica, “pérola” da nosa arte, na que se bautizou Pintos e pola que sente admiración, é posible contemplar toda a paisaxe da ría. Neste punto é preciso evocar a relación de Pontevedra co mar que tamén rememorou Pintos nos seus textos (sobre todo os grandes navegantes como os Nodales, Sarmiento de Gamboa…):
Santa María, que maior ti eras/de todas cantas tiña a vila dentro,
¡Dios queira as outras vellas que te sigan/e que prosperen vendo tal enxempro!
Maior, empero, ti serás de todas,/muito mellor na forma e ser externo:
sin par na gracia de columnas e arcos,/no teu reparto claro e paramentos,
nas mil ventages que o teu ancho espazo/garda servindo á vila de ornamento.
Santa María, reina soberana,/anjos e images todas dese tempro,
andias de prata hermosa onde garrido/vai adorado o Santo Sacramento.
(AGG, p. 397)
¡Que viva a Moureira!/Viva o Sacramento!
¡Vivan os que rompen/cadeas de ferro!
¡Que vivan, que vivan/os ilustres netos
do noso Charino/por seclos eternos! (AGG, pp. 258-9)
Camiño do actual Concello, no que era o Eirado das Torres, estaba a fortificación dos Churruchaos ou as Fortalezas Arcebispais9 cuxo derrubamento impresionou a Xoán Manuel Pintos:
¿Que serán señales tristes/ver seus muros derrubados
e esfareladas as pedras/das torres dos Churruchaos?
¡Pontevedra! ¡Pontevedra!,/¡viñeron muitos quebrantos
sobre ti e dos afogos/a hora che vai chegando! (…)
¡As pedras das catro esquinas/en que o pobo está asentado
xuntarse queren doridas/a desafogar seu pranto!
¡Aquelas torres e muros/quer ó sol iban relumbrando,
almeias, fontes e tempros,/xa se van volvendo cachos.
Fasta ese Porto precioso,/que dou nacencia ó teu casco,
lacera os peitos da xente/e dá lástima miralo. (…)
¡Señora facei que volva/a recobrar de contado
aquel lustre e valimento/que os seus maores gañaron!
(“Contos…”, OPD, pp. 285-6)
5 – CONCELLO
Este punto, correspondente ao que era a zona da Bastida (Porta da Vila ou de San Domingos), convídanos a tratar a orixe lendaria de Pontevedra e o que o mesmo Pintos chama “a manía de orixe remota”. A figura de Teucro (suplantado iconograficamente por Hércules, coa súa pel de león e a maza) é o mito fundacional que procede do ambiente helenófilo do “círculo” humanista do XVI (onde destacou a figura de Juan de Guzmán, catedrático de Retórica na “boa vila”) e do que hoxe queda testemuño nos versos gravados na actual Casa do Concello.
Enriba das ruínas da Torre da Bastida ergueuse no século XVII a antiga Casa do Concello, derrubada en 1876 e que se utilizaría como sede do Xulgado ou Caixa de Aforros e Monte de Piedade. O novo concello será obra de Rodríguez Sesmeros, figura fundamental no deseño e tratamento urbanístico desta estensa área urbana composta polos chamados, daquela, campos de San Domingos e San Xosé (localización da antiga feira do gando) e que se corresponderían grosso modo coas actuais Alameda e Palmeiras.
Fóra de muros hai dous grandes campos/que ós mesmos reies foran de recreo:
Santo Domingo está no que é máis longo/e San José no outro máis pequeno.
Mui enfiados en fronteiras ringles/fan sitio os árbores para o paseo
e ó redor a vista se regala/no verde chan de herbiña sempre cheo.
(AGG, p. 395)
Desde esta parada do noso paseo cómpre citar outras referencias onomásticas, un pouco máis afastadas do centro da cidade, recollidas na obra de Pintos: San Roque, o río dos Gafos, Salcedo, Mollavao, Marín…
Alá no río dos Gafos/onde había noutro tempo
de caridá hospitaliños/para os lázaros enfermos,
que hoxe piden espallados/polas calles e paseos (…)
dendes do ponte Bolero/a Taboada e Ponte Nova
caíndo alí o río cheo/con borbollóns prateados
que alegra en San Roque o velos;/alí, naquel verde chan
de mil verdores diversos (“Contos…”, OPD, p. 322)
Sen dúbida require unha especial atención San Domingos, templo medieval que padeceu a dinámica de demolicións habituais naqueles anos. San Domingos pasou por diversas “funcións”: casa hospicio, lugar de espectáculos (para)teatrais, “casa de monipodio”, casa de acollida, escola de nenos, hospital (1857), residencia de padres misioneiros (1867), aloxamento de tropas (1874), taller de fogos artificiais (1866). En boa parte dos seus dominios construíronse o que sería o Instituto (hoxe o IES Valle Inclán), os actuais Xardíns de Colón e mesmo a Deputación.
Logo da Porta da Vila ou de San Domingos, merece comentario a rúa Riestra (denominación debida ao marqués deste nome, dono dos terreos). En 1853 era un simple camiño que levaba desde ese punto ao Campo de San Xosé, progresivamente urbanizado. En relación coa familia Riestra, debemos referirnos á actual rúa da Marquesa onde, na época de Pintos, estaba o local do Colexio de Avogados do que o noso autor foi decano entre 1860-186110.
Preto da rúa Riestra localízase aquela dedicada a Nicomedes Pastor Díaz, madrigalego coma Teodosio Vesteiro Torres (a este último Xoán Manuel Pintos dedicoulle dous poemas). Detrás da rúa Pastor Díaz encóntrase aquela dedicada a Rosalía de Castro.
Antes de seguir o noso itinerario, é pertinente mencionar o derrubamento do resto da muralla. En 1853 bótase abaixo o tramo que correspondería á actual rúa Michelena (daquela Poza das Rans), Trabancas e o Torreón de San Francisco. Neste proceso destrutivo influíu en bo grao a reforma de Alejandro Mon ao substituír portas por fielatos.
6 – SAN BARLOTOMEU O VELLO E PRAZA DO TEUCRO
Desde a Porta da Vila imos ao actual Teatro Principal, zona da vella igrexa de San Bartolomeu co seu cemiterio e praza11. Pódese dicir que en 1842 se iniciou a súa demolición que se prolongou por dous anos. En 1864 comezouse a construír o Liceo e o teatro.
Fomos pois á do patrón,/noso San Bartolomeo,
igrexa que tiña o santo/Bastián no lado ezquerdo.
¡Cánta xente alí acudía/tódolos días arreo
cando tocaba a campana/polos devotos ó tempro!
¡Qué troupelear de socos/e qué mareas correndo
polas calles por chegare/a oir as misas a tempo!
Polas tres portas a unha/se rempuxaban metendo
fasta quedar ateigada/d´homes, mulleres e nenos.
Inda por fóra de vía,/da porta maor, atento
xentio mui cubizoso/de descrobir de alí o crego.
Mais agora aquela igrexa/novos homes desfixeron,
e no sitio se reparan/outros profanos cimentos.
N´hai que facerlle, señores,/que a todo lle chega o termo,
e todo o varre e aniquila/a gran fouzaña do tempo.
Os mesmos ósos dos mortos/alí non deixaron quedos,
que todos, desenterrados,/no camposanto os meteron.
Pero ó levantarse as lousas/das sepulturas correron
miles de ratas e ratos/que nas casas se meteron.
(“Contos…”, OPD, pp. 336-7)
Entre a actual Casa das Campás e o Teatro Principal está o portal de “gráficas Torres”, centro, en plena ditadura franquista, do gran labor cultural e editorial da colección “Benito Soto”. Se continuamos por ese lateral do que foi San Bartolomeu, chegamos á actual praza do Teucro (outra alusión á fundación mítica), zona de actividades económicas (antigamente denominouse praza Maior ou do Pan), de oficios relixiosos e de diversión (San Sebastián, o Corpus, o entroido, a Feira Franca) e dunha gran riqueza heráldica.
Era o tempo dos entroidos/en que andan sólto-los demos,
facéndose os vellos mozos,/tornándose os mozos vellos,
poñendo as mozas cirolas,/vestindo os homes mantelos,
nas caras con carantoñas/para mellor fá-lo xenio,
cando parez que reloucan/as xentes cheas de vento
por tolear todas xuntas/sin migalla de proveito,
remedando así ós xentíos/que alá en mui remoto tempo,
na Triecteria facían/lembranza do salvamento
do estado peligroso/en que se viu o universo
dende o xeneral diluvio/en Babilonia violento. (…)
Mentres pois que pola vila/orneaban os choqueiros
dando brincos e pernadas/e mil cachizas facendo;
mentres que se puña lume/nas carozas dos labregos,
na palla e mais nos carrascos,/e mais nos feixes de fento;
mentres que andaban ós suchos/suchando polos regueiros
e pozas por xiringare/con aguas de non bo cheiro;
mentres se puñan mil rabos/e laranxazos arreo
tiraban, e borradelas/de borro encarnado e negro,
e enfariñadas, e pullas,/e chascos ían metendo
todos coa gran libertade/que se goza nese tempo
(“Contos…”, OPD, pp. 319 ss.)
7 – PRAZA DE CURROS ENRÍQUEZ
Nesta parada sobresaen dous escenarios evocadores recollidos por Pintos: a praza de San Román (que alude ao Conde de San Román e á súa gran casa) e a praza do Hospital (polo Hospital de San Xoán de Deus). En relación a este hospital tamén debe ser citado o nome de Claudio González Zúñiga, médico cirurxián que axudou a combater a epidemia de cólera en 185412. O terreo que queda sobre as ruínas do Hospital de San Xoán de Deus pasa ás mans de Saturnino Varela e o novo hospital ábrese en 1897.
De aquí mui preto está S. Joán de Dios,/de cuia vida á historia eu dei comenzo,
honor dos legos onde a Santa Bárbora/e S. Rafael lles fan un gran festexo.
¡Oh, para enfermos casa de refugio,/en ti soará con grato loor eterno
o nome doce de S. Joán de Dios,/mui venerado nese antigo tempro.
(AGG, p. 399)
8 – PRAZA DA FERRERÍA
Pola Porta de Trabancas accedíase á que se considera praza “maior” da cidade, a Ferrería (denominación xa tradicional presente no Livro do Concello de 1437-8). Merece destacarse, polo interese que ten para X. M. Pintos, a fonte abandonada, descoidada e retirada na metade do século por mandato do gobernador civil Luciano Quiñones de León (en 1928, a fonte colócase onde está actualmente).
Aquí por muitos anos/deitei eu, malpecado,
licor mui regalado/que a sede lle apagou
a un pobo de cristianos/que muito valor tivo,
e agora está cautivo/de quen o asoballou. (…)
Perene aquí na praza/me viron centos d´anos
valentes ciudadanos,/de Marte gran lexión
(“Queixumes dunha fonte”, OPD, pp. 144-5)
Pontevedra é boa Vila/coa fonte mellor do Reino
dá de beber a quen pasa,/na Ferrería, a desexo.
Dirán, Pontevedra tiña/a fonte mellor do Reino
desfixéronlla e no sitio/lle chantaron un maseiro.
(“Contos…”, OPD, p. 257)
A praza da Ferrería chamouse praza da Constitución en 1854 e acolleu a imprenta de José Vilas, a imprenta El Siglo, o local do fotógrafo Zagala, o despacho de Casto Sampedro (persoa fundamental da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra), o convento de San Francisco (século XIII) e, propiamente extramuros, o santuario da Peregrina e o da Virxe do Camiño (evidente relación co camiño xacobeo portugués).
9 – PRAZA DA VERDURA
Baixando dende a Ferrería pola rúa de San Román (antes rúa da Peletería), chegamos ao que era antigamente Feira Vella e Pescadería e, a finais do século XIX, praza Nova ou de Indalecio Armesto (un dos grandes intelectuais heterodoxos daquel momento). Aquí estivo a fábrica da luz13 e mais a imprenta de José María Santos (onde se imprimiu La Democracia, El Porvenir, El Anunciador, O Galiciano, A Tía Catuxa, o Boletín Oficial da Provincia… ou libros de Jesús Muruais).
Ao achegarnos á rúa que hoxe é Sarmiento, podemos mirar á esquerda e traer á memoria a figura de Méndez Núñez (1824-1869), heroe da batalla de El Callao (1865) e comandante do primeiro acoirazado (Numancia). Este personaxe, enxalzado na obra de Pintos, morreu na casa-fortaleza dos Cruu, espazo que ocupa o gran magnolio, o arco e todo o edificio que dá á praza que actualmente leva o seu nome.
El foi de Almirante da Escadra Española/para os indios bravos por si castigar;
chegou, e esborralla mitá do Callao,/e logo á súa terra se veu de vagar. (…)
Botade aturuxos alegres ao Ceo,/bailade a muiñeira e o chascarraschás;
que quede memoria na terra por sempre/de D. Casto Méndez, por sempre jamás.
(“Meting en Lérez”, OPD, pp. 491 ss)
Xa na rúa Sarmiento (antes rúa da Feira e da Compañía, pola presenza dos xesuítas), convén indicar que X. M. Pintos admirou e editou ao ilustrado. Con Sarmiento evocamos a Ilustración (con nomes como Feijoo, Cornide…), momento que sentou boa parte dos alicerces da andaina dignificadora de Galicia, continuada polo galeguismo.
Honor de Pontevedra, cuxa mente/chea de luz mui espellante e pura,
fixo de ti celeste criatura/un gran tesouro digno de outra xente.
Goza do ceo, goza eternamente/que Dios a groria santa lle precura
ó que acha na virtude súa fartura/cal ti modesto monxe preminente
Si o chan ingrato do teu berse ollas,/que veña a ollada chea de contento
fitar no Burgo, e que bulir as follas/do Paraíso vexa o entendimento
de quen louor che bota, e que o recollas/suprícache doutísimo Sarmento.
(“A Sarmiento”, OPD, p. 441)
10 – COLEXIO DOS XEXUÍTAS E SANTA CLARA
O Colexio dos Xesuítas (século XVII) acolleu esta orde ata a súa expulsión a Italia en 1767. Entre as súas figuras destacan o Padre Isla, autor de Fray Gerundio de Campazas e, sobre todo, Hermenegildo Amoedo Carballo (autor, en 1787, do Carmen patrium sive Pontevedra). O padre Amoedo, ademais de mencionado por Pintos (que reproduce o canto na foliada d´A gaita gallega), é traducido ao galego polo noso autor nun afán de ennobrecemento do noso idioma para o cal era fundamental o seu emparellamento co latín.
Agora vou ver, si Dios premite,/aquela casa en vaco e gran silencio.
Mais ¿a que recordar, triste de min,/dos que conmigo gemen no desterro
sin dor opresos por un duro fado,/a que lembrar aqueles menumentos?
¡Logrouse ja fechar, oh ilustre Ignacio,/aquelas portas dos teus grandes tempros!
¿Así calados quedarés, ¡oh Koska/Lodoix, Xaveri e Borgia!, sin remedio?
¡Premita Dios que o corazón do mundo/desperte e sinta de piedade cheo,
gran compasión dos que gemendo arrancan/ja en rouco son os aies do seu peito!
(AGG, pp. 399-400)
O edificio do Colexio dos Xesuítas pasou por varias funcións (fábrica de tecidos dos Lees, instituto de segundo ensino, Audiencia) e hoxe acolle o templo de San Bartolomeu.
Saíndo do centro histórico, chegamos a Santa Clara, igrexa extramuros situada no antigo Camiño de Castela. Xunto a San Francisco e San Domingos, Santa Clara era o outro convento mendicante da nosa cidade (todos eles datan de finais do século XIII). Entre outros versos sobre Santa Clara, escribe Xoán Manuel Pintos:
A Santa Clara collo… ¡Oh Virgen santa,/no´apartes nunca os ollos deste servo,
ti que es consolo dos desamparados!/¡Óllame mai piadosa no desterro!
(AGG, p. 400)
REMATE
Ata aquí o paseo pola Pontevedra do século XIX a través dos textos de Xoán Manuel Pintos. A súa obra, marcada pola solidariedade cos labregos, cos presos e cos achadizos; pola sensibilidade social e pola reivindicación do idioma e do país, é a mellor fotografía da cidade do Lérez.
Este roteiro percorre a zona vella de Pontevedra. O itinerario busca dar a coñecer a etapa de Sarmiento na cidade, a súa infancia e a primeira mocidade na casa familiar da praza de Méndez Núñez.
O percorrido é o seguinte: praza de Méndez Núñez, rúa de Sarmiento, Arcos de San Bartolomeu, praza da Pedreira, rúa do Arco, praza de García de la Riega, Enfesta de San Telmo, praza de Alonso de Fonseca, avenida de Santa María, praza de Galicia, rúa da Alfándega, rúa de Tetuán, rúa Real, Soportais, praza da Ferraría, paseo de Odriozola, Pasantería e praza da Leña.
Meu estimado compatriota
Non teño ningún documento, nin tan siquera unha partida de nascimento para acreditar a mi-ña calidade de pontevedrés; pero se non fun consultado antes de nascer, sábese ben que des-pois de ter nascido escollín a Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a complirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra.
(…)
Dunha carta de Alfonso Daniel Castelao ao Presidente do Centro Pontevedrés de Buenos Aires. 31 de marzo de 1947
Itinerario
1 A Praza da Ferrería
2 Museo de Pontevedra
3 A Fábrica da Luz
4 Praza do Teucro
5 Praza do Teucro
6 Praza das Cinco Rúas
7 Teatro Princiapl
8 Monumento a Castelao
9 O Instituto
10 Café Moderno
11 Café Méndez Núñez
1 A PRAZA DA FERRERÍA
Pontevedra abre as súas portas aos visitantes e na Praza da ferrería, lugar cheo de resonancias históricas é onde comezamos este roteiro. Alfonso Daniel Castelao chega a Pontevedra en 1916 a tomar posesión da súa praza como funcionario de estatística e vai ser precisamente nun recanto desta praza onde se asenta a súa oficina. Desde esa data, a Ferrería e os monumentos que a rodean serán testemuñas do devalar artistico, persoal e social do artista de Rianxo convertido xa en veciño de Pontevedra.
Castelao participará aportando consellos e debuxos na restauración do rosetón da igrexa de San Francisco e na recolocación da antiga Fonte da Ferrería, daquela abandonada no lugar que actualmente ocupa nos Xardíns de Casto Sampedro. Noutro recuncho da praza foi habitual da tertulia que mantiña, no seu caseirón, o propio Sampedro fundador da Sociedad Arqueológica na que tamén participa o musicólogo franciscano padre Luís F. Espinosa, para quen deseña Castelao a cuberta dunha das súas obras musicais. Outros bocetos, recollidos durante a viaxe a Europa en 1921, foron utilizados para recrear a “burra” que sae na procesión do domingo de Ramos.
No outro extremo da praza e xa en tempos republicanos, colaborou no diario El País, xornal onde inseriu o seu humorismo e pensamento galeguista ao lado das figuras que animaban o periódico, como Roberto Blanco Torres ou Bibiano fernández-Osorio Tafall.
2 MUSEO DE PONTEVEDRA
Castelao formou parte daquel reducido grupo de pontevedreses que fundou en 1927 o Museo de Pontevedra. Con Daniel de la Sota e Francisco Xavier Sánchez Cantón levou á práctica unha insistente idea de Antón Losada Diéguez e os vellos galeguistas, que teimaban por un un mu-seo para Galicia e os galegos.
A relación de Castelao con Casto Sampedro e outros activos membros da Sociedad Arqueológica de Pontevedra estivo no cerne dunha paixón que Castelao concretou en ilusionadas con-versas con Sánchez Cantón. Entre os dous imaxinaron as coleccións, os contidos e mesmo a restauración de elementos arquitectónicos dun edificio ao que chegamos pola rúa Pasantería.
O vedraio pazo de Castro Monteagudo abriu as súas portas logo de que o labor de homes como Castelao sensibilizara os membros de Deputación provincial de dotar dun museo a Ponte-vedra. Xunto ao legado da Sociedad Arqueológica desde o primeiro momento castelao doa obra súa para que se expoña nas salas e chega a entregar outras de artistas galegos por el coleccionadas. Mesmo descobre e entrega pezas de tanta importancia arqueolóxica como a es-tela romana de Ouzande en 1928, que localizou en terras da Estrada nunha cancela. Tamén aportou os restos dun cruceiro que co tempo pasará a presidir o centro do Eirado da Leña e que chega a converterse co paso dos anos nun dos sinais de identidade da vila. Logo da súa morte no exilio arxentino en 195O, a súa viuva Virxinia Pereira procurou que o seu legado fose depositado nesta institución.
3 A FÁBRICA DA LUZ
A cegueira convértese nunha ameaza certa para Castelao desde 1914 e ao longo da súa esta-día pontevedresa novas recaídas foron mermando a vista do artista. Contodo, a luz dos seus ollos seguiu a afondar na arte e, desde a súa chegada a Pontevedra, o seu estudio de pintor deu saída ao mellor da súa caricatura, o seu humor e a pintura.
Pola rúa Sarmiento achegarémonos á antiga Casa do Macelo convertida desde finais do século XIX na Fábrica da luz. Nela atoparía Castelao o lugar preciso e amplo onde plasmar as súas ideas escenográficas. Vainas realizar para a coral polifónica de pontevedra, entidade que funda xunto a Antón Losada Diéguez. Píntaas con destino a diferentes presentacións por distintas cidades galegas. Un traballo polo que recrea o mundo medieval, a arte románica a xeito de rosetóns, portadas e claustros, xunto ao esplendor barroco e popular dos soportais das vilas mariñeiras. Teimou castelao por un teatro de arte para Galicia e neses labores Pontevedra coñeceu un adianto do que co tempo sería a obra Os vellos non deben de namorarse. Co seu admirado Ramón del Valle-Inclán colabora en 1933 na escenografía de Divinas Palabras. Corredoira pintara a Castelao cando mozo, portando un debuxo coa efixie de Valle-Inclán. Un escritor a quen recordará no seu exilio en La Habana e que nós lembramos neste roteiro ao pasar ante a casona dos muruais, lugar onde valle se iniciou na literatura.
4 PRAZA DO TEUCRO
A máis fonda das actividades políticas de Castelao en Pontevedra estivo irmanada á figura de Alexandre Bóveda, desde os tempos en que a redacción do xornal A Nosa Terra se instalara no terceiro andar do número 24 da popular rúa dos Comercios. co tempo, rúa adicada á figura de manuel Quiroga, violinista PONTEVEDRES DE SONA INTERNACIONAL, co que Castelao mantivo unha estreita amizade e a quen plasmou nunha das súas máis sonadas caricaturas.
Se todas as rúas e prazas da cidade vella conservan a pegada de Caste-lao, a praza do teucro, tamén chamada do pan, foi testemuña da impre-sión no obradoiro de Celestino Peón da edición prima da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse en 1953. Foi nesta mesma imprenta onde saíra á luz en 1922 Alborada, revista na que Castelao introduce a técnica do gravado ao linóleum en Galicia. Un procedimento que contri-buiu a crear escola e co que ilustrou traballos de Antòn Vilar ponte, Luís Amado carballo, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas.
A praza do Teucro acolle tamén pazos de antigos solares con orixe na Pontevedra medieval. da heráldica dun deles, a dos Mariño, recolle cas-telao a representación da serea que utilizará para deseñar o novo emblema da súa Galicia ideal.
5 PRAZA DAS CINCO RÚAS
A recuperación do patrimonio cultural galego tivo en Castelao un dos seus principais valedores. A súa ampla formación artística, enriquecida pola súa viaxe a Europa no 1921, serviulle de base para se converter no defensor principal da nosa arte popular. Xa estamos ante o cruceiro que hoxe ocupa a praza das Cinco Rúas, Castelao chegou a coñecelo na súa localización orixinal da ribeira de Estrivela. peza escultórica orgullo dos nosos canteiros pasaría a ocupar un lugar destacado, como tantos outros cruceiros de Pontevedra, na súa obra As cruces de pedra na Galiza.
Un libro publicado logo da súa morte no exilio en 1950 e do que puido chegar a ver as probas saídas do prelo ao coidado de Luís Seoane, e estampar nelas a sinatura nas primeiras follas. Unha obra monumental que entra con letras de ouro na historia da arte galega, e onde se re-colle o seu amplo labor documental e artístico, logo de percorrer os camiños de Galicia de-buxando cruceiros. Seguimos pola rúa adicada a Paio Gómez Chariño, poeta medieval tan emparentado co rianxo natal de Castelao, e que acolleu nos anos trinta a imprenta “La Popular”, obradoiro onde se tiraba A Nosa Terra, voceiro do Partido Galeguista á que Castelao estivo tan unido e onde publicou moitas páxinas de humor gráfico e no que escribiu escollidas páxinas co seu ideario galeguista.
6 TEATRO PRINCIPAL
Pola rúa Tetuán rodeamos o edificio que acolle o Teatro Principal. O primeiro andar do número 2 desta rúa serviu durante a II República de sede para o Partido Galeguista, a organización na que Castelao chega a ocupar cargos de responsabilidade como dirixente político ao lado de homes como Vítor Casas e Alexandre Bóveda, os seus compañeiros máis entrañables.
O inicial contacto de Castelao con Pontevedra viría dos seus tempos de estudiante cando, cal un membro máis da tuna compostelá, actuara no Liceo Casino, Unha sociedade na que pro-nunciará conferencias sobre a súa concepción do humorismo, e nas que eXecuTaba caricaturas en vivo nos días en que era un pontevedrés máis.
O Teatro Principal tamén foi testemuña da andaina artística de Castelao como escenógrafo e actor ocasional de cine. Así, varias das súas decoracións para a Polifónica foron presentadas neste coliseo servindo de fondo a concertos da Coral e mesmo tamén a sesións da “Filarmóni-ca” de Pontevedra, unha entidade á que estivo ligado e para quen deseña o seu emblema societario.
A pantalla do Principal coñecerá a estrea en 1917 da película titulada Miss Ledya, un filme si-lente no que Castelao aparece como actor representando o papel dun pastor protestante..
7 MONUMENTO A CASTELAO
Pola rúa dona Tereixa subimos cara o antigo “lampán dos xudeos”. atopámonos alí co espacio que acolle o monumento erixido a partir dunha campaña popular pola que os pontevedreses homenaxearon a Castelao ao pouco da restauración das liberdades democráticas.
A peza é un bronce do escultor Buciños erguido a instancias dos “Amigos da Cultura”, asociación cultural impulsora da iniciativa no ano 1983.
Pero non é este o único monumento que os pontevedreses lle adicaron a Castelao. Foron os exiliados e emigrados na Arxentina os verdadeiros pioneiros cando levantaron en 1951 no seu Pazo Galego do Centro Pontevedrés de Buenos Aires un monumento do cal foi autor Ángel Alén Buceta.
Pola rúa Santa María diríximonos cara á Casa do Concello e desde alí lembraremos o xa des-aparecido Cafe Royalty da rúa Michelena, que Castelao decorara con pinturas murais nas que recreaba humoristicamente personaxes populares da comarca como Antoniña, O Cego de Pa-drenda, o Toureiro de Redondela ou o Futbolista Popó.
8 O INSTITUTO
Tamén na praza que se abre ante o Concello reencontrámonos coa primeira moradía de Castelao en Pontevedra, xusto o lugar onde comeza a imaxinar as estampas de Nós.
Alí perto, as Ruínas de San Domingos e tamén o seu cruceiro sinalan o camiño cara tres edificios que sentiron a pegada de Castelao: os institutos e o pazo da Deputación. chegamos pola rúa Pasantería.
Desde 1916 Castelao é mestre auxiliar de debuxo no Instituto de Pontevedra, un centro escolar onde coincide co galeguista Losada Diéguez e profesores e catedráticos como Sobrino Buhigas e Osorio Tafall. Será con eles con quen pon a andar un pequeno museo no Instituto, claro ensaio do que logo será o Museo de Pontevedra. Tamén participa cos mesmos estudiosos en traballos de campo para a localización de petroglifos, á vez que se converte en mestre e valedor de mozos como Xosé Sesto, Turas, Castro Arines ou Ramón de Valenzuela.
Outros artistas gozan así mesmo da súa protección ao pular por eles desde o seu papel como promotor intelectual de bolsas de estudios que a Deputación aporta desde 1925 a pintores e escultores como manuel Torres, Arturo Souto, Maside, Colmeiro ou Laxeiro.
9 CAFÉ MODERNO
Deixamos a Alameda lembrando os paseos de Castelao pola Moureira, a súa amizade con vellos mariñeiros como o Panderetas e os debuxos e estampas que realizou tendo a procesión de san roquiño como protagonista.
El, que deixou escrito que nunca fora a unha corrida de touros, asistiu sen embargo no coso taurino a aqueles festivais de gaitas nos que coñece o famoso Gaiteiro de Soutelo, aos certames de Danzas de Espadas, a festa dos maios ou á celebración do Primeiro de Maio de 1936.
Cruzamos os xardíns das Palmeiras e achegámonos á Praza de San Xosé onde se situaba o Café Moderno, aquel lugar onde Castelao era un integrante máis das tertulias que animaban vellos republicanos aos que escoitaba con atención, apuntando anécdotas que logo servirían de inspiración a moitas das súas personaxes literarias. nas mesas deste modernista café prepara-ba a diario as súas estampas humorísticas para xornais como o madrileño El Sol, o coruñés El Ideal Gallego, o ourensán La Zarpa ou os vigueses Galicia, El Pueblo Gallego e Faro de Vigo.
10 RÚA DA OLIVA
Deixamos o Moderno sen esquecer a cercanía de tres espacios desaparecidos. A parada daquel lendario tranvía a Marín que Castelao recreou nunha das súas Cousas, a Estación do Ferrocarril desde onde partiu en 1934 para o seu desterro na EStremadura e aquel Hotel Madrid no que se fundara o Partido Galeguista.
O rueiro lévanos pola Oliva e mediada esta rúa atopámonos no número 10 coa casa onde moraron por máis tempo en Pontevedra Castelao e Virxinia.
Foi nela onde realizou a maior parte da súa obra gráfica e artística e onde escribiu ou imaxinou todas as súas obras literarias. Títulos como Un ollo de vidro, Retrincos, Cousas e a novela Os dous de sempre naceron neste fogar pontevedrés. Nel foi incautada tras o golpe militar de 1936 a súa espléndida biblioteca e as ducias de cadros que alí conservaba. Hoxe boa parte deles custódianse no Museo de Pontevedra.
Veciño era o obradoiro do impresor Julio Antúnez onde saiu do prelo en 1929 A súa obra As cruces de pedra na Bretaña. Os cruceiros das terras bretonas estúdiaos en 1929 no trancurso dunha viaxe que realiza na compaña da súa dona Virxinia Pereira a fin de superar a morte dE Alfonsiño, o seu único fillo, acaecida un ano antes en Pontevedra.
11 CAFÉ MÉNDEZ NÚÑEZ
Rematando a camiñada a memoria doutro café desaparecido recrea a orixe pontevedresa da revista Nós, da que Castelao foi director artístico. En torno dunha mesa de mármore do Café Méndez Núñez trazou xunto a Vicente Risco o nacemento daquela publicación de vital importancia para o renacemento cultural galego, por un tempo imprentada en Pontevedra no obradoiro de Poza da rúa Michelena.
Moita da correspondencia de Castelao foi escrita neste local e nel tamén deu os primeiros pasos para crear un posible Centro de Investigacións Históricas de Pontevedra. O “Méndez” lindaba coa botica de Perfecto Feijoo, o creador de “Aires da Terra”, Un coro de música popular galega onde o noso artista mostrou a súa man co bombo relembrando aqueles seus tempos de tuno.
Frente ao Méndez Núñez outra botica servía como punto de xuntanza dos “Karepas”. Trátabase dun fato de mozos que animaron as festas e o deporte local en torno ao boticario Xaquín Maquieira. Moi perto de alí, Na rúa Peregrina, o portal do estudio do fotógrafo Sáez Mon serviu de marco para unha exposición pictórica de Castelao. a poucos metros na estación de radio EAJ-40, xa como líder galeguista, lanzou ás ondas discursos en 1936 A prol do Estatuto de Galicia.
Rota das Moureiras
Do río ao mar
As murallas delimitaban un espazo urbano concreto, fóra deste espazo sitíanse ós arrabaldes. En Pontevedra sinalaremos dous: o Burgo, conformado polo camiño cara Santiago, e a Moureira, de vocación mariñeira, cuxo nome vén da salmoira empregada na salazón da sardiña.
Ningún camiño articula este último arrabalde, que non ten visos de ordenación ata finais do século XVI con motivo da apertura de novas rúas: o nome das cales acompáñase co adxetivo nova. A causa de tal desorde é que o barrio naceu entre a ponte do Burgo e o rio Gafos, sen preocuparse do que acontecía ás súas costas. O curso no arco do rio Lérez é quen organiza e delimita as tres Moureiras: a de Arriba, pegada a ponte do Burgo; a da Barca, na súa zona media, no punto máis estreito do rio e o lugar elixido para levantar a ponte do seu nome; a de Abaixo ou Corvaceiras, onde se asentaban os cesteiros que facían cestos para o transporte da sardiña.
Trala fachada do barrio, as construccións formadas por vivendas similares como corresponde ó igualitarismo gremial, amoréanse caóticamente. Amplos espazos abertos están destinados ó secado e reparación de redes, e tamén para extende-los panos de rede que formaban os grandes cerdos cós que se pescaba a sardiña outonal; os máis coñecidos son o Campo das Rodas ou de Santo Domingo e o Campo da Torre.
En primeira liña de costa sitúanse os peiraos que fan máis doado o amarre dos navíos, en especial dos trincados que levaban as redes dos cercos; neles as mulleres dos mariñeiros recibían os lotes de pesca correspondentes ós quiñóns familiares. Inmediatamente, as instalacións necesarias para transformar a sardiña en pescado mercante, toneis de sardiña arencada, pasando antes polos lagares, estanques de pedra onde se mergullaba a sardiña en salmoira, e os fumeiros, caseto pechado onde se afumaba.
Non faltan os almacéns de sal, conservante imprescindible para a salmoira do pescado. As vivendas dos mareantes, mesturadas coas instalacións do porto, empregaban os seus baixos para estos fins. As humildes aspiracións deste barrio contradinse có máis fermoso edificio da vila, a igrexa de Santa María, construida dentro do recinto amurallado pero volcada cara as xentes do arrabalde que souberon levantala. Se Pontevedra foi durante o século XVI a vila máis populosa e rica de Galicia, foi polos veciños deste barrio que fixeron da pesca a súa principal industria.
Ó faltar a enerxía das xentes do mar, a cidade caíu nunha atonía da que soamente se librará volvendo ás súas orixes, recuperando e valorando o seu pasado mariñeiro; e o primeiro paso constituíuno o coñecemento do arrabalde da Moureira.
1. PRAZA DO PEIRAO
Antigamente se atopaba neste lugar a Plancha, término que alude a un peirao ou prancha de madeira onde cargaban e descargaban as mercancías os navíos. A finais do século XV transformouse nun de pedra, conincidindo có auxe pesqueiro e comercial da vila.
A ponte do Burgo será o punto estratéxico que articule toda a zona e marque o devenir da antiga Turoqua, xa que por aquí pasaba a vía romana XIX. Nas excavacións arqueolóxicas feitas nas proximidades localizáronse tres miliarios: un do ano 134 correspondente ó emperador Adriano, outro de inicios do século IV dedicado a Maximino II, e un terceiro que aínda está en fase de estudo.
No ano 1876, o arquitecto municipal Alejandro Rodríguez Sesmero, despois do derrubamento da muralla, fixo un proxecto para a reorganización da praza e a instalación dunha fonte.
Hoxe é a antesala do Parador Nacional de Turismo, antigo pazo pertencente ós Maceda, que leva o nome de Casa do Barón.
2. TRAVESÍA DA GALERA
Debe o seu nome a unha antiga cáracere que había nos arredores, hasta que a finais do século XVI se constrúe a nova sobre a Porta da Ponte. Unha explicación moi literaria fai proceder esta denominación da galera que o almirante Paio Gómez Charino mandou construir ós pontevedreses e que, por sentenza do rei Sancho IV, quedou abandoada e varada neste lugar ata a súa descomposición.
Na actualidade, na casa que fai esquina coa avenida de Uruguay, conserva o que puido ser un dos almacéns de sal que tivo a vila. Pontevedar foi o maior centro consumidor de sal de Galicia, posto que esta era indispensable para a industria básica do arrabalde: a salmoeira de pescado; do mesmo xeito, a sal tiña un grande valor como conservante de alimentos.
Os arrieiros que dende o Ribeiro de Avia transportaban os valiosos vi´ños para embarcalos, sobre todo, a Bilbao e San Sebastián, volvendo a súa terra con cargas de sal. A súa vez, a sal chegaba a Pontevedra a bordo das carabelas portuguesas dende as salinas de Aveiro e Setúbal.
3. ARZOBISPO MALVAR
Este antigo camiño carreteiro bordea o núcleo amurallado da vila, separándoo do arrabalde. A muralla ten a súa orixe a finais do século XII, se constrúe con finalidade defensiva e, o longo do tempo, adquire funcións fiscais e sanitarias. Tiña unha lonxitude de pouco máis de 1.550 metros, unha altura media de 7 metros e un espesor de 2,5 metros; estando rodeada por un pequeno muro. Na súa parte exterior estaba coroada de almenas, e pola parte interior descorria un camiño de ronda, dende o que se accedía o adarve por varias escalinatas.
As guerras, en tempo de Pedro Madruga (1476) e posteriormente o ataque inglés de 1719, ocasionaron importantes estragos na muralla. A mediadiados do século XIX comezou a súa demolición, que precisamente empezará por esta zona con motivo de anchear o camiño cara Santiago.
A rúa recibe o nome de Sebastián Malvar Pinto, arcebispo de Santiago, quen cara 1792 e por mandato real financiou o camiño que une Santiago e Pontesampaio, xa que este punto era o límite da súa xurisdicción, a partir da cal comeza o obispado de Tui. Era natural de Salcedo, en cuxa igrexa custódiase o seu corazón nunha furna de chumbo,e onde se conserva o seu pazo no que se gardaron os miliarios que marcaban a vía romana XIX, que foron sustituidos polos “legoreiros” que aínda subsisten.
4. RÚA XAN GUILLERME
Denominación tradicional recollida nas actas municipais do século XIX. Toma o nome, posiblemente, do propietario dun dos moitos peiraos que salpicaban a beira do Lérez; o no me dexenerou en San Guillerme, sendo corrixido acertadamente en 1950.
Os peiraos compoñíanse dunha escaleira central e dúas plataformas laterais que avanzaban cara o rio, facendo máis doada a carga e descarga das embarcaións. Acostumaban a levar o mesmo nome que os cercos que os empregaban: do Verrón, dos Hidalgos, de Xoan Ryboo, dos Apocados, Novo, das Corvaceiras, da Rache, etc.
Hoxe en día, todos estos peiraos quedaron enterrados pola construción, iniciada en 1903, dun dique que posteriormente levaría o nome de avenida de Uruguay.
Esta rúa unía a Moureira da Barca coa Porta de Santa María, e aínda mantén exemplos das casas con soportais de séculos pasados.
5. FONTE DA MOUREIRA
É unha das rúas máis antigas do arrabalde, xa que no Libro Vello do Concello (1437) aparece rexistrada como rúa da Fonte.
Unha bonita sorpresa é a que atopa o que nuca estivo antes neste lugar: rúa e praciña con casas pintadas de branco, testos nas ventás e convivencia entre as construcións antigas e modernas.
A crisis do século XVII ocasionou que a Moureira quedara casi abandonada. Da ruína do barrio temos unha idea no feito de que cando, a mediados daquel século, comece a levantarse a Maestranza utilízase como material de construción o procedente das casas baleiras dos mariñeiros.
No ano 1846 repárase a fonte, da cal se abastecían os habitantes dos arredores, cando aínda non había auga corrente na cidade. Ó mesmo tempo, a fonte vai ser un centro de reunión e conversa dos veciños.
Atópase na rúa un dos fornos de pan máis antigo de Pontevedra, construíuse no século XIX e chegou case ata os nosos días, posto que nestes momentos non mantén actividade; sendo digna de mención da obra de arte que constitúe o seu frontal, o cal foi premiado na Exposición de 1859 en París, dende onde foi traído á nosa cidade.
6. PRAZA DE CORNIELIS DE HOLANDA
Nome dado en honra do artista flamengo que chega á cidade en 1538 para tallar o retablo da igrexa de Santa Clara. Foi contratado como director das obras da igrexa de Santa María, e xunto a Xoan Noble comparte a autoría da súa belísima fachada.
Nesta praciña consérvase parte dun antigo peirao, o único que non sepultaron as obras do dique, xa que o mar chegaba ata este punto.
7. RÚA DA BARCA
Denominada así dende 1416 pola barca que, administrada pola orde benedictina, unía a cidade có coto de Poio. Posteriormente construíuse unha ponte de madeira, a cal estivo en uso entre 1870 e 1905, ano este no que foi remplazado por outra nova de estructura metálica pola construción da estrada de Pontevedra a O Gove.
8. PEDRO SARMIENTO DE GAMBOA
No número 76 da avenida das Corbaceiras naceu este ilustre pontevedrés, o máis científico dos navegantes do seu tempo (século XVI): descubridor, colonizador, poeta, historiador e ata encausado pola Inquisición.
Participou no descubrimento das illas Salomón, percorreu o estreito de Magallanes, e o apresaron tanto ingleses coma franceses.
Nesta zona atopábase a fábrica e almacéns de madeira dos Fonseca, a casa de baños chamada “Danubio Azul” e o alfolín de Carrascal
9. CAMPO DA TORRE
Na casa que leva o número 29, restaurada non fai moito, gardábanse os utensilios empregados nas corridas de delfíns que se celebraban durante as festas da Peregrina.
Era un dos grandes espazos públicos, lugar de traballo e ocio dos seus moradores, sobre o que se levantaría a praza de touros. En 1896 recíbese no Concello unha petición para construir unha praza, solicitando a cesión gratuita por cinco anos do terreo onde estaba instalada unha de madeira; a pesar da oposición dos mariñeiros, que secaban neste lugar as súas redes, a solicitude aprobouse ese ano.
O proxecto estivo parado hasta 1899 cando se constituíu unha “Xunta Popular”, que emitíu accións de 50 pesetas. O Concello cedeu o terreo coa condición de que “… se permita ós veciños seca-las redes, colgándoas con pescantes nas paredes, e deixando libres as entredas…” e reservándose “… o dereito de propiedade sobre dito campo…”
Hoxe en día o Campo da Torre está moi transformado, debido a actuacións urbanísticas que a espiron do seu antigo uso así como da tipoloxía arquitectónica que tiña.
10. JUAN VILLAVERDE
Rúa de paso obrigado da procesión do Viático que levaba a comuñón ós enfermos. É das poucas rúas que se conserva practicamente igual que fai dous séculos, mantendo a vella tipoloxía das construcións, e destacando as escaleiras labradas na mesma roca.
11. IRMÁNS NODAL
Rúa típica dos mariñeiros pontevedreses, hoxe apenas conserva o seu carácter mariñeiro.
Bartolomeu e Gonzalo de Nodal naceron nunha casa (hoxe derrubada) da rúa que leva o seu nome nos anos setenta do século XVI. Embarcáronse na Armada Real en 1590, o seu ingreso temperá quizais haxa que buscalo na atmósfera patrótica creada a raíz do desastre da Armada Invencible e as incursións de Drake.
Foron elixidos para dar testemuña da nova vía de comunicación entre o Atlántico e o Pacífico, levando a cabo a súa misión con dúas carabelas coas que confirmaron a veracidade do descubrimento do estreito de Le Maire; fixeron unha Relación da viaxe, na que destaca un mapa feito polo cartógrafo Pedro Texeira.
12. CAPELA DE SAN ROQUE
Levantada inicialmente nas Corvaceiras, sufriu ó longo dos séculos varios cambios de asentamento, ata que en 1901 reconstruíuse no solar que ocupa actualmente. Edificación moderna á que se incorporaron elementos medievais procedentes doutros templos.
A capela de San Roque, avogado contra a peste, non ten unha ubicación casual, posto que se sitúa moi cerca dos peiraos e do camiño que conducía ó recinto amurallado, protexendo ós habitantes da vila do mal da peste, que xeralmente viaxaba a bordo dos navíos.
Por outro lado, a capela dará nome a unha ampla zona na que se abrirán novas rúas a comezos do século XVII, e acturará como artelladora do barrio de San Roque.
13. RIBEIRA DOS PEIRAOS
Aquí se atopaban os peiraos situados na desembocadura do río Grafos, ata fai non moitos anos conservaba a tipoloxía constructiva mariñeira, da que aínda queda algunha mostra.
A partires do século XIV a vila padece a temida peste, e máis adiante lepra, cólera e gripe; os contaxiados recibían axudas sociais e municipais, contando para o seu sustento có importe dunha parte do sal vendido nos alfolís.
Neste lugar consérvase o “hospitalillo”, construción na que destaca un patio pechado e soportado por altas pilastras cuadrangulares. Este ediificio foi testemuña, dende a época medieval, das diferentes epidemias que sufreu a nosa cidade ata comezos do século XX.
14. SAN ROQUE DE ABAIXO
Aparece por primeira vez esta rúa no donativo de 1625. Consérvanse varias casas típicas mariñeiras, aínda que as distintas remodelacións da zona (construción do ferrocarril, instituto, etc.) fixeron que a rúa quede como un desdebuxado recordo doutras épocas.
Afírmase que nesta rúa estaba a casa familiar onde naceu o pirata Benito Soto, quen comezou as súas andainas ó tomar o mando do bergantín “Defensor de Pedro”. En tódolos asaltos empregaba a máxima: “os mortos non falan”; apresado polos ingleses, foi aforacado en Xibraltar no ano 1830.
Quedou como lenda da cidade, sobre todo polos intentos de atopar o seu tesouro, dise que o escondeu na rúa da Barca, na Casa das Campás…; e foi inspirador de varias obras literarias doutras épocas.
15. PALAMIOS
A toponimia aínda conserva para o tramo final do río Gafos, Cocho, Menexo, Toxal, Goleta ou Tomeza, a designación de Palamios (Pelamios, Palambres), en alusión ós lugares onde se curtían as peles.
A Moureira era un arrabalde popular no que estaba prohibido que existiran tendas e que se vendera viño, sen en cambio acolleu modestos talleres, inadmisibles no recinto amurallado, como os dos curtidos, que producen olores insoportables. Ás veces traíanse dende Sevilla coiros de Indias “en pelo”, é dicir, sen curtir; do mesmo xeito empregábase no seu curtido cal procedente de Mondego.
A finais do século XVI construíuse a Ponte Nova, que servirá de unión do barrio có camiño a Marín e coa canteira do monte do Taco. Esta foi a canteira pontevedresa por excelencia, empregando a pedra para a construción de grande cantidade de edificios da vila.
O Concello facía concesións para que se collera o material, así se lle otorgou á comunidade de frades de San Francisco, a finais do século XVIII, bastante pedra para realizar reformas no seu convento.
Encontramos o lavadoiro e muíño de Xoan “o Peilán”, o lavadoiro, desgraciadamente en ruínas e o muíño en bo estado de conservación.
Este roteiro pretende dinamizar o uso da lingua entre nenos e nenas de educación infantil e 1º ciclo de educación primaria. Coa Excursión pola zona vella de Pontevedra os máis pequenos fan un percorrido guiado polo centro histórico da cidade do Lérez da man dos personaxes creados por Pepe Carreiro, os Bolechas.
O roteiro realízase a modo de xogo, no que o código a empregar é o idioma galego. Os nenos visitan prazas emblemáticas como as da Ferraría, a Leña ou a Verdura e outros emprazamentos que, sen dúbida, teñen un pouso histórico e didáctico moi importante, como a praza da Pedreira ou a da Estrela. En cada parada hai unha misión específica e didacticamente axeitada á historia do lugar e á idade dos participantes: na praza da Estrela teñen que debuxar as imaxes da Casa das Caras e dicir cal cren que é o seu oficio; na da Verdura debe facer unha recreación dun mercado típico da Idade Media; o Teucro é medido cos seu pasos empregando medidas antigas, e na Pedreira teñen que pechar os ollos e recoñecer sons que só habería nesa época histórica.
lonxitude: 6.000 m
duración: 2 horas
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 529.785 Y: 4.696.667
percorrido:
Percorrido duns 6.000 m, de baixa dificultade, que percorre as beiras do río dos Gafos, tamén coñecido como Cocho ou Toxal.
O percorrido comeza pola marxe dereita do río onde atoparemos o muíño de Cabanas e, pouco despois, a ponte Valentín, que deberemos atravesar. Pouco despois observaremos o pequeno encoro que alimenta o muíño e As Brañas, unha zona de alto interese botánico. A seguir cruzaremos a ponte Rebón. Pouco despois achegarémonos ao muíño do Toxal que, neste treito, dá nome ao río. Máis arriba atoparemos a ponte da Estrada ou dos Rocíos, a carón do regato Filgueira ou Miñoto.
Cómpre sinalar a importancia da vexetación de ribeira que se localiza ao longo de todo o sendeiro, especialmente algúns exemplos de Prunus padus, raros nestas paisaxes. É mester sinalar tres grandes formacións boscosas: as brañas, onde prevalecen os amieiros e salgueiros; as fragas, cun denso sotobosque, dominadas por freixos, bidueiros, chopos e salgueiros; e os soutos.
lonxitude: 5.300 m
duración: 1 hora e media
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X:529030 Y:4698395
percorrido:
Percorrido duns 5.300 m., de baixa dificultade, que percorre as beiras das marismas e as xunqueiras, que orixinan pequenos cursos fluviais, entre os que destacan o río da Gándara antes da súa desembocadura no Lérez. Bordeando estes medios aparece un bosque de ribeira que conta con interesantes comunidades de paseriformes invernantes.
O pequeno esteiro que se forma no treito final constitúe un punto de observación de aves acuáticas migratorias no momento de paso, caso das limícolas, ou de invernada, caso da garza cinsenta (Ardea cinerea) e a garza branca (Egretta garzetta). A área de marisma do espazo permanece suxeita ao fluxo das mareas e así, cada seis horas, unha parte dela pasa de estar cuberta pola auga e quedar exposta. A vexetación máis aparente que podemos observar son os illotes de esparto mariño (Spartina maritima) e outras especies halófitas, como Sarcocornia perenneis, Salicornia ramosissima e Limonium vulgare. As xunqueiras de Juncus maritimus colonizan unha cota superior á que ocupa a marisma. As beiras desta xunqueira contan con interesantes mostras de canais de Typha latifolia.
lonxitude: 5.900 m
duración: 2 horas
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 530.228 Y: 4.698.382
percorrido:
Percorrido duns 5.900 m. de dificultade baixa, no que se poderá coñecer o diverso medio fluvial do tramo baixo do río Lérez, así como distintos medios forestais autóctonos.
Nas ribeiras do río Lérez medra un bosque frondoso que, xunto á canle de auga, conforman a estampa fluvial máis típica da zona media dos ríos galegos. Trátase dun bosque longo que acompaña a canle de auga na maioría do seu trazado, pero que vén sendo moi estreito, alcanzando soamente a onde chega a influencia da auga freática. O ambiente sombrío, no verán e na primavera, é outra das súas características.
O bosque ribeirego está composto por unha gran variedade de especies de árbores de folla caduca adaptadas aos solos húmidos e frescos das marxes do río, coma o salgueiro común (Salix atrocinerea), o amieiro (Alnus glutinosa), o bidueiro (Betula alba), a abeleira (Corylus avellana) e o negrillo (Ulmus minor). Cómpre resaltar a presenza de dúas especies de freixos. O anfibio de máis fácil observación é a ra patilonga (Rana iberica), endemismo noroccidental da Península Ibérica.
lonxitude: 5.100 m
duración: 2 horas
dificultade: media
coordenadas UTM: 29T X: 537.020 Y: 4.698.208
percorrido:
Percorrido duns 5.100 m, de dificultade media que comeza na localidade de San Lourenzo de Almofrei. Desde este punto descende a ruta cara ao río. Próximos á ponte existen dous muíños e o primeiro contacto co medio fluvial. Logo de percorrer as dúas beiras deste treito do río ascende o camiño de novo cara á poboación de inicio.
O río Almofrei nace preto do lugar de Fraguas, na parroquia de Santiago de Caroi, pertencente ao concello de Cotobade, na aba do monte Seixo. Despois de atravesar algunhas parroquias de Cotobade, intérnase en Pontevedra, para deitar as súas augas no río Lérez, no lugar de Ponte Bora. Cunha conca de 77,5 km2, ao longo do seu percorrido podemos localizar numerosos muíños hidráulicos, un batán, e algunhas praias e piscinas fluviais. Ao seu caudal contribúen diversos regatos como o da Pereira, o de Chan das Latas, o do Pego ou o de Borela, o máis importante de todos. Débelle o seu nome á parroquia de Almofrei, topónimo de orixe xermana que foi latinizado coma Ermaufredus. Ao longo deste percorrido podemos observar o típico bosque de ribeira galego, con especies tan recoñecibles coma o freixo ou o amieiro.
lonxitude: 5.400 m
duración: 2 horas
dificultade: media
coordenadas UTM: 29T X: 531.512 Y: 4.704.866
percorrido:
Percorrido circular duns 5.400 m., de dificultade media, que ten como localidade de referencia O Gabián, localizada ao pé do Outeiro do Castro e próxima ao encoro do Pontillón do Castro.
Dende o encoro do Pontillón do Castro, que se atopa a uns 150 m. de altitude, ascenderemos até os 477 do Alto da Lumieira, de xeito paralelo ao rego das Cortes. O percorrido polo contorno do encoro permitirá coñecer a fauna acuática natural asociada a esta reserva de auga e ás súas ribeiras. O espazo tamén permitirá o coñecemento da estrutura dos poboamentos castrexos. O medio agrario actual será a base para sinalar o funcionamento do sistema tradicional de produción que mantiña un equilibrio entre os campos de cultivo e as matogueiras. Nas áreas sen masas arbóreas aparece unha matogueira de toxos (Ulex) e Calluna vulgaris, onde habitan a papuxa montesa (Sylvia undata) e a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus). Nas sebes que separan prados e labradíos ten os seus cazadeiros o picanzo vermello (Lanius collurio), a cotovía das árbores (Lullula arborea), a piouca (Otus scops ) e o falcón (Falco subbuteo).
Cando o visitante asómase á terraza natural que resulta ser o monte do Castro non pode deixar de ver que alá, no nacemento da ría de Vigo, na súa parte máis agochada houbo unha pequena illa, San Simón, que foi lazareto. Se o visitante quere, ata pode imaxinar os buques na terrible batalla de Rande, do que hai testemuña no fondo da ría.
Quen dixo que Pontevedra non chegaba á ría de Vigo? Non só chega, senón que se fai sentir. Naquela parroquia chamada de Ponte Sampaio conserva, con orgullo, os mellores exemplos de arquitectura popular rural do municipio: canastros, muíños, regatos de agua convertidos en acueductos, pozos naturais… e centos de atractivos que agora poden verse seguindo os pasos do Roteiro natural e cultural de Ponte Sampaio, que o Concello de Pontevedra puxo en valor este mesmo ano.
Son dezaoito kilómetros que o camiñante hai de facer con mapa en man e bo calzado para atravesar regatos, seguir calzadas perfectamente empedradas, aínda que estén no medio do monte; atravesar pontes, muíños como o do Cubo sen dúbida singular como a súa estrutura xa que capta a agua dende o tellado; coñecer o Canastro da Proumalla un elemento popular empregado por veciños de Rañadoiro para gardar as ferramentas do traballo; cruceiros, igrexias, carballeiras e vistas, moi boas vistas sobre a ría de Vigo, sobre o espectacular cauce do río Ulló, sobre a illa de Medal, sobre a ponte medieval de Ponte Sampaio.
ROTEIRO CIRCULAR
É un roteiro circular que arranca do símbolo da parroquia, para chegar a ela, aos pes da praia fluvial de A Xunqueira.
A ponte medieval está datada no medievo, tal e como apunta o enxeñeiro Segundo Alvarado, momento no que foi citada como ponti Sancti Pelagii de Lutto, propiedade dos condes de Borgoña. Nembargantes sufriu diversas reconstruccións entre os séculos XVI e XVIII. Nesta ponte, varios investigadores documentaron a existencia dunha torre defensiva medieval na que se cobraba unha portaxe por cruzala. O tributo era recaudado polos alcaldes, e foi coa mediación do arcebispo Xelmírez cando, no século XII, se acabou con ela ao sufragar a cifra que significaba esta peaxe.
Os pasos seguen parte do vieiro do Camiño de Santiago, ao paso pola parroquia, e o leva ata o Alto da Curuxeira que é a zona de maior antigüedade da parroquia, e dende o seu mirador tense unha visión privilexiada da ría de Vigo. Antes de chegar á Igrexia de Santa María e a súa Casa Reitorial, pódese ver o Cruceiro da Ballota.
Os historiadores sitúa a Santa María de Ponte Sampaio nos últimos anos do século XII, unha das poucas mostras de arte románica da comarca xunto aos achádegos de Figueirido e San Martiño de Vilaboa. A casa reitoral é un dos edificios máis destacados da arquitectura civil da parroquia. O edificio de estilo barroco no que destaca unha balconada monumental protexida cunha extraordinaria balaustrada ornamental, dispón tamén dun pombal de planta circular e de varios canastros.
Illa de Medal. Foi propiedade do pintor Antonio Medal Carrera (1902-1986), discípulo do tamén pintor Sotomayor, co que comparte o gusto pola estética galeguista, presente nos conceptos e na plástica pictórica de ambos. Nesta paraxe de arquitectura singular, haberá que aproveitar para contemplar a zona marismeña que forman as marxes do río na súa desembocadura.
A ponte do ferrocarril. A finais do século XIX (no verán de 1884) chegou a Pontevedra o primeiro tren e ten lugar a construción dunha nova ponte sobre o río Verduxo. Esta ponte foi substituída por outra infraestrutura metálica de triple tramo apoiada en piares centrais de fábrica que se converteu nun dos máis fermosos exemplos da enxeñería do momento.
A Illa do Castelo. Nesta illa construíuse un castelo para defender a ponte.
Río e foz do río Verdugo-Oitavén. Aínda que ao seu paso por Ponte Sampaio adóitase chamar ao río somentes co nome de Verduxo, por ser o máis longo, o certo é que este é o resultado da confluencia dese co río Oitavén.
Illas Erbedosas. Sitúanse cara o centro da enseada, son illas pequenas e baixas de forma circular. Nelas só medran toxos e outras plantas frugais adaptadas a solos pobres en nutrientes e algún que outro piñeiro de escaso desenvolvemento.
Cruceiro do Souto. O cruceiro máis antigo e fermoso da parroquia. Nel destaca o seu monumental graderío basamental, así como o seu capitel xónico e, sobre todo, a labra do Cristo e do descendemento que amosan as súas caras principal e secundaria.
Ponte do Arco. Derrubado por unha riada ano 2006, atopabamos unha histórica ponte dun único arco de medio punto e orixe medieval. Servía para atravesar o río Ulló, que ten neste punto unha área de descanso, onde se pode observar, na outra beira, a marisma do Ulló no que se desenvolve unha formación vexetal marismeña de grande valor paisaxístico e ecolóxico.
Ponte Nova. Derrubado por unha riada ano 2006, atopabamos unha ponte dun único arco oxival ou apuntado que se levanta en perpiaño. Ao seu carón están os Muíños do Pozo Negro, son maquieiros. É dicir, unha industria local a pequena escala moi frecuente nos séculos XVIII, XIX e XX, caracterizado por cobrar en especie unha parte da moenda.
Monte do Castro. Acolle un importante xacemento arqueolóxico datábel, posibelmente, entre os séculos IV e I a.C. Ten espectaculares vistas sobre a ría de Vigo.
Calzada do Villar e muiños. Calzada empedrada que, até hai pouco tempo, nos conducía ata unha pontella alintelada (hoxe desparecida) que permitía o acceso dos veciños de O Vilar a dous muíños situados en batería. A calzada remata na Ponte do río Ulló que era o pontillón de maior lonxitude de toda a parroquia. Constaba dun total de tres cepas constituídas por perpiaño granítico de tamaño regular sen encintar. Foi derrubado pola riada do ano 2006.
Cruceiro do Vilar. Exemplar recentemente recuperado sen figuración situado no lugar de As Cachadiñas.
O Cristo da Bica. Labrado no ano 1847, o Cristo da Bica ocupa un lugar de encrucillada na aldea do Rañadoiro. Na orixe desta obra quizais estea a morte dun veciño do lugar (na inscrición do pedestal lemos “AQVMRIO”, o que podería interpretarse como “Aquí murió”). No núcleo do Rañadoiro está o Miradoiro das Cambariñas, lugar que ofrece extraordinarias vistas sobre a ría de Vigo e a enseada de San Simón. Saíndo deste núcleo rural pódese ver o Canastro da Proumalla. Son os restos dun curioso canastro de planta circular. Trátase, da estrutura dun celeiro primitivo de basamento granítico e alzado a base de varas entretecidas coñecido popularmente como “A Moa”.
O Paredón. E unha condución de auga procedente do lugar de Portavedro, nas inmediacións da serra da Fracha. Trátase dun acueduto popular, de perfil chan e planta curva, levantado en cachotería que posúe uns cen metros de longo aproximadamente, e dous metros de altura nalguns dos seus tramos. A auga procede dos Pozos de Corneda, que bebe das aguas do rego dos Pereiros (que é como se coñece ao río Ulló no seu nacemento), unha vez interceptadas, empozan no Pozo de Portovedro, e desde aquí mediante unha presa chegan ata os Pozos de Corneda, lugar do que igualmente parte outra presa principal.
Chan das cruces. Neste lugar existiu ata mediados do século XX, un grupo de rochas con deseños cruciformes, cazoletas, círculos concéntricos e outros trazos xeométricos. Este petróglifo da Chan das Cruces foi debuxado por Castelao. Pouco antes do afloramento granítico no que se situaron estas insculturas, hoxe tristemente desaparecidas, atópase un túmulo megalítico facilmente identificábel.
Calzada de Acevedo e Pozos do Regueiro. Calzada enlousada que nos conduce até un grupo de cinco muíños, e os Pozos do Regueiro. Os muíños de Acevedo ten a construción máis singular deste tipo de edificación popular. É o muíño do Cubo, característico por ter que administrar un pequeno caudal de auga que, procedente da gavada, vén a se almacenar no cubo, un depósito vertical conformado polo mesmo tipo de pedra que o edificio, que adopta forma de funil. A entrada da auga no cubo faise, neste caso, por riba do nivel do tellado, tal é a solución máis común nas terras de relevo abrupto e con escaso caudal dispoñíbel.
Praza do Souto. Baixando dos muíños cara Acevedo, pola calzada enlousada chegamos a esta fermosa praza.
Pedra da Forma. Situada á man esquerda da verea lousada que transitamos, este monumental afloramento caracterízase, por presentar unha pequena forna ou cavidade natural coñecida pola literatura científica como tafoni.
Cruz do Forniño. Histórico cruceiro sen figuración chantado nun penedo natural que presenta, ademais dunha serie de petróglifos (un antropomorfo e varios cruciformes).
Esta cruz foi debuxada por Castelao para incluíla no seu traballo sobre As cruces de pedra na Galiza.
Capela de San Xosé. A Capela de San Xosé de Largavista, situada no Monte Landreira, é un edificio de planta rectangular con cuberta a dúas augas propiedade da familia de Laúcho.
Muíño e Pozo de Cartas. Neste punto desviámonos para encóntranos os restos do Muíño e Pozo de Cartas, para volver logo polos nosos pasos ao roteiro principal.
Portalaxe. Consiste nunha pontella formada por unha gran laxa de pedra que cruza o río Ulló.
O trazado do Roteiro cultural e natural de Ponte Sampaio permite facer cinco quilómetros máis índo máis alá do Chan das Cruces, chegando case áo concello de Ponte Caldelas, para poder ver:
Carballeira de Cadillos. Situada á esquerda do sentido da marcha encontramos unha das poucas carballeiras do roteiro.
Pozo de Pontovedro. Situado augas arriba dos Pozos de Corneda, encontramos o Pozo de Portovedro, que para salvalo, nos obrigará a pasar por riba do seu testeiro.
PUBLICACIÓNS
O Roteiro de Ponte Sampaio, financiado con fondos da Asociación de Desenvolvemento Rural Proder, foi inaugurado oficialmente cunha andaina na que participaron un gran número de persoas e entre os que se atopaba o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Dende o 26 de outubro de 2008, este roteiro está a disposición de todos os sendeiristas para que disfruten deste itinerario.O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Sociocultural, editou un folleto co trazado do roteiro, así coma unha pequena publicación na que se dá conta do valor patrimonial e cultural de cada un dos elementos que se poden ver ao longo dos dezaoito quilómetros de percorrido.
lonxitude: 8.300 m
duración: 3 horas e media
dificultade: baixa
percorrido:
Comeza na ponte medieval do Verdugo, para logo percorrer a beira do río e acadar a capela de San Xosé. Achégase posteriormente ao río Ulló, cunha ampla mostra de muíños e o castro próximo. Remata a andaina nos límites do concello de Pontevedra con Soutomaior.
Este percorrido combina o medio fluvial do treito final do río Verdugo e a enseada de San Simón, espazo protexido que pertence á Rede Natura 2000. As ribeiras do río Verdugo conservan importantes mostras de bosques en galería formados por amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). A chaira intermareal, onde desemboca o río, presenta pradeiras de cebas (Zostera) e importantes bancos de bivalvos. Asociada a esta alta produtividade biolóxica, este espazo mantén un gran número de aves que o frecuentan nas épocas de paso e de invernada, entre as que destacan as anátidas. No ámbito da arquitectura civil cómpre destacar a Ponte Sampaio, onde tivo lugar un famoso enfrontamento entre as tropas francesas e os veciños das localidades próximas, e que forma parte do Camiño Portugués pola Costa. No apartado relixioso, a visita lévanos á capela de San Xosé, localizada nun alto de fermosas vistas panorámicas.
Como o seu propio nome indica, esta rota de sendeirismo discorre entre as rías de Pontevedra e Vigo; ten un percorrido de 22 quilómetros e unha duración aproximada de cinco horas e media.
Con saída desde a ponte de Ponte Sampaio, onde as tropas francesas foron derrotadas e expulsadas de Galicia, a rota discorre por O Rañadoiro, A Fracha, A Ermida, A Cardosa, A Corval, Condesa e Pontevedra, seguindo algúns treitos do Camiño Portugués a Santiago.
Ao principio do camiño, á ribeira do río Ulló, descubriremos unha vintena de vellos molinos que compoñen unha bonita estampa. Pasados O Vilar e O Rañadoiro, chegamos a un singular muro-acueduto de case 30 metros de lonxitude coñecido como O Paredón. Desde aquí seguimos por unha pista ascendente cara ao cumio da Fracha (540 metros). Este mirador natural, un dos máis fermosos da provincia, proporciona unha magnífica vista das rías de Pontevedra e Vigo.
A partir de aquí, sucédense unha baixada en forte pendente e unha leve ascensión cara ao alto Mourente para baixar de novo hacia o cruceiro desta localidade. Un xiro brusco á dereita, cruzando a N-541, conduce ás ribeiras do río Lérez, un dos treitos máis abraiantes deste percorrido.
Os últimos quilómetros do sendeiro discorren pegados ao río, pasando polo vello balneario de Monte Porreiro e o mosteiro de Lérez. A continuación, seguimos á marxe do río (cruzando perpendicularmente unha ponte de ferrocarril) ata chegar ao Parque da Familia, xa en Pontevedra e fin do camiño.
lonxitude: 5.200 m
duración: 2 horas e media
dificultade: media
coordenadas UTM: 29T X: 533.886 Y: 4.694.219
percorrido:
Percorrido duns 5.200 m., cunha dificultade media, que permitirá acadar os 542 m de altitude do cumio da Serra da Fracha, que constitúe unha das fronteiras naturais entre o concello de Pontevedra e o de Pontecaldelas.
A ruta proposta comeza na poboación de Canicouva e, ascendendo pola rega que conforma o río de Bouzamigo, están presentes varios muíños fluviais. Logo de acadar o punto máis alto, o camiño lévanos até as proximidades do Campiño. Ademais das matogueiras, onde aniñan aves como a papuxa montesa (Sylvia undata) ou a papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), o percorrido permitiranos coñecer distintas comunidades forestais autóctonas, onde predomina o carballo (Quercus robur). Tamén se tomará contacto con outras formacións forestais como as que se desenvolven con especies plantadas polo home coma o piñeiro (Pinus pinaster). Nas zonas abertas e de escasa vexetación aparecen tamén elementos da fauna tipicamente mediterránea como a cobra riscada (Elaphe scalaris), a cobra rateira (Malpolon monspessulanus) e a lagartixa rabuda (Psamodromus algirus).
lonxitude: 3.800 m
duración: 1 hora e media
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 526.804 Y: 4.690.177
percorrido:
Percorrido duns 3.800 m, cunha dificultade baixa que se localiza na zona de Cotorredondo, que conta cunha altitude de 550 metros sobre o nivel do mar e ocupa 70 Ha de superficie. Estes altos combinan distintos tipos de vexetación arbórea e matogueiras, así como mostras de patrimonio como mámoas asociadas ao primeiro poboamento humano.
Pode considerarse como un dos máis fermosos parques da zona e cunha mellor situación xeográfica. Unha das xoias naturais deste Parque da Natureza de Cotorredondo é o Lago Castiñeiras, unha importante zona de refuxio e cría para moitas especies de animais silvestres, localizado no outeiro do monte San Xulián. O parque estrutúrase ao redor do Lago Castiñeiras e dos regatos que o alimentan, o que dá lugar a un espazo singular no que coexisten especies arbóreas de moi distintas procedencias. Ademais, conta cunha Aula de Natureza, un equipamento de educación ambiental no que se poden atopar datos sobre os principais valores naturais e patrimoniais da zona. Tamén se poden observar uns importantes xacementos arqueolóxicos do período megalítico e da Idade do Bronce, mámoas e petróglifos que conforman o Chan de Castiñeiras, presidido pola Mámoa do Rei. A uns centos de metros localízase o miradoiro de Cotorredondo, dende o que se pode observar a Enseada de San Simón, na ría de Vigo, e no extremo contrario as rías de Pontevedra e Arousa.
lonxitude: 8.300 m
duración: 1 hora
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 3534657/ 309294
percorrido:
Comeza na ponte medieval do Verdugo, para logo percorrer a beirado río e acadar a capela de San Xosé. Achégase posteriormente ao río Ulló, cunha ampla mostra de muíños e o castro próximo. Remata a andaina na beira da Enseada de San Simón, onde se poden contemplar as aves acuáticas que habitualmente se atopan neste espazo natural.
O percorrido combina o medio fluvial do treito final do río Verdugo e a enseada de san Simón, que pertence á Rede Natura 2000. As ribeiras do río Verdugo conservan mostras de bosques en galería formados por amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). A chaira intermareal presenta pradeiras de cebas (Zostera) e importantes bancos de bivalos. Asociada a esta alta productividade biolóxica, este espazo presenta un gran número de aves que o frecuentan nas épocas de paso e de invernada entre as que destacan as anátidas, que acadan máis de 5.000 individuos, como o pato asubiador (Anas penelope), o alavanco común (Anas platyrhynchos), o parrulo rubio (Aythya ferina), o pato cullerete (Anas clypeata) e o pato rabilongo (Anas acuta).
lonxitude: 8.300 m
duración: 4 horas
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 542.723 Y: 4.703.138
percorrido:
Percorrido duns 8.300 m., de dificultade baixa, que comeza na ponte medieval do Verdugo, para logo percorrer a beira do río e acadar a capela de San Xosé. Achégase posteriormente ao río Ulló, cunha ampla mostra de muíños e o castro próximo. Remata a andaina nos límites do concello de Pontevedra con Soutomaior.
Percorrido cunha abundante variedade e riqueza de xacementos prehistóricos, tanto no que se refire á súa tipoloxía, como á cronoloxía. Esta ruta localízase entre a Serra do Monte Castelo e o límite occidental do concello de Cotobade. Ao longo do camiño poderanse observar cinco túmulos no lugar de Eira dos Mouros, en Tenorio, que constitúe o maior grupo de mámoas en Cotobade. Deste conxunto de cinco túmulos, dous deles obsérvanse de forma clara, mentres que dos outros tres, dous están practicamente destruídos, un pola construción dunha cea, e o outro por unha pista forestal que o atravesa polo medio. O terceiro apenas se percibe sobre o chan, aínda que a súa planta circular así o dá a entender. Na ruta tamén se poderán localizar oito petróglifos agrupados nos conxuntos de Portela da Laxe, Laxe das Coutadas e Coto do Outeiriño, onde se representan motivos circulares e outras imaxes relacionadas con cuadrúpedos. Máis adiante os camiñantes poderán achegarse a dous xacementos, un pertencente á Idade do Bronce, en Val da Porca; e outro datado cronoloxicamente no Medievo, no Lérez, que foron atopados polas obras de construción do oleoduto A Coruña-Vigo. Asimesmo, no camiño poderán observarse os castros de Coto do Castro, Coto das Rodelas e Castro de Tenorio, que aínda conserva un parapeto e mais un foxo. Ao longo do percorrido observaremos un espazo natural caracterizado polo bosque de ribeira e pequenos bosques caducifolios con especies autóctonas, onde destacan carballos, castiñeiros e bidueiros.