Pontevedra acolle, por primeira vez, o Campionato de España de Natación por clubs para persoas discapacitadas

42

O Campionato de España Absoluto Open por clubs de Natación Adaptada celébrase na piscina de Ponte Muíños durante a primeira fin de semana do próximo mes de xuño. As probas, que Pontevedra acolle por primeira vez, foron presentadas hoxe no Concello polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente do club de Natación Galaico, Alfonso Gallego e o presidente da Federación Española de Deportes para Cegos, José Luis Vaquero.
O Campionato, tal e como destacou Agustín Fernández, son catro campionatos en un, dado que trátase das competicións correspondentes ás federacións españolas de Deportes para Cegos, de Deportes de Persoas con Discapacidade Física, de Deportes de Persoas con Discapacidade Cerebral e, finalmente, de Deportes para Persoas con Discapacidade Intelectual.
O alcalde subliñou que é un orgullo acoller esta proba e destacou o “impresionante elenco” de deportistas olímpicos e paralímpicos existentes na cidade.
Agustín Fernández adiantou que participarán uns 200 deportistas, aos que hai que sumar máis de 100 acompañantes entre técnicos, delegados e auxiliares para garantir a movilidade dos deportistas que precisan apoio. Estarán representados 60 clubs de toda España.
O concelleiro de Deportes dixo que trátase dun campionato que lle agradou especialmente cando se lle propuxo dende o Club Natación Galaico, dado que Pontevedra ten acollido importantes probas deportivas durante os últimos anos, pero quere converterse tamén en sede para o deporte das persoas discapacitadas. “Éncheme de ilusión, porque esta é unha cidade integradora e que concibe o deporte como unha vía para a superación dos obstáculos e a igualdade”, declarou.
O concelleiro de Deportes puxo en valor a organización de eventos deportivos que, engadiu, encaixan dentro dos obxectivos acordados no marco do Plan Estratéxico de Turismo.
José Luis Vaquero destacou que das dúas facetas do deporte de persoas discapacidades: a social e a competitiva, nesta ocasión trátase da puramente competitiva. Os deportistas veñen a obter marcas que lle permitan clasificarse para Londres. Unha piscina como a de Ponte Muíños, moderna e ben construída, subliñou, facilita a consecución do obxectivo.
No Campionato nadarán moitos deportistas xa clasificados e outros que están cerca das mínimas, polo que pediu á cidade de Pontevedra a máxima asistencia e apoio durante a celebración das probas. “Agardamos un espectáculo deportivo ao máis alto nivel; igual cae algún récord de Europa, e mesmo do mundo”, apuntou.
Finalmente, Alfonso Gallego quixo agradecer o interese das catro federacións do deporte de persoas discapacitadas e moi especialmente da Concellería de Deportes que, co seu apoio económico, fixo posible que Pontevedra acolla este evento.